eu

eu
eu

venres, 9 de setembro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (II)

Músicos da Banda de Exploradores de Viveiro, que fundou e dirixiu desde 1916 Juan Latorre Capón

O contributo da música relixiosa, heráldica e militar

Falamos na primeira entrega deste traballo da vertente folclórica e popular da música en Viveiro, salientando algunhas figuras e grupos referenciais e aludindo a algúns dos cancioneiros e recollidas que a conservan. Falaremos nesta segunda entrega do contributo esencial que a música relixiosa e a heráldica supuxeron para a nosa tradición.

A música solemnizou desde moi antigo os cultos e oficios relixiosos nas catro igrexas da Vila (a de Santa María, a de San Francisco e as desaparecidas de Santiago e Santo Domingos) e marcou, así mesmo, as horas do vivir comunitario (desde os maitines ata as completas) dos seus catro conventos, dous deles masculinos, San Francisco e Santo Domingos, ambos desaparecidos, e dous femininos, Concepcionistas e Valdeflores, que chegan aos nosos días.

Estivo presente, xaora, nas celebracións da Semana Santa, con motetes cantados por José Pla Zubiri ou José Nistal desde algúns balcóns no propio pecorrido das procesións nos comezos do século XX; con cornetín e tambor na madrugada do Venres Santo para anunciar o Encontro; con bandas de música interpretando marchas procesionais; e, desde hai uns anos, con concertos de música sacra dentro do programa “Adral” desenvolvido pola Xunta de Confrarías. A Banda de Cornetas e Tambores da TAU, fundada a finais dos anos 70 por Manolo do Paraño e dirixida actualmente por Pacucho, antigo batería dos “Dominantes” e da “Paradise”, e a Banda Naval de Tambores, Cornetas e Gaitas do Casino de Viveiro, creada en 2002, resultan elementos imprescindíbeis nos desfiles procesionais da Semana Santa.

Cantos litúrxicos de toda índole (Kiries, Glorias, Aleluias...), misas cantadas e responsos fúnebres foron interpretados durante séculos nos claustros e nos templos viveirenses por freires e freiras e por sacerdotes educados en Mondoñedo na prestixiosa capela musical da súa catedral, descrita na revista Estudios Mindonienses polo profesor Enrique Cal Pardo, a quen acabamos de perder infelizmente en datas recentes. O pobo participaba musicalmente nesas cerimonias relixiosas sobre todo nas misas do Nadal, como a do Galo, con vilancicos tradicionais que non renegaban da lingua galega e mais nos fatos de cativos que saían polas rúas a cantaren os “Reises” e pediren o aguinaldo.

A presenza do órgano como instrumento para acompañar o ceremonial relixioso do Viveiro antigo está ben documentada, pois sábese que os dragóns franceses fixeron leña do órgano de San Francisco durante a ocupación da Vila en 1809 e que os dominicos, despois dunha primeira exclaustración forzosa durante o Trienio Liberal, solemnizaron o seu regreso ao convento a carón da Porta da Vila o 24 de setembro de 1823 cunha procesión acompañada do son solemne dese instrumento. Esa presenza do órgano ten o seu reflexo, ademais, no primeiro libro que tratou da historia da nosa vila, o Bosquejo histórico, político y religioso del Antiguo Reino de Galicia, publicado por Jacobo Araújo en Pontevedra en 1854. Nesa obra lemos (páx. 107) que a igrexa de San Francisco

posee también el cuarto completo de un órgano con varios tonos, servido con bastante gusto por un organista que reúne además la circunstancia de una voz esbelta y agraciada, que le acompaña en sus solemnidades”.

Patricia Rejas Suárez catalogou e editou recentemente o repertorio musical existente no arquivo do mosteiro de Valdeflores e Clara Rodríguez Núñez (El monasterio de Valdeflores de Viveiro, Ferrol, p. 472.) informounos do nome dalgunha das monxas organistas que exerceron nel, como Micaela de Lemos (1710), e do estatus diferenciado de que gozaba dentro da comunidade conventual, pois

era la única religiosa de coro que podía ingresar sin dote en la comunidad, dado que su trabajo era retribuido por el Estado. Debía dar una hora diaria de clase de canto a todas las novicias y monjas con menos de cuatro años de profesión, debiendo instruirlas musicalmente para su participación en el culto divino".

Órgano da igrexa de San Francisco de Viveiro
Durante o século XVIII foron recompensados economicamente por tocaren o órgano en San Francisco de Viveiro Domingo Pernas (1724) e Frei Luís Fernández de la Peña (1753-75) e en 1788 renovouse o instrumento no convento de Valdeflores. 

A música fixo parte imprescindíbel, xunto coas danzas gremiais e os correspondentes lábaros ou estandartes, da procesión do Corpus, noutrora o evento colectivo máis relevante da Vila. Na súa comitiva participaban os distintos gremios existentes (mareantes, zapateiros, ferreiros, carpinteiros, xastres...), moitas veces pouco ben levados en cuestións de protocolo e a música púñana, segundo informaba Noya González en El Eco de Vivero, referíndose ao Corpus de 1827, gaiteiros e tamborileiros como Francisco Rodríguez e Benito López, ambos da Vila; Francisco Rocha, de Landrove; Rafael Pérez, de Covas; Antonio Leal, de Vieiro e algúns outros máis.

Nesta mesma perspectiva cabe sinalar o relevante papel xogado na tradición musical viveiresa polos coros parroquiais. En 1913, o de Santa María estaba formado por Teodomira Peña, Consuelo Lorenzo, Águeda Vizoso, Pilar Cotilla, Dolores Otero e Rosario Fernández Sampedro, acompañadas ao harmonium por Luísa Lage. En épocas recentes destacaron coros parroquiais como os de Dona Herminia Salas e Vicente Casas, en San Francisco, e o de Lolita Girón, en Santa María. Salientaremos entre os solistas destas agrupacións a Saleta Couceiro Ínsua e a Nina Gómez Meitín, entre as sopranos, e a José Luís Rivera, entre os tenores, sen menoscabo doutras boas voces que fican hoxe no tinteiro.

A capela coral das irmás Concepcionistas cantou na inauguración en 1925 da réplica da cova de Lourdes, baixo a dirección do sacerdote José Pérez Barreiro, e as irmás Dominicas de Valdeflores gravaron en 1981 unha cassete con himnos litúrxicos arranxados por María del Carmen Villar, co título de Nacidos de la luz.

E aínda debemos amentar, nesta orde de cousas, a achega da grande escritora Luz Pozo Garza co seu himno eucarístico “Gloria al divino cordero”, musicado por Antonio Amigo, para o 2º Congreso Eucarístico Comarcal de maio de 1961, que tivo lugar na cidade do Landro: “Gloria al divino cordero / cantemos llenos de amor. / Que en la ciudad de Vivero / reine por siempre el Señor”. Cómpre referir que o feito de que o entón alcalde, Francisco Vázquez Ramudo, non tivese en conta máis opcións poéticas que a da súa entón esposa para dotar de himno ese Congreso Eucarístico causou o desagrado do sacerdote Tomás Moar y Garazo, que desexaba candidatar un poema da súa autoría a tal fin. Ese poema recolleríao posteriormente no volume Desahogos del alma.

Por outra banda, a música deulle pompa e ornato, asemade, aos desfiles cívicos das autoridades en todo tempo, por medio das chamadas “fanfarrias” heráldicas no pasado ou coa banda de música en tempos máis recentes.

Cando se fixo en novembro de 1843 a proclamación da maioría de idade de Isabel II, defendida ardentemente por Nicomedes Pastor Díaz fronte ao xeneral Espartero, houbo en Viveiro pasarrúas de gaiteiros e un pequeno grupo de instrumentistas interpretou na Praza a Marcha Real e outras pezas. Segundo a crónica que ofreceu o xornal coruñés El Centinela de Galicia (27-I-1843),

en la plaza, los estallidos de innumerables y vistosos cohetes alternaba con la música, que colocada en un tablado o tribuna, recreaba el oido y brindaba al pueblo a bailar y solazarse".

Do mesmo xeito, en setembro de 1923, solemnizando os actos do traslado dos restos mortais de Pastor Díaz desde Madrid a Viveiro, actuou unha banda militar que interpretou na Praza diante da estatua do noso poeta o “himno galego” no mesmo día en que o xeneral Miguel Primo de Rivera estaba a implantar a súa ditadura...

Tamén a música acompañou determinadas actividades educativo-ecoloxistas impulsadas nos anos 10 do século XX polo mestre Luís Tobío Campos, como a Festa da Árbore, que ademais de incluír unha plantación na Furada dos Asnos, implicaba o canto do himno composto ad hoc polo poeta Sinesio Delgado con música de Chapí, que comezaba: “Cantemos al árbol / que voy a plantar. / Si Dios lo protege / del rayo y del viento / salud y riqueza dará”.

A presenza de bandas militares ou paramilitares na nosa Vila tivo motivacións diversas. Ás veces respondeu ao feito de Viveiro carecer en determinados períodos de banda de música municipal de seu. Nese contexto explícase a visita de bandas militares vidas de Ferrol, Coruña ou Compostela e o propio nacemento da Banda de Exploradores de Latorre Capón en 1916. Mais outras tivo algo que ver, non debe negarse, co clima militarista que dominaba o ambiente da inmediata posguerra franquista. Esa atmosfera ideolóxica e social explica a aparición da banda dos Flechas Navales, en 1944, sobre a que ten escrito interesantes artigos J. L. Moar. Impulsada polo comandante de Marina Luís Cebreiro, participou en todo tipo de desfiles e procesións, sendo axiña bautizada co nome do Almirante Chicarro.

Rexistramos, no mesmo sentido, a presenza de bandas militares de Lugo (rexemento de San Fernando) ou Ferrol (Infantería de Marina) para amenizaren as xornadas festivas ou solemnizaren determinados eventos oficiais e relixiosos no período de preguerra. Na posguerra trouxéronse tamén a banda do rexemento de infantería Isabel a Católica da Coruña (1950) e a do rexemento de Zaragoza nº 30, de Compostela (1955).

martes, 23 de agosto de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (I)

O acervo folclórico popular e a música de raíz

O pasado mércores día 3 de agosto de 2016 inaugurouse nos locais do Conservatorio de Viveiro a exposición “Musiqueando. Unha ollada retrospectiva ao acervo musical viveirés”, froito do traballo de recompilación de Antonio Navarrete. Tivemos a honra de participar no acto inaugural desa exposición cunha necesariamente breve disertación sobre as múltiplas vertentes da tradición musical de Viveiro. Queremos compartir  aquí un texto, que publicamos orixinariamente no Heraldo de Vivero, en que nos debruzamos con algún pormenor sobre ese mesmo tema.

Unha das moitas cualidades que adornan Viveiro como colectividade ao longo da súa historia é, sen lugar a dúbidas, o seu acendrado amor pola música. A presenza constante desta faceta cultural alimentou a existencia na nosa vila de numerosas agrupacións musicais de todo tipo: gaiteiros solistas e grupos de gaitas, rondallas, comparsas e murgas de antroido, coros, corais e orfeóns, orquestras de pulso e puga, bandas de música, charangas, orquestras e conxuntos músico-vocálicos, cantautores...

No discorrer cotián da vila do Landrove ao longo dos séculos, a música cumpriu, efectivamente, numerosas e variadas funcións, que a fixeron parte esencial e insubstituíbel da súa vida social.

En primeirísimo lugar, a música acompañou desde tempo inmemorial os ingratos traballos e o vivir esforzado das humildes xentes do agro e da ribeira para facelos algo máis levadeiros, creando así o tesouro do noso folclore popular, recollido en parte en Cancioneiros como os de José Pérez Ballesteros, a finais do século XIX, Bal y Gay e Eduardo Torner, nos anos 20 do pasado século e Dorothé Schubart e Antón Santamarina, nos finais do século XX, respectivamente.

