Este
artigo, nunha revista voluntariosamente optimista (Gramsci) como é
esta [AULAS LIBRES 2, editada polo STEG en maio de 2014], que ve lume en plena celebración do 17 de Maio, talvez non
debera aparecer, pois limítase practicamente a facer memoria de
crises, derrotas, fracasos, baleiros e fundidos en negro que se veñen
producindo no panorama cultural galego dos últimos tempos. “Un
paso adiante e outro atrás, Galiza...”, proclamou no seu
intenso “Penélope” o poeta Díaz Castro, a quen celebramos con
fachenda, mais agora os pasos atrás non son un, senón moitos,
moitísimos, tan constantes como dolorosos. Ora, ben din que a
primeira premisa para remediar un mal é recoñecelo como tal e que o
primeiro requisito para que calquera medida que se propoña sexa
eficaz é que parta dunha análise certeira da realidade.
O
ERE da empresa cerámica Sargadelos deixa no limbo a continuidade
dunha das factorías culturais que máis forza simbólica teñen
imprimido ao carácter diferencial e á difusión popular dunha
cultura galega con personalidade de seu nos últimos decenios. Co
cesamento desa cerámica parecen condenadas a esvaérense as Ediciós
do Castro, o Museo Carlos Maside, o reconstituído Seminario de
Estudos Galegos...
O
proceso de venda de NovaGaliciaBanco e a desaparición do Banco
Pastor, engolido polo Popular, poñen en risco o patrocinio, vía
fundacións, de moitas actividades culturais, premios literarios,
coleccións poéticas, publicacións ensaísticas e proxectos de
investigación. Enormemente preocupante é o destino final que pode
agardar a un bo mangado de obras, cartas e outros documentos das
figuras máis relevantes da arte e da cultura galegas atesourados por
esas entidades.
O
Museo do Pobo Galego procura neste 2014 conseguir 500 novas persoas
socias, mais cando xa vai aló case medio ano da campaña non chegou
aínda ao 20% desa cantidade indicada, imprescindíbel para garantir
a continuidade dunha entidade que está próxima a cumprir o corenta
aniversario do seu nacemento.
No
panorama editorial, en contraste con albricias como a posta en marcha
dos selos Rinoceronte (coa súa filial Morgante), Estaleiro e Huguín
e Munín (coa súa filial “Vólvense os paxaros contra as
escopetas”), entre outras, asistimos á debacle definitiva do selo
A Nosa Terra, que liquida estes días os seus fondos, tan útiles e
emblemáticos na construción dunha cultura galega normalizada; á
queda no silencio de Espiral Maior, buque insignia da poesía galega
durante varias décadas; á abatida retirada dese xigante da nosa
cultura contemporánea e sabio do noso teatro que é Pancho Pillado
do seu posto de capitán da nave editorial Laiovento; ao pechamento
de Lóstrego, que labrou no campo editorial da Historia con afán
divulgador; á crise financeira que pode levar por diante Sotelo
Blanco, co que iso significaría de estiñamento de fontes
importantes para o noso devir cultural e literario (a revista A
Trabe de Ouro, a edición
das novelas gañadoras do premio García Barros, etc.).
A
contracción das editoras potentes (Xerais, Galaxia...) é moi
evidente para calquera persoa atenta a este flanco. No
período 2010-2013 diminuíu sensibelmente a edición total de libros
en galego, reducíronse notoriamente as tiraxes medias e caíron
moitísimo as vendas. Segundo dados do INE, en 2008 houbo 2.070
títulos na nosa lingua; en 2013, só 739 (un ano antes, 2012, foran
1.322...). E a primacía do idioma propio no panorama editorial
especificamente galego, que tanto esforzo levou conseguir, perdeuse
novamente neste 2013: 42,38%
dos títulos en galego fronte ao 52'06% en castelán e o 3,21%
noutras linguas.
