eu

eu
eu

venres, 10 de abril de 2015

SOBRE FILGUEIRA VALVERDE

1. Perfil controvertido dunha figura interesante.

A escolla por parte da Academia Galega (tras a correspondente proposta formulada polos numerarios Francisco Díaz-Fierros, Pegerto Saavedra, Ramón Villares e Xosé Ramón Barreiro Fernández) da figura de Xosé Fernando Filgueira Valverde (Pontevedra, 28.10.1906-13.9.1996) para conmemorar o vindeiro 17 de Maio de 2015, Días das Letras Galegas, suscitou unha fervenza de reaccións encontradas entre os que proclamaron a xustiza do recoñecemento a este intelectual galego que constitúe unha referencia indispensábel do noso século XX e os que, por contra, subliñaron a falta de pertinencia ou a non idoneidade dun polígrafo que en diversas ocasións durante a súa traxectoria tomou decisións, abrazou reximes e representou actitudes que semellan estar nas antípodas do alento que dá sentido á citada festa exaltadora do idioma e da personalidade individualizada de Galiza como pobo.

Ten toda a razón X. M. Sarille cando, nun recente artigo publicado no dixital "Galicia Confidencial", reclamou "falar de todo isto en serio e con cabeza, prescindido de vísceras", lembrando oportunamente que foi nada menos que Isaac Díaz Pardo, fillo do pintor cruelmente asasinado no 36 Camilo Díaz Baliño, quen editou nos anos 80 e comezos dos 90 do pasado século ata nove volumes sucesivos da serie Adral de Filgueira Valverde. E foi outra vítima do 36, Xosé Mª Álvarez Blázquez, engadimos nós, quen abriu cando aínda a ditadura de Franco non rematara a colección Pombal das Edicións Castrelos de Vigo para o Cancioneiriño novo de Compostela, do erudito pontevedrés... Non aprenderiamos nada de semellantes actitudes xenerosas e inclusivas? Xulgámonos hoxe con máis dereito ca un Díaz Pardo ou un Álvarez Blázquez para "pasar facturas pendentes" e practicar "ninguneos"? Nen sequera no campo ancho e aberto da cultura de noso, tan necesitada de alento, non poderá haber un espazo que propicie os (re)encontros, as revisións serenas, o suprapartidismo?

Resulta difícil, claro que si, ser ponderado e ecuánime neste tipo de debates para non deixarse arrastrar polo “partidismo”, ás veces mesmo sectario, dos uns ou dos outros, mais a designación de Filgueira Valverde, se non quere tomarse como motivo de “celebración” (e é moi lexítima esta actitude, que compartimos), debera servir, cando menos, como pretexto idóneo para unha revisión a fondo e un mellor coñecemento xa non só da súa obra e traxectoria persoal, de interese indiscutíbel, senón de todo o contexto que a rodeou e que pode explicala, aínda que non necesariamente a xustifique. Repasar con tal motivo a figura de Filgueira non é lanzarse a unha sorte de pseudoxuízo diante da Historia no que detractores e haxiografistas se crucen descualificacións mutuas á súa conta, senón que debe ser un exercicio de profundización rigorosa e plural na historia colectiva e unha oportunidade de autorrecoñecemento en que os galegos e galegas de hoxe, desde calquera posición de partida que adoptemos, teñamos elementos de interpretación e estímulo para proxectarmos a cultura galega do futuro superando desencontros que tiveron lugar no pasado.

Con este espírito ofrecemos a seguir un repaso pola traxectoria biográfica, intelectual, ideolóxica e pública de Filgueira Valverde, destacando a súa amizade co viveirense Lois Tobío, salientando (aínda que se sitúe nas nosas antípodas ideolóxicas) a súa peculiar achega para un galeguismo conservador harmonizado coa fe católica e repasando, finalmente, a súa monumental contribución (sequera sexa polo número de páxinas escritas e pola diversidade de campos abordados) ao estudo e coñecemento da nosa cultura. 

2. Os tempos da Universidade compostelá e do Seminario de Estudos Galegos.  

Como era lóxico nun vástago dunha familia de acomodada posición social e económica como era a que encabezaba seu pai, José María Filgueira Martínez, reputado médico pontevedrés, o mozo Filgueira Valverde fixo estudos de Bacharelato na súa cidade natal e logo pasou, en 1922, á Universidade compostelá, onde se licenciou en Dereito en 1928, con premio extraordinario. Máis adiante doutoraríase en Filosofía e Letras na Universidade de Zaragoza (1936) e aínda acadaría a diplomatura na carreira de Psicoloxía en Compostela, en 1959. 

Filgueira Valverde foi un dos mozos que acudiron á rosaliana casa do Castro de Ortoño, en terras de Amaía, o 12 de outubro de 1923, para fundaren, co asesoramento do seu profesor Armando Cotarelo Valledor, o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Canda o mozo pontevedrés, que contaba entón 17 anos, concorreron entre outros o pontareano Fermín Bouza Brey, o nicrariense Xulián Magariños e o viveirense Lois Tobío Fernández, primeiro secretario desa nova entidade científico-cultural. Un personaxe da peza de Rafael Dieste A fiestra valdeira, o estudante Nogueira, e dous (Martiño Dumbría e Pauliños Fontenla) da novela Devalar, de Otero Pedraio, representan o vivo retrato literario desta promoción extraordinaria, que tanto e bo fixo polo coñecemento e a divulgación dos valores culturais propios nun tempo en que as instancias académicas oficiais, presas de concepcións políticas hipercentralistas e uniformizadoras, ignoraban e marxinaban ese valores case por completo. O SEG, explica nesta perspectiva o propio Filgueira Valverde,
(...) era sempre un xeito de vivir o esprito da Terra, conocendo de perto as súas realidades, esculcando o seu pasado, fixando a tempo, cando estaba en risco de se perder pra sempre, tradicións e cantigas, obras e moimentos, restos arqueolóxicos e costumes, e, máis que nada, convivir co pobo aldeán e mariñeiro. A carón do traballo cotián sobre o documento, o códice e o libro, das sesións académicas, das xuntanzas, das mostras, das edicións... o Seminario comarcóu polos vellos camiños, en inesquecibres viaxatas, encetadas nas veciñanzas de Compostela, nos seus castros, nas freguesías dos arciprestádegos campesiños, nas terras de Padrón.... Logo viñeran as xeiras das bisbarras, como obra conxunta de tódalas seccións (...). A pé, polos duros camiños da montana, nas tabernas da veiramar, nos mesóns dos feirantes, fumos descobrindo o noso pobo, cursando galeguidade. E, tamén, foron caíndo as muradelas da fachenda, do protagonismo, do afán polo descubrimento persoal e pola posesión escrusiva do dato, negras chatas da erudición miúda. As xeiras fixeron do Seminario unha hirmandade”.

Filgueira formalizou o seu ingreso no SEG durante o propio curso de 1923/24, concretamente en novembro, coa lectura dun traballo titulado “Festas compostelás na canonización de San Pío V”, que se recolleu no tomo III dos Arquivos do SEG, en 1929. Traballou en colaboración con Tobío, Xulián Magariños e Cordal Carús nun Vocabulario popular galego-castelán, que se iría publicando por entregas no xornal vigués El Pueblo Gallego entre 1926 e 1928. Tamén achegou varias comunicacións sobre o fenómeno das peregrinacións xacobeas e o patronato do Apóstolo Santiago, sobre asuntos etnográficos como a “festa dos maios” e a tradición da fonte da Ferrería pontevedresa, sobre temas de arte (estudo da igrexa prerrománica de Francelos) e sobre literatura medieval (as cantigas do rei Afonso X, a lenda de San Ero de Armenteira, a presenza da paisaxe no Cancioneiro da Vaticana...), que se foron publicando no Boletín da Real Academia Galega, na revista Nós ou nos varios tomos de Arquivos que editou o mesmo SEG.
 
Con Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) elaborou un inventario artístico titulado “O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco”, que se publicou no tomo IV dos Arquivos do SEG (1932) e que reeditou, debidamente revisado e ampliado, en 1987, da man da Fundación Barrié de la Maza. E comezou Filgueira en 1935, ademais, un proxecto, finalmente desbaratado pola guerra, para elaborar unha escolma en nove tomos da poesía galega de todas as épocas, como xeito de conmemorar o primeiro centenario do nacemento de Rosalía de Castro. Con tal fin confeccionou un inquérito que enviou a moitos autores coetáneos e que, recuperado polo profesor Alonso Montero en 2008, resulta hoxe unha fonte valiosa para o exacto coñecemento da literatura galega nesa altura, en vésperas da grande traxedia bélica que levou por diante o propio Seminario de Estudos Galegos e truncou a vida de non poucos dos seus socios e colaboradores. 

Ademais, o de Pontevedra desempeñou diversas tarefas directivas e organizativas no labor da entidade. Foi, a partir de 1930, conselleiro permanente e membro da comisión organizadora do Museo Etnográfico do SEG. En outubro de 1932, integrou unha comisión para acometer a unificación ortográfica da lingua, xunto con Carballo Calero, Sebastián González García-Paz e Fermín Bouza Brei e representou ao SEG na comisión organizadora do Patronato Escolar de Formación Campesiña. Desde o curso 1932-33 dirixiu a subsección de Historia da Literatura, que pasou a ser sección ao curso seguinte. No verán de 1933, impartiu un curso organizado polos “Ultreya” no Colexio Labor de Vigo e pasou a se encargar do servizo de prensa do propio SEG.

