eu

eu
eu

mércores, 26 de xullo de 2023

Dez poemas a Mondariz do escritor cordobés Antonio Fernández Grilo (1845-1906)

 




Para Pilar Avión Carrera e Emilio González Vázquez,

meus benqueridos sogros, in memoriam

 

1.      Introdución

Na súa monografía El poeta y el burgués (Universidade de Sevilla, 1990: 42), a investigadora Marta Palenque indica que o nome de Antonio Fernández Grilo (Córdoba, 1845- Madrid, 1906) ocupou un lugar moi privilexiado na chamada “poesía de salón” que triunfou na literatura española durante o derradeiro terzo do século XIX, na medida en que, “traído y llevado por reyes y nobles, se convirtió en un poeta ‘imprescindible’ en los salones de mayor importancia y alcurnia”.

Indica a mesma autora tamén (1990: 169) que o escritor cordobés, alén de ter excelentes calidades como recitador e improvisador que facían da súa presenza un auténtico atractivo en veladas e festas aristocráticas, atendía “a cualquier suceso en el seno de la buena sociedad para cantarlo en sus versos”, de maneira que “sus poemas circunstanciales y de salón” acababan enchendo as principais revistas literarias e ilustradas editadas nese período. Tratábase, por regra xeral, de “versos dedicados, celebrando tal boda o tal nacimiento, llorando la muerte de un hijo o una madre, loando la belleza de una dama, acompañando un regalo…”.

Nesa descrición ofrecida por Palenque cómpre engadir aínda o conxunto de dez poemas que Fernández Grilo escribiu durante as súas varias estadías no Balneario de Mondariz, oito deles publicados no Almanaque para 1894 da revista madrileña La Ilustración Española y Americana, outro manuscrito no Álbum de Honor do mesmo cara ao ano 1896 e outro máis aínda recollido nun Álbum-Guía. Las Aguas de Mondariz de 1899. Son eses dez poemas os que hoxe temos o pracer de contextualizar, rescatar e compartir con todas as lectoras de Mondaricus.


2.      Un poeta de sona mimado pola aristocracia


Comecemos por dar breve noticia da traxectoria deste autor, hoxe caído no case total esquecemento, mais que gozou en vida dunha sona sen apenas parangón con ningún outro escritor finisecular, talvez coas únicas excepcións de Zorrilla e Campoamor.


Antonio Fernández Grilo comezou a despuntar literariamente na súa Córdoba natal ao gañar en 1862, con tan só dezasete anos feitos, os Xogos Florais convocados pola sociedade cultural e recreativa “Círculo de la Amistad”. Colocado desde entón baixo a protección de varios mecenas aristocráticos locais, como Ricardo Martel (Conde de Torres-Cabrera) e Julio Valdelomar Fábregues (Barón de Fuente de Quinto), publicaría o seu primeiro libro en 1869, co título de Poesías.


A segunda edición do mesmo, en 1879, xa en Madrid e con prólogo de José Selgas, supuxo a súa consagración definitiva nos círculos literarios da capital e, de feito, algúns dos seus poemas mesmo chegarían a ter a partir de entón intensa difusión en cartillas e enciclopedias de uso escolar: “Las ermitas de Córdoba”, “La Virgen de la Fuensanta”, “La Noche Buena”, “El invierno”...

Ademais de colaborar sucesivamente na redacción de xornais como El Contemporáneo (1860-1865, do que foi tamén redactor Gustavo Adolfo Bécquer), El Debate (dirixido por Benito Pérez Galdós entre 1871-1873), La Libertad e El Tiempo (órganos estes dous últimos da facción do Partido Conservador liderada por Silvela), Grilo axiña encontrou eco nos ambientes máis aristocráticos, refinados e elitistas da sociedade madrileña e, de feito, gozou da confianza persoal da raíña Isabel II e do seu fillo, o futuro Alfonso XII, a quen dedicou en 1870 o opúsculo Oda al príncipe Don Alfonso y a las damas españolas e de quen recibiu, en contrapartida, a concesión dunha paga vitalicia e mais da Gran Cruz da Orde Civil. Disque a propia Reina Castiza foi quen financiou en 1891 a edición en París pola casa Sánchez & Cía. do seu segundo libro, titulado Ideales (Poesías escojidas).

Da súa ideoloxía conservadora, ademais de monárquica, dan boa mostra algúns poemas como “El adiós al convento” (crítico coas medidas secularizadoras levadas a cabo polo progresismo español durante o Sexenio democrático), “Elegía a la memoria del Excmo. Sr. Conde de San Luís” (en que enxalza a figura dese político marcadamente reaccionario) e “El dos de Mayo” (onde plasma un patriotismo de corte militarista que, articulado xa desde comezos do século XIX, terá moito e tráxico predicamento con posterioridade).

Aínda que en 1906 resultou elixido membro da Real Academia Española para ocupar a cadeira C, Fernández Grilo non chegou a ingresar na Corporación, pois semanas despois dese nomeamento padeceu un accidente doméstico con serios danos nun brazo que terminarían causándolle a morte.

Xa postumamente, a colección “Los Poetas” (núm. 26, 1929), que se editaba en Madrid, ofrecería con prólogo asinado por Alberto de Segovia unha antoloxía baixo o título de Sus mejores versos, mais críticos posteriores como José Mª de Cossío descualificarían o conxunto da súa produción poética, cualificándoa por exemplo no ensaio Cincuenta años de poesía española (1960) de “palabrera, rutinaria y superficial”.

