PRESENTACIÓN
DA EDICIÓN FACSÍMILE DE VERDADES COMO PUÑOS, DE TALADRID CATÁ.
Consello da Cultura Galega,
Compostela, 17/7/2024
En
primeiro lugar, quero expresar o meu sincero agradecemento
ao Consello (Núñez Seixas, Rosario Álvarez...) pola encarga no seu día do Limiar que
compuxen, pola confianza que tal encarga demostra e pola oportunidade que así
tiven de mergullarme nun tema e nunha figura que remiten, en derradeiro
extremo, para a vila en que nacín, sempre foco do meu interese investigador. A
obra que hoxe presentamos alude e relaciónase cun anaco polémico e
controvertido da historia local viveirense, mais contén ingredientes que a fan
asemade reveladora e sintomática a ollos de calquera persoa curiosa da propia
historia colectiva galega e española.
En
segundo lugar, quero destacar a oportunidade da
reedición facsimilar dun texto moi difícil de encontrar xa en librarías de
vello ou de lance e de presenza tamén moi escasa nas bibliotecas públicas. É de
agardar que ao facilitar agora o acceso a esta fonte, moitos traballos e
reflexións sobre o mundo educativo, o fenómeno das sociedades de instrución en
América e sobre a dinámica política do período histórico de referencia se
beneficien dela. Tornar accesíbel esta obra permitirá, estou certo, que se
corrobore un dos obxectivos que, en palabras de Charo Álvarez, tivo desde o
primeiro día esta colección de “Clásicos da Emigración”, isto é, “coñecer polo
miúdo, fóra de estereotipos e simplificacións” o fenómeno migratorio galego,
con todas as súas influencias e derivadas na sociedade.
En terceiro lugar, gustaría de subliñar que o autor de Verdades como puños, Justo Taladrid Catá (Magazos, 1864-A Coruña, 1938) encarnou no seu tempo coma poucos o prototipo de indiano e de líder étnico dentro das comunidade galega, particularmente viveirense, emigrada en Cuba, con todas as súas luces e sombras.
Co
seu esforzo e liderado, Taladrid foi quen de mobilizar un colectivo humano de
moitos centos de persoas, de crear delegacións en moitas capitais e de promover
a construción e dotación de máis de medio cento longo de centros escolares en
todos os concellos da Terra de Viveiro: a propia vila do Landrove con todas as
súas parroquias en mais en Muras, Ourol, Xove, Cervo e Riobarba (actual O
Vicedo).
Mais
aconteceu que, entrecruzado con ese labor filantrópico, despregou tamén
Taladrid, desde o primeiro día, un destacado rol de axente político, recadador
de votos, diñeiros e influencias, para o deputado Soto Reguera, que monopolizou
a representación electoral do distrito viveirense nas Cortes entre 1910 e 1923
e prolongou o seu dominio na zona durante toda a Ditadura primorriverista.
Semellante enfeudamento a un dos bandos da política “turnista” e caciquil foi
criticado xa desde un comezo por non poucos sectores da sociedade viveirense,
entre os que cabe lembrar os irmáns Villar Ponte.
Esa
conexión política con Soto Reguera levou a Taladrid a escribir e publicar en
1931, cando o furacán republicano varreu as vellas hexemonías políticas, un
folleto titulado Progreso del Distrito de Vivero en los años 1910 a 1923,
que en moitos sentidos cabe considerar precedente do Verdades como puños
posterior, na medida en que en ambos transloce o afán reivindicativo, cabe
dicir auto-xustificativo, da propia traxectoria pública seguida polo autor.
Neste
sentido, non pode catalogarse Verdades como puños senón como un libelo
polémico, co que Taladrid tentou rebater as múltiplas voces que na sociedade
viveirense da época o sinalaban, e non sen razóns, como principal causante da
continua demora no proceso de consecución dun ansiado Grupo Escolar, demanda
que fora formulada por vez primeira nas planas do semanario Heraldo de
Vivero en 1923 e que non atinxiría plena realización ata os primeiros anos
da posguerra franquista, tras sucesivos intentos de ser levada adiante.