Significativamente, sería Filgueira Valverde o encargado de prologar en 1987 a reedición facsimilar que as Ediciós do Castro de Díaz Pardo fixeron do volume Terra de Melide, que se editara por vez primeira en 1933 no prelo de Ánxel Casal. Como é ben sabido, esta obra constitúe un dos froitos máis acabados e extraordinarios do labor do SEG e recompila os diversos traballos escritos por destacados socios despois de realizaren unha “xeira” no curso 1928-29 por esa bisbarra do país, tentando abranxela en todos e cada un dos seus aspectos: xeografía, prehistoria e historia, arte, etnografía, folclore, música, lendas... 

Cómpre deterse aquí unha miga, como anunciamos, para ponderar a relación que uniu Filgueira Valverde co viveirense Lois Tobío Fernández nestes anos universitarios e “seminaristas”. No propio pregón pronunciado na Semana Santa de 1976 no Teatro Pastor Díaz, o de Pontevedra tivo que comezar confesando que o seu namoramento pola nosa vila se producira na casa compostelá do mestre Tobío Campos, na rúa Patio de Madres, escoitándolles a el e aos seus fillos, especialmente a Lois, falar con entusiasmo e cariño desbordantes de tantos temas e xentes da Terra de Viveiro. En palabras súas:
O meu aprendizaxe de Viveiro, é decir o inicio do meu namoro, escomenzou en Compostela, no fogar de un dos poetas que aquí naceron ou se formaron: Luís Tobío [Campos]. Alí soupen, por primeira vez, do voso mar e dos frondentes eidos, do castelo da Ponte, das igrexas de Santiago e Santa María, estudiados polo seu fillo Luís no “Seminario de Estudos”, dos lugares de Santo Elvites e de Naín, das veigas do Vieiro, do ríos e da ría xurdia, Magazos, Valdeflores... dos moimentos de Celeiro, das areas de Cobas [sic], da figura da Doncela, do doce Landro que cantou Pastor Díaz... Escoitei falar das trinta e tres badaladas do campanín das Concepcionistas, na media noite mediada”.

No boletín Logos, de Pontevedra (nº 27, marzo de 1933), Filgueira recensionou con estas verbas favorábeis un dos traballos emblemáticos do Tobío mozo investigador, o que leva por título A eirexa de Santa María de Viveiro:
Lois Tobío, hoxe arredado de Galicia por imperativos de ourentación profesional [diplomático en Bulgaria], é unha das máis compretas persoalidades formadas no Seminario de Estudos Galegos. Especializado en Cencias Xurídicas e mais concretamentes na Política e na Administración, ten traballado asisadamente en moitas ordes das actividades que o Seminario desenrola: na Arqueoloxía, na Filoloxía, na Hestoria. Hoxe pubrícase esta monografía sua encol da “Eirexa de Santa María de Viveiro” que é como a realización de unha papeleta tipo de Catalogación Gráfica sobre un interesantísimo tempro románico, pouco coñecido, con adicións do XV (capela de San Gregorio), do XVI (Sancristía), e posteriores (capela do Rosario). Traballo sinxelo ilustrado discretamente, verdadeiro modelo en todos sensos”.
  
Tobío, loxicamente, non puido deixar de testemuñar nas súas memorias (As Décadas de T.L.) esta intensa e especial relación fraterna que o uniu nun tempo ao mozo Filgueira Valverde, con quen, por exemplo, alentou a revistiña ciclostilada Adral, na que criticaban con humor figuras da Universidade desa época como o reitor Blanco Rivero (de apelidos propicios para a burla etílica, xaora) e realizou durante a carreira un traballo en colaboración titulado “Nacionalismo e nacionalismo galego”, que ambos presentaron ao ditame do catedrático de Dereito Político, Carlos Ruíz del Castillo. Conta Tobío, a propósito desta amizade, que
Un verán Filgueira convidoume a pasar un días coel na sua casa de Pontevedra, Muelle, 10. Coñecín entón aos seus pais que foron conmigo moi acolledores e gasalleiros. A nai, andaluza de Almería, era unha doniña delicada e doce, dun grande engado e gracia, e o pai, médico, corpacento e aberto, de voz podente, tiña unha conversa entretida polas moitas historias que sabía. A casa lembraba, coa sua xanela gótica, os gloriosos tempos mariñeiros da vila cando o gremio de mareantes ergueu a marabilla de Santa María (...).
Filgueira levoume un día a visitar, con don Casto Sampedro, ás sobriñas de Méndez Núñez (...). Tamén visitamos nesa ocasión a Portela Valladares que andaba empeñado en facer de “El Pueblo Gallego” o primeiro xornal de Galicia (...) Aínda dimos naqueles días ledos que pasei en Pontevedra un paseo en barca polos “salóns” do Lérez (...)”.
E noutro momento, a propósito das súas frecuentes conversas con Filgueira sobre posíbeis novos temas de estudo para o SEG, escribía tamén o noso admirado mestre viveirense:
Pasados anos, cando andábamos en Santiago a fundar o Seminario de Estudos Galegos, falando con Filgueira desto dos Maios – que tanta importancia teñen na sua Pontevedra e en Ourense e noutros sitios – conteille como era o de Viveiro e canteillo e quedou impresionado do comezo, tan solemne. Atopaba certa semellanza entre a sua melodía central e o tema do comezo do último movemento da novena de Beethoven que seica ven asemade dun cantar de maio alemán. Tomou nota delo e deullo a coñecer ao organista da catedral que era amigo seu. E un domingo, cando a procisión do cabildo na misa maior daba a volta pola Soledade, escoitei, non sen emoción, no órgano, ennoblecido pola arte, solemne e grandioso, aquel “Maio, maio, entra de crego...” do meu Viveiro”.

3. Un católico galeguista fronte á 2ª República.

Formado no seo dunha familia de arraigadas conviccións relixiosas (súa nai, de orixes andaluzas, pertencera ás Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl), desde moi novo Filgueira Valverde participou en entidades e actividades de signo católico. Na Compostela universitaria, por exemplo, formou parte do Círculo de la Juventud Antoniana e colaborou co semanario confesional La Renovación, que se editou entre 1921 e 1924 e do que chegou a ser redactor-xefe.

O de Pontevedra foi un dos universitarios (canda Tobío, Bouza Brei e outros) que lle fixeron entrega como agasallo ao novo arcebispo compostelán Manuel Lago González (1866-1925), no día do seu ingreso como socio no SEG, dun volume recompilatorio das poesías en idioma galego que aquel tiña escrito e publicado con anterioridade a ese solemne instante. A querencia admirativa de Filgueira Valverde polo prelado de orixes tudenses mantívose no tempo, pois foi o responsábel da confección de opúsculos como Lembranza de Lago González. Arcebispo Galego (revista Logos, Pontevedra, 1934) ou Manuel Lago González. Escolma de poesías (Real Academia Galega, 1973). Sobre el escribiu parágrafos ben reveladores como estes:
En Lago, máis aínda que en outros escritores e artistas, a obra e o vivir han sere ollados á par. Inda diríamos que nél o home está por riba das suas obras, tendo tanta valía. As mudanzas dos tempos poden ir esmacelando esta ou aquela folla dos seus escritos; o esprito ha perdurar antre nos, mentras Galicia sexa. Á veira de tanto desleigado como medra polos camiños do mundo, él foi espello de afincamento. Dende os días en que “pequeno xunto ao lar corría” polas encostas verdecentes do Cruceiro do Monte deica o intre mesmo de dar a i-alma ao Señor, pois as suas derradeiras verbas foron pra pedir que os galegos se axuntasen, en ben do seu pobo.
Sempre vivíu a carón da natureza, se achegou sempre aos abaixados, falóu a lingua das nais, esculcou no noso pasado, traballóu polo porvir. Dende mozo, nas aulas, no xornal, na cátedra, no púlpito, nos sindicatos agrarios, na cadeira de Tuy, no Arcebispado de Santiago. Nada da Terra era alleo para él (...) Sentíase a rentes do chan nativo. Tiven a ledicia de acompañalo cando confirmara aos rapaciños de Mourente, cando adoutriñaba aos mariñeiros da Moureira, cando falaba os escolares, cando abría exposicións de arte (...). Os anos non fan esquecer as nosas débedas nin aminguan as ofrendas que compre adicarlle, mantendo vivo o seu exempro e a nosa gratitude”.

Filgueira, que partillaba trato na súa Pontevedra natal desde moi novo con ilustres dirixentes do galeguismo como Losada Diéguez e Castelao (mestres seus no instituto), participou moi activamente no proceso de organización do Partido Galeguista, que se constituíu como tal en decembro de 1931 na cidade do Lérez, mais é certo que moi axiña a súa militancia nesa organización veuse sometida a fortes tensións e contradicións, que acabaron desembocando no seu abandono para fundar, en maio de 1935, unha nova forza de traxectoria efémera e cáseque irrelevante, a Dereita Galeguista, na que militarían, entre outros, Vicente Risco, Xerardo Álvarez Limeses, Manuel Banet Fontenla e Manuel Beiras García (pai de Xosé Manuel Beiras Torrado).
  
Son varias as razóns que explican esa deriva diverxente do intelectual Filgueira a respecto da forza liderada por Castelao e Bóveda, mais entre elas ten unha boa parte de responsabilidade a moi crítica valoración que o erudito pontevedrés facía entón sobre a deriva laicista da República, que fería os seus arraigados sentimentos relixiosos, e a súa renuencia absoluta a todo pacto do galeguismo coas forzas esquerdistas de obediencia estatal, as cales, desde presupostos filosóficos materialistas, propugnaban un radical cuestionamento da orde social capitalista e unha aberta transgresión dos valores considerados tradicionais, que Filgueira defendía como intocábeis.

En realidade, a propia xerarquía católica galega, á que Filgueira se amosou en todo intre fiel e obediente, viña dando mostras, cando non consignas, de crecente animadversión ao rexime republicano. O arcebispo compostelán Zacarías Martínez (burgalés, da orde agostiña) imprimiulle á súa diocese unha clara orientación integrista e nacional-católica, avant la lettre: celebrou con toda pompa un funeral o 26 de marzo de 1930 polo exditador Primo de Rivera, morto no seu exilio parisino; participou meses máis tarde nun mitin da Unión Monárquica Nacional na compaña de José Antonio Primo de Rivera, Goicoechea e outras figuras de ideoloxía reaccionaria e, na ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo de 1931, coa queima de igrexas por parte de elementos incontrolados en varias cidades españolas como pano de fondo, advertiu que “estos días en que la impiedad, como una ola gigantesca, inunda la tierra y quiere arrancar esa fe del corazón de los creyentes es preciso, es necesario, es urgente que los que se llaman católicos lo sean de verdad, y la defiendan con su sangre y con su vida, en el santuario del hogar, en el templo y fuera del templo, en las calles y plazas públicas” (Boletín Oficial del Arzobipado, 31.7.1931). En termos semellantes fixeron discurso público os seus homólogos o bispo de Tui (Antonio García), o bispo de Ourense (Florencio Cerviño) ou o bispo de Lugo e administrador apostólico de Mondoñedo (Rafael Balanzá Navarro). 

Mais cómpre puntualizar ben que esa crecente antipatía de Filgueira Valverde cara á República e esa militancia cada vez máis firme nun catolicismo de pendor conservador ou dereitizante non minguaron un ápice o seu compromiso e a súa perspectiva galeguista, cando menos antes de xullo de 1936. O de Pontevedra concibía que “Galicia, na sua unidade, na sua lingua e no seu arte é unha criación do Cristianismo”, de maneira que “abóndanos con defender os valores éticos, estéticos e centíficos que o catolicismo cría e representa pra profesar esta imprescindibre laboría de reconstrucción na galeguidade”.

Así, mentres combatía publicamente a tendencia laicista e mesmo anticlerical que se consagraba en varios dos artigos da nova Constitución republicana e nos decretos subseguintes derivados dela, asinando o 25 de outubro de 1931 na revista Logos con Risco, Otero Pedrayo, Cabanillas, Iglesias Vilarelle, etc. unha “Afirmación católica d'un Grupo de Nacionalistas”, Filgueira traballaba intensamente asemade na galeguización de textos para a liturxia (a Santa Misa, o Oficio de Defuntos, o Evanxeo segundo San Mateu, a Vida de San Bieito, os Diálogos de San Gregorio, un Vía Crucis ilustrado por Castelao e as oracións máis comúns do Pater Noster, o Ave María, a Salve e o Credo...), no horizonte da futura aplicación efectiva dunha cooficialidade lingüística que se contemplaba no Estatuto autonómico plebiscitado o 28 de xuño de 1936, mais que non chegaría infelizmente a entrar en vigor por mor da guerra e do resultado da mesma.  

Ao mesmo tempo, o de Pontevedra compartillaba cóbado con cóbado con numerosos intelectuais eclesiásticos (Xesús Carro, Paulino Pedret Casado, o seminarista Cabada Vázquez, Avelino Gómez Ledo...) as “xeiras” investigadoras do SEG e pronunciaba conferencias de tema sacro en idioma galego durante a Semana Santa de Pontevedra de 1935, dentro do programa de actividades da asociación “Labor Galega”, que el propio impulsaba coa axuda do inspector de ensino Xerardo Álvarez Limeses e do sacerdote Pedret Casado. Tamén concorría en Compostela no 25 de xullo de 1933 á primeira “Misa de Rosalía”, e, así mesmo, facía esforzos canda Iglesias Vilarelle, Illa Couto, Sexto López, Fontenla Méndez e outros por poñer en marcha en febreiro de 1935 a asociación de laicos cristiáns Deus Fratesque Gallaeciae (“Deus e os irmáns de Galiza”), que o 15 de marzo de 1936 rezaban na igrexa de Santo Domingos de Bonaval, en Compostela, presididos polo sacerdote Pedret Casado, para “que a Relixión anime sempre o noso pensamento e a nosa vontade. Que o amor a Galiza endexamais se arrede en nós do amor a Deus e ao Catolicismo”.

Do mesmo xeito, interviña Filgueira decisivamente na edición en Pontevedra, entre xaneiro de 1931 e febreiro de 1936, do boletín católico mensual Logos, integramente redactado en galego e no que, a carón dos textos do futuro cardeal Quiroga Palacios (que asinaba aquí “F. Pazos”), de Iglesias Vilarelle, Ferro Couselo, Risco, Otero Pedraio, Álvaro de las Casas, Fr. Aureliano Pardo Villar, Fr. Atanasio López, Fr. Gumersindo Placer, do presbítero Ramón Mª Aller e de moitos outros colaboradores, con notoria presenza de membros das comunidades regulares de Poio e Samos, deitou Filgueira Valverde artigos sobre varios mosteiros galegos (Sobrado dos Monxes, San Xoán de Poio, A Franqueira, Santa María do Sar, San Martiño Pinario), sobre o culto e as peregrinacións xacobeas, sobre a figura do escritor católico francés Henri Bremond, etc., e recensionou obras teolóxicas, historiográficas e literarias publicadas por eses anos, asinando co pseudónimo de “J. Acuña” ou “J. A.”. Nun deses traballos, escribe a propósito do culto ao Santiago Zebedeo:
Tivemos os galegos dez mil mestres en Christo, pero soio o Señor Sant-Iago foi o noso Pai na Fé. Sin él, nin a testa loira de Santa Mariña tivera aberto no chán as tres fontelas de augas santas, nin Paulos Orosio marcharía cara África en percura da lus agostiñán, nin o Papa Dámaso cobriría de quentes letras os sartegos dos mártires, nin Teodosio apreixaría a Christiandade n'un só nó de sabencia e de ley, nin Etheria percorrería as terras de Palestina nun pulo de fervor. As viaxatas fundacionais de San Froitoso, as cartas de San Valerio, o testamento de San Rosendo, e canto leva no mundo a impronta da Fé galega – Priscilián, o Mestre Mateo, Xelmírez, os irmandiños, os mestres barrocos, e Sarmento, e Rosalía, e os mozos que agora refán as nosas verbas e cantan e traballan -, converxe no día en que a barca xacobea atracou nos nosos peiraos. Xacobe Zebedeu é alicerce e crave da nosa cultura. Cantos nomes chegan hoxe ós nosos beizos veñen amasados co lévede christián das suas verbas. Mirar ó lonxe a nosa hestoria é ollar como estes nomes degáxanse da figura apostólica en poeira aluarada, en vieiro de leite e de estrelas que nos asinala o berce da catolicidade, e que enroitou un día ó vello esprito católico de Carlomaño - que era o esprito de Europa - cara a nosa terra”.

O certo é, en último caso, que o conservadorismo ideolóxico, o catolicismo militante e unha crecente hostilidade á República afastárono do núcleo central do galeguismo organizado, que se integrou na Frente Popular en febreiro de 1936, e empurrárono, na hora crítica que se desatou en xullo dese mesmo ano, a abrazar a causa do xeneral golpista Francisco Franco. Semellante grave decisión, que tomaron asemade outros como Risco, Cunqueiro, Aquilino Iglesia, Álvaro de las Casas e un máis longo etcétera do que adoita recoñecerse, constitúe, a ollos de moitos, a falta imperdoábel que descualifica Filgueira para recibir ningunha homenaxe no Día das Letras Galegas de 2015, pois o regueiro de morte e represión que se seguiu a ese intre histórico decisivo feriu de cheo e con moita saña o corazón e a vida de moitos galeguistas.

4. En Lugo durante a Guerra do 36. 

Desde 1928 Filgueira viñera exercendo como profesor axudante interino de Lingua e Literatura Española no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra, onde el propio fora estudante, pasando en 1933 á categoría de profesor encargado desa materia. En 1934 foi pensionado polo Ministerio de Instrución Pública para visitar varios países europeos (Bélxica, Holanda, Franza, Alemaña), mais non chegou a realizar esa viaxe, pois estaba moi enfrascado na preparación das oposicións a cátedras, que gañará finalmente, co número dous, en 1935. Será destinado inicialmente ao Instituto Jaime Balmes, de Barcelona, que permutará con Guillermo Díaz Plaja polo de Melilla e, moi axiña, polo de Lugo, aonde chegará en novembro de 1935 e no que terá como alumno destacado ao mozo vilalbés Manuel Fraga Iribarne.