 3.      Un poema manuscrito e outro editado nun Álbum-Guía do Balneario en 1899

Un poema en honra a Grilo composto polo escritor Neira Cancela e publicado en La Ilustración Española y Americana (22 de agosto de 1885, p. 110) permítenos datar a que probabelmente fose unha das primeiras viaxes do escritor cordobés a terras galegas, acompañado da súa filla Magdalena. Aínda que inicialmente o seu destino vacacional era a comarca de Ferrol, onde permaneceu ata mediados do mes de setembro, se cadra foi xa esa tamén a primeira vez que puido achegarse ata as marxes do Tea para coñecer o enclave termal de Mondariz.

Confirmación hemerográfica de visitas súas ao núcleo mondarizano encontrámolas, en todo caso, no xornal católico herculino Diario de Galicia de 29 de xullo de 1894, que o cita “entre lo más granado de la concurrencia doliente” ao balneario, e tamén de 9 de xullo de 1896, que anuncia expresamente: “Ha llegado á Mondariz el eminente poeta don Antonio Fernández Grilo”.

O negocio iniciado en 1873 polos irmáns Gumersindo Ramón e Enrique Peinador Vela (Casa de Baños-Fonda de Peinador, no seu enunciado primixenio) coñecía nese preciso instante unha dinámica de intensa expansión empresarial, converténdose en referencia para o lecer de moitos elementos da aristocracia e da plutocracia da época, tanto española como portuguesa e aínda doutras latitudes.

En reforzo desa imaxe de Mondariz como destino turístico chic, eficaz centro termal curativo, relevante punto de encontro social e remanso natural paradisíaco, ademais de contratar os servizos do prestixioso médico Isidro Pondal Abente e de concorrer con mostras de auga embotellada a diversos Certames e Exposicións Internacionais (Barcelona, Bruxelas, París...), os irmáns Peinador convidaron a pasar estadías no seu Balneario, non sabemos se de xeito totalmente gratuíto ou mediante descontos ad hoc, a determinadas figuras relevantes das artes, das letras e das ciencias daquela época, tentando unha especie de “transferencia mutua de prestixio” da que todos saían beneficiados.

Unha desas figuras foi, evidentemente, a do poeta cordobés Antonio Fernández Grilo, que se sumou así a unha listaxe ben ilustre na que cabe salientar, cinxíndonos aos lustros finais do XIX, personalidades literarias como Gaspar Núñez de Arce, José Echegaray, Carlos Arniches, Gonzalo Cantó, Vital Aza, Luís Taboada ou Emilia Pardo Bazán, entre outras moitas.

Os resultados desa estratexia publicitaria e prestixiante da “Compostela del enfermo” (como lle chamou o tribuno republicano Emilio Castelar a Mondariz) foron notorios e o estabelecemento dos Peinador non deixaría de dar pasos adiante no seu progreso: en 1886 inauguraría o seu Álbum de Honor, destinado a recoller autógrafos dos visitantes máis ilustres; en 1887 faríanse os primeiros estudos para a construción do tranvía Vigo-Mondariz, que non obstante tardaría aínda lustros en poder inaugurar o seu primeiro tramo, Vigo-O Porriño (1920); aparecería tamén por entón a revista La Temporada, cuxos exemplares máis antigos conservados remontan non obstante a 1888; e, así mesmo, en 1893 poríase a primeira pedra do edificio do Gran Hotel, obra do arquitecto Xenaro de la Fuente, que se inauguraría finalmente no ano do “Desastre” colonial (1898). Outro importantísimo avanzo na relevancia do Balneario nos compases finais do século foi a obtención en decembro de 1888 do título de “proveedor de la Real Casa” e do permiso para empregar en facturas e etiquetas o debuxo das Armas Reais. Se cadra puideron ter algo que ver nesa obtención as eventuais xestións realizadas en tal sentido polo poeta Antonio Fernández Grilo, moi estreitamente vinculado, como xa explicamos, ao clan borbónico que ocupaba entón o trono hispano.

O relevante é, en todo caso, que por este tempo, coidamos que en 1896, o poeta Grilo estampou no Álbum de Honra do Balneario de Mondariz, manuscrita, unha supitánea composición titulada “A Enrique Peinador”, que está recollida de xeito facsimilar no Libro de Ouro do Balneario de Mondariz editado pola Deputación pontevedresa en 1999 e que di así:

 

A ENRIQUE PEINADOR

 

Fuente benéfica y pura,

Manantial de Mondariz,

Yo no sé qué hay en tus aguas

De sagrado para mí!

Reinaban nuestras dos madres

En el corazón feliz

Y Fuensanta y Avelina

Marcaban el porvenir!!

Fuensanta ya está enterrada;

Tu hogar está un su zenit;

Ella y tu madre defienden

El manantial desde allí!!

Cada gota es una lágrima

De la anciana que al morir

No midió toda la suerte

Que Dios te concede al fin!

La salud está en tu casa;

No hay enfermo que al salir

No rece a la Providencia

Por tus hijos... y por tí!!!

Outra composición de Grilo tamén dedicada ao Balneario de Mondariz foi escrita en 1898, co gallo da inauguración do edificio do Gran Hotel. Ese poema fixo parte dun dos Álbum-Guía editados nos anos finais do século XIX, concretamente no de 1899, dirixido por Alfredo Vicenti e impreso na casa tipográfica Sucesores de Rivadeneyra, de Madrid e foi reproducido anos despois na propia revista La Temporada de Mondariz (Ano XXXV, nº 2, 17 de xuño de 1923, p. 6) baixo o rótulo “De nuestro archivo literario”. Di así:

 

ANTE EL NUEVO EDIFICIO DE MONDARIZ 


Con tu cúpula soberbia

Y con tu torre gallarda,

Del trabajo y de la industria

Todas las grandezas cantas.

Sobre los hoteles viejos,

Sobre las antiguas casas,

Serenamente desplegas

Tu majestad de monarca.

Una fuente humilde y sola,

Unas milagrosas aguas,

Dieron el sér á tus ricas

Viviendas hospitalarias;

Y de tu incansable dueño

La fe, el genio y la constancia,

Lo que ayer fué despoblado,

Trueca en mansión soberana.

El sol besando tus bóvedas

Cuando asoma en la montaña,

En rayos de tornasoles

Se deshace en tus ventanas;

Y cuando la noche tiende

Sus túnicas enlutadas,

La luz eléctrica finge

Al sol que vuelve la espalda.

Cuántos vendrán á buscarte

Del dolor con la nostalgia,

Logrando bajo tus techos

El sueño que no lograban!

¡Cuántos sentirán consuelos

En las tristezas del alma,

Con sólo ver el paisaje

Que te sirve de guirnalda!

Pronto serás ante el mundo

De la salud el alcázar,

Como eres hoy el primero

De los hoteles de España.

4.      Oito poemas máis nunha revista luxosa e de grande difusión

Alén dos xa reproducidos, oito poemas máis a Mondariz de Antonio Fernández Grilo viran lume con anterioridade, como adiantamos, no Almanaque para 1894 da revista La Ilustración Española y Americana.

Esta nacera en Madrid o 25 de decembro de 1869 como continuadora de El Museo Universal, presentándose a si propia como “Periódico de ciencias, artes, literatura, industria y conocimientos útiles”. Editouna e dirixiuna o empresario gaditano Abelardo de Carlos y Almansa (1822-1884).

O xeneroso formato (41’5 x 29 cms.), o tipo de papel (couché), a disposición a tres columnas, o nutrido número de páxinas (16, cando o habitual era que os xornais non pasasen de 4 nin as revistas de 8), a abundancia de reclamos publicitarios e a inserción de excelentes gravados, entre outros elementos, fixeron dela unha revista preciosa e elegante, que só se vendía mediante subscrición (28 pesetas anuais en provincias e 25 en Madrid). O seu público lector habitual era, desde logo, un “obxectivo” perfecto para calquera estratexia de captación de novos clientes que quixese despregar unha empresa termal e turístico-vacacional como era a dos irmáns Peinador en Mondariz.

A revista medrou especialmente durante o período da Restauración grazas ao seu ton moderado, ao seu carácter ideoloxicamente conservador disfrazado de “apoliticismo” e a unha moi nutrida e variada nómina de colaboradores, tanto literarios como artísticos, que integraba por igual figuras xa consagradas (Campoamor, José Selgas, Manuel del Palacio, José Jackson, o propio Fernández Grilo...) e moitísimos aspirantes ao Parnaso naquel Madrid convertido por obra e graza do centralismo en destino imprescindíbel para calquera que quixese facer carreira na esfera pública.

Tamén contribuía para o seu éxito a variedade de contidos das súas moitas seccións: “Crónica general”, “Nuestros grabados”, “Actualidad”, “Por ambos mundos”, “Artículos científicos”, “Pasatiempos”, “Narraciones varias”, “Álbum Poético”... Só a partir da aparición das súas directas competidoras Blanco y Negro (1891), Nuevo Mundo (1894) e máis adiante Mundo gráfico (1911) e La Esfera (1914), a sorte da publicación que nos ocupa mudaría de signo, iniciando un proceso de paulatina decadencia que, así e todo, aínda lle permitiría resistir ata decembro de 1921.

A nómina de galegos colaboradores de La Ilustración Española y Americana non foi moi nutrida, mais tampouco resultou irrelevante: Celso García de la Riega, Victorino Novo, Remigio Caula, Benito Losada, Neira Cancela, Aureliano J. Pereira, Concepción Arenal, Emilio Fernández Vaamonde, o viveirense Luís Sipos, etc.

Centrándonos neses oito poemas de Antonio F. Grilo dedicados a Mondariz na revista en cuestión diremos que presentan un estilo caracterizado pola brevidade, a sinxeleza expresiva e o predominio das rimas consonantes. Así e todo, manéxanse neles diversas combinacións e medidas de versos, tanto de arte maior como menor, o que sen dúbida dota de certa variedade propositada o conxunto.

Tres son as notas temático-ideolóxicas que merecen destacarse, coidamos, nese pequeno feixe poético. En primeiro termo, a exaltación paisaxística e dos encantos naturais da zona, representados polas fontes de Gándara e Troncoso, loxicamente, mais tamén polos camiños, os bosques de piñeiros, as parras, as montañas, o río, o val...

En segundo, a relixiosidade. Disque a curación por intercesión da Virxe da Fuensanta cordobesa dunha doenza que padeceu na vista durante a súa mocidade foi determinante para un arraigado sentimento devoto en Antonio F. Grilo, que se plasmou en numerosos poemas e que aparece de cheo, como pode comprobarse, nesta serie dos oito poemas ambientados en Mondariz. A propia condición salutífera das augas non deixa de ser vista por el como un don precioso e gratuíto da divindade; a crenza no seu poder curativo repousa asemade na devoción relixiosa e as belezas e encantos do val do Tea permiten contemplar mellor que en ningures a omnipotencia divina.

Polo demais, un deses poemas constitúe un canto á Capela de Troncoso, dedicada nesa altura aínda á Virxe do Carme e retratada durante unha misa dominical, á que acoden as bañistas ataviadas con algunhas galas “castizas”, como a mantilla. Esa capela, como é sabido, pasaría a ser igrexa parroquial en 1904, coa Virxe de Lourdes como nova veneranda, mentres que nas inmediacións do futuro Gran Hotel ergueuse e inaugurouse algo máis tarde, o 16 de xullo de 1898, outra capela, coñecida como “do Bosque”, que asumiu a advocación carmela abandonada pola de Troncoso. Nesa Capela do Bosque casaría en 1925 unha filla do empresario, Avelina Peinador Porrúa, con Isidro Parga Pondal.

Dos oito textos a Mondariz publicados por Grilo en La Ilustración Española y Americana foi ese titulado “La capilla” o único que reproduciu algún tempo despois nas súas planas a revista La Temporada de Mondariz. Fíxoo, concretamente, no exemplar correspondente ao ano XXXIII, núm. 7, 24 de xullo de 1921, páx. 2. Outro poema do cordobés, aínda que sen relación temática directa con Mondariz, vería tamén lume no exemplar de La Temporada correspondente ao 23 de xuño de 1918. Referímonos ao titulado “El salón de máquinas”, que se publicara orixinariamente no Álbum-Almanaque de La Ilustración Española y Americana para 1897.

A terceira e derradeira nota ideolóxico-temática do conxunto de poemas dedicado por Grilo a Mondariz, en fin, ten a ver co “hábil caneo” por parte do escritor dalgúns dos aspectos socialmente menos xustos e moralmente máis “conflitivos” que lle coubo contemplar, inevitabelmente, na súa estadía en terras do Tea. Tal é o caso da mendicidade e da pobreza infantil, encarnadas pola nena xordomuda coa que se atopou camiño da fonte e pola rapariga que amenizaba con música de arpa os opíparos banquetes dispensado aos hóspedes do balneario. En ambos casos, Grilo envolve e mitiga a crueza do que ve en compensadoras alusións e etéreas referencias de teor relixioso, que no seu xeito de ver debían servir de presunto consolo para o drama desas dúas meniñas representantes dos estratos máis desfavorecidos naquela sociedade.

Debemos reparar, por último, no implícito diálogo que Grilo estabelece nalgún dos versos do seu “Mondariz al anochecer” co poema “Unha noite no xardín sentada” de Curros Enríquez, de quen, polo que se deduce, foi atento lector. Non sería descartábel que, aínda coñecéndose e tratándose con anterioridade nos ambientes literarios e xornalísticos madrileños, Grilo e Curros coincidisen nalgún momento como usuarios do balneario mondarizano.

Eses oito poemas de Grilo a Mondariz din así:

 

LA FUENTE

 

¡Oh dulce manantial sabroso y tibio!

¡Oh fuente de salud férvida y sana!

Aquí la puso Dios para el alivio

Y aquí perpetua y solitaria mana.

En medio de estas plácidas orillas

Franca es la entrada y la salud es cierta;

Llegad hasta la fuente de rodillas;

¡La botica de Dios tenéis abierta!

Aislada en un peñasco del camino,

Ni salta en ondas ni murmura recio;

Otro vaso al enfermo peregrino

Y á rezar y á creer; ¡ese es el precio!

 


MONDARIZ AL ANOCHECER

 

A lo lejos se ve el caserío

Del crepúsculo envuelto en la luz;

El relente ya tiene rocío;

Ya está obscura la margen del río,

Y la selva, y la ermita y la cruz!

En la rústica choza cerrada

Ecos tristes oyéndose están;

Tal vez es la mansión encantada

Donde llora una nena coitada

Os desdéns de un ingrato galán! 



CAMINO DE LA FUENTE

(A UNA MENDIGA, NIÑA SORDO-MUDA)

 

Muda y sorda es la niña: ¡bendita sea!

Ni me escucha ni habla; ¡Dios lo ha querido!

Y cuando tan risueña va por la aldea,

¿Qué le dirán los ángeles en el oído?

¡Ay! tal vez aquí abajo Dios la mantiene

De su propio silencio siendo cautiva,

Porque nadie descubra de dónde viene

Y que ninguno sepa lo que hay arriba !!

 


LA MENDIGA DEL ARPA

(EN LA MESA DEL BALNEARIO)

 

Todos á la mesa están;

La niña canta y sonríe,

Y su mirada se engríe

En un pedazo de pan.

Ni escucho el aire ligero

Ni oigo la doliente letra,

Que en mi corazón penetra

Como una punta de acero!

Sus notas se van ahogando

De la mesa en el estruendo;

¡Todos comiendo y comiendo!,

¡Y ella cantando... y cantando!

Mas si otra niña la besa

Y la ampara dulcemente,

¡Quizá la Virgen se siente

Por las noches á su mesa!

 

BAJO UNA PARRA DE MONDARIZ.

 

De un gallo acerca el aire

La voz lejana;

Se filtra por las hojas

El sol poniente;

Y al eco melancólico

De una campana,

Se destrenza llorando

Sola la fuente.

La luna blanquecina

Como un sudario,

Borrosa en claridades

De luz febea,

Se asoma al hueco roto

De un campanario,

Para ver lo que pasa

Dentro la aldea.

 


LA CAPILLA

 

¡Hoy es domingo! Toda de gala

La alta capilla recibe al sol,

Y con la púrpura de una bengala

Finge la ojiva su tornasol.

No hay cara hermosa sin la mantilla;

¡Con la mantilla las hay que ver!

Á sus mujeres la dió Sevilla,

Y es el encanto de la mujer.

Su último toque da la campana;

Ya el sacerdote vestido está,

Y á misa acude la caravana

Que el agua pura bebiendo va.

De mansedumbres cristianas llenos,

Todos dan gracias al Redentor;

Los que están buenos… porque están buenos;

Los que están malos… para ir mejor!

¡Se alza la Forma! La luz pasando

Le hace de rayos arco triunfal,

Mientras las notas van resbalando

De la sonora marcha Real.

Blanca y humilde, pobre y sencilla,

Bajo su nave me hallo feliz;

Soy un devoto de la capilla,

De la capilla de Mondariz!

 


LOS PINOS DE MONDARIZ

 

Pinares de las cumbres solitarias

Ola verde que ondula desigual;

Testigos de las citas legendarias;

Escolta del divino manantial;

Llenáis de vida el campesino ambiente

Y completáis del agua la virtud;

¡Vivid! vivid para velar la Fuente

Que devuelve al enfermo la salud!

 


AL PIÉ DE LA MONTAÑA

 

¡Omnipotente Señor

Que la luna alzando vas

Sobre el valle seductor!

¡Aquí te descubres más,

Porque te miran mejor!

Debemos poñer fin a estas liñas, mais non sen antes engadir que, morto Antonio F. Grilo en 1906, os responsábeis do Balneario de Mondariz tiveron a gala homenaxealo posteriormente en, cando menos, dúas ocasións.

Efectivamente, o recitado da composición “Las ermitas de Córdoba” dese poeta “al que tantas veces admiramos”, en palabras do propio Peinador (La Temporada de Mondariz, ano XIX, núm. 13, 25 de agosto de 1907, p. 2), fixo parte do programa da velada celebrada no Balneario en honra ao bispo de Madrid-Alcalá a finais de agosto de 1907. Nesa ocasión foi o mozo mallorquino Antonio Font o encargado do recitado.

Da mesma maneira, no verán de 1911 e no transcurso dun concerto que tiña como obxecto recadar fondos con destino aos bañistas pobres do Asilo de Mondariz (La Temporada de Mondariz, ano XXIII, núm. 10, 6 de agosto de 1911, p. 2), outro mozo chamado Eduardo Galván recitou novamente ese mesmo poema do vate cordobés.


[PUBLICADO ORIXINARIAMENTE NA REVISTA MONDARICUS, 2022]

domingo, 11 de setembro de 2022

Na morte de Saleta Goy

 






Agora que es xa ausencia

-         porque a vida é tamén

chegares ao seu reverso -

dirémosche por sempre, Saleta,

como íntima homenaxe

á túa voz decote acolledora:

Galega imprescindíbel

do noso tempo.

Muller afouta.

Amor ao idioma.

Activa musa.

Os libros por bandeira.

Caricia na paisaxe.

O mellor verso do Manuel.

E choraremos a túa marcha

agradecendo a túa vida,

abenzoando o teu exemplo.

 

 

Vilagarcía de Arousa,

11 de setembro de 2022

domingo, 7 de agosto de 2022

Intervención na homenaxe a Luís Rei organizada polo BNG de Ogrove o sábado 6 de agosto de 2022.

 

Acto de Homenaxe a Luís Rei.
Fotografía de Paco de Xenxa

Obriga elemental de quen intervén nun acto público coma este é comezar por agradecer aos seus organizadores o convite a facelo, máxime se, como é o caso, non existe na actualidade vínculo organizativo ningún entre quen lles dirixe a palabra e as siglas promotoras desta, en todo caso, necesaria, oportuna e xustísima homenaxe a Luís. Graciñas, pois, xentes do BNG de Ogrove, por me permitirdes ocupar hoxe esta tribuna.

Hai algúns meses, presentando na Sala das Cunchas do Concello de Ogrove o décimo terceiro número da revista galega de cultura marítima Nova Ardentía, co benquerido Moncho Meis aínda entre o público e falando a propósito do importantísimo papel que Luís xogou no movemento pola cultura marítima e fluvial e mesmo noutras facetas da vida pública galega e local, dixen con toda a humildade de que fun capaz mais tamén en voz ben alta que me parecía que a vila de Ogrove, e nomeadamente as súas institucións representativas, tiñan aínda unha débeda pendente de memoria, recoñecemento e homenaxe cara ao seu veciño Luís, falecido en agosto de 2015.

As comparacións, din, son odiosas, pero ás veces poden ser oportunas e reveladoras, sobre todo se serven de acicate para corrixir canto antes erros involuntarios e esquecementos inconscientes.

Cambados, a vila en que Luís desempeñou durante moitos anos o seu labor profesional como técnico de cultura, con maiorías absolutas da dereita política, rendeulle dúas homenaxes en vida, en 2010 e 2015, respectivamente, e, unha vez morto Luís en agosto dese mesmo último ano citado, non tardou nin semanas en adoptar por iniciativa do daquela concelleiro de cultura Vítor Caamaño (que me precedeu hoxe aquí no uso da palabra) e da entón alcaldesa socialista Fátima Abal, por unanimidade de todos os grupos da Corporación (sublíñoo, todos os grupos, incluído o popular liderado polo ex alcalde Luís Aragunde), o acordo de bautizar a biblioteca municipal co nome do noso querido amigo.

Do mesmo xeito, no Museo Cabanillas, no Paseo da Calzada da vila do Albariño, inaugurado hai agora pouco máis dun ano (o 3 de xuño de 2021), a figura e o nome de Luís ocupan, como non podía ser doutra maneira, un lugar moi preferente, pois non en balde é autor da máis brillante e completa biografía do “poeta da Raza”, publicada en 2009 pola editorial Galaxia co título de Crónica de desterros e saudades e referencia obrigada desde entón de calquera traballo, estudo, artigo que sobre Cabanillas e sobre a cultura galega do seu tempo queira escribirse.

E non só é Luís, grazas a ese libro citado, á edición facsímile que fixo con Xabier Camba dos xornais cambadeses El Umia e El Cometa (2001), á súa peza teatral Camiño longo (2004) representada pola compañía Teatro do Aquí que fundara Roberto Vidal Bolaño, a varios traballos seus publicados en prestixiosas revistas como Cuadrante, Casa da Gramática, Grial ou A Trabe de Ouro, “máxima autoridade” no coñecemento da vida e da obra do autor de No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. Non, aínda hai máis.

No inverno de 2021, confabulado quen vos fala con outro grande amigo e camarada de Luís, Antón Mascato e coa súa produtora/selo editorial Lobisome, contando co xeneroso epílogo de Fernández Rei e coa axuda, de novo, do Concello cambadés mercé ao seu concelleiro Tino Cordal, tiramos do prelo unha edición da biografía do líder agrarista Basilio Álvarez que Luís estaba a elaborar cando veu a morte arrebatárnolo. Unha biografía que, incompleta e todo, agora editada co título de Basiliana, coloca novamente o nome de Luís entre as referencias bibliográficas fundamentais para toda persoa interesada en coñecer con rigor a situación económica, social, política, literaria e cultural da Galiza das primeiras décadas do século XX.

Ocórreseme pensar no significativo que resulta para coñecer a ética rexa (alguén dixo “rabuda”, e non lle faltaba algunha razón) coa que Luís se desenvolveu durante toda a súa vida, o feito de que un dos anacos discursivos do abade de Beiro que máis admiraba, ata o punto de sabelo de memoria e recitalo cando a ocasión era propicia, diga literalmente, no castelán orixinario: “El día que me veáis claudicar, fusiladme por la espalda. ¡Viva Galicia redimida!”. Valería como lema da vida do propio Luís, abofé.

Sabela Rei intervindo na homenaxe
a seu pai. Fotografía de Paco de Xenxa

Outra entidade, Culturmar, a Federación Galega pola cultura Marítima e Fluvial, rendeu tamén homenaxe a Luís editando en 2020, en plena pandemia da COVID, un volume co título de Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima, en edición preparada polo académico da Galega Francisco Fernández Rei e por quen agora vos está a falar.

Nese volume aparecen reunidos multitude de artigos, ensaios, propostas de traballo, proxectos expositivos, entrevistas, fotografías e moitos outros materiais de diverso xorne que deixan patente, para quen queira velo, que Luís é un dos nomes máis relevantes, por non dicir imprescindíbeis, á hora de entender como Galiza é desde o ano de 1993 en que botou a andar a amentada Federación un dos lugares de Europa onde o movemento pola recuperación, estudo e divulgación da cultura marítima, cos seus barcos e aparellos tradicionais, coa memoria das súas xentes e traballos, coa catalogación do seu patrimonio material e inmaterial, etc. está máis e vivo e ten máis forza que en ningures.

Efectivamente, se nas rías galegas de hoxe en día vemos acotío a fasquía viva e navegante de ghamelas, chalanas, botes, bucetas, dornas, dornas-mecas, lanchas xeiteiras, racús, ghaleóns, traiñeiras ou balandros e se en moitos dos portos do país atopamos entidades e colectivos que traballan diariamente no mantemento, estudo, exaltación e divulgación desa cultura mariñeira tan de noso, chámense Amigos da Dorna Meca en Ogrove, Piueiro na Guarda, Os Galos en Bueu, Dorna na Illa de Arousa, A Reiboa en Poio, Mar de Muros, Patexeiros  en Oleiros e un longo etcétera, en parte, en boa parte, débese sen lugar a dúbidas ao traballo organizativo e ao esforzo divulgativo e reivindicativo ben orientado que realizou Luís, canda outras moitas persoas xaora, ao longo de varios lustros.

Unhas veces como membro do Colectivo Etnográfico Mascato (canda Lino Lema, Lola Varela, Dionísio Pereira e o debuxante Pepe Gondar, entre outros), outras veces como director da revista Ardentía e colaborador do boletín O Apupo e outras aínda como directivo da propia Culturmar, o Luís non parou de argallar actividades que redundasen na posta en valor dun patrimonio material e inmaterial, “de vento e de sal”, que está na raíz máis xenuína do pobo que somos.

Deseñou paneis e dípticos divulgativos. Ideou e foi comisario de exposicións e pavillóns para que a presenza dos barcos da Galiza tivese verdadeiro impacto en citas internacionais como as que se celebraron nos portos bretóns de Douarnenez (2004) e Brest (2008). Levou o peso da organización do Encontro de Embarcacións Tradicionais en Cambados en 2005 e puxo o seu experto quiñón en moitos outros Encontros. Escribiu numerosos artigos (ben lembraredes os que deitaba con grandes doses de humor e sabedoría popular local na revista Sustansia ou os que publicaba nos suplementos comarcais arousáns do diario Faro de Vigo, por citar algúns exemplos). Colaborou no volume Tendendo cabos (2007), editado polo Museo do Mar de Vigo. Deu conferencias en incontábeis localidades e para entidades de toda índole sobre historia mariñeira, tipos de embarcacións, patrimonio ribeirán construído, actividades marisqueiras, industria conserveira, o mar como espazo para o lecer.... Coordinou os traballos para a realización polo Etnográfico Mascato desa pequena enciclopedia do mar galego que foi a Axenda do Mar 2008. E un longo etcétera

Visionade, se tedes ocasión, o documental Cadernas da historia. Arte e oficio da dorna, de Vítor Gallego e Bruno Ordóñez, e veredes nel a Luís, nas instalacións museísticas de Punta Moreiras, non por casualidade, despregando todo o seu saber, todo o seu entusiasmo e todo o seu lexítimo orgullo de estirpe familiar á hora de falar da dorna-meca, a embarcación emblemática deste mar que nos anaina co seu abalo, nos alimenta co seu peixe e nos namora co seu azul.

E, se non se toma como fachenda pola parte que nos toca no asunto, aínda deberíamos mencionar hoxe aquí que o Consello da Cultura Galega, unha das máis altas institucións culturais do país, fíxonos en datas recentes a encarga de elaborar a entrada sobre Luís para o chamado “Álbum de Galicia”, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos e que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. Tal encarga é unha mostra máis, por se fixese falta, da relevancia e da repercusión prestixiosa acadada polo traballo de Luís e cando esa entrada no “Álbum” se publique, a vila de Ogrove terá outro motivo máis para presumir.

Non pode admirar, xa que logo, que veñamos render homenaxe hoxe aquí ao fillo de Ricardo Rey Naveiro (mariñeiro nos xélidos caladoiros de Terranova e Groenlandia, mariño logo na mercante holandesa e alemá e mariñeiro finalmente da frota de baixura meca) e mais da señora Esther Núñez Barral (traballadora da conserva primeiro en Rons e logo na de Escuredo en Meloxo, tendeira-taberneira en Terra de Porto). Ao sobriño da admirada Tía Pastora e ao irmán do entrañábel e sempre inquedo e ocorrente Javier. Ao pai das queridísimas Sabela e Sara, dúas papoulas sempre florecentes no seu corazón vivo. Ao marido sucesivo de Loli e de Rosa Reboredo, que compartiron con el na travesía da vida as xornadas co vento de popa e os días de temporal. Ao avó de Daniel, ese meniño galaico-britano de rasa que sabe desde o minuto cero do seu existir que persoa fóra do común foi o seu devanceiro...

Evocamos, louvamos e queremos con orgullo indestrutíbel ese Luís meniño admirador do forzudo Taurus dos cómics de El Jabato. O Luís que comeu un mundo de bocadillos de pataghillón e gharreou todo o que lle deixaron co señoritismo cambadés cando estudante do seu instituto. Ese Luís que nunca caeu enfermo do “mal de Holanda” e que odiou con toda a forza da súa adolescencia os xeitos dunha ditadura que se resistía a morrer matando, torturando, reprimindo e batendo. O Luís mociño, O Trosko de chata, que quixo facer a “revolusión permanente” para varrer a roña de tantas inxustizas que había e hai no mundo que non se curan con resignación nin pasividade. O Luís concelleiro da oposición, que, axudado por Manolo Mascato, por Xesús Mª, por Xosé Manuel, por Lina, por Carlos, por Anselmo e por tantos outros e outras que me desculparán que non cite, confrontou con humor e dureza dialéctica a partes iguais durante varias lexislaturas os proxectos e as medidas que se poñían enriba da mesa para facer, en derradeira instancia, como moi ben dixo hai un anaco o propio Anselmo falando do sentido da política, un Ogrove mellor, unha Galiza mellor, un Mundo mellor.

Ese Luís, e tantos outros Luís que moitos dos aquí presentes coñecestes e levades no corazón e na memoria para sempre, merece sen lugar a dúbidas e sen máis demora das xentes todas de Ogrove e, sobre todo, das institucións que as representan un recoñecemento que estea á altura do valor do seu traballo, da transcendencia das súas realizacións e da xenerosidade ilimitada da súa entrega.

Mais o certo é que, a día de hoxe, ningún edificio, ningunha xornada ou congreso, ningunha rúa, ningunha placa, ningún evento, ningún certame de investigación, ningún elemento artístico no espazo público, ningún recinto museístico ou cultural, nada, nada, nada, como non sexa o seu recordo perenne nos corazóns de moitísimos mecos e mecas, lembra a quen viñer ata esta península marabillosa que aquí naceu, medrou, amou, viviu, traballou, militou e escribiu Luís Rei. Semellante circunstancia non debe prorrogarse máis, a risco de que caia sobre a vila que el tanto amou e pola que tanto traballou o terríbel ditado de ingrata e sobre as institucións que a representan o dicterio de inxustas e arbitrarias.

Inxustas e arbitrarias, dixen ben, pois, mentres boto en falta o nome de Luís Rei por algures, vexo merecidamente recollidos no rueiro grovense ou denominando algúns dos seus edificios e espazos emblemáticos os nomes de figuras da cultura e da historia nosa como Castelao, Bóveda, Pablo Iglesias e Luís Seoane, ou da intelectualidade grovense de diversas épocas, ideoloxías e perfís como Luís Antonio Mestre, Jaime Solá, o pintor Ernesto Goday, Manuel Lueiro Rey ou Xoaquín Álvarez Corbacho. Sinceramente, non vexo que méritos poden botarse en falta na persoa e na traxectoria de Luís Rei Núñez para non facerlle un sitio digno e acolledor a carón de tan importantes, ilustres e ben lembrados referentes locais.

