eu

eu
eu

domingo, 22 de xuño de 2014

O MAR NA LITERATURA GALEGA

Noticia dun océano fecundo por explorar


Resulta xa un tópico sinalar a relativa escaseza de mar nas nosas letras, ou o que é o mesmo, o peso esmagador do rural na construción literaria da "imago" do país. Mais todo é relativo. Querendo e dedicando horas a navegar ou mergullarse polos océanos da bibliografía e da hemerografía, un atopa moitísimo máis mar presente no corpus literario galego do que o tópico proclama. As liñas que seguen pretenden ser, humildemente e coas inevitábeis omisións involuntarias, mapa das postas descubertas ou cartografía dunha travesía posíbel para quen quixer faenar no futuro en tan rico, produtivo, plural e apaixonante caladoiro.

Mar e cantigas no Medievo

Esa xoia da cultura universal que son as cantigas medievais galego-portuguesas non deixan de empregar o mar ou algún dos seus elementos como escenario, símbolo ou metáfora de sentimentos. Hai, de feito, entre as cantigas de amigo, dous subxéneros, o de "romaría" e a "barcarola", que dificilmente poden comprenderse sen ter en conta esa presenza mareira: velaí están as confidentes ondas do mar de Vigo interrogadas sobre o paradoiro do amigo nas cantigas de Martin Códax (B 1278, 1280, 1282, 1284...); as barcas novas que mandou labrar e deitar no mar o rei portugués nas cantigas de Joám Zorro (B1151, 1153, 1157...); as barcas que a moza namorada da cantiga de Nuno Fernandez Torneol foi ver "eno ler" agardando en van que nelas viñese seu amigo (B 645); o amigo que el-rei "filhou de mar a mar" para desgraza da namorada na cantiga do xogral Lopo (B 1249) ou, mesmamente, as embarcacións da cantiga de Juião Bolseiro (B 1168) que levaron lonxe ao amado ("Nas barcas novas foi-s'o meu amigo d'aqui"). As romaxes cabo da ribeira do mar funcionan ben como pretexto e escenario ideal para o encontro dos amantes ("A la igreja de Vig', u é o mar salido / e verrá i mia madre o meu amigo", indícase na cantiga de Martin Códax - B 1280-; "Irei a lo mar vee-lo meu amigo", dise na de Nuno Porco - B 1127-, "Serei vosqu'en San Mamede do Mar", prométese na de Joán de Cangas - B 1269-), ben como marco, na coñecida composición de Mendinho, para a máis radical das soidades ("cercaron-m'as ondas, que grandes son (...) / morrerei eu, fremosa, no mar maior", B 852).

O mar é tamén destinatario da maldición que lle endereza nunha cantiga Roi Fernández de Santiago (B 903), pois a súa contemplación non fai senón facilitarlle ao poeta a medida exacta da súa cuita e soidade ("maldito sej'el mare, / que mi faz tanto male"). E de medidas vai tamén a cantiga de Paio Gomes Charinho (A 251) en que se declara que maior é a coita de amor que padece o poeta que as coitas que produce o mar todo... O propio trobador rianxeiro, almirante en tempos de Afonso X, pon tamén en boca dunha moza namorada despedidas para o amado embarcado ("as ffroles do meu amigo / briosas van no navyo", B 817), compara o poder e grandeza do amentado rei coa do propio mar ("o mar semella muit'aqueste rei", A 256) e literaturiza o alivio que sente a muller do navegante cando este non ten xa que afrontar máis travesías: "Muy ben é a min, ca (ia) non andarey / triste por vento que veia fazer, / nen por tormenta non ei de perder / o sono (...)" (B 838).

Por outra banda, no cancioneiro satírico é o mar pretexto que Gonzal'Eanes utiliza para burlarse de Pero D'Ambroa (V 1004), a quen xulga fillo dun cazón ou dun bogavante, xa que presumía de afoutado ("non dades ren por tormenta do mar") cando en realidade, ao que parece, non foi quen de ir alén de Mompiller na súa peregrinaxe a Terra Santa por medo aos azares e balanceos da navegación.

O rei Afonso X, que soña nun dos seus poemas ("Nom me posso pagar tanto...") con abandonar as penalidades e agobios do seu posto para navegar en "galeón" ou en "dormon" e ir pola mariña "vendend'azeite e farinha", xa que se paga máis do mar "que de seer cavaleiro / ca eu foí já marinheiro", manda facer cantigas para louvar a Virxe e os seus milagres e nelas non podían faltar historias de perigos corridos no mar, fose o da Bretaña Maior, fose o de Flandres, fose o de Sevilla, fose o Mediterráneo das peregrinaxes a Terra Santa: intentos de asasinato por afogamento (cantigas 5, 193, 287), súpetas subidas da marea (86), caídas accidentais no intre de embarcar (383), trebóns e fogos de San Telmo (36, 112, 172, 267, 313), naufraxios de naves (33, 236, 371), ataques corsarios (95, 264, 271, 379), vías de auga que son taponadas por peixes (339)... Curiosamente, son sempre historias protagonizadas por nobres, damas, romeus e mercaderes, nunca por mariñeiros ou mariscadoras, o que nos permite abesullar con claridade qué clase de clientela interesaba captar con esa extraordinaria obra para as peregrinaxes marianas.

Canto á prosa medieval, de menor orixinalidade e relevo no noso ámbito cá lírica, como é ben sabido, convén non esquecer que mariñeiras son algunhas das grandes fazañas do Ulises de Troia que se recollen nas obras do chamado "ciclo troiano". Moito a ver co mar teñen tamén certos episodios do ciclo "artúrico", como a viaxe de Artur na barca da fada Morgaín, en A demanda do Santo Graal, e mesmo nos Livros de Linhagens se poden encontrar relatos sobre as fantasiosas estirpes mareiras de certas familias aristocráticas, como a alusiva aos Mariño, descendentes dunha serea.

Silencio culto e eclosión popular

Durante os chamados "Séculos Escuros" faltou unha literatura culta escrita na nosa lingua que podía ter dado conta en maior ou menor medida, cos correspondentes formatos renacentista, barroco ou neoclásico, de moitos dinámicas relacionadas co noso mar: a épica dos navegantes transoceánicos galegos, as levas e a brutal deforestación levadas a cabo para arranchar a "Armada Invencible", a peripecia de moitos Ramón Cernadas na Patagonia e noutras áreas do Novo Mundo, a axitación nas Rías contra a "matrícula do mar" e contra o estanco do sal, a participación de galegos nas loitas contra bucaneiros e almirantes da "pérfida Albión" nas rotas marítimas planetarias, a exploración/explotación de novos caladoiros nos xélidos mares do Norte, o devalo de Pontevedra como porto e a eclosión coruñesa na fin do monopolio sevillano ultramarino...

Non dispor de literatura propia neses séculos privounos de referentes simbólicos e condenou ao silencio moita da vida e da enerxía que zumegaban os poros do país. As "Coplas do saqueo de Cangas polos turcos", excepción a isto que dicimos, veñen de ser cuestionadas recentemente na súa autenticidade. Inda ben que Feixóo de Araúxo deu fé das desputas entre pescadores do Miño no seu Entremés famoso... e que, durante o XVIII, os ilustrados comezaron a mirar con arroubo e con afán de superación todo o relativo ás nosas cousas, incluídas as que afectaban ao mar como despensa: velaí Lucas Labrada co seu reconto da capacidade piscatoria e marisqueira do país na Descripción económica... e Xosé Cornide cos seus estudos sobre o faro de Hércules, as súas descricións circunstanciadas das nosas costas, os seus descubrimentos sobre a sardiña e a súa denuncia das novas formas capitalistas, cabe dicir esquilmadoras, que traían consigo os fomentadores cataláns...

Mais o que non deu a desidia ou deserción practicamente masiva das minorías cultas do país a respecto da propia lingua e da identidade comunal, recollémolo na voz da xente anónima, nese tesouro de lírica popular en que abundan os motivos mariñeiros e as expresións de devoción asociadas ás comunidades piscatorias. Cantigas e lendas e contos e ditos polos que desfilan tipos de embarcacións e de ventos, labores e faenas na praia e mar adentro, especies mariñas, climas e predicións, cabos, cons, consellos para o consumo dos froitos do mar, rivalidades entre portos, velas rotas, e os inevitábeis santos e virxes (a da Barca, a da Lanzada, o San Telmo, o San Bertomeu, o Santo André de Teixido... só moi recentemente a do Carme) a quen recorrer na anguria da infertilidade, no instante supremo do naufraxio ou no lance difícil de pasar a Touriñana ou a Marola.

Mar e Rexurdimento

Durante o Rexurdimento, o mar adquire unha presenza moi relevante como motivo poético. Ás veces, coa intención costumista ou social de glosar/denunciar algún aspecto da vida e traballos das xentes da ribeira: así Xoán M. Pintos no poema "Os birbirichos e os birbiricheiros", do seu A gaita gallega, sobre as xentes do Salnés que mariscaban para matar a fame no Serrido cambadés; así o viveirés García Dóriga denunciando a triste vida do mariñeiro ("Sogueirón, vaite pró traiñón"); así Amador Montenegro, o promotor do xornal lugués A Monteira, no seu poema "Os pescadores"; así Rodríguez Seoane relatando en verso un naufraxio nas augas da Lanzada; así, en fin, a Rosalía que retrata nos Cantares a devoción popular e mariñeira á Virxe da Barca:

"Canta xente... canta xente (...)
¡Que lanchas tan ben portadas
con aparellos de festa!
¡Que botes tan feituquiños
con tan feituquiñas velas!".


Outras veces o mar é elemento da vindicación patriótica da húmida Galiza fronte á deserta Castela ("Que o mar deixoute olvidada...", recrimínalle a nosa poeta nacional, a mesma que musitou no derradeiro alento, se non mente a tradición, "quero ver o mar"...) ou presenza vivificante e esencial da beleza do país: ao autor de Os Eoas (non en balde epopea transoceánica), os baixos de Camelle, ao igual que os piñeiros leixados polo vento do mar de Niñóns, a Barra ou os areais vougos da costa bergantiñá, resúltanlle, en definitiva, "mui garridos ó mirar", igual que para Leiras Pulpeiro, cantor da beleza da lancha noutrora engalanada que hoxe apodrece na ribeira, a costa mariñá luguesa fai estremecer o espírito coas súas "nordesías" e co "arder do bico das ondas".

En ocasións, o mar é visto polos rexurdimentistas desde perspectivas máis existenciais: en Follas Novas convida "co seu xordo e constante marmurío" ao suicidio como descanso ("Neste meu leito misterioso e frío / -dime- ven brandamente a descansar"); as píllaras, petrelos, mazaricos e demais aves mariñas de Pondal viven en baixos e furnas, sirtes e fachos e simbolizan a liberdade soñada. A propia alma do bardo é retratada como "arboladura de nave poderosa" en que o vento arranca "enérxicas notas".

Mais o mar é, sobre todo nesta época da nosa historia, camiño da emigración ("Dígoche este adiós chorando / desde a beiriña do mar"), rota do "aleve negreiro vapor" citado por Curros Enríquez que leva a tantos compatriotas a un destino incerto e moitas veces fatal na ourra beira atlántica ("dentro dun mes, no simiterio inmenso / da Habana, ou nos seus bosques, / ¡ide a ver que foi deles!", denuncia Rosalía, conmovida diante das dimensións do éxodo e do pasar de velas que navegan levando "os fillos das nosas costas / con rumbo á América infanda / que a morte co pan lles dona").

Na narrativa e no teatro de finais do XIX-comezos do XX, o mar é escenario para algúns relatos e pezas de Manuel Lugrís Freire ("Axúdate" e "A illa milagreira", por unha banda; o drama Mareiras, por outra), para que Manuel López Prado achegue ás planas de A Monteira o conto "A volta do mariñeiro" e para que Álvarez de Nóvoa retrate nun dos relatos de Pé das Burgas, intitulado "A nai", o tráxico dilema dun mozo mariñeiro ao que lle naufraga a buceta coa nai e a moza a bordo.

O mar das Irmandades

Coa aparición no escenario político e cultural galego das Irmandades da Fala, moitas cousas mudan. O seu pendor antisucursalista e "atlantista" fai que as antenas dos escritores máis preocupados pola renovación e agrandamento das nosas letras viren en dirección ás culturas célticas e ás cosmopolitas Bos Aires, A Habana, New York ou Lisboa, para que o meridiano da creatividade deixe de pasar necesariamente por Madrid. Nesa perspectiva, o mar cobra valor diferencializador e convértese en escenario e vía transmisora da modernidade.

Ramón Cabanillas, coa súa fórmula combinatoria de tradición e anovamento, coa súa sabia mestura do legado do Rexurdimento galego cos novos ares do Modernismo americano, é o primeiro en inundar de salitre as letras galegas de preguerra, con poemas como "A trainera", "Na taberna", "Mariñeira" ou "Veiramar". Seguen o seu ronsel discípulos como Vitoriano Taibo (magnífico o seu poema "Brúa o mar") e o muxián Gonzalo López Abente, que non só canta a paisaxe mariña da costa fisterraica, cos seus cons, furnas, laxes e praias, senón que introduce o medio ribeirán (O deputado por Veiramar, O novo xuez...) na novelística en galego, definitivamente emerxente da man da entidade ideada e fundada polos irmáns Villar Ponte. O duro traballo das estivadoras do sal é retratado por Lois Tobío na súa novela A nova vida. Lesta Meis dedica páxinas do seu Estebo á descrición da travesía transoceánica dos emigrantes a Cuba. Xaime Quintanilla elixe como protagonista de Saudade a figura dun mariñeiro que se ve forzado a deixar o mar. Ata o chamado 'cantor da Montaña', Noriega Varela, recrea motivos mareiros en poemas como "Galernazo" e "Prá ufanía das olas".

Varios mestres do grupo "Nós" non permanecen alleos ao esforzo de colocar o mar na centralidade das historias a contar para que se evidencie que hai país: Castelao desprega nas súas Cousas e nos seus Retrincos todo un mundo de referencias a vellos patróns ("Peito de Lobo", "O Rifante", os "doce Apóstoles"....) e taberneiros que afogan en distantes latitudes a morriña con choros ao escoitaren cantar "Lanchiña que vas en vela....". Losada Diéguez achega ao boletín Nós un relato protagonizado por dous mozos mariñeiros de Marín no tempo en que aínda "non ían as motoras a buscar sardiña a Leixões, nin xiquera as artes da traíña eran donas das rías". Otero Pedraio recrea maxistralmente a mocidade leda e rexoubeira no Berbés e no Val Miñor do fidalgo Don Xosé María Puga en Os camiños da vida.

Na produción teatral, Cotarelo entrega as pezas Beiramar e Mourenza. A primeira, ambientada na ría de Arousa (o autor pasaba temporadas en Vilaxoán, de onde natural a súa esposa), ten como principais protagonistas a dous irmáns mariñeiros de caracteres antitéticos que aman a mesma muller. A segunda, traxedia granguiñolesca, xira arredor dunha familia de “corvos do mar” (‘Lumia’, ‘Espadarte’, ‘Rapeta’ e ‘Breixo’), que fan naufragar barcos adrede para recoller o botín e que provocan desa maneira a morte dun dos seus, ‘Xelo’, cando regresaba de América no pailebote “Boemia”. O mundo do mar é tamén abordado por Urbano R. Moledo no monólogo O orfo do mar, por Leandro Carré na peza Os homildes e polo ferrolán Nicolás García Pereira no drama en verso Brétemas.

A propia prosa científica en galego, daquela nacente, ten no ensaio sobre a dorna de Porto do Son e no cuestionario sobre cultura marítima escritos e publicados no boletín Nós polo etnógrafo ourensán e destacado activista do "Seminario de Estudos Galegos" Xoaquín Lourenzo, "Xocas", un bo referente pioneiro, ao que dedicamos no seu día un artigo na revista Ardentía.

Mares de vangarda

Da man dos "novos" que eclosionan nas letras galegas nos anos 20, o mar conquista, como espazo e como metáfora, unha centralidade case absoluta. No xénero poético acode por igual ás creacións dos neotrobadoristas que ás dos hilozoístas que ás dos máis influenciados polos "ismos" europeos iconoclastas. Non é só o mar, irrepetíbel e puro, do De catro a catro manuelantoniano, libro inmenso, do que seguen o ronsel Foulas e Viladomar, senón tamén o de Fermín Bouza Brei e a súa Nao senlleira (con poemas como "Trova infinita", "Parranda mariñeira", "Tríadas no mar e na noite", "No anal de Manoel Antonio", "Trova das sete naos"...); o de Blanco Amor co seu sinfónico Poema en catro tempos; o de Amado Carballo en Proel (con poemas emblemáticos como "Canzón do temporal", "Taberna", "Noite mareira", "Faro", "Porto", "Outa mar", "Mariñeiro" e "Pandeirada do bo e do mal tempo") e mesmo na prosa de Os probes de Deus que ten como protagonista ao vello xeiteiro de Cidrás; o de Cunqueiro, ora abstractamente cubista (Mar ao Norde), ora liricamente trobadoresco (Cantiga nova que se chama riveira) e aínda o que salfere os poemarios de 'Johán Carballeira', Xosé Mª Castroviejo, Xulio Sigüenza, Álvaro de las Casas...

Co trazo mestre do rianxeiro Dieste, o mar inunda de escumallo renovador a prosa e o teatro galegos desa época, mercé a algúns relatos contidos no libro Dos arquivos do trasno e, sobre todo, á pletórica proposta dramática, ética e estética plasmada na peza A fiestra valdeira.

Exilio por mar

A diáspora política derivada da derrota republicana na guerra do 36 levou moitas boas e ben cortadas plumas galegas ás ribeiras americanas, que se sumaron ás que por motivos basicamente económicos asentaran xa nelas con anterioridade. Desta forzosa pero feliz conxunción naceu un pulo creador que garantiu a supervivencia dunha literatura ferida de morte no propio país polo triunfo fascista.

No exilio arxentino, o poeta de Laxe Antón Zapata García escribe poemas de arrecendo mareiro como "Carrexando redes", "Redes no mar", "Alando a traíña", "Trincado", "A renda do mar", "Porto peixeiro", "Chuco da dorna. Mariñeiro galego", etc., recollidos postumamente en A roseira da saudade e outro tanto fai o muxián Xervasio Paz Lestón, con textos como "O Vilán", "Barcos..." ou "Algazo". Cándido A. González publica e estrea en Bos Aires o seu folkdrama de ambiente mariñeiro ¡Mal ollo! e Núñez Búa recolle anécdotas de mariscadoras, pescantinas e mariñeiros arousáns no seu Revoeira, mentres Luís Seoane non deixa de salferir os seus poemarios con textos que evocan o pasado en que pobos remotos chegaban a Galiza ("Guerreiros contra a mar"), con outros que retratan o país con metáforas de xinea mareira ("Galicia, un xigantesco barco") ou con visións da costa galega desde o combés de 3ª do 'Highland Princess' que deixan abesullar toda a intensidade do drama do exilio. Castelao, en fin, recolle no Sempre en Galiza editado no exilio bonarenese aquel afiche concibido para a propaganda pro-estatutista antes do 36, intitulado "O peixe", en que reivindica as "maneiras coleitivistas da nosa tradición mariñeira" e prognostica: "O día que Galiza sexa nosa, os mariñeiros vivirán na fartura".

Ardoras na longa noite

A narrativa galega de posguerra demorou en reencontrarse co mar e fíxoo da man fantasiosa de Cunqueiro no seu Se o vello Sinbad volvese ás illas. A xeración máis nova afrontou con maior decisión a tarefa: Ferrín deixou páxinas poderosas sobre a guerra da traíña en Antón e os inocentes, Freixanes recreou a Pontevedra dos vellos navegantes en O triángulo inscrito na circunferencia e Bernardino Graña deunos varios relatos imprescindíbeis no seu Fins do mundo. Logo Avilés evocaría a súa infancia noiesa ("mentres, os veleiros entran pola ría") en Nova crónica de Indias e Neira Vilas reconstruiría a epopea dos pescadores emigrados de Redes, Ares e Mugardos en Galegos no Golfo de México.

En poesía, logo do descritivismo meramente costumista de tantos poetas e da prolongación neotrobadoresca dun Ánxel Sevillano coas súas dornas da preguiza, dun Manuel María cos seus versos ao mar de Foz e dun Cunqueiro coa súa illa alá no fondal do mar (en certo sentido, todos eles replicados por Lueiro Rey na súa denunciadora "Cantiga do mar da Arousa"), verifícase na posguerra un renovado achegamento ao mar como motivo de inspiración. González Garcés ("Poema ao meu mar"), Pura Vázquez, Álvarez Blázquez e Luz Pozo Garza ("Agora contemplamos a mar de Vigo") cantan a plenitude persoal asociada á contemplación ou disfrute do mar. Mais tamén aparecen perspectivas menos conformistas. Celso Emilio Ferreiro ofrece o poema "A nena afogada" e o propio Manuel María o seu "Cántico sereo contra o mar". Entre os membros de "Brais Pinto", o mar é pretexto para ofrecer unha visión problematizada da existencia (velaí o poema "Trebón perpetuo", de Cuña Novás) e para reivindicar a memoria e a liberdade negadas polo franquismo. Mentres Heriberto Bens-Ferrín ofrece o conmovente "Ós líderes mariñeiros que fuxiron na dorna....", Bernardino Graña, convertido nun mascato ergueito e denunciador da rapina e a deshumanización, escribe a súa Profecía do mar e o seu Sima-cima do voar do tolo, con poemas emblemáticos como a "Oda ós mariñeiros de Cangas", "Canción para ir ao mar de pesca", "Pregunto aos homes e ás mulleres do noso mar", "Lázaro mariñeiro" e "O gato da tasca mariñeira". Pola súa vez, poetas como María Mariño (Palabra no tempo), Xohana Torres (Estacións ao mar, Tempo de ría) e Avilés de Taramancos ("Elexías do mar", "Fragata carregada de viño", "O pé do mariñeiro é de natural ancho", "Na outra banda do mar constrúen o navío...", "Meu capitán, é hora, é hora", "Barcos no pór do sol") cartografan preciosos mapas da memoria familiar e persoal vencellada ás ribeiras de Ferrol e Noia, respectivamente.

Mares de tinta hoxe

O neoatlantismo dos poetas dos 80, agrupados arredor das cidades portuarias de Vigo e A Coruña, dá os seus froitos en forma de mares e salseiros presentes nos versos da beira norte cantábrica e natatorios de Baixeras, nas dársenas gozosas e abertas ao mar de Xavier Seoane, no latexo cósmico e sensual de Fernán Vello, na memoria de agosto de Xulio L. Valcárcel, nas mareas e palabras de mar de Ana Romaní, nas baleas de Luísa Castro e na mohicana voz que resoa nas praias do Oeste de Manuel Rivas.

Estes autores son secundados nesa lira mareira polo Darío Xoán Cabana de Patria do mar, polo corsario con permiso Xosé Miranda, pola carnotá hinterlandiana Pilar Beiro, polo Antón Reixa de "Contrabando de amigo", polo Xoán Neira de As varandas do abrente, polo Santos Suárez de Balada do vento na ría, polo Maximino Cacheiro de A iluminación do mar, polo Chisco F. Naval de Mar de Lira, polo Xavier Paz de No canto do mar, a Chus Pato de Fascinio ou o Luís Rei Núñez de Alma mareira e Imán Fisterra, así como polo Xesús Franco de Contra mar e Atlántico, Atlántico, pola Branca Vilela de A faciana das augas, o Xavier Queipo de Glosarios, a Adela Figueroa de Vento de amor e mar, o Antón Patiño de Océano e silencio, o Rivadulla Corcón de Taberna á deriva, o Gómez Alfaro de Mar aberto, o Manuel Xosé Neira de O mar perdido ou o Paco Rivas de Cantaruxos do meu mar.

Os chamados poetas dos 90 amplían e intensifican o diálogo poético co mar, mesmo organizándose en batallón literario coa Costa da Morte como patria indómita. Velaí os volumes colectivos A rota dos baleeiros e De mar e vento. Cinco poetas de Fisterra e os poemarios individuais de Marta Dacosta (Crear o mar en Compostela), Rafa Villar (O devalo do mar, A sotavento dunha singradura), Miro Villar (Gameleiros), Rafael Lema (Cemiterio de gaivotas, Atlántida, Sete vagas), Maite Dono (O mar vertical), Xurxo Alonso (Onde viven os saqueadores de naufraxios), Fran Alonso (Tortillas para os obreiros), Alexandre Nerium (Vogar de couse), Xosé Pablo Bayo (Tempo de chover) e F. R. Lavandeira (Mar que evita o meu regreso).
Magro é porén, chamativamente, o panorama da presenza mareira no noso teatro actual: apenas cabe citar o Auto do mariñeiro, de Manuel María; a traxedia de potente lirismo A casa dos afogados, de Fernán-Vello; a Maremia en que Euloxio Ruibal teatralizou o naufraxio e posterior esperpento político-administrativo do "Casón", e, por último, o Salitre de Rivadulla Corcón, posto en escena pola compañía "Voltaedalle".

Na narrativa galega recente hai obras que miran ao pasado do mar, evocando episodios sexa da historia remota (Outono na illa, de Martínez Oca, recreación sobre a figura do Ulises homérico; Ouveade naves de Tarsihs, de Bernárdez Vilar; As galeras de Normandía, de Ramón Loureiro, sobre os navegantes nos tempos da Galiza de Maeloc;...), sexa da historia moderna (Mar para todo o sempre, de Henrique da Costa, sobre a expedición polo Pacífico de Álvaro de Mendanha en 1595; María das Batallas, de Alfredo Conde, sobre a heroína que axudo a repeler o ataque á Coruña do corsario Drake; A estraña estrela, de Xabier López, sobre os corsarios turcos; O paso do noroeste, de Xavier Queipo, ambientada na época da Franza prerrevolucionaria; O corsario, de Alberto Fortes, que xira arredor da peripecia do navegante galego Gago de Mendoza) sexa, en fin, da historia contemporánea (A batalla de Cavite, de López Veiga; Aguillóns de Ortegal, de Hixinio Puentes, ambientada en tempos da Grande Guerra, con referencias na súa trama ao afundimento de barcos polos submarinos teutóns nas nosas costas; o relato de Darío Xohán Cabana "A mariñeira de Quilmas", sobre o terror no 36...; a Pensa nao de Anxo Angueira, cos seus retratos de 'patifas' e 'baleiros' da Arousa e do Ulla e a desfeita societaria que o golpe militar trouxo; O corvo do chapapote, de Luís Rei Núñez, coa catástrofe do "Prestige" como eixo). Ollando ao posíbel futuro, a novela Canícula de Mariña Pérez Rei coloca á humanidade sobrevivinte aos desastres climáticos navegando en grandes plataformas flotantes polo océano...

Concibidas como testemuño do pasado recente das xentes do mar, algunhas novelas actuais céntranse na dura vida dos mariñeiros: o pioneiro Riosil, de Valentín Carrera; as novelas de Manuel Riveiro Loureiro O patrón e O peixoto; o Matalote de Xesús Franco; os mares caribeños en Relatos mariñeiros, de Neira Vilas; o Gran Sol na novela de Vicente Míguez De azul olvido e na de Jacobo Barros Os ausentes de Casteltón; a épica mariñeira, carnocha e arroutada de Xurxo Souto (O retorno dos homes mariños, Contos da Coruña, Fumareu); as novelas Terranova. Memorias dun mariñeiro e A derradeira campaña do capitán Samuel, ambas de Mario Franco Rodríguez; Salseiros, de Calo Lourido, etc.

Hai tamén novelas-denuncia do impacto de determinadas industrializacións mal concibidas sobre os núcleos costeiros (Beiramar, de Martínez Oca), recreacións do mundo e condicións do traballo feminino nas conserveiras (Amor de tango, de Mª Xosé Queizán; Mar de bronce, de Vázquez Pintor), relatos en que predomina a emoción da aventura exploratoria e libertaria (Ártico e outros mares, de Xavier Queipo; Caldo de mares para homes libres, de J.A. Xesteira; A estrela dos polisóns, de Luís Rei Núñez; A ponliña irlandesa, de Nacho Taibo), novelas en que o mar é pretexto para unha trama detectivesca (O misterio do barco perdido, de Carlos Reigosa; Mar de fondo, de Núñez Singala) e numerosos exemplos dunha narrativa sobre naufraxios e náufragos: Marusía de X.A. Silva, A canción de Sálvora de Antón Riveiro Coello, algúns dos Contos de viaxe de Amadeo Cobas, A man dos paíños, de Manuel Rivas... Tamén achamos unha narrativa en que o mar resulta pretexto ou escenario coadxuvante para a disección/superación de determinados estados de ánimo (Corazóns amolecidos en salitre e Veu visitarme o mar, de Rosa Aneiros; Dentro da illa, de Dolores Ruíz; ,...Do mar e a noite, de Rivadulla Corcón; Vida e morte das baleas, de Antón Castro).

Non hai letra pequena

Rexistramos desde a derradeira década do pasado século ata hoxe unha certa eclosión do tema do mar nas letras infanto-xuvenís, con obras como As flores radiactivas, A praia da esperanza, A escola dos piratas e Lonxe do mar, todas elas de Agustín Fernández Paz; a serie de aventuras protagonizadas por Sheila e Said, personaxes creadas por Moncho Caride en novelas como A negrura do mar; varias entregas de sabor pirata e stevensoniano do novelista Jaureguizar (¡Balea morta ou lancha a pique!, A rutina corsaria, Salitre...); A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre; a novela Rumbo ao Maluco, en que Xosé Agrelo Hermo recrea a navegación de Magalhães por medio da figura do grumete galego Antón de Noia; O clube do corvo mariño e Capitán Araña, de Rafael Lema; Sari, soñador de mares, de Marcos S. Calveiro; O capitán da baía, de Daniel Ameixeiro; Norocai, de Begoña Paz...

Os lectores e lectoras miúdos poden disfrutar, así mesmo, de historias como A vella quenlla perde os dentes, de Xabier López; Alén das estrelamares, de Lago Pereira; Mar adiante, de Mª Victoria Moreno; Area maior, de Manuel B. Barreiro; O cabo da serpe, de Moncho Caride e Eduardo Baamonde; María está a pintar o mar, de Neira Cruz; Buguina namorada, de An Alfaya; O pirata da illa de prata, de Ana Mª Fernández; O amigo que veu do mar, de Mariano Vara; Polo mar van as sardiñas de Xohana Torres; A aventura de Roque no mar, de Jesús Peteiro e Beatriz García Trillo; A casa da duna de Fran Alonso; Carlota e a gaivota patiamarela, de Miro Villar...

Ensaio

No ensaio dos últimos tempos, o mar ocupa un lugar cada vez máis destacado. Ás veces, en traballos que son recolleita e expresión da memoria comunal depositada nas xentes do mar (Os señores do mar, de Ventoso Mariño; Homes de ferro en barcos de madeira e mais A pesca e os mariñeiros. Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, de Esperanza Piñeiro e Andrés Gómez Blanco; Xentes do mar de O Grove de Olegario Sotelo Blanco...). Outras, en libros a medio camiño entre o diario de a bordo, a crónica de viaxe e o estudo antropolóxico, como o magnífico Follas de bacallau do biólogo Xavier Paz. Tamén se están a producir vívidas reconstrucións da historia de determinadas embarcacións (Bernardo Máiz e o seu volume As embarcacións de pasaxe das rías galegas; o Grupo Etnográfico Mascato e o seu traballo divulgativo Os Galeóns de Arousa; a monografía de Eliseo Alonso Gamelas e mariñeiros; o chorado Agrelo Hermo e a súa crónica sobre Derrotas e singraduras do 'Joaquín Vieta' e mais Íñigo Echenique e o seu Madeira de mar. Apuntes sobre a gamela...) ou de determinadas actividades da beiramar (así os estudos sobre As salgadeiras e sobre A carpintería de ribeira en Porto do Son, de Manuel Mariño del Río).

Outras vertentes da produción ensaística actual sobre o mar atenden a reflexións antropolóxicas (Crenzas e tradicións dos pescadores..., de Alonso Romero; Xentes do mar, de Calo Lourido; Actas do 1º Simposio de Antropoloxía Mariñeira editadas polo Consello da Cultura Galega...), a descricións xeográficas (así os traballos de Estanislao F. de la Cigoña sobre as illas de Ons e Sálvora ou o de Cleto Regueira sobre o Rianxo mareiro) e mais a recontos de todo o tipo, sexan estes etnográficos (Mariñeiros, barcos e aparellos, de Adriana E. Eiroa), arquitectónicos (Ons, a arquitectura dunha comunidade desaparecida, de Pedro de Llano; Os faros da Costa da Morte, de Xosé Mª Lema e Manuel Vilar; Faros de Galicia, de Lino Pazos; Muíños de maré..., de Begoña Bas...), literarios (Polo mar abaixo vai..., compilación de cantigas populares feita por Carme Hermida Gulías; As cantigas mariñas no país de Breogán, de Ricardo Polín; Cancioneiro do Fisterra galego, de Manuel Quintáns...), fraseolóxicos (Refraneiro do mar, de Clodio González; Dicionario fraseolóxico do mar, de Paco Rivas) ou mesmo toponímicos (Os nomes beiramariños, de Gerardo Sacau), todos eles de grande valor para entendermos a profunda pegada, o inmediato pasado e o conflituoso presente das nosas comunidades mariñeiras.

Tamén se ven abordando o mar de onte e o de hoxe desde a perspectiva da Economía e da Historia, en obras como A pesca galega de mar a mar, de Fernández del Riego; A Galicia mariñeira, de Uxío Labarta; Galicia e o mar. Estudios de economía pesqueira; Historia da pesca en Galicia, coordinado por Fernández Casanova; Foulas e Ronseis (Retrincos para un tratado do mar dos galegos), de Dionisio Pereira; Galicia, mare nostrum, editado pola "Asociación Galega de Historiadores"; Guerra e mar no Ferrol da Ilustración, de Alfredo Martín García; Os viquingos en Galicia, de Morales Romero; Eu roubei o Santa María, de J. Soutomaior; os traballos colectivos Rande, mito e realidade e mais Rande 1702. Arde o mar e en cada vez máis numerosos volumes sobre accidentes no mar: Naufraxios do mar de Vigo, de Díez Guerrero; Os naufraxios da Galicia Norte e mais A galerna de 1961, ambos de Hixinio Puentes; Historia da costa galega e os seus naufraxios, de Fernando Patricio Cortizo... E, como non, entran no rol os moitos volumes que xeraron accidentes como o do "Aegean Sea" e o "Prestige", entre os que citaremos, a título de exemplo sobranceiro, Nunca máis. Galiza á intemperie, de Suso de Toro.

Mesmo un artigo como o noso, cuxos defectos e insuficiencias non teñen outro responsábel ca nós, non se podería afrontar nin ofrecer sen o previo e meritorio labor de autores como Maximino Cacheiro (O mar na poesía galega), Chisco Fernández Naval (O mundo da pesca na literatura galega) e Francisco Fernández Rei (Manuel Antonio e Cabanillas e o mar de Arousa; O mar e a poesía galega. Singraduras na construción da patria da lingua; Moita costa, 'pouco mar': o léxico mariñeiro e a construción do estándar galego), acompañado de monográficos como Un mar de literatura (revista Grial). Tentando servir de plataforma divulgativa para todo este fervillar de enfoques e traballos sobre o mar e de punto de encontro para os amantes das embarcacións tradicionais, desde 2004 edítase Ardentía, "Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial".

Cabo

Vacinado pola catástrofe do "Prestige", paradoxal xeradora de tantas e tan boas iniciativas creativas (lémbrense os libros poéticos colectivos Alma de beiramar, Botella ao mar e Negra sombra. Intervención poética contra a maré negra, sen irmos máis lonxe), é de agardar que no inmediato futuro o noso sistema literario non vire costas ao mar. De o facer, estamos certos de que perdería materiais e realidades sobre as que construír boas historias, magníficos argumentos e convincentes personaxes, así como un bo caladoiro para capturar novos lectores e para consolidar os xa gostosamente atrapados no enmalle.

Están por escribir novelas, relatos, poemas ou pezas sobre as tripulacións caboverdianas e peruanas que substitúen ou conviven cos mariñeiros galegos; sobre as mulleres da beiramar que transforman de raíz (permex e asocietarismo mediantes) a realidade do marisqueo ou achegan proletaria suor nas fábricas de conserva que logran sobrevivir á deslocalización globalizadora; sobre as guerras da volanta e do fletán, a pesca en Namibia e a esquilma dos caladoiros tradicionais; sobre o arrasamento urbanístico das noutrora vilas mariñeiras con encanto; sobre a tendencia a "turistificar" unha cada vez máis residualizada actividade pesqueira artesanal; sobre a épica resistencia das carpinterías de ribeira e a non menos épica batalla pola recuperación e viabilidade das embarcacións tradicionais do mar galego...

Hai, pois, un mar de letras que agarda por nós, profundo, complexo e indómito como o das ondas que bican a praia e baten nos cons, para que nos mergullemos nel e lle berremos, tomando emprestado o verso de Xohana Torres: Eu tamén navegar!

venres, 13 de xuño de 2014

O SERRIDO CAMBADÉS NA POESÍA DUN PRECURSOR

Entre os Precursores, quere dicir, entre os escritores decimonónicos que utilizaron o galego antes da aparición dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, ocupa un lugar senlleiro o pontevedrés Xoán Manuel Pintos (1811-1876), que deixou para a posteridade, no seu libro trilingüe A gaita gallega (Pontevedra, 1853, con fragmentos en latín, galego e castelán), un vívido testemuño sobre o marisqueo como actividade de supervivencia das clases populares da nosa bisbarra.

A gaita gallega foi escrita, segundo se aclara no seu subtítulo, "para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e ainda máis", nunha época en que o uso do noso idioma estaba claramente reprimido e a súa aprendizaxe dependía exclusivamente da transmisión oral intrafamiliar, ao non ser admitido nos centros escolares nin haber materiais escritos polos que estudalo e practicalo. Por esa razón, na citada obra hai, ao lado de abundantes poesías sobre os máis diversos temas, materiais máis propios dunha gramática ou dun dicionario da lingua: listas de palabras para distinguir o timbre aberto ou pechado das vogais, equivalencias castelás de palabras galegas, etimoloxías latinas do noso léxico, etc.

Para conxuntar ben este material tan heteroxéneo, Pintos argalla a existencia de dous personaxes: un mozo non galego, que quere aprender a tocar a gaita, e un gaiteiro adulto do país, que se compromete a ensinarlle. A obra enteira desenvólvese como un continuo diálogo entre ambos, non sempre amistoso, que vai saltando de tema a tema. Desfilan así pola obra o maltrato dado aos emigrantes, os defectos da luxuria e da usura, o atentado do cura Merino contra a raíña de España, a conduta lingüística vergonzante de moitos galegos, a figura do ilustrado Padre Sarmiento, as belezas de Pontevedra, etc.

Nesta obra de Pintos aparece, ademais, un poema intitulado "Os birbirichos e os birbiricheiros", en que tracexa un retrato literario moi revelador sobre as condicións de vida coas que tiveron que apandar os nosos devanceiros e, ao mesmo tempo, mostrativo de que a riqueza marisqueira do banco do Serrido cambadés non é cousa só de hoxe.

O poema que estamos comentando, inserido polo seu autor tamén no Álbum de la Caridad, comeza cun reproche a aqueles poetas que se entreteñen ollando para a lúa e as estrelas (léase, os románticos) e non se preocupan por aquilo "que temos de nós preto". Aínda que un poema sobre os berberechos non parece, a priori, que poida encerrar nada interesante nin sublime, o certo é que detrás da abordaxe dese tema, aparentemente tan intrascendente e mesmo pouco "poético", Pintos agocha unha forte denuncia da fame e da miseria que azoutaba amplos segmentos do pobo galego nesa centuria. Destinado en Cambados como xuíz de primeira instancia entre 1840 e 1844, o escritor pontevedrés puido constatar esa crúa e triste realidade de primeira man, xaora.

Nos versos introdutorios, Pintos explica que en Castrelo (Cambados) a marea baixa deixa ao descoberto un enorme areal: 

"É de ver alá en Cambados
enfrente á terra do Meco
cando devala a marea
tanto chan que queda en seco,
que si fora terra a millo
había pan par'o inferno
pois naquel longo areal
que vai por junto a Castrelo
vense as gentes formigando
cando o mar vai baixo e quedo
que parecen as formigas
que saen dun formigueiro". 

Cando comeza a amencer, indica Pintos, xúntanse no areal do Sarrido ou Serrido "homes, mulleres e nenos", todos de condición social baixa, pois "todos van esfarrapados / non van ricos, nin van cregos".

O poeta Pintos, coa súa muller, Serafina Amado, e un seu fillo
O poeta continúa comentando a procedencia xeográfica de toda esa humilde xente que acode ao areal de Castrelo na amañecida. Non veñen só de Cambados, senón de practicamente toda a comarca do Salnés, dunha punta a outra, e aínda tamén de máis lonxe: 

"Alí van do Grove, e Curro,
de Dorrón, e Sobradelo,
e de Armenteira, e de Nantes,
Santa Cristina e Loenzo,
van de Meis, e de Bayón,
Santo Tomé, San Lourenzo,
van de Bamio, van de Cea,
de Oubiña, e de Tremoedo,
van os do monte da Escusa
e mais ainda de mais lexos,
van de Caldas, e de Cuntis,
Vilagarcia e San Genxo."

Os pobres famentos chegan en bandadas, conta o noso poeta, traendo panos, foles e cestos cos que gardar a colleita. Unha vez chegados ao areal, póñense a fochicar con paos, ósos, ferros ou cos mesmos dedos na area e sacan mangados de berberechos frescos: 

"Van enchendo os seus gabidos
sin liortas, e sin berros
pois todos teñen alí
sin disputa igual dereito.
Ninguén se azaña anque vexa
que se colle máis ou menos
nin dice nadie "esto é meu"
mentres que nó ten no cesto.
Hai fartura para todos
anque se ajunten mil centos".


Cando acaban este labor, feito a toda présa para aproveitaren ao máximo o tempo de devalo do mar, os campesiños e xentes da ribeira que mariscaron libremente marchan alegres do areal, dándolle grazas ás areas: 

"Criade os berberechiños 
por millares de milleiros.
Nós viremos cubizosos
anque de longe a collelos,
que cando é muy negra a fame
o camiño non pon medo. 
Virán os nosos filliños
e tamén os nosos netos,
virán a pisar os probes
as aréas de Castrelo".

De volta para os seus fogares non teñen xa envexa das "comidas dos señores / cheas de especies e cheiros". Póñense entón a escochar os berberechos frescos e matan a fame propia e a dos filliños: 

"E comenzan a escochare
os birbirichiños frescos.
Relóucase de mirare
o bulir de aqueles dedos
que con hum en cada man
e cruzándose pol-os tetos
tris... salta o cacho de arriba
o de abaixo queda cheo.
De esta maneira os escochan,
mais despois é de ver comelos,
a cubiza con que sorven
o que os cachos teñen dentro,
como chuchan as cunchiñas
e dimpóis lamben os dedos".

A cousa, desta arte, non pode senón acabar en improvisada festa: 

"Non falta nas compañías
quen asopre algun punteiro
algum-ha frauta, ou ben un chifre
ou algun outro estrumento,
e mulleres que cantando
e castañolas mecendo
se espotrican coas ferreñas,
repinican o pandeiro".

Un solpor no Serrido cambadés
O poema de Pintos remata cuns versos que explican a orixe dun dos alcumes (xunto co de "piardeiros") cos que foron e mesmo aínda son designados popularmente os cambadeses: "Agora os homes de chola / sin forzar o entendimento / sabrán porque ós de Cambados / chaman os birbiricheiros". 

Dito sexa con permiso dos "afoghacristos" de Carril, dos "inghleses" de Vilagarcía, dos "carcamáns" da Illa, dos "pioeiros" de Vilaxoán, dos "fanequeiros" de Vilanova, dos "barrosos" de Vilalonga e dos "tiñosos" de Ogrobe...

sábado, 7 de xuño de 2014

UNHA CULTURA E UNHA LINGUA ÁS QUE CÓMPRE ACUDIRLLES

Este artigo, nunha revista voluntariosamente optimista (Gramsci) como é esta [AULAS LIBRES 2, editada polo STEG en maio de 2014], que ve lume en plena celebración do 17 de Maio, talvez non debera aparecer, pois limítase practicamente a facer memoria de crises, derrotas, fracasos, baleiros e fundidos en negro que se veñen producindo no panorama cultural galego dos últimos tempos. “Un paso adiante e outro atrás, Galiza...”, proclamou no seu intenso “Penélope” o poeta Díaz Castro, a quen celebramos con fachenda, mais agora os pasos atrás non son un, senón moitos, moitísimos, tan constantes como dolorosos. Ora, ben din que a primeira premisa para remediar un mal é recoñecelo como tal e que o primeiro requisito para que calquera medida que se propoña sexa eficaz é que parta dunha análise certeira da realidade.

O ERE da empresa cerámica Sargadelos deixa no limbo a continuidade dunha das factorías culturais que máis forza simbólica teñen imprimido ao carácter diferencial e á difusión popular dunha cultura galega con personalidade de seu nos últimos decenios. Co cesamento desa cerámica parecen condenadas a esvaérense as Ediciós do Castro, o Museo Carlos Maside, o reconstituído Seminario de Estudos Galegos...

O proceso de venda de NovaGaliciaBanco e a desaparición do Banco Pastor, engolido polo Popular, poñen en risco o patrocinio, vía fundacións, de moitas actividades culturais, premios literarios, coleccións poéticas, publicacións ensaísticas e proxectos de investigación. Enormemente preocupante é o destino final que pode agardar a un bo mangado de obras, cartas e outros documentos das figuras máis relevantes da arte e da cultura galegas atesourados por esas entidades.

O Museo do Pobo Galego procura neste 2014 conseguir 500 novas persoas socias, mais cando xa vai aló case medio ano da campaña non chegou aínda ao 20% desa cantidade indicada, imprescindíbel para garantir a continuidade dunha entidade que está próxima a cumprir o corenta aniversario do seu nacemento. 

No panorama editorial, en contraste con albricias como a posta en marcha dos selos Rinoceronte (coa súa filial Morgante), Estaleiro e Huguín e Munín (coa súa filial “Vólvense os paxaros contra as escopetas”), entre outras, asistimos á debacle definitiva do selo A Nosa Terra, que liquida estes días os seus fondos, tan útiles e emblemáticos na construción dunha cultura galega normalizada; á queda no silencio de Espiral Maior, buque insignia da poesía galega durante varias décadas; á abatida retirada dese xigante da nosa cultura contemporánea e sabio do noso teatro que é Pancho Pillado do seu posto de capitán da nave editorial Laiovento; ao pechamento de Lóstrego, que labrou no campo editorial da Historia con afán divulgador; á crise financeira que pode levar por diante Sotelo Blanco, co que iso significaría de estiñamento de fontes importantes para o noso devir cultural e literario (a revista A Trabe de Ouro, a edición das novelas gañadoras do premio García Barros, etc.). 