Coa Guerra civil xa comezada e previa destitución do republicano azañista Glicerio Albarrán como director do instituto de Lugo, Filgueira Valverde é designado o 17 de setembro de 1936 para ocupar ese cargo. Coincide no departamento co antigo galeguista e agora tamén falanxista, coma el, Evaristo Correa-Calderón, con quen preparará e publicará na imprenta do diario El Progreso varios libros de texto da súa materia. Ambos colaboran, co viveirense Leal Ínsua, o monfortino Moure Mariño e a vilalbesa Carmiña Prieto Rouco, entre outros autores, no semanario Azul, que comezou a editarse en xaneiro de 1937 como voceiro da Falange luguesa. O erudito pontevedrés, ademais, fíxose cargo da edición do célebre calendario O Gaiteiro de Lugo, no que publicou durante a guerra en galego algunha panxoliña e substituíu Noriega Varela na confección dos tan reaccionarios como entón celebrados “xuicios do Ano”. 

Na cidade das murallas, Filgueira coñecerá á súa futura esposa, María Teresa Iglesias de Oscáriz (1908-1995), filla dun médico coma el, coa que casará o 15 de agosto de 1938 e con quen terá posteriormente cinco fillos: Araceli, José Fernando, María Teresa, Pilar e Ángeles. 

Pola correspondencia cruzada entón con Otero Pedraio, grande amigo seu, sabemos que Filgueira chegou a estar mobilizado por breve tempo na fronte de Asturies, facendo parte do VIII Corpo de Exército franquista. De novo aquí cómpre aludir a algunhas das “acusacións” que, con fundamento ou sen el, manchan o seu “expediente”: a de non ter impedido a incautación e o expolio infame da casa de Castelao na rúa da Oliva pontevedresa e a de non terlle acudido ao seu amigo, colega de coral polifónica e antigo correlixionario, tanto no galeguismo como na fé católica, Alexandre Bóveda, nesa altura secretario xeral do Partido Galeguista, que morrería finalmente fusilado no piñeiral da Caeira o 17 de agosto de 1936. 

5. Intelectual orgánico do franquismo. 

En outubro de 1939, coa guerra xa finalizada, Filgueira Valverde regresou á súa cidade natal, incorporándose ao plantel do instituto de ensino medio. En 1946 sería designado director do centro e nese posto permanecería ata o momento de se xubilar, trinta anos máis tarde. Con todas as limitacións inherentes a un sistema educativo que funcionaba dentro dun rexime ditatorial, Filgueira Valverde alentou un certo espírito anovador e, desde logo, eficaz na formación do alumnado (García Alén, Pío Cabanillas, Xosé Fortes Bouzán, Víctor F. Freixanes...), o que lle valeu en 1958 ao centro que dirixía a nominación de “instituto modelo”. Con estes méritos por diante, Filgueira xestionou nos despachos ministeriais a rehabilitación dalgúns docentes represaliados, como o lalinés Xesús Golmar ou o propio Ramón Otero Pedraio.

Non foi esta faceta directiva e docente, con todo, o perfil máis decisivo do Filgueira de posguerra, senón a súa condición de verdadeiro “intelectual orgánico” do novo rexime. Tres foron as entidades en que se plasmou, esencialmente, ese rol, que loxicamente constitúe, por entregado “colaboracionismo” coa Ditadura, outro dos sólidos reproches que se verten hogano desde algúns sectores cidadáns contra a súa figura: o Museo de Pontevedra, o Instituto Padre Sarmiento e a editorial Bibliófilos Gallegos. 
Filgueira foi, non cabe dúbida, o grande impulsor do Museo de Pontevedra, institución que naceu a finais de 1927, por iniciativa do entón presidente da Deputación provincial pontevedresa Daniel de la Sota, coa participación de Casto Sampedro, Castelao, Sánchez Cantón e Losada Diéguez, entre outros, e da que o noso erudito foi consecutivamente patrón fundador, secretario (1929-1942) e director (1942-1996). Varios edificios no casco histórico de Pontevedra albergan hoxe as diversas coleccións deste emblemático Museo, sen dúbida un dos legados máis valiosos que Filgueira deixou para a posteridade e un dos méritos evidentísimos, sen discusión posíbel, da súa traxectoria.

Tamén xogou Filgueira un papel fundamental na posta en marcha e posterior evolución do Instituto Padre Sarmiento, que chegou a dirixir entre 1972 e 1981. Fundado sobre os despoxos do saqueado Seminario de Estudos Galegos, este Instituto, creado formalmente en 1944 e dependente do C.S.I.C., será para figuras de relevancia como Otero Pedraio reo imperdoábel por modificar algúns dos sinais de identidade máis definitorios da institución nacida en Ortoño en 1923: o compromiso galeguista, o traballo interdisciplinar, a autonomía organizativa e financeira...

Outra vertente fundamental do labor cultural de Filgueira durante o período da ditadura franquista foi, como dixemos, o de promotor da editorial dos Bibliófilos Gallegos, unha das primeiras que, dentro dun esquema xeral bastante restrinxido e elitista, propiciou unha tímida “resurrección” da literatura galega a partir da década dos 50, tras case tres lustros de longo silencio forzoso. Este selo, posto en marcha en 1949 co poemario Camiños no tempo, de Ramón Cabanillas, propiciou o renacer da novela galega mediante un certame que gañou Carvalho Calero con A xente da Barreira; recuperou obras e autores relevantes do pasado (a Descripción del Reyno de Galicia do Licenciado Molina, a Relación de las Exequias... de la Reina Margarita de Austria, as Armas e triunfos de Galicia de F. de la Gándara, as novelas históricas do cóengo compostelán López Ferreiro, os artigos de Neira de Mosquera, etc.); facilitou a edición de traducións, como a do Cancioneiro da poesía céltiga de J. Pokorny, realizada por Ramón Piñeiro e Celestino F. de la Vega ou as paráfrases de Ramón Cabanillas Versos de alleas terras e de tempos idos; publicou o Diccionario biobibliográfico de escritores, de Couceiro Freijomil e o Inventario Monumental y Artístico de Galicia, de Ánxel del Castillo e, finalmente, abriu unha colección específica de arte, denominada “Obradoiro”, na que autores como Sánchez Cantón, Chamoso Lamas, Otero Pedraio, Antón Fraguas, Vázquez Saco ou o propio Filgueira, entre outros, estudaron os principais elementos patrimonais histórico-artísticos do noso país. O erudito de Pontevedra, por exemplo, inseriu aquí traballos sobre o tesouro da catedral compostelá e a fábrica de Sargadelos. Tamén acolleu a editora bibliófila o volume Gondomar y Raleigh (1974), do noso Lois Tobío.

Por outra banda, aínda que non se reincorporará en 1953 á reorganizada asociación “Deus Fratesque Gallaeciae”, agora baixo a presidencia de Florentino L. Cuevillas, Filgueira Valverde entregará na Semana Santa de 1968 unha versión galega para o Vía crucis que se celebraba na igrexa de Santa Clara de Pontevedra. Sumábase así, de facto, aos cada vez máis numerosos sectores da Igrexa galega que reivindicaban o uso do vernáculo galego na institución, ao fío das disposicións do Concilio Vaticano II. En xaneiro de 1969 o Consilium autorizará oficialmente ese uso e en abril de 1974, Bibliófilos Gallegos editará unha versión do Novo Testamento feita polo sacerdote e poeta Avelino Gómez Ledo. 

Polo demais, Filgueira foi tamén membro da Real Academia Galega, correspondente desde 1925 e numerario desde 1941, en que ingresou para suplir a vacante do seu admirado mestre pontevedrés Casto Sampedro Folgar. No transcurso da sesión de recepción, celebrada en Compostela, leu o discurso Da épica na Galicia medieval, que foi respondido por Otero Pedraio. Para a Academia, ademais dunha recompilación da obra poética do arcebispo Lago González (1973), preparou os volumes Afonso X e Galicia e unha escolma de cántigas (1980), Armando Cotarelo Valledor (1984) e Álvaro Cunqueiro (1991).

Na listaxe de institucións culturais e académicas ás que pertenceu cabe aínda citar o Patronato reitor da Casa Museo de Rosalía, o Consejo Provincial de Bellas Artes de Pontevedra (1969), a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1971), a Real Academia de la Historia (na que ingresou en 1980 cun discurso sobre a figura do Padre Sarmiento) e a Real Academia Galega de Belas Artes (1990). 

6. Unha obra de estudo e erudición inmensa

En recoñecemento ao seu labor intelectual, inxente, o de Pontevedra foi investido doutor “honoris causa” polas Universidades de Santiago e Vigo (1996) e recibiu así mesmo distincións honoríficas como a Cruz de Afonso X, a Cruz de Honra de San Raimundo de Peñafort (1961), a Medalla de Ouro da Cidade de Pontevedra (1969), o Pedrón de Ouro (1973), a Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra (1977), a Medalla Castelao (1984) e os Premios Otero Pedrayo (1986), Fernández-Latorre (1989) e Trasalba (1990), entre outros.
 
A súa produción intelectual escrita, tanto en galego como en castelán, é enorme e abranxe todo tipo de xéneros: a narrativa (Os nenos, 1925; O vigairo, 1927; Quintana Viva, 1971); o teatro (Agromar -farsa pra rapaces-, 1936, asinada co pseudónimo “J. Acuña”); a poesía (6 canciones de mar "in modo antico”, publicadas en 1941 na revista navarra Albor); a edición de textos (Afonso X, Cotarelo Valledor, Lago González, Cunqueiro...); a biografía, con entregas como Camoens, conmemoración del centenario de "Os Lusíadas" (1958), Diego Sarmiento de Acuña, primer conde de Gondomar (1966), Manuel Ventura Figueroa, Arzobispo de Laodicea (1978) e mais El almirante pontevedrés Sarmiento de Gamboa (1980); o artigo xornalístico (desde os primeiros que redixiu, que apareceron na revista santiaguesa Renovación e no diario Galicia, de Vigo, en 1923); o artigo erudito; o ensaio especializado; o traballo de divulgación cultural; o prólogo; etc. Algún recontos falan de máis de trescentos títulos saídos do seu enxeño, entre libros, opúsculos e folletos de toda índole e de arredor de mil artigos publicados en xornais e revistas (recollidos moitos nos nove volumes da serie “Adral”, que foron publicando entre 1979 e 1996 as Ediciós do Castro do lembrado Díaz Pardo), así como de máis de 1.600 conferencias, entre as que cabe contar o pregón da Semana Santa que pronunciou no Teatro Pastor Díaz de Viveiro o 12 de abril de 1976.
 
Foron múltiples e moi variados os campos do seu interese dentro da agra das Humanidades. Filgueira foi, en primeiro termo, un experto que se debruzou coma poucos sobre o tesouro da literatura galaico-portuguesa dos Cancioneiros. No volume Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1925-1987), editado por Galaxia en 1992, recóllese o máis decisivo desta súa achega no campo da medievalística e sobre esta temática xirou, como xa dixemos, o seu discurso de ingreso na Academia Galega en 1941, aínda que se houbese que destacar un ensaio en concreto onde a orixinalidade e a fondura de Filgueira como analista literario brillen con forza ese non sería outro que o titulado La Cantiga CIII. Tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (Eds. Xerais, 1982). Este estudo, que foi a súa tese de doutoramento en 1936 (con Cotarelo Valledor, Américo Castro e González Palencia no xurado), versa sobre un dos textos emblemáticos das Cantigas de Santa María, que toma como pretexto un miragre ambientado no mosteiro de Armenteira, en Meis: o do monxe Ero, que permaneceu trescentos anos atento ao canto dun paxariño porque quería saber como sería estar no Paraíso celestial... 

Tamén foi Filgueira un competente especialista no mundo da Arte, cunha máis que brillante xestión á fronte do Museo de Pontevedra e con monografías como La escultura gallega, el centenario de Francisco Asorey (1991), sobre pintura romántica galega ou sobre o pintor Álvarez de Sotomayor. Grande e constante foi, igualmente, o seu interese pola arqueoloxía, en rexa competencia, non exenta de derivacións persoais conflitivas, con Fermín Bouza Brei. Neste campo destacan as súas “Adiciones a la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra. Inventario de localidades con hallazgos paleolíticos”, elaborada con Alfredo García Alén e publicada na revista El Museo de Pontevedra (nº XXIX, 1975). Etnógrafo e antropólogo por engadido, dedicou tamén non poucas liñas a aspectos do vivir tradicional galego, con volumes como La artesanía en Galicia (1953) e mais Los canteros gallegos (1976).

Filgueira revelouse, ao mesmo tempo, como un continuo indagador e un amante apaixonado de dúas historias locais en concreto: a pontevedresa e a compostelá. Sobre a cidade do Lérez escribiu volumes como Guía de Pontevedra (1931), as series tituladas Pontevedreses universales e Archivo de mareantes ou un magnífico estudo sobre a basílica de Santa María a Maior (1992). Mais el mesmo ten confesado algunha vez que o seu primeiro recordo situábao en Compostela nas solemnidades do Ano Santo de 1909, ás que acudira con tan só tres anos de idade na compaña da súa familia. Á cidade do Apóstolo dedicou o volume Historias de Compostela (1970), debruzándose sobre figuras e feitos como as empresas construtoras do arcebispo Xelmírez, a reconstrución da biografía do Mestre Mateo, as peregrinacións xacobeas medievais, a iconografía do Apóstolo e a escola de gravado compostelá, os rituais da Universidade barroca e as festas durante os séculos XVII e XVIII. Tamén inspirou o amor pola cidade da estrela a confección de dous preciosos traballos antolóxicos de literatura sobre ela, titulados Cancioneiriño de Compostela (revista Nós, núms. 103 e 104, 1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969, Edicións Castrelos), respectivamente. En 1948 a Editora Nacional tirou do prelo El libro de Santiago, con debuxos de José Sesto; en 1950 apareceu Santiago de Compostela. Guía de sus monumentos e itinerarios e, en 1993, Compostela, camino y estela. E aínda en 1989 preparou Filgueira un guía trilingüe da cidade para as Edicións Ir Indo, Santiago de Compostela, con fotografías de Manuel G. Vicente.

Non podemos deixar sen mencionar a súa faceta como bibliófilo, que o levou a compoñer algúns traballos e prólogos de edicións facsimilares que aínda hoxe resultan fonte de inmensa valía para toda aproximación a esa materia e que están recollidos no volume Arredor do libro: artigos de bibliografía (1996), editado pola Xunta de Galicia. De grande interese é a súa aproximación á figura, inmensa, do escritor de Trasalba, publicada baixo o título Con Otero Pedrayo (1990). E tan curiosa como significativa é a súa faceta de tradutor ao galego de varios poemas de mocidade, como o titulado “A canteira”, dun escritor polaco chamado Karol Wojtila, logo Papa Xoán Paulo II.

Finalmente, aínda cabería citar Filgueira como un grande melómano e afeccionado á música, tanto culta como popular, como poñen de manifesto a súa pertenza á Coral Polifónica de Pontevedra, os seus estudos sobre os cantares dos peregrinos a Compostela no Medioevo ou a súa relevante intervención na edición dos dous volumes do Cancioneiro Musical de Galicia (1942), de Casto Sampedro, unha das fontes preciosas de consulta do noso pasado nesa materia para musicólogos e fokloristas actuais. 

7. Alcalde pontevedrés: unha de cal conservacionista; outra de area contaminante. 

Filgueira, que viña exercendo desde o final da guerra a presidencia do Tribunal Tutelar de Menores pontevedrés e que se vería recompensado polo rexime franquista ao que servía tan eficazmente no plano educativo e cultural cun posto de Procurador en Cortes polo terzo familiar, foi nomeado o 10 de novembro de 1959 Alcalde da cidade do Lérez. Desempeñou ese cargo ata 1968.

O seu paso pola alcaldía ten, evidentemente, un grande “debe”: a autorización que concedeu para a instalación en Lourizán da contaminante factoría de Ence-Elnosa, que tanto ten danado e hipotecado desde entón ata hoxe mesmo a saúde da poboación, a riqueza marisqueira e o desenvolvemento urbanístico e turístico da ría de Pontevedra no seu conxunto. Mais tamén presenta un grande “haber”: a súa decidida política de conservación do conxunto monumental e histórico-artístico da cidade, salvándoo da piqueta “desarrollista” que tantos estragos perpetrou por aquel entón, para desgraza colectiva do noso patrimonio, en tantas outras vilas e cidades do país.

8. Conselleiro de Cultura da nacente Autonomía Galega.

Despois de celebradas as primeiras eleccións ao Parlamento galego, en 1981, Filgueira Valverde fixo parte, en calidade de Conselleiro de Cultura, do primeiro goberno autonómico, presidido por Gerardo Fernández Albor, do partido Alianza Popular. 

Permaneceu nese posto entre 1982 e 1983 e foron, esencialmente, dúas as decisións máis transcendentes ou relevantes da súa xestión, ambas non exentas de derivacións polémicas: a creación do Consello da Cultura Galega, organismo que presidiría máis tarde, desde outubro de 1990 ata o seu propio pasamento, e a promulgación do chamado “decreto Filgueira” (1982), que estabelecía, en base ao pacto acadado entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade compostelá, as regras ortográficas e morfolóxicas, isto é, a normativa do idioma galego. O pendor “isolacionalista” destas normas (fronte ás tendencias “reintegracionistas” que encabezaba o profesor Carvalho Calero e que viñan practicando xa amplos sectores) e determinadas imposicións convencionais contempladas nelas abriron un conflito sobre a norma do galego que, con voltas e reviravoltas que non é o caso expoñer aquí, chegou aberto (e por veces ben “sangrante”) até os nosos días, afectando de maneira decisiva á fortuna social da lingua propia de Galiza.
  

xoves, 2 de abril de 2015

UN RECITAL DE NORIEGA VARELA NA "REUNIÓN DE ARTESÁNS" HERCULINA


Antón Villar Ponte lendo unha conferencia no Círculo de Artesáns coruñés 

A Coruña conta desde 1847 cunha entidade, en parte recreativa, en parte instrutiva, denominada "Reunión de Artesáns" (coñecida popularmente tamén como "Círculo/Circo de Artesáns") que xogou un destacadísimo papel na vida cultural da cidade no primeiro terzo do século XX, pois pola súa directiva pasaron persoeiros moi relevantes do entramado local (Martínez Salazar, Ángel del Castillo, Carré Aldao, Lugrís Freire, Eladio Rodríguez, Rodrigo Sanz, Manuel Casás, Pedro Barrié, Pan de Soraluce, o "médico Rodríguez", o doutor Hervada, o arquitecto González Villar...) e desde a súa tribuna peroraron as figuras máis significadas da intelectualidade galega, española e portuguesa do momento.

O 16 de decembro de 1923, escasas semanas despois do golpe de estado do xeneral Primo de Rivera, o xornalista viveirés Antón Villar Ponte entrou a facer parte da directiva da entidade, en calidade de bibliotecario. Presidía a nova comisión rectora da "Reunión" o médico militar e numerario da Academia Galega Félix Estrada Catoira (1853-1938), acompañado por Aurelio Gutiérrez Moyano (vicepresidente), Ricardo Durán (secretario), Luís Suárez Pumariega (tesoureiro), Manuel Díez Rozas (vicesecretario) e Juan Pardo Parada (contador).

Antón exercería esa función até outubro de 1926: nese intre presentou a súa demisión irrevocábel en desacordo co convite cursado polo presidente da entidade ao daquela director do xornal ultracatólico El Debate e futuro prelado Ángel Herrera Oria (1886-1968) para disertar sobre a necesidade da censura de prensa. O republicano e liberal Villar Ponte entendía que as ideas totalitaristas que viña expor Herrera a respecto do dereito á liberdade de expresión eran de todo o punto incompatíbeis co carácter que, ao seu ver, debía ter a tribuna da "Reunión".

Mentres actuou como bibliotecario da entidade herculina, o fundador das Irmandades da Fala convidou numerosas e importantes figuras das letras e do pensamento. Ocuparon así a tribuna da "Reunión" persoeiros como Eugenio Montes ("El pasado y el porvenir de la cultura gallega", 17 de novembro de 1924); o portugués Eugénio de Castro (28 de novembro de 1924), que acudira á urbe herculina para participar nos actos do IV Centenario de Camões; a poeta chilena Gabriela Mistral (11 de xaneiro de 1925); varios médicos como Gutiérrez Moyano, Marcelino Ramírez e Carlos G. Regueral, que desenvolven, en agosto de 1925, un ciclo de charlas arredor da tuberculose ou “peste branca”; o cóengo-arquiveiro da Catedral compostelá Juan Pérez Millán (23 e 24 de febreiro de 1926); o economista Olegario Fernández Baños (20 e 21 de marzo de 1926); o escritor Vicente Gay (31 de marzo); o xornalista Roberto Gálvez (11 de abril); o xornalista Suárez Pumariega (17 de abril); o activista católico Taboada Lago (6 e 7 de maio); o pintor Carlos Sobrino (27 de maio a 4 de xuño); o poeta Vitoriano Taibo (4 de xuño); Benito Castrillo (15 de xullo); o pintor ferrolán Carmelo González (31 de xullo a 6 de agosto); o sindicalista Ramón Suárez Picallo (agosto 1926), etc.

Tamén se celebraron por iniciativa villarpontina nos locais da "Reunión", na coruñesa rúa de San Andrés, senllas veladas necrolóxicas en honra a Carolina Michäelis de Vasconcellos (xaneiro de 1926) e Filomena Dato (febreiro de 1926), respectivamente; varias conferencias relacionadas coa celebración na Coruña da "XIV Asemblea Farmacéutica Nacional" (setembro de 1926); e, por último, diversas sesións dun "Congreso Pedagógico Regional" (outubro de 1926).

Ademais, Antón Villar Ponte, sempre atento ao espallamento dos valores culturais propios, organizou desde ese seu posto de bibliotecario da "Reunión" un ciclo de conferencias e recitais sobre poesía galega que se desenvolveu no primeiro semestre de 1925 e no que interviñeron, entre outros, Herminia Fariña Cobián (no 8 de marzo, saudada por Villar Ponte como "esta nova rousiña rousada da roseira da nosa lírica"), Gonzalo López Abente (de quen Villar Ponte subliña na presentación o seu "abolengo pondalino", no 1 de maio), Sofía Casanova (10 de maio), Eladio Rodríguez González (12 de maio) e Uxío Carré Aldao (6 de xuño), quen desenvolveu a conferencia "En torno a la lírica gallega".

O poeta Noriega Varela
Dentro deste ciclo, o 23 de maio de 1925 sobe á tribuna da "Reunión" o poeta Antón Noriega Varela, que tan estreita relación mantivera co noso protagonista, como é sabido, nos seus anos de estadía en Foz, editando xornais satíricos como El Automóvil e ¡Guau...Guau! e participando na polémica da fundación da Academia Galega a prol das teses defendidas polo erudito José Mª Riguera Montero en contra de Murguía. A relación entre Villar Ponte e o autor de Montañesas interrompérase após a marcha do viveirés a Madrid (1907), enfriárase pola deriva ideolóxica diverxente de ambos e, finalmente, chegara á ruptura traumática e ao enfrentamento pola marcada animadversión de Noriega cara ao movemento das Irmandades da Fala.

Ramón Otero Pedraio ten atribuído a ruptura da amizade entre Villar Ponte e Noriega á influencia exercida sobre este último por José Mª Riguera Montero: "Algún despótico amigo, gramático enxoito, nemigo a morte do esprito pondalián e da Academia, traballóu moito pra determiñare unha aititude en Noriega que chegóu ao alonxare do seu grande amigo Antón Vilar Ponte, dos días dourados de Foz". 

Outra versión dánola Trapero Pardo, que centra os motivos da desavinza na propia pesonalidade dos protagonistas:
"Entrambos deron en comentar as cousas e as personas da vila mariñeira en que vivían, e chegaron ás veces hastra a decir un do outro cousas que quizabes por amistade que os ligaba non deberan decir. Un día, sin que Villar Ponte o soupese, fixéronlle escuitar a Noriega o que d-él decía o amigo; e outro fixéronlle escuitar a Villar Ponte o que Noriega decía d-él. O resultado foi que os dous amigos rifaron, e pasaron muitos anos antes de que volvesen a falarse, pois si Noriega tiña a virtude de esquencer o que decía dos demáis e o que os demáis decían d-él, Villar Ponte tiña muito máis amor própeo, e non quería perdoarlle a Noriega o que había dito. Somentes anos máis tarde, con ocasión d-un recital que o poeta deu na Cruña no Círculo de Artesanos, barréronse aquelas difrencias e os dous déronse unha aperta, mixturada con bágoas, pois entrambos eran homes de corazón".

O xornal La Voz de Galicia cubría a información deste recital de Noriega Varela na Coruña salientando na súa crónica de 24 de maio de 1925, en primeiro lugar, as palabras de introito pronunciadas por Villar Ponte: 
"Presentó al poeta el culto periodista y bibliotecario de la "Reunión de Artesanos" Sr. Villar Ponte, quien acertó a definir en la ponderada síntesis que exige un discurso de cortesía, la personalidad de Noriega Varela, que lleva en su alma la esencia de la montaña y la expresa en lengua montañesa, inspirado por una musa sincera que viste dengue y muradana, se toca con mantelo y calza zuecos de almendro como a Virxe d'o cristal. De la montaña viene a ofrecernos esas rústicas flores que ama tanto, húmedas de orballo, con la misma sencillez que brinda Mistral a Lamartine las flores de Provenza".

As concretas palabras de presentación que pronunciou Villar Ponte na "Reunión", no transcurso daquela noite de reconciliación persoal con Noriega, foron estas que reproduce o xornal El Orzán, se ben traducidas para español: 
"Hoy honra esta gloriosa tribuna el cantor de la montaña, Noriega Varela, un hombre que fué seminarista antes que maestro de escuela. Este montañés compuso dos obras que todos conocéis: Montañesas y Do ermo. Se ha dicho que el traje, como el paisaje, influye en el alma. A veces ésta es reflejo del traje que se lleva, pero en Noriega no sucede así; en Noriega en alma se refleja en el traje.
Este poeta quiere transformar el traje urbano que lleva, en rústico, porque de él pudiera decirse que de continuo va vestido con el traje regional, como dijo de Valentín Lamas Carvajal la condesa de Pardo Bazán.
Conocí a Noriega hace muchos años en la pintoresca villa marinera de Foz. Desde allí sólo se ve la inmensa comba azul del mar Cantábrico; los campos están cubiertos de enormes extensiones por los trigos, y apenas hay árboles que den sombra. Allí Noriega sentía la nostalgia de Mondoñedo, una intensa saudade de las montañas en que nació. 
Así que hayáis escuchado los versos de Noriega Varela, comprenderéis por qué están escritos en gallego. Entonces os convenceréis de que con la lengua de la llanura no se puede expresar el alma de la montaña. La poesía de la montaña se refleja en la poesía de Noriega.
La musa de Noriega no viste trajes de plata ni descubre unos pies adornados con coturno de oro, como La Galatea de Cervantes. No, la musa de Noriega viste refajo, habla como el gallo anunciando el alba y piensa y canta con jovialidad de romería. 
Así como en la leyenda del rey Midas trocaba en oro cuanto tocaba, así Noriega cambia las flores del tojo y de la carballeira en flores de poesía, las humildes casas campesinas en pazos señoriales y la pobre rapaza que pastorea ganado en la montaña en princesa de ensueño".

Noriega recitou unha vintena de poemas, entre os que figuraron "Almiña d-el Señor", "A brétema" e "Estrelas". O xornalista Xosé Lesta Meis, nun artigo publicado no diario vigués El Pueblo Gallego o 27 de maio de 1925, infórmanos que nese recital Noriega "tivo un éisito como vin poucos", pois "despois de oirlle ler as poesías no "Circo" non fai mais a xente que preguntar pol-os libros de Noriega Varela. E se non se marchara aburábano as mulleres con albums para que lles puxera autógrafos".

Contodo, a reconciliación entre o vate mindoniense e o xornalista viveirés que se verificou aquel día na "Reunión", selada segundo Otero Pedraio "nunha longa e calada aperta latexante de emociós", non foi demasiado duradoira: a deriva ideolóxica antitética de ambos durante o período final da Ditadura primorriverista e, inda máis, durante a 2ª República, colocounos novamente en situación de dar por definitivamente fechada a amizade doutrora.

luns, 16 de marzo de 2015

LOIS TOBÍO, TRADUTOR


O intelectual viveirense Lois Tobío Fernández (1906-2003) encarnou un galeguismo europeísta e universal, verdadeiramente antitético ao que a miúdo se nos presenta nesa visión tópica dos nacionalismos que hoxe tanto se estila, como doutrinas do exclusivismo e do desprezo por todo o alleo. Ben polo contrario, Tobío e moitos outros membros da súa xeración, a do Seminario de Estudos Galegos, demostraron por activa e por pasiva que só desde o amor e a identificación cordial co propio (lingua, historia, costumes...) se pode acceder á percepción, á comprensión e ao verdadeiro gozo do distinto, do foráneo, do alleo. Ser universal e universalista non é, non pode ser, renegar do particular e do propio, nin tampouco menosprezalo, senón proxectar ese particular e ese propio ao mundo e sobre o mundo, para o enriquecer. Desde esa perspectiva, amar, valorizar e coñecer a propia lingua, a propia terra, a propia cultura non é senón a chave mestra para amar, valorizar e coñecer tódalas demais.

O amor do galeguista Tobío polas linguas e o seu poliglotismo activo son síntomas clarísimos desta actitude aberta e autenticamente universalista de que fixo sempre gala, pois para el “o coñecimento dunha nova lingua é coma entrar nun mundo novo, coma ter outra vida” (Décadas de T.L., p. 343). Ao castelán en que foi educado polos seus pais e pola escola e ao galego dos seus amores, zugado desde o berce no Viveiro popular de comezos do século XX e na Compostela e arredores da Amaía dos anos 20, foi agregando durante a súa dilatada existencia o coñecemento e o cariño por outras moitas linguas: o francés, o alemán, o portugués, o búlgaro, o catalán, o inglés, algo de checo, algo de ruso... Nas súas Décadas deixou reflectida a decepción que o embargou por non ter disposto no transcurso da súa vida académica de bos profesores na lingua de Roma, “pois non sei o que hoxe daría por poder ler en latín de corrido a Tácito u Ovidio” (Décadas, p. 81).

A súa intensa experiencia viaxeira, quer como estudante, quer por razóns do traballo como diplomático, quer polos avatares penosos da súa traxectoria cívica de republicano e galeguista exiliado após a guerra incivil, quer, en fin, por puro pracer, espertou nel unha especial sensibilidade cara á diversidade cultural e cara ás linguas en que aquela, efectivamente, asenta e se manifesta.

En 1926, contando tan só vinte anos de idade, o mozo Tobío atreveuse a impartir no Seminario de Estudos Galegos un curso de Fonética Galega, “en comparanza coa dos demais idiomas peninsuares”, segundo reza a nota que a tal respecto inseriu o boletín ourensán Nós (nº 35, 15.11.1926). No verán de 1928, para celebrar a súa licenciatura, Tobío pasou na Guarda uns días na casa do seu amigo e compañeiro de estudos Xoaquín Sobrino e aproveitou a ocasión para visitar por vez primeira Portugal. Alí, segundo confesará máis tarde, sentiuse como na súa casa, “pero nunha casa enriquentada, en que as cousas dadoito estaban como enlevadas, dignificadas, a comezar pola fala. Vía como a miña pobre fala, desdeñada, esquecida pola nosa burguesía e señorío, botada do mundo oficial e do ensino, tiña alí status senlleiro e total con todos os beneficios e vantaxes que lle cumpren. E, xa que logo, sentía vergonza, envexa e mágoa polo que na miña terra pasara. Pero dábame certo consolo saber que, gracias a Portugal, nel e noutras nacións espalladas polo mundo se tiña salvado a antiga e nobre lingua dos meus” (Décadas, páx. 194).

O seu coñecemento do alemán foi moi profundo. Comezou a adquirilo cando adolescente en Compostela, da man dos profesores José Arbaiza Basoa, Marcial Rodríguez Cebral e Emil Blechmann. Nas Décadas explica a este respecto (páx. 117): “Ademais matriculeime no curso de alemán pois, anque só era obrigatorio para os que seguían medicina, coidei interesante coñecer unha lingua coma esa xa que tiña ocasión. E esta decisión que tomei un pouco á lixeira e sen moito pensar, por sport, coma se dicía entón, ha ter grande importancia na miña vida”. Tobío perfeccionou definitivamente o seu alemán durante a súa estadía en Berlín no curso 1929-1930. Nesa cidade, que fervía daquela política e socialmente, nos prolegómenos do ascenso ao poder das hostes hitlerianas, coincidiu e conviviu con Felipe Fernández Armesto (Augusto Assía), Francisco Ayala, José Canedo, Corpus Barga e Vicente Risco. Do seu saber sobre a lingua teutónica valeuse, xa nos anos 30, Emile Skézely, futura esposa de Salvador de Madariaga, para dar cumprido cabo a unha tradución da obra de Hans Fallada (pseudónimo de Rudolf Ditzen, 1893-1947) intitulada Kleinner Mann, was nun?, traducida para o español como ¿Y ahora qué?.

Canto ao francés, aprendido na escola desde neno, foi idioma empregado acotío por Lois Tobío no seu labor diplomático, tanto en Bulgaria como, xa durante a guerra incivil, noutros países da área mediterránea. Como veremos, Tobío foi un namorado da literatura francesa, desde François Villon (en homenaxe a esta figura medieval bautizou unha sección súa no xornal de Montevideo El Día co rótulo de “Nieves de antaño”, inspirado nun verso seu), ata os decadentistas decimonónicos finiseculares todos (Baudelaire, Rimbaud, Verlaine...).

Na capital búlgara, Sofia, tratou moitos xudeus sefardís (descendentes daqueles expulsados no século XV da Coroa de Castela pola raíña Isabel a Católica) e mercou libros escritos nese arcaico castelán, aínda que acabaron perdéndose nas reviravoltas da guerra do 36. Tamén durante a súa estadía en Bulgaria, Tobío, segundo as súas propias palabras, “no desexo de coñecer máis a fondo aquel pobo e tamén por curiosidade intelectual”, púxose a aprender o búlgaro e tratou a varias escritoras nesa lingua, como Dora Gabé e maila autora de O eterno e o sagrado (Vechnata i svyatata), Elisaveta Bagriana (1893-1991).

Á nómina de linguas que aprendeu aínda hai que engadir aínda o catalán que falaba a súa muller, María del Carmen (Melu) Soler, e o inglés aprendido durante a súa breve estadía como exiliado en New York e en Cuba, antes de recalar en Montevideo.

Loxicamente, Tobío aproveitou este seu dominio de diversas linguas de moi diversas maneiras. Fundamental foi, por exemplo, o seu saber do alemán e o francés para aprobar a oposición de ingreso na Carreira diplomática, en 1933. Valeulle tamén, profesionalmente falando, para entrar a traballar, en 1947, no departamento de publicacións e propaganda da casa farmacéutica “Roche” (para facer traducións desde e/ou para francés, inglés e alemán), e algún tempo despois, acceder a un posto de tradutor na ONU, ao que non obstante renunciaría axiña. Cando foi xubilado pola “Roche”, en 1973, dedicouse durante medio ano a facer traducións de índole comercial, ata que puido reingresar na carreira diplomática.

As traducións foron actividade e complemento económico fundamental para Tobío poder afrontar as cruezas e intemperies do duro exilio americano, após o tráxico 36.

En 1939 emprendeu en Cuba a tradución da Teoría del Estado (Staastslehre) de Hermann Heller (1891-1933), profesor seu en Berlín durante a súa estadía como bolseiro da “Junta de Ampliación de Estudios” na Universidade alemá. Este labor, que en palabras do propio Tobío “constituía para min un grande gozo intelectual”, concluíu en 1942 e foi editado en 1943 no Fondo de Cultura Económica mexicano, sendo obxecto aínda hoxe de constantes reimpresións (en 1987 ía pola duodécima, hoxe debe superar a vixésima...).

Tamén traduciu desde o alemán para a editorial bonaerense NOVA, moi vencellada á figura de Luís Seoane, varios discursos de contido anti-hitleriano e anti-nazi (“Escoita, Alemaña”, outras veces traducidos como “Alemáns, oíde”) do escritor e premio Nobel de Literatura (1929), Thomas Mann (1875-1955), autor de ben coñecidas obras como A montaña máxica (Der Zauberger) e Morte en Venecia (Tod in Venedig).

Pro pane lucrando realizou o noso Lois en Uruguai, durante os seus longos vinte anos de exilio nese país do Plata, algunhas traducións do inglés e do alemán para o español, con destino á Editorial Sudamericana bonaerense. Asinou, deste xeito, a tradución do Narziss und Goldmund, de Hermann Hesse (1877-1962), premio Nobel de Literatura (1946). Como é sabido, trátase dunha novela de forte pegada autobiográfica e introspectiva, editada orixinariamente en 1930, que desenvolve as vidas paralelas de dous seminaristas medievais, Narciso e Goldmundo, de personalidades en moitos aspectos antitéticas. Desde 1976, esta tradución de Tobío figura no catálogo da casa editora Edhasa, de Barcelona. A novena reimpresión, na colección Pocket, nº 18, data de novembro de 2002.

