Como
representante das ideas máis avanzadas da súa época dentro da
pléiade de figuras do que poderíamos denominar “primeira xeración
de xornalistas viveirenses” (Pastor Díaz, Gregorio Morales
Pantoja, Vicente M. Cociña, etc.), atopamos ao médico e hidrólogo
Nicolás Taboada Leal (Viveiro, 1798-Vigo, 1883), para quen aínda en
1963 tiña Leal Ínsua que reivindicar que se lle dedicase unha rúa
na vila que o vira nacer (cf. Heraldo
de Vivero, nº 1353,
17.8.1963) e que tan ben estudado
foi no seu día, en diversos traballos, polo chorado Doutor Fausto
Galdo.
Cando
aínda era estudante, Nicolás Taboada publicou en 1822, na imprenta
compostelá de Antonio Rey, o poema “Canto épico al exaltado
patriotismo que han manifestado en febrero del presente año los
milicianos voluntarios de Santiago”, en que loa o heroísmo dos que
se enfrontaron ao destacamento absolutista que caera sobre a cidade
para tentar reimplantar o Antigo Réxime, durante o chamado “trienio
liberal”. Deste poema hai edición relativamente recente por parte
da A.C. Estabañón de Viveiro, no volume Seis
poetas olvidados (2011).
A
vocación literaria do noso autor daría novos froitos ao longo da
súa existencia, entre os que poden sinalarse a obra en prosa de
ficción La tía Marizápalos.
Cuentos maravillosos y de magia
(Madrid, 1840).
Despois
de exercer como médico na parroquia estradense de Oca entre 1823 e
1825, pasou ao Hospital Militar de Vigo. Instalado nesa cidade, en
que había de residir xa de por vida e da que había de ser primeiro
cronista oficial, mercé á pioneira monografía Descripción
topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su Ría y alrededores
(1840), atendeu as necesidades do Gremio do mar e as do Hospital da
Caridade, co que a súa sona de benefactor bondadoso e querido entre
o elemento popular e mariñeiro da Ría de Vigo foi do mesmo estilo
que a que gozaron máis tarde outros médicos como Leiras Pulpeiro en
Mondoñedo ou Ramón Díaz Freixo en Viveiro.
En
1833 diagnosticou un brote de cólera que se declarou en Vigo.
Taboada Leal, como Florentino Rodríguez Vergara e outros médicos
vigueses aos que el propio rendería homenaxe nas páxinas do Boletín
de Medicina, Cirujía y Farmacia
(nº 114, 12.2.1843, 2ª serie, páx. 46), fixo esforzos sobrehumanos
para combatelo como médico, mais tamén procurou como publicista,
por medio de artigos e informes, convencer ás autoridades da
necesidade imperiosa de crear na illa de San Simón un centro de
corentena ou lazareto
que fixese servizo de prevención ou de illamento en casos como ese.
Desa experiencia de duro batallar contra o andazo colérico naceu o
seu Informe sobre la
cólera-morbo asiática
(1848).
Posteriormente,
en 1877, publicará a súa Hidrología
médica de Galicia o sea noticia de las aguas minero-medicinales de
las cuatro provincias de ese antiguo Reino. Nesta obra alude a dous mananciais viveirenses: o de San Xoán
de Covas e o de Ferreirola-Leguán, en Galdo. A descrición do
primeiro deles sérvelle para mencionar a lenda da “Cova da
doncela” e para confesar ter estado varias veces no interior dela,
resultando para el indiscutíbeis os “claros indicios del antiguo
templo” que alí debeu de existir (restos de pinturas, paredes con
ocos a xeito de peañas …). Estas páxinas que Nicolás dedicou ás
fontes medicinais do seu Viveiro natal serían tempo despois
reproducidas tanto por El
Vivariense (números 391, 392
e 393, decembro de 1897) como polo propio Heraldo
de Vivero na súa primeira
época (xullo e agosto de 1925).
Rúa de Vigo dedicada a Taboada Leal |
Cando
se desatou en 1853 unha nova epidemia de cólera ou morbo asiático,
a raíz dun foco de contaxio localizado en Vigo precisamente, Taboada
Leal avala o diagnóstico identificador que realizan algúns colegas
da Ría, mais a puxante burguesía comercial olívica, temerosa de
que a noticia connote negativamente o porto da cidade e espante
buques e negocios, forza a destitución de Taboada Leal, que non será
restituído ata despois de que pase o episodio.
Está
presente, ademais, no cadro de colaboradores do diario Faro
de Vigo desde a súa
fundación, en 1853, e o seu nome tamén aparece ao pé de artigos
publicados na prensa galega da diáspora, como
o titulado “Política sanitaria e higiene pública”, recollido
en tres entregas por El
Gallego, de Montevideo
(números 26, 27 e 29).
Para
rematar, digamos que o noso protagonista tivo dous fillos, Nicolás
Taboada Fernández (1856-1899), poeta e xornalista, cronista oficial
da cidade como seu pai e biógrafo do almirante Casto Méndez Núñez,
e Emilio,
que dirixiu El Diario de Vigo
e morreu en abril de 1888.
Boas tardes.
ResponderEliminarGústame que lle guste a fotografía feita por min, porén, ese ficheiro está licenciado baixo a licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported. Vostede é libre de: compartir – copiar, distribuír e difundir a obra e facer obras derivadas – adaptar a obra, baixo as seguintes condicións: Recoñecemento – Debe recoñecer a obra do xeito especificado pola persoa autora. Compartir igual – Se altera, transforma ou se basea nesta obra, poderá distribuír a obra resultante baixo a mesma licenza ou unha semellante a esta.
Por outra banda, di vostede que ''Hidrología médica de Galicia o sea noticia de las aguas minero-medicinales de las cuatro provincias de ese antiguo Reino'' é de 1847, e nesta publicación:
http://revistas.ucm.es/index.php/ANHM/article/download/ANHM0606120097A/15332
di que é de 1877, e aparece unha imaxe da portada onde se pode apreciar que di "1877".
Grazas, un saúdo.
Ola.
EliminarEfectivamente, está errado ese dato que aparece no meu artigo. A data de publicación da "Hidrología médica" é 1877, e non 1847. Agradecido por indicarmo.
Canto á fotografía que di vostede "feita por min", non o poño en dúbida, pero ignoro a cal das dúas se refire. Á da portada do libro ou á da rúa de Vigo? Gustosamente farei indicación da súa autoría se é tan amábel de indicarme o seu nome real, pois non me parece que co pseudónimo "HombreDhojalata" avancemos moito...
En todo caso, como noto certa molestia pola súa banda por esa reprodución dunha foto súa que, en derradeira instancia, tomei do repertorio de Google, pìdolle as correspondentes desculpas, se é necesario.
Saúdos cordiais
Emilio Xosé Ínsua