Sabela e Sara Rei, dúas papoulas a florecer eternamente
no corazón de seu pai. Fotografía de Paco de Xenxa

Así pois, xa case no remate desta miña intervención, atrévome a formular desde a cordialidade e a sinceridade, sen interese oculto ningún, sen dobrez de ningunha caste unha petición, ou se o preferides, un rogo:

Dialogade, representantes do pobo de Ogrove, entidades cívicas, culturais e sociais, concelleiros e concelleiras de toda sigla, sobre o que e sobre e o como render a Luís Rei a homenaxe que merece, como facelo da mellor, máis inclusiva e máis perdurábel das maneiras, e non caia por favor ninguén na tentación de usar e arrebolar o nome de Luís en van para debates e disputas nos que el xa non pode intervir e para contas que non lle corresponde a el saldar, desde o momento en que, ausente fisicamente de entre os vivos e fora da melée da inmediatez, fai parte xa por dereito propio e méritos máis que sobrados do patrimonio de todos os mecos e mecas e camiña na Historia nesa santa compaña laica e inmortal dos que viviron algún día para facer que Galiza como pobo e as raíces de salitre nas que asenta Ogrove non morran nunca.

Como escribiu Antón Mascato en decembro de 2020, na segunda edición dese libriño insubstituíbel titulado Luís Rei. Crónica de traballos e amizades, en palabras que fago totalmente miñas,

Queremos tanto a Luís, deixounos tal baleiro nas vidas compartidas, que non imos permitir que o que marchou co vento permaneza alonxado das memorias, alleo ás vontades, porque non estamos dispoñibles para que vire en baldío, ermo, o territorio de quen practicou coma ninguén o cooperativismo social e cultural, o traballo político comunitario, as amizades, a entrega xenerosa aos demais.

Remato xa.

Que de hoxe nun ano, poidamos volvernos a xuntar arredor da figura de Luís Rei coa certeza de que as institucións mecas, co respaldo cordial do seu pobo, souberon encontrar a fórmula máis acaída e con apoio unánime para que o nome do noso admirado amigo sexa un referente visíbel máis desta sociedade e para que o seu recordo brille na memoria colectiva con toda a forza da que é merecente quen se converteu nun imprescindíbel “farol perpetuo na néboa”.

Mentres ese día chega, unha aperta fraterna para todos os que vos sentides apelados e convocados coma min por este acto de homenaxe a Luís e para el, que andará a navegar imaxino, plácido e feliz, por algún remoto mar do alén, un rendido e eterno saúdo de amizade: Saúde e Terra sempre, camarada!






sábado, 12 de marzo de 2022

Presentación dunha monografía sobre o poeta viveirense decimonónico Luís Sipos Magniac

 


O vindeiro sábado 19 de marzo, a partir das 20 horas, terá lugar na libraría “Nobel” de Viveiro (antiga “Porta da Vila”) o acto de presentación do libro Del pobre cantor oscuro. O poeta viveirense Luís Sipos Magniac (1845-1879), do que é autor o catedrático de ensino medio, escritor e ensaísta Emilio Xosé Ínsua.

Nese acto intervirán, ademais do propio autor da obra, o fotógrafo, mestre xubilado e poeta Jaime Oroza, autor de libros como Dende mañá (2013) e Soños como xógaras (2017), e o impresor Juan Carlos Neira.

Trátase do segundo volume da “Biblioteca Emilio Antonio Ínsua García de Estudos Viveirenses”, unha iniciativa posta en marcha no pasado 2018 cunha obra sobre o tamén poeta local Xoán Pla Zubiri.

Nesta ocasión o traballo ocúpase da traxectoria dun poeta que practicamente só tiña asomado con anterioridade ás páxinas de historia literaria pola polémica que suscitou no seu día a cuestión da súa verdadeira orixe, ferrolá para uns, viveirense para os que, finalmente, demostraron ter a razón do seu lado.

A monografía reconstrúe con detalle, ata onde foi posible, a breve biografía do poeta Luís Sipos, estudante nas Escolas de Comercio de A Coruña e Madrid, celador-escribán no porto de Viveiro e funcionario do Ministerio de Facenda na capital hispana. Antes de morrer na flor da vida, cando aínda non cumprira os 35 anos, logrou non obstante despuntar co seu talento nos círculos literarios da citada capital, cun tipo de poesía no que resultan palpables os influxos do alemán Heine, do asturiano Campoamor e, sobre todo, do sevillano Gustavo Adolfo Bécquer.

Para facer máis intelixible ese devir biográfico do poeta, a monografía achega abundante información sobre o contexto histórico, económico e cultural do Viveiro en que naceu e no que transcorreu a súa primeira mocidade.

Tamén se deita atención na obra ao contexto literario galego e hispano da época, para encadrar o poeta Sipos na corrente das letras hispanas habitualmente denominada Post-Romantismo e remarcar a súa total ausencia dos círculos e xornais afectos ao Rexurdimento.

A monografía escrita por Ínsua ofrece, por último, un total de corenta das súas composicións, todas elas en castelán e publicadas no seu momento en revistas como o Almanaque de Soto Freire, La Ilustración Española y Americana, La Moda Elegante, El Bazar e El Telégrama, e xa postumamente, na primeira época do semanario Heraldo de Vivero.

Dado que a edición do volume ten carácter non venal, o público asistente á presentación será agasallado cun exemplar da obra. Con posterioridade tamén se poderán retirar na propia Libraría Nobel e mais en Gráficas Neira Brochs.