No segundo destes cancioneiros citados, por exemplo, hai dúas ducias de pezas recollidas na Terra de Viveiro, entre as que figuran estas dúas:

“Eu ben vin, virirín,
estar un corvororó
na pola dun castiñeiro,
cunha subela na mao, marramiau,
deprendendo a zapateiro”

*
“Pasei a ponte da vila,
paseina de madrugada.
Topei un anillo d'ouro:
é pra ti, miña namorada”

En 1992, a filóloga Salomé Díaz Muñiz fixo para o Arquivo Sonoro de Galicia unha nutrida recolleita folclórica no Centro de Servizos Sociais de Viveiro, valéndose de nada menos que corenta persoas informantes. Con refráns, adiviñas, coplas, romances, vilancicos, cancións infantís, cantares de cego, nanas, ensalmos curativos, fórmulas oracionais, contos, etc. resulta o repertorio máis completo de folclore viveirés vivo do que temos constancia e contén pezas simpáticas, picarescas e mesmo un algo irreverentes, como estas que nos resistimos a non citar:

“Padre Nuestro capuchín
fun ó ceo e volvín,
encontrei a meu padriño
cargadiño de touciño
e pedinlle un cachiño,
deume con el no fuciño.
Pasei por un carreiro torto
e encontrei un carneiro morto
e víronme os ladrós
e arrancáronme os collós”.
*
“Cando o Ruso toca a gaita
con tamboril e roncón,
as rapaciñas de Bravos
acarreiran pa o balcón”.
*
“- Viveiriño, Viveiriño
con tódolos seus arredores.
- Non me chames Viveiriño,
chámame xardín de flores”.

Entre as moitas manifestacións dese tesouro de música folclórica cómpre sinalar especialmente dúas: as chamadas “parrandas mariñeiras”, de especial celebración no porto de San Cibrao polo San Andrés (patrón das xentes do mar en moitos portos galegos antes de que se instaurase o padroado oficial da Virxe do Carme, en 1903) e os “Maios”.

Conta Lois Tobío nas súas Décadas (p. 29) que nos tempos do Seminario de Estudos Galegos, o seu amigo Filgueira Valverde quedou moi impresionado coa melodía do “maio” de Viveiro (“Maio, maio, / entra de crego /, non revolvas o tempo / xurando. Maio, maio, / na cruz da Mariña. / Bótennolo maio, / señores caballeros, / se non teñen maio / bótennos diñeiro. / Aí vén o Maio / pola calle do Sol, / aí vén o maio / de roubar a Valledor....”), que lle recordaba o derradeiro movemento da novena sinfonía de Beethoven, e que certo día, durante unha misa maior en Compostela, Tobío e Filgueira escoitárono interpretado polo órgano da catedral, “ennobrecido pola arte, solemne e grandioso”.
Chumín de Céltigos
Nesta mesma perspectiva cómpre situar a figura do gaiteiro Chumín de Céltigos (Juan Gómez de Andrade, natural das Negradas-O Vicedo, 1823-1911), retratada por Antón Villar Ponte en varios artigos e poemas e por Xoán Pla Zubiri, Ramón Canosa e Chao Espina en prosa; a de Rosario, a cega do violín, evocada por Tobío nas súas Décadas (p. 49) e a de Emilio Caxete Lamelas (O Rabeno), cantor popular irrepetíbel, cheo de enxeño e graza non exenta de crítica, do Viveiro das primeiras décadas do século XX. Con aire de habaneira compuxo en 1926, como recolleu José Nistal Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi (p. 159) as famosas estrofas:

“-Plaza de Abastos:
que vas facer?
- Vou poñer puestos
para vender.
O primeiro puesto ha de ser
para Antonia d'a Paraña,
que ten un barco na Coruña
cargado de tela... de araña”.

Ben coñecida é a rivalidade que enfrontou no seu tempo Chumín de Céltigos co famoso gaiteiro de Ventosela (Xoán Míguez González, 1847-1912), a quen o das Negradas descualificaría en mordaces versos de copla (“Ventosela… Ventosela… / moita chavería na canaveira…”) por empregar chaves de clarinete na gaita para conseguir interpretar así os bemoles e sostenidos

“Os Trintas” de Trives, dirixidos por Ricardo Courtier, visitan Viveiro no verao de 1907. Ao seu exemplo nacerá o cuarteto local “Os Montes” (inicialmente barallaron chamarse “Os Corentas en bastos”, por darlle irónica réplica ao nome dos triveses...). Estaba formado por Antón da Costa (Antonio Soto), Salaverri, Juan Latorre e Eugenio González (o Madono). En 1908 viaxaron a Cuba e animaron na colonia viveiresa emigrada na Illa o espírito que levaría pouco despois á fundación da sociedade de instrución “Vivero y su Comarca”.

Máximo representante da música tradicional galega en Viveiro nos mouros anos do franquismo foi o quinteto “Brisas do Landro” (de Ramón Bermúdez Fernández, “Pepe Randa”, e os seus fillos Pepe, Rasputín, Moncho, Gilberto e César), número musical imprescindíbel da romaría do Naseiro e das festas patronais durante varios lustros.

Falando de Naseiro, é ben coñecido que grupos de gaitas como “Os Montes” de Lugo, “Os Rosales” de Rianxo e “Os Campaneiros” de Vilagarcía de Arousa encheron de música tradicional a romaría nos anos 50, 60 e 70, na compaña do grupo local xa citado dos Pepe Randa.

José Travieso Quelle, "Jotraque"
Do xornalista e compositor viveirense José Travieso Quelle é a autoría dunha peza, “Catro vellos mariñeiros”, que xa fai parte por dereito propio do acervo das cancións populares galegas máis cantadas e coñecidas de todos os tempos. 

A agrupación “Bágoas da Terra” promoveu durante anos unha Mostra Folklórica Internacional que trouxo a Viveiro bailes e músicas de todas as latitudes. 

Na actualidade, o noutrora fundador do grupo de gaiteiros “Nova Semente” Javier Pena Louzao (Bossa) e o director da escola de música “O son do Sor” do Barqueiro, David Bellas, fan virtuosismo coa gaita, o noso instrumento tradicional máis emblemático.

Inscrito no movemento da “nova canción galega” que espertou á calor da loita antifranquista a finais dos 60 e durante os anos 70 está o viveirense Jei Noguerol (Xosé Antonio González Noguerol), con discos como “Denantes dos vinte anos” (1976), “Cantigas de Fradería” (1978) e “Lúa nova” (1997) e temas como o celebérrimo “Señor Ministro, por favor”, “Cabaleiros” e “Polo Atlántico Norte”.

 
No seu ronsel cabe citar o grupo “Xistra”, formado por Caxete, Atadell e Andrés, que musicou poemas de Noriega Varela, Bernardino Graña, Celso Emilio Ferreiro e Rosalía, entre outros, e gañou en 1982 o Festival da Música Galega en Vigo e en 1984 e 1986 o certame musical de Bergantiños. Editou nos anos 90 a cassete Xurdindo do mar, en que aparecen dous dos seus temas máis fermosos, ao noso humilde parecer: “Temporal” e “Os velliños de Celeiro”. O seu segundo e derradeiro disco titulouse Mistura na ialba (1993).

luns, 8 de agosto de 2016

No primeiro cabodano de Luís Rei. Pequeno caderno de poesías

Luís Rei no VII Encontro de Embarcacións Tradicionais, Cambados 2005. Fotografía de Isabel G. Avión.
Na madrugada do 10 de agosto de 2015 morría no Hospital Provincial de Pontevedra, vítima dun cancro e tras anos de combate, o noso inmenso amigo Luís Rei. 

A piques de cumprirse o primeiro aniversario deste doloroso feito, quero dar a coñecer e compartir neste caderno de bitácora un pequeno monllo de poemas que escribín naqueles aciagos días, presentindo primeiro a perda e sufríndoa logo en toda a súa dureza.

Este mércores 10 de agosto de 2016, a iso do mediodía, depositarei na tumba de Luís no cemiterio de Ogrove, na compaña dos meus, un ramiño de flores vermellas, para que saiba que a vida e a loita continúan coa súa presenza imborrábel enchéndonos o recordo.


PARA LUÍS REI
(22.4.2015)


Por se non cho digo antes de que marches
ou por se o deixo sen dicer antes de irme eu
déixoche isto escrito, coa miña sinatura máis firme:

Fixéchesme saber, medrar, rir.
Déchesme alento, forza, consello.
Sentinte amigo, irmán sempre.
Naveguei nos mares da vida ás veces
sentindo a túa man firme no temón
a túa voz na alta noite soidosa
o teu apupo entre os neboeiros.

Déboche mil apertas fraternas
e mil vasos compartidos de viño irmandiño
para brindarmos por este anaco
minúsculo da Historia con maiúscula
que fixemos xuntos,
camaradamente obreiros
dese mundo mellor, máis libre e xusto
que terá de vir axiña
para que o gocen
os netos dos nosos fillos
e os fillos dos nosos netos,
en eterna lembranza
deses seus devanceiros loitadores
que fomos nós
unidos pola caricia da brisa donda
nas tardes do verán cambadés
e polo incendio
das nosas raíces de salitre unidas
que xa arden para sempre
nos nosos corazóns
como os versos de Cabanillas,
tamén eternos.



LUÍS A MORRER
(4.8.2015)


Polo teléfono
entrégasme
a túa despedida.

Sen poder conter o pranto
unha aperta oceánica
viaxa polo éter
atoutiñando.

Sangran os recordos
agolpados no valado
en que a túa vida
rompe definitivamente
o fío invisíbel.

Noto o inmenso afecto
que che teño
derreténdose en bágoas
desconsoladas


CON LUÍS, NO HOSPITAL (I)
(5.8.2015)


Sei que me aferro
a un imposíbel;
para soster esta esperanza
peco mil veces de inxenuo,
mais, ¿como asumir, se non,
a inmensidade do vacío que axexa,
a soidade fraterna
infinita e dura
que me agarda, famenta,
cando xa non esteas?


CON LUÍS, NO HOSPITAL (II)
(6.8.2016)


Abandono o cuarto do hospital
que acolle a túa conta atrás definitiva.

Entro no ascensor rodeado de xente anónima
que moula tamén en silencio
as súas propias angurias.

Saio á rúa na tarde
incendiada de luz
deste día de verán pontevedrés

(as nubes silandeiras,
as verdes árbores ao lonxe,
as augas mansas do Lérez
camiño do solpor)

e sinto como unha labazada
toda esta beleza
que axiña non verás xa máis.


CON LUÍS, NO HOSPITAL (III)
(7.8.2016)


As horas
teñen estes días
paso de boi mancado
e os minutos
destilan
silenciosos
e tensos
un elixir
de desolación
implacábel.



CON LUÍS, NO HOSPITAL (IV)
(8.8.2016)

 Veña esa aperta última, camarada,
rompamos a gaiola da sedación
e brindemos pola vida que gastamos xuntos,
mártires anónimos
de todas as boas causas
que nos fixeron
- a ti ben máis cá min -
dos imprescindíbeis.


CON LUÍS, NO HOSPITAL (V)
(9.8.2016)


O mal dinamita
as pontes da vida
e as forzas foxen
consumidas na batalla
xa decidida.

Neste cuarto de hospital
a conta atrás,
imparábel, impávida,
arrásame a alma.

 
Fotografía de Luís Rei feita por José Luíz Oubiña
MORREU LUÍS
(10.8.2015)

Agora a túa morte é certa
e por iso sinto ferido con saña
este meu peito desolado
ata a extenuación.

Prezado amigo, meu irmán:
Que só me deixas!
Canto botarei de menos
poder parolar e loitar canda ti
nos anos que me queden de vida!


NO ENTERRO DE LUÍS
(11.8.2016)


Todo o meu ser
é agora unha inmensa chama
onde arde o salitre da vida
e se amorea a cinza
de tantas batallas perdidas
que pagou a pena dar
canda ti, irmán.



Manolo Busto, Luís Rei e o autor deste caderno, celebrando a amizade.