Os
diferentes alcaldes de Viveiro nesa etapa (José Santiago Seijo, Eugenio Pérez
Abadín, Ramón Villar Ponte, de novo Santiago Seijo, Balbino Cerdeiras Rei...),
interesados loxicamente en que o Grupo Escolar fose adiante, atoparon en
Taladrid un poderoso freo, na medida en que mobilizou as súas moitas
influencias nos despachos oficiais, os seus diñeiros e durante un tempo tamén a
propia sociedade de instrución que representaba, “Vivero y su Comarca”, para,
por dicilo graficamente, poñer todo tipo de paus na roda do proxecto. Nada
resulta máis revelador e elocuente en todo o proceso, neste sentido, que o
feito de que acabase producíndose unha ruptura total entre os directivos da
entidade en Cuba, encabezados polo tamén indiano rico Antonio Rodríguez
Vázquez, e a figura do seu presidente-fundador.
Semellante
actitude obstrucionista por parte de Taladrid Catá espertou asemade a
suspicacia, primeiro, e a ira, despois, de variadas organizacións sindicais e
políticas, desexosas de que o ensino fose para os nenos e nenas de Viveiro un
dereito universal e realmente accesíbel, que tal era o que estaba en xogo nesa
polémica, en derradeira instancia, mais tamén do inspector educativo Luís Soto
Menor e da Asociación de Mestres Nacionais do Partido de Viveiro, animada por
docentes como José Mª Pereda e Ángel Fraga Orosa, os cales redactarían e
publicarían a comezos de 1936 unha resposta impresa ao libelo de Taladrid,
baixo o título de Pulverizando insidias o verdades como montañas.
Finalmente,
gustaría de sintetizar o miolo de Verdades como puños salientando que
nel se entrecruzan e se ventilan, desde a particular visión que Taladrid Catá
tiña deles, tres grandes asuntos ou cuestións de debate público naquela época:
- Cal debía ser o rol dos emigrados e das súas sociedades de instrución no alargamento do sistema educativo e en que medida debían aqueles coordinarse e supeditarse ou non á acción estatal, ministerial e pública. O “intrusismo” de Taladrid e o seu afán de influír e determinar as decisións públicas sobre a xestión do ensino público na zona están na base de toda a polémica creada.
- Que visión do ensino debía predominar nos enfoques didáctico-pedagóxicos a aplicar nas escolas: coeducación ou segregación por xénero?; preparación de enfoque meramente utilitarista ou formación integral do alumnado?; marxinación da lingua galega nas aulas e nos materiais educativos ou inclusión dela como principio elemental, ao xeito do feito por Ánxel Casal desde 1924 nas súas Escolas do Ensiño Galego na Coruña?, etc, etc. Non haberá que dicir que as posicións de Taladrid Catá neses e noutros debates de índole semellante abeiraron sempre aos enfoques máis refractarios a toda innovación e ás filosofías máis conservadoras, mesmo reaccionarias.
- Que sectores da sociedade
local viveirense ou que grupos de poder debían exercer a hexemonía
institucional e pública naquel Viveiro de finais dos anos 20-comezos dos 30,
con mudanza de réxime polo medio. A deriva ideolóxica de Taladrid acompasouse
decote á do seu admirado Soto Reguera, o cal quere dicir que facía parte, como
tamén o prologuista da obra, Salvador Pérez-Labarta Pillado, das hostes do
Bloque Nacional calvosotelista nas vésperas de que se producise o golpe de
estado falido contra a República e se iniciase a guerra do 36. Nesa tesitura, o
apoio público e financeiro de Taladrid Catá ao bando dos sublevados foi tan
notorio como abundante, o que axuda a entender, en ollada retrospectiva, todo o
conflito que se viviu arredor do Grupo Escolar e a circunstancia de que un dos
contraditores principais de Taladrid, o mestre da escola de Vieiro Ángel Fraga
Orosa (parente, por certo, de Manuel Fraga Iribarne), fose un dos primeiros
fusilados na represión feroz que se abateu entón sobre o país.
Remato
xa subliñando o detalle, seguramente intranscendente para a Historia con
maiúscula pero decisivo para a miña particular, de que eu que prologo agora
esta edición de Verdades como puños gocei na miña infancia da condición
de alumno dese Grupo Escolar viveirense. Se non hai certeza posíbel sobre a
predestinación e o destino, se cadra detalles como este axudan a pensar que
talvez existan... Dixen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario