eu

eu
eu

xoves, 19 de xaneiro de 2017

100 ANOS DE IRMANDADES DA FALA



O 18 de maio de 1916 nacía a primeira das Irmandades da Fala, a coruñesa, no transcurso dunha xuntanza que se celebrou nos locais da Academia Galega, mais coa notoria ausencia do seu presidente, Manuel Murguía.

Para o éxito da feliz idea tres contributos resultaran decisivos: a boa disposición do histórico núcleo do rexionalismo na Coruña (Francisco Tettamancy, Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, Florencio Vaamonde...); o labor divulgativo e de polémica coa supremacista Real Academia Española levado a cabo pola revista de Estudios Gallegos promovida en Madrid polo avogado e escrito ferrolán Aurelio Ribalta; e, finalmente, as propagandas constantes e incisivas a prol do idioma galego do xornalista viveirense Antón Villar Ponte na súa sección “Con letra del siete” no diario La Voz de Galicia e noutros medios como La Voz de la Liga, El Ciudadano, El Pirulí, etc.

A antecitada xuntanza foi o pistoletazo de saída para a articulación doutros agrupamentos semellantes, aínda que de traxectoria e relevancia moi dispar, en moitas outras cidades e vilas do país: Compostela (da man do catedrático Lois Porteiro Garea), Ferrol (da man do médico obreirista Xaime Quintanilla), Betanzos (Lois Cortiñas, Salvador Mosteiro...), A Estrada (Losada Diéguez), Vilalba (da man do avogado Lois Peña Novo), Pontevedra (Gastañaduy, Castelao...), Ourense (Lameiro, Hixinio V. Ameixeiras..., logo Arturo Noguerol, Risco, Cuevillas, Otero Pedraio)...

As Irmandades laboraron arreo no campo cultural, científico, artístico e literario e deixaron a súa pegada máis ou menos directa en infinidade de iniciativas. Xornais e revistas como A Nosa Terra, o ourensán O Tío Marcos da Portela (3ª época), o betanceiro Rexurdimento, o Galicia. Diario de Vigo, a infantil As Roladas e o emblemático boletín Nós. Editoras como “Céltiga” de Ferrol, “Alborada” de Pontevedra e “Lar” e “Nós”, da Coruña. Masas corais como “Toxos e Froles”, “Cántigas e Agarimos”, “Cántigas da Terra”, “Saudade” ou “De Ruada”. Institucións de cultura e investigación científica como o Seminario de Estudos Galegos. Plataformas teatrais como o Conservatorio Nazonal do Arte Gallego e a Escola Dramática Galega da Irmandade coruñesa. Exposicións de pintura, escultura e caricaturas de artistas como Castelao, Francisco Asorei, Camilo Díaz Baliño, Imeldo Corral, Álvaro Cebreiro, Bello Piñeiro, etc. Concertos do violinista Manuel Quiroga ou da Polifónica de Pontevedra. Primeiros plans pedagóxicos para a galeguización da escola, pioneiras aulas e conferencias en galego na Universidade (Porteiro Garea, Lois Tobío) e posta en marcha das Escolas do Insiño Galego na Coruña, da man de Ánxel Casal.

Cáseque todas as manifestacións da cultura galega coñecen por obra das Irmandades un pulo notorio. A literatura amplía notoriamente xéneros, públicos e temáticas. Xorden ou consolídanse minimamente o xornalismo e o ensaio científico na nosa lingua (especialmente no campo das Humanidades e das Ciencias Sociais, menos no Médico-Científico-Técnico). O teatro desenvólvese como nunca ata entón, mesmo sen acadar apenas profesionalización. Nacen escolas escultóricas e pictóricas con Galiza como referente temático e, sobre todo, ideolóxico. A música popular cobra importancia por medio de recolleitas e interpretacións dignificantes e a música culta retoma o esforzo primixenio do Rexionalismo (Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Baldomir...) e sae ao encontro da galeguidade en forma de rapsodias, arias, óperas, zarzuelas e baladas de temática galega ou vehiculizadas na lingua de Rosalía: velaí, por exemplo, O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte, en partitura de Eduardo Rodríguez Losada Rebellón, ou A probiña está xorda, con libreto do propio Villar Ponte e música de Mauricio Farto.

Non foi menor o esforzo no plano ideolóxico e político. Das Irmandades foi o decisivo combate que se verificou nas primeiras décadas do século XX contra os principais prexuízos lingüísticos en que se amparaban as abundantes e variadas marxinacións do idioma galego nesa altura (desde carecer de estatuto de oficialidade ata estar totalmente ausente dos xulgados, das oficinas públicas, das igrexas e das escolas). Seu tamén o inxente e moitas veces incomprendido esforzo por avanzar nunha praxe sistemática no uso do idioma en todos os ámbitos sociais. Seus asemade, como non, os primeiros intentos normativizadores, non exentos de polémica: as directrices de reintegración expostas por Xoán Vicente Viqueira en A Nosa Terra en 1919, por unha banda, e o Compendio de Leandro Carré Alvarellos e a Gramática do idioma galego de Lugrís Freire, orientados ambos, por contra, cara ao isolacionismo.


Ás Irmandades debemos, así mesmo, as primeiras teorizacións definitivas sobre o carácter nacional de Galiza e sobre o seu conseguinte dereito á libre vida no concerto dos pobos da Península ibérica, de Europa e do mundo (Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, de Antón Villar Ponte; Doctrina nazonalista de Ramón Villar Ponte; Teoría do nacionalismo galego, de Vicente Risco).

A demanda de creación dunha Mancomunidade a partir das catro deputacións provinciais existentes, primeiro, e a reclamación dun Estatuto de Autonomía con Parlamento e Executivo propios, máis tarde, foron as dúas esixencias políticas consecutivas que as Irmandades defenderon, sempre partindo da base do dereito á propia soberanía e sempre abertas ao pacto federal ou confederal para a reformulación descentralizada do Estado español.

A constante preocupación polo campesiñado como clase depositaria das esencias máis auténticas do país, a proclamación da igualdade absoluta de dereitos para homes e mulleres e o pendor anti-imperialista foron algunhas notas que caracterizaron o movemento irmandiño, adrede accidentalista canto ás formas de goberno e exquisitamente neutral canto ás crenzas relixiosas, por máis que existise no seu sector confesional (Risco, Otero, Losada Diéguez, Filgueira Valverde...) unha permanente tentación de converter a fe católica en elemento consubstancial do “volkgeist” galego e en requisito ideolóxico para o galeguismo. Semellante pretensión sería contestada por Antón Villar Ponte no seu discurso de ingreso na Academia Galega (1934), significativamente intitulado por iso mesmo O sentimento liberal na Galiza.

Nesta perspectiva, cómpre recoñecer que foron constantes as tensións ideolóxicas e os debates tácticos no seo do movemento irmandiño, proba evidente do seu dinamismo e da súa heteroxeneidade constituínte. Discutiron sobre alianzas, sobre modelos organizativos máis ou menos horizontais, sobre normas estatutarias, sobre a participación ou non na política institucional e nas eleccións, sobre o carácter que debía ter o propio movemento (de “minorías escolleitas” ou “de masas”), sobre...

As Irmandades romperon co Rexionalismo galaico na Asemblea de Lugo (1918) chamándose para sempre “nacionalistas”, pactaron co Catalanismo conservador de Cambó para as lexislativas de febreiro de 1918, aplaudiron o norteamericano Wilson e o ruso Lénine polas súas doutrinas autodeterministas cando se asinou o Tratado de Versalles, procuraron alianzas con determinados sectores do Republicanismo, quixeron liderar o potente pero moi heteroxéneo Agrarismo galego, tiveron pulsións “Sinnfeininanas” mentres Irlanda sangraba na Pascua e plebiscitaba a Home Rule, ollaron para o Portugal da Renascença e do Saudosismo para propugnar un “Pangaleguismo” que non ficase en retórica...

Voltas e reviravoltas, acordos e trasacordos, clarificacións e confusións na procura dos camiños certos para que a Galiza do seu tempo deixase de ser mansa e trincase a escota desa liberación definitiva que aínda está pendente.

[Publicado orixinariamente na revista do STEG Aulas Libres, nº 7]

Ningún comentario:

Publicar un comentario