Tamén saíu da pluma do noso autor a tradución de The Nephew, obra editada en 1961 polo novelista norteamericano James Purdy (n. 1927), famoso no seu tempo por introducir a temática da homosexualidade masculina nos seus textos e por ofrecer unha visión moi crítica da sociedade.

Tobío verteu para o español, igualmente, cos títulos de La juventud del Rey Enrique IV e La madurez de Enrique IV, as dúas partes da biografía novelada do monarca Henrique IV (o instaurador da dinastía dos Borbóns no solio francés) feita por Heinrich Mann (1871-1950), irmán do autor de Morte en Venecia. Ambas novelas foran publicadas orixinariamente en 1935 e 1938, respectivamente, e están accesíbeis para o lector hispano desde 1998 na xa citada colección Pocket de Edhasa, números 123 e 124, respectivamente.

Así mesmo, como tivo ocasión de demostrar na súa tese de doutoramento sobre Tobío o investigador Francisco Maseda, que puntualizou e corrixiu nela erros dun artigo da nosa autoría, foi Tobío responsábel da tradución publicada pola editora Hermes arxentina en 1963 dunha das obras do profesor da Universidade de Georgetown, Carrol Quigley (1910-1977), La evolución de las civilizaciones.

Alén destas traducións de índole estritamente literaria, Tobío afrontou a de senllos volumes de divulgación histórica, The Life of Greece (=Vida dos gregos) e Caesar and Christ (César e Xesuscristo), ambos do estadounidense Will Durant (1885-1981) e mais a do libro The Man of the Renaisaance (=O home do Renacemento), de Ralph Roeder (n. 1890).

Todos estes traballos valéronlle a Tobío constantes eloxios dos principais críticos literarios porteños da época, como J. L. Borges, Bioy Casares, Victoria Ocampo ou Rodríguez Monegal, mais tamén suscitaron algúns avatares desagradábeis. Así, a tradución das citadas novelas de H. Mann foi alterada e retocada posteriormente por ditado do editor sen a pertinente autorización de Tobío, e, como el propio relatou nas Décadas (p. 518), a súa tradución do Narciso e Goldmundo hessiano resultou descaradamente plaxiada en México por certo autor, que procedeu “mudando tamén algunhas frases e palabras e dándoa como sua”.

A motivación basicamente económica das traducións hispanófonas que Tobío realizou para diversas editoras durante o seu exilio uruguaio, ás que vimos de nos referir, está totalmente ausente nos seus traballos de vertido para o galego (“mi lengua natural, cultural y fundamental”, segundo lle contesta ao xornalista Carlos García Bayón nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia en xullo de 1991) dunha serie de textos emblemáticos de diversas literaturas europeas (alemá, inglesa, francesa...).

Efectivamente, foi este un labor arduo, paciente, constante, xeneroso e altruísta, co que o intelectual viveirense quixo emprestar un servizo fundamental, outro máis, á causa da dignificación do noso idioma e á tarefa de modernización das nosas letras, posibilitando o seu diálogo coa matriz literaria europea. Constanza Tobío Soler, a súa filla, ten escrito nalgunha ocasión que esa actividade de poñer en galego textos dos máis importantes escritores europeos foi “fonte para el de enorme pracer, á vez que cargada de intencionalidade en canto achega á cultura galega” (Galicia Hoxe, Santiago, 11.3.2004).

Que o noso autor coidaba que moito do prestixio do galego se xogaba na súa capacidade para asimilar o melloriño da literatura feita no Vello Continente ponse ben de manifesto no arroubo e admiración con que fala nas súas Décadas (páx. 164) da pioneira tradución dalgúns fragmentos do Ulysses (1922) de James Joyce (1882-1941) - para moitos, a novela que inicia tecnicamente a narrativa contemporánea- feita por Otero Pedraio en 1926 e publicada no boletín ourensán Nós.

En 1946 e desde Montevideo, Tobío envía unha colección de poemas ingleses e franceses traducidos para galego ao certame convocado pola Federación de Sociedades Galegas na Arxentina, co gallo de se cumprir o vintecinco aniversario da fundación desta entidade referencial da nosa colectividade emigrada en Bos Aires. Coma el fan o propio con senllas coleccións de poemas tamén traducidos outros dous galeguistas exiliados, o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, desde México, e o corcubionés Plácido Ramón Castro del Río, desde Inglaterra. A citada Federación reuniría finalmente estes traballos (57 en total, dos cales 24 corresponden a Plácido, 13 a Gurriarán e os restantes a Tobío) no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Ed. Alborada, Buenos Aires, 1949), que foi reeditado pola Editorial Galaxia de Vigo en 2005, co patrocinio da Fundación CaixaGalicia.

No limiar que o propio Tobío redixiu (e non Arturo Cuadrado, como se ten dito algunha vez) para o volume que nos ocupa, fican expresadas con claridade meridiana as coordenadas desde as que cumpría entender e acoller unha obra desas características. A lingua e a literatura galegas benefícianse do contacto con outras, pois, son palabras tobianas, “os aires de fora limpan, refrescan, renovan. A voz de Galicia ten que se ouvir no mundo e as do mundo en Galicia”. O labor tradutor, duro e difícil, resulta non obstante sumamente frutífero, tanto para o escritor que o emprende como para a lingua á que verte as producións foráneas. Mercé a traducións como as que no volume se recollen, conclúe Tobío, “o alleo é agora noso”.

Na nómina de autores que Tobío traduce para galego figuran os románticos “lakistas” ingleses Shelley (1792-1822), Keats (1795-1821), Tennyson (1809-1892) e Longfellow (1807-1882) e os “decadentistas” e pre-vangardistas franceses Charles Baudelaire (1821-1867), Paul Verlaine (1844-1896), Paul Bourget (1852-1935), Arthur Rimbaud (1854-1891), René Laporte (1905-1954) e Louise de Vilmorin (1902-1969).

Non pode sorprender este profundo e variado coñecemento da poesía inglesa e francesa do século XIX en Tobío, pois el mesmo se ten referido á intensidade con que as lía durante diferentes momentos da súa traxectoria vital. Así, na súa adolescencia e mocidade, en tempos do Seminario de Estudos Galegos, acontecía que “eu lía tamén daquela moita poesía galega, castelá, francesa e mesmo catalana: Maragall, o “Himne ibèric”, “La vaca cega”. Despois de varios anos cos románticos, na adolescencia, Zorrilla, Espronceda, o meu Pastor Díaz, Lamartine e Musset, eran agora meus compañeiros cotiáns os modernistas, Rubén, os poetas malditos, máis ca nada Verlaine (Ai, Verlaine!). Adoitaba ler a poesía en voz alta para gustar da sua música, mesmo diante de amigos, en pequenos recitais caseiros. Deste xeito cheguei a saber de memoria moitos poemas” (Décadas, p. 161). Así tamén durante a súa estadía como diplomático en Sofia (Bulgaria): “Podo dicir que endexamais estiven tan mergullado coma entón na literatura francesa do momento: Claudel, Morand, Giradoux, Montherland, Maurois, Mauriac... e o patriarca Proust eran a miña compaña diaria, xunto cos poetas malditos, nunca esquecidos, e, dos recentes, a condesa de Noailles e o gran Valery” (Décadas, p. 339).

Tobío verte para o idioma galego, igualmente, algunhas das xoias das letras alemás, das que adquirira os primeiros exemplares xa en 1930, cando vivira en Berlín. Así os Sonetos a Orfeu (Die Sonette an Orpheus) do escritor checo en lingua alemá Rainer Mª Rilke (1875-1926), publicados polas Ediciós do Castro en 1980 e reeditados en edición da benquerida amiga Marga Romero pola “Biblioteca Galega de Clásicos Universais” que promoveu o xornal coruñés La Voz de Galicia, facendo o seu volume 31.

Tamén fai Tobío a versión para galego (nun galego, conste, repleto de modismos típicos da fala popular da Terra de Viveiro, como alpuxarra, abitar, etc.) da peza Nai coraxe e máis os seus fillos, de Bertold Brecht (1898-1956), publicada polas Ediciós do Castro en 1987. Editada orixinariamente en 1941 e ambientada nas guerras de relixión centroeuropeas de mediados do século XVII, constitúe esta obra, como é ben sabido, un dos cumios do teatro político e antibelicista universal, pola contundencia con que denuncia os males da guerra e amosa a inversión de valores que esta leva sempre aparellada.

Despois de que Otero Pedraio fixese os primeiros intentos, é Lois Tobío quen culmina final e felizmente a ciclópea tarefa de traer para a nosa lingua o monumental Fausto de Goethe (1749-1832), tirado do prelo pola casa Laiovento, de Francisco Pillado, en 1997, merecedor do Primeiro “Premio de Tradución Plácido R. Castro” (2002) e reeditado tamén na xa citada “Biblioteca Galega de Clásicos Universais” (volume 10).

Cónstanos, por último, que tamén traballou Tobío na tradución para o galego das Elexías de Duíno, de Rilke, mais ao coñecer por indicación nosa, durante unha conversa polas rúas de Viveiro dun xa afastado agosto de 1996, a edición da obra que Jaime Santoro de Membiela preparou e editou en 1995 na “Espiral Maior” de Fernán-Vello, decidiu gardar o seu traballo no caixón, nun enésimo acto de humildade e de “diplomacia” pola súa parte...