NOTICIA DUN DESENCONTRO
ENTRE O XORNALISTA AROUSÁN E O POLÍTICO
CATALANISTA
En
setembro de 1917, o destacado dirixente da Lliga Regionalista
catalá e futuro ministro Francesc Cambó i Batlle (1876-1947) veu á
nosa Terra para establecer un pacto de colaboración coas nacentes Irmandades da Fala, de cara aos comicios lexislativos que
terían lugar en febreiro do ano seguinte. No transcurso desa visita
atendeu os requirimentos profesionais que lle formulou o xornalista e
escritor Francisco Camba (1882-1948), colaborador habitual de El
Imparcial de Madrid e de La Voz de Galicia
herculina, mais aconteceu que o xeito en que o vilanovés desempeñou
o seu cometido non foi, en absoluto, do agrado do político
catalanista.
Francesc Cambó pronunciando un discurso |
As
relacións das Irmandades co catalanismo remóntanse ao propio ano en
que aquelas foron fundadas, o de 1916. Villar Ponte saudou desde a
prensa periódica as mobilizacións a prol da oficialización da
lingua catalá e contactou por vía epistolar co daquela director de
La Veu de Catalunya e secretario da Lliga
Regionalista, Ferrán Agulló, quen lle urxiu, segundo puidemos
testemuñar nas cartas entón cruzadas por ambos, o envío de
folletos sobre o galeguismo e tamén de libros do poeta cambadés
Ramón Cabanillas.
Estes
contactos preliminares desembocarían na celebración, a finais de
1917, de senllas "Semanas", con intercambio de delegacións
entre a Lliga e as Irmandades: deputados e dirixentes
catalanistas visitan Galiza en novembro e dirixentes galeguistas
devolven un mes despois visita a Cataluña. Como preparación e
preludio do pacto de colaboración, o líder da organización
catalanista, Francesc Cambó, acompañado polo tenente alcalde
barcelonés Xavier Calderó, xirou unha visita semiprivada á nosa
Terra no mes de setembro. O xornal A Nosa Terra
tributoulle entón o seu "saúdo garimoso" e o xornalista
Roberto Blanco Torres non deixou de expresar previamente no Galicia
Nueva de Vilagarcía de Arousa (1.5.1917), o seu desexo de
que con esa visita o catalanista fose quen de galvanizar "la
personalidad que nosotros no hemos podido conseguir y que nos niegan
los cazurros de la política y los mastuerzos de la
pseudo-intelectualidad que, aún siendo gallegos, ni cultivan
elevados ideales ni hacen aquí y en la Corte otra cosa que vegetar
zanganeando".
Na
Coruña, Cambó foi agasallado cun banquete na Ponte Pasaxe, cunha
visita á "Exposición Regional del Arte Gallego" que
estaba a se celebrar na cidade, cunha cea privada no Palace
Hotel e cun acto no local da Irmandade, en que pronunciaron
discursos de benvinda A. Villar Ponte e Rodrigo Sanz. No transcurso dese
encontro, Cambó, presentado como "admirable escultor da forte e
arelada Iberia do porvir", fixo o ofrecemento explícito de
axuda ás Irmandades, negociou en secreto a adquisición do xornal El
Noroeste para convertelo en voceiro do rexionalismo galego,
acordou a futura celebración de tres grandes mítins en Santiago,
Coruña e Vigo e combinou tamén datas para varias conferencias de
temática económica orientadas significativamente, como indica A
Nosa Terra, "ôs nosos capitalistas". Prometeu, por
último, a entrega ás Irmandades dunha futura edición da poesía de
Rosalía de Castro vertida para o catalán e dunha coroa de bronce
para o seu monumento no Paseo da Ferradura, en Compostela.
Unha
crónica controvertida
O
xornalista vilanovés Francisco Camba, daquela redactor do xornal
coruñés fundado por Fernández Latorre (voceiro oficioso do partido
liberal), cubriu a información desta visita, asistiu convidado ao
banquete da Ponte Pasaxe e escribiu unha crónica sobre a mesma baixo
o título de "Un viaje de propaganda. Cambó en La
Coruña. El leader del regionalismo catalán habla del
regionalismo gallego" (11.9.1917). Con todo, a transcrición
presuntamente sesgada de determinadas aseveracións cambonianas sobre
a cuestión lingüística e a revelación de extremos que foran
explicitados por Cambó durante o banquete "off the record",
dito sexa usando a xiria xornalística actual, fixeron que tanto o
dirixente da "Lliga" como os seus anfitrións galegos se
sentisen moi molestos con Camba e que expresasen ese seu malestar por
diversos medios.
Francisco Camba, retratado por Cortés |
Así,
o quincenario galeguista A Nosa Terra (20.9.1917)
cualificaría como auténtica "baixeza" a actitude do autor
de La revolución de Laíño, por non ter gardado a
prometida discreción sobre certos aspectos da conversa informal
mantida durante o banquete da Ponte Pasaxe e por poñer en boca de
Cambó "cousas ausurdas que aquel non dixo" e "cousas
aldraxantes pr'ôs dinos membros do consello da Irmandade da Fala,
crebando as leises da hospitalidá e da fidalguía". Consideraba
o órgano das Irmandades, a respecto de Camba, que "un home eisí
queda descalificado. Un home eisí é merecente do noso desprezo.
Abusou da confianza. Seu xeito foi rufianesco. Non ten disculpa.
¡Imbécil!".
Que
ese presunto abuso de confianza do xornalista Camba enfastiou ao
propio líder catalán demóstrao a inmediata autorización que este
cursa vía telegrama ao xornal barcelonés La Veu de Catalunya,
afecto á "Lliga", para que desmentise, unha por unha,
as palabras consignadas polo reporteiro arousán.
A
reacción deste, porén, non foi outra que ratificarse a través das
páxinas do xornal gassetista El Imparcial de Madrid na
fidelidade e veracidade dos extremos recollidos na súa crónica, o
que provocou novos enfados e reaccións de desagrado tanto por parte
das anfitrioas Irmandades, expresadas a través do boletín A
Nosa Terra, como por parte do propio Cambó, que se
explaiaría en críticas ao traballo de Camba nunha interviú que lle
realizou un xornal de Xixón, El Noroeste e que se
apurou a reproducir tamén La Veu de Catalunya
(15.9.1917).
Xa
de regreso en Cataluña, Cambó reflexionaría sobre este seu
"affaire" con Francisco Camba en carta privada a Villar
Ponte datada a 19 de setembro dese mesmo ano, para finalmente
concluír: "Veig que aquell subgecte que ens acompanyà a la
excursió repeteix a "El Imparcial" la seva facecia; no
m'extranya: no era el séu article a "La Voz" obra d'un
lleuger, sino d'un vulgar poca-vergonya" ["Vexo que aquel
suxeito que nos acompañou á excursión repetiu no "Imparcial"
a súa parvada; non me estraña: non era o seu artigo na "Voz"
obra dun veleidoso, senón dun vulgar senvergoña"].
Ningún comentario:
Publicar un comentario