A contracción das editoras potentes (Xerais, Galaxia...) é moi evidente para calquera persoa atenta a este flanco. No período 2010-2013 diminuíu sensibelmente a edición total de libros en galego, reducíronse notoriamente as tiraxes medias e caíron moitísimo as vendas. Segundo dados do INE, en 2008 houbo 2.070 títulos na nosa lingua; en 2013, só 739 (un ano antes, 2012, foran 1.322...). E a primacía do idioma propio no panorama editorial especificamente galego, que tanto esforzo levou conseguir, perdeuse novamente neste 2013: 42,38% dos títulos en galego fronte ao 52'06% en castelán e o 3,21% noutras linguas. 

O investimento público en bibliotecas reduciuse desde os 5'5 millóns do ano 2008 ao 1'3 millóns de 2013. Nos últimos tempos pecharon 45 delas... Galiza, conta Manuel Bragado no seu blog, é hoxe antepenúltima comunidade autónoma no uso das bibliotecas, xa que apenas o 16,3 % da poboación declara acudir a elas con frecuencia. 

A revista Retranca ficou xa en silencio (e non será porque falte canteira de debuxantes e talento de humoristas entre nós...) e a revista xuvenil Oink, con apenas cinco números editados, fixo mutis polo foro, a pesar de intentar resolver os seus problemas de financiamento cun crowdfunding que ficou moi lonxe dos obxectivos peseguidos: tratábase de recadar 32.000 euros e apenas se superaron os 8.000... Idéntico problema semella lastrar o despegue de “Avoaescola”, unha iniciativa que naceu como reacción ao infausto “decreto de plurilingüismo” mais que en todo este tempo non logrou coallar coa forza e intensidade que serían desexábeis.

 No campo das publicacións periódicas, o Dioivo dixital axiña estiñou e secou. O Sermos Galiza non dá erguido voo fóra do reducido círculo de siareiros da súa marcadísima e ben pouco inclusiva liña editorial, tan sindical e partidariamente dependente no día a día. O Galicia confidencial, o Tempos Novos e o Praza Pública camiñan pola corda frouxa no plano económico, por máis que conten con crecentes comunidades de lectores/as e asinantes que atopan neles un espazo osixenado e incisivo de xornalismo galego alternativo. Inda ben que a botadura do Luzes de Pereiro e Rivas e os primeiros compases da súa travesía nos quiosques semellan estar presididos polo entusiasmo receptor e pola frescura e calidade no produto oferecido.

Fechan en Ourense a emblemática Livraría Torga e, na Coruña, as non menos queridas Couceiro e Nós, aínda que é certo que en Betanzos está a florecer a libraría Biblos, vinculada ao clube de lectores homónimo, que tamén resiste, inda ben. No panorama teatral a situación é autenticamente tráxica (descúlpese o xogo de palabras), cun desmantelamento de redes e grupos que por non deixar non deixa a salvo nin ao mesmísimo Centro Dramático Galego... E, guinda neste indixesto pastel que o presente nos forza a dixerir, bota o fecho o emblemático grupo musical “Berrogüeto”.

¿Que facer diante de semellante desfeita, provocada de consuno pola contracción forzosa dos nosos petos e pola indolencia cómplice da manifesta hostilidade de tanto mandamais cosmopaleto como padecemos? Xa gostariamos de ter o remedio en cómodas fórmulas... Acreditamos, en todo caso, no compromiso persoal tanto como no esforzo comunitario para tentar mudar as tornas. Botemos contas na maltreita ou limitada economía familiar para achar ese tesouriño que poidamos investir periodicamente en cultura galega: nunha entrada, nunha subscrición, nun libro, nun disco, nunha cuota anual (sequera simbólica...) para algunha entidade que o mereza. Decidamos o tipo de agasallos que facemos téndomos presente beneficiar dun ou doutro xeito a industria cultural (e non só) con raigañas no país. Sexamos ramistas de eventos e contratadores de servizos contándomos con quen labra na lingua de noso amorosamente. Fagamos propaganda a diario, nas aulas, nos bares, entre as persoas coñecidas, no círculo familiar, de tantas cousas boas que sabemos existen feitas en galego e que a maior parte dos medios de comunicación disque nosos ignoran, minusvaloran ou simplesmente ocultan. Acudámoslles á lingua e á cultura galegas neste instante histórico crítico, en tantos sentidos, pois, como deixou escrito Antón Villar Ponte hai agora case un século, son “camiño de ouro da nosa redención” e sen eles “nada significaremos endexamais na cultura universal”.

MIRO CASABELLA: SUMÁNDONOS A UNHA HOMENAXE NECESARIA E REPARADORA


A figura do músico Miro Casabella, que foi obxecto este venres 6 de xuño de 2014 dunha merecida homenaxe en Viveiro á que queremos sumarnos cordialmente con estas liñas, ten o seu valioso e imprescindíbel quiñón nese fenómeno musical, cultural e ao mesmo tempo cívico e político que ficou nos libros da nosa historia co nome de Nova Canción Galega ou movemento de Voces Ceibes.

O movemento musical do tardofranquismo

A finais dos anos 60 e comezos dos 70, no chamado “tardofranquismo”, unha xeración de mozos activos e concienciados empuñará a guitarra e botará man dos versos para reivindicar Galiza como pobo libre e a fin dunha ditadura interminábel e cruel, que agonizaba politicamente matando (Grimau, Ruano, Amador e Daniel, Baena, Reboiras...). Era cando Fraga Iribarne impuña a súa censura sobre a prensa (humilde Heraldo de Vivero incluído), cando o TOP (Tribunal de Orde Público) perseguía con saña calquera exercicio dos dereitos democráticos elementais (manifestación, expresión, opinión, reunión...), cando cada convocatoria de folga polos dereitos dos traballadores era seguida dunha declaración do estado de excepción.

A marxinación e a represión do uso do galego nesa altura era continua e rabiosa. Estaba totalmente excluído do ámbito escolar, da Igrexa (a pesar do aprobado no Concilio Vaticano II), do aparello administrativo do Estado, da Xustiza e da única canle de televisión estatal entón existente (só a partir de 1974 nacería o programa pioneiro “Panorama de Galicia”)... No discurso oficial, a lingua de Rosalía continuaba sendo un “dialecto”, propio de “incultos” e “paletos”, incapaz para as máis refinadas funcións comunicativas. Mais desde 1963 unha data emblemática, o Día das Letras Galegas, viña servindo de punto de encontro simbólico e catalizador para a reivindicación dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes e para a promoción e difusión da cultura galega. Deuse así unha eclosión do teatro, da música, do cinema e da literatura feita en galego, impulsada por un crecente tecido asociativo cultural popular, do que “Sementeira”, coas súas luces e as súas sombras, foi clara mostra entre nós.

Nese contexto xurdirán unha pléiade de cantautores que seguen o ronsel dun fenómeno músico-reivindicativo con puntos de referencia en variadas latitudes: os Brassens e Moustaki da Franza, os Silvio Rodríguez e Milanés de Cuba, a Mercedes Sosa en Chile, os Dylan e Joan Báez de EE.UU, os Luís Cilia e José Afonso do Portugal da “revolucão dos cravos”, os Raimon, Lluís Llach ou Joan Manuel Serrat do ámbito catalanófono, os Mikel Laboa e Benito Lertxundi do País Vasco, os Paco Ibáñez, Labordeta ou Aute no ámbito hispano...

Foi o concerto do valenciano de Xátiva Raimon en Compostela, en 1967, a espoleta que fixo eclosionar o fenómeno da Nova Canción Galega, que se prolongaría ata mediados dos anos 70, moitas veces inmerso, iso si, nas desputas políticas fratricidas entre esquerdistas “nacionalistas” da UPG e esquerdistas “españolistas” do PCE. Desde 1968, co Maio francés en pleno estoupido, dan os seus primeiros concertos e gravan co selo discográfico barcelonés EDIGSA os seus primeiros traballos, mercé ás xestións que realiza en tal sentido o poeta Manuel María, cantautores galegos como Benedito García, Vicente Araguas, Xavier González del Valle, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo, Xaime Barreiro Chuspe, Tino Álvarez, Suso Vaamonde, Bibiano...

Superando todo tipo de obstáculos (censura previa das cancións, multas, prohibicións de concertos, suspensións...), todos eles despregan unha proposta artística claramente connotada de antifranquismo que xunta o xenuíno afán de expresión musical coa visitación dos textos da nosa poesía máis combativa e contestataria (Curros, Rosalía, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Pimentel, Bernardino Graña, Lois Diéguez, Alfredo Conde, Marica Campo...).

O 9 de xaneiro de 1970 un festival celebrado a beneficio da obra de San Xoán de Deus no cine Orfeo, coa actuación dos Voces Ceibes Xavier, Benedito, Araguas, Moscoso e Álvarez Pena e tamén do grupo local “Nenos tristes”, deu cumprida mostra tamén na vila do Landrove desta onda reivindicativo-musical á que nos estamos referindo.

En todo esta eclosión (á que cabería engadir aínda moitos outros referentes, como Xoán Rubia, Luís Emilio Batallán, Amancio Prada, etc.), dous nomes moi directamente vinculados á nosa xeografía comarcal deben ser salientados. Un, o de Jei Noguerol (Covas, 1950), con traballos como “Denantes dos vinte anos” e “Señor ministro, por favor”. Outro, o do valadourés que recibiu en Viveiro a homenaxe da asociación Pensamento e Sementeira.

A traxectoria

Ramiro Casabella López (1946) pasou a infancia en Ferreira do Valadouro, fixo o bacharelato por libre no instituto de Lugo e emigrou a Barcelona en 1964. Levaba consigo a inquedanza musical, pois xa aprendera a tocar a guitarra co médico José Mel e xa animara na súa vila natal con Enrique Cancio e Laureano Lorenzo o chamado “Trío Soberano”.

Na capital catalá Miro remata o bacharelato e comeza estudos de aparellador. Ademais de frecuentar o Centro Galego barcelonés, onde traba amizade co poeta Xoán Manuel Casado, co profesor Basilio Losada, co escritor Xavier Costa Clavell e con outras figuras referenciais da colonia galega máis activa, entra axiña en contacto c0n músicos da “Nova Cançó” e fai amizade con diversos compoñentes do grupo musical “Els Setze Jutges”. 

En 1968 coñece ao poeta chairego Manuel María, que o pon en contacto co selo discográfico EDIGSA. Miro grava así os seus primeiros catro temas, baixo o rótulo de Miro canta as súas cancións: “Ti Galiza” (con letra de Costa Clavell), “O labrego”, “Soia” e “No desterro”. Poucas semanas despois fica no terceiro posto do I Festival Internacional da Canción de Barcelona, por detrás de Lluís Llach e Dolores Lafitte. A finais de 1968 viaxa ata Compostela e participa no mítico concerto de Voces Ceibes no Teatro Capitol, onde é presentado por Manuel María. Ao ano seguinte pon na rúa o segundo traballo discográfico, Cantigas de Escarnho e de Mal Dizer, con textos de trobadores medievais (Afonso X, Joam Romeu de Lugo) e de Celso Emilio Ferreiro, como o famoso “Olla meu irmán honrado...”. Grande sona e difusión nos círculos do antifranquismo galego acada Miro Casabella entón co seu romance de cego “Castrelo de Miño”, inspirado na loita popular que se desenvolve contra a expropiación forzosa das terras para a construción dun encoro de FENOSA nesa localidade ourensá, nas terras do Ribeiro.

O noso músico actúa en París por esta época en varias ocasións: en 1969, no Palais de la Mutualité do barrio latino, na compaña dun debutante Amancio Prada, de Paco Ibáñez e de Xerardo Moscoso, entre outros; en 1971 na festa do Partido Comunista Francés en La Courneuve, diante de máis de 600.000 espectadores e na compaña de Joan Báez, Mikis Teodorakis, Paco Ibáñez e Guy Béart. Tamén realiza unha xira por varias universidades na Península (Sevilla, Madrid, Granada, Barcelona, Compostela...) na compaña do cantautor portugués Luís Cilia, daquela exiliado. A “mili” fai que Casabella bote unha tempada residindo na Coruña, cidade onde perfecciona os seus coñecementos musicais. En 1972 sae o seu terceiro traballo, un “single” con dous poemas musicados do escritor galego afincado en Barcelona Xoán Manuel Casado: “O meu país”, talvez a canción máis popularizada de Miro Casabella, e “Coma os vellos troveiros”.

 

Tras casar en 1973 coa moza belga Mónica Vancrayelynghe, emprende con Paco Ibález unha xira polo sur da Franza, ofrecendo concertos en localidades como Aix en Provence, Toulouse, Limoges, Bayonne, etc. Ao mesmo tempo traballa como aparellador no estudo de seu irmao Xosé Manuel. Numerosas vilas do noso país coñecen nestes anos de efervescencia política a súa música en concertos organizados por agrupacións culturais ou entidades de diferente índole cívica, mais tamén colabora en montaxes teatrais do seu compatriano Manuel Lourenzo ou no Zardigot de Euloxio R. Ruibal, que gañaría o Premio na Primeira Mostra de Teatro Abrente, en Ribadavia. En 1975 incorpórase ao chamado Movemento Popular da Canción Galega, con grupos e artistas como Fuxan os Ventos, Pilocha, Emilio Cao, Jei Noguerol e o dúo Antón Seoane e Rodrigo Romaní (futuros impulsores de Milladoiro).

En 1977, Miro Casabella edita o long play intitulado Ti Galiza, con doce cancións inspiradas en textos de X.M. Casado, Celso Emilio, Cabanillas, Costa Clavell, Pimentel, García-Bodaño e Uxío Novoneira. Ao ano seguinte, da man da casa discográfica Ariola, aparece o denominado Treboada, onde intervén nos arranxos o cantautor portugués Zé Mario Branco e onde revisita textos poéticos de Cabanillas e de García-Bodaño. En novembro de 1979 participa en Madrid nun festival en homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro e compón e grava a música do disco de contos infantís Cando os animais falaban, con guión e interpretación de Manuel Lourenzo. A partir de entón, e con ducias e ducias de recitais individuais ás costas, Miro Casabella intégrase no grupo “Doa”, co que edita O son da estrela escura. Quen escribe estas liñas lembra con moita emoción a escoita deste grupo e das pezas dese disco nun concerto celebrado a comezos dos anos 80 no salón de actos da Maestría (actual Instituto María Sarmiento) durante un festival das Letras Galegas...

Despois de abandonar “Doa”, en 1983, Miro estivo ausente durante unha longa tempada dos escenarios, aos que regresou non obstante a partir de 2002, á calor do compromiso e da axitación cultural inmensa que acompañou as mobilizacións do Nunca Máis pola catástrofe do “Prestige”. Desde entón, a súa presenza faise frecuente en concertos, encontros musicais, discos de grupos amigos, discos colectivos e homenaxes a escritores, músicos e artistas dos que se honrou coa súa amizade (Manuel María, Isaac Díaz Pardo, José Afonso, Bernardino Graña...). En 2004 grava un novo disco, Orvallo, con doce cancións entre as que se inclúen unha cantiga medieval de Airas Nunes, unha versión do “Negra sombra” rosaliano e o poema “Adeus” de Salvador García-Bodaño.

Coda

Cando, en datas recentes, no concello de Valadouro os munícipes de certo partido disque popular impediron co sentido do seu voto que Miro fose recompensado simbolicamente cunha distinción honorífica, sentimos que se facía certa unha vez máis, por desgraza, aquela máxima que sinala que ninguén é profeta na súa terra, mais para corrixir ese agravio outra terra de seu acolledora, como é a de Viveiro, berce do Pastor Díaz que puxo a primeira pedra do Rexurdimento literario, dos Villar Ponte que convocaron a loitar pola Fala e do Lois Tobío que traduciu o mellor da literatura universal para a nosa lingua, deu o paso da man da asociación Pensamento e Sementeira e tributou a homenaxe que Miro Casabella se merecía como verdadeiro artista e como galego de lei. Beizóns!