O
investimento público en bibliotecas reduciuse desde os 5'5 millóns
do ano 2008 ao 1'3 millóns de 2013. Nos últimos tempos pecharon 45
delas... Galiza, conta Manuel Bragado no seu blog, é hoxe
antepenúltima
comunidade autónoma no uso das bibliotecas, xa que apenas o 16,3 %
da poboación declara acudir a elas con frecuencia.
A
revista Retranca ficou xa en silencio (e non será porque
falte canteira de debuxantes e talento de humoristas entre nós...) e
a revista xuvenil Oink, con
apenas cinco números editados, fixo mutis polo foro, a pesar de
intentar resolver os seus problemas de financiamento cun crowdfunding
que ficou moi lonxe dos obxectivos peseguidos: tratábase de recadar
32.000 euros e apenas se superaron os 8.000... Idéntico problema
semella lastrar o despegue de “Avoaescola”, unha iniciativa que
naceu como reacción ao infausto “decreto de plurilingüismo”
mais que en todo este tempo non logrou coallar coa forza e
intensidade que serían desexábeis.
No
campo das publicacións periódicas, o Dioivo
dixital axiña estiñou e secou. O Sermos Galiza
non dá erguido voo fóra do reducido círculo de siareiros da súa
marcadísima e ben pouco inclusiva liña editorial, tan sindical e
partidariamente dependente no día a día. O Galicia
confidencial, o Tempos
Novos e o Praza
Pública camiñan pola corda
frouxa no plano económico, por máis que conten con crecentes
comunidades de lectores/as e asinantes que atopan neles un espazo
osixenado e incisivo de xornalismo galego alternativo. Inda ben que a
botadura do Luzes de
Pereiro e Rivas e os primeiros compases da súa travesía nos
quiosques semellan estar presididos polo entusiasmo receptor e pola
frescura e calidade no produto oferecido.
Fechan
en Ourense a emblemática Livraría Torga e, na Coruña, as non menos
queridas Couceiro e Nós, aínda que é certo que en Betanzos está a
florecer a libraría Biblos, vinculada ao clube de lectores homónimo,
que tamén resiste, inda ben. No panorama teatral a situación
é autenticamente tráxica (descúlpese o xogo de palabras), cun
desmantelamento de redes e grupos que por non deixar non deixa a
salvo nin ao mesmísimo Centro Dramático Galego... E, guinda neste
indixesto pastel que o presente nos forza a dixerir, bota o fecho o
emblemático grupo musical “Berrogüeto”.
¿Que
facer diante de semellante desfeita, provocada de consuno pola
contracción forzosa dos nosos petos e pola indolencia cómplice da
manifesta hostilidade de tanto mandamais cosmopaleto como
padecemos? Xa gostariamos de ter o remedio en cómodas fórmulas...
Acreditamos, en todo caso, no compromiso persoal tanto como no
esforzo comunitario para tentar mudar as tornas. Botemos contas na
maltreita ou limitada economía familiar para achar ese tesouriño
que poidamos investir periodicamente en cultura galega: nunha
entrada, nunha subscrición, nun libro, nun disco, nunha cuota anual
(sequera simbólica...) para algunha entidade que o mereza. Decidamos
o tipo de agasallos que facemos téndomos presente beneficiar dun ou
doutro xeito a industria cultural (e non só) con raigañas no país.
Sexamos ramistas de eventos e contratadores de servizos contándomos
con quen labra na lingua de noso amorosamente. Fagamos propaganda a
diario, nas aulas, nos bares, entre as persoas coñecidas, no círculo
familiar, de tantas cousas boas que sabemos existen feitas en galego
e que a maior parte dos medios de comunicación disque nosos ignoran,
minusvaloran ou simplesmente ocultan. Acudámoslles á lingua e á
cultura galegas neste instante histórico crítico, en tantos
sentidos, pois, como deixou escrito Antón Villar Ponte hai agora
case un século, son “camiño de ouro da nosa redención” e sen
eles “nada significaremos endexamais na cultura universal”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario