As Edicións Embora, de Ferrol, veñen de
tirar do seu prelo dentro da colección “Fardel dos soños” (na que teñen xa
editado traballos nomes ben coñecidos na literatura e na ilustración infantil
galega como Xosé Neira Vilas, Antonio García Teijeiro, Xaquín Marín, Xosé
Tomás, Leandro Lamas, Dani Padrón, Antón Cortizas, Xoán Babarro, Concha Blanco
ou María Canosa) un novo poemario infantil do poeta de Meilán, Xoán Neira
López.
Mestre do colexio “Lois Tobío” xa xubilado,
veciño de Viveiro desde 1982, columnista ocasional da edición mariñá do diario El Progreso e socio fundador do
Seminario de Estudos da vila do Landrove, Xoán Neira López é un escritor en
lingua galega de obra relativamente prolífica, na que destacan títulos como
Memoria e soño (1996), Nas varandas do abrente (2000), Ás catro
augas (2004, editado pola Fundación Manuel María) e Linguaxes (2005), libro artístico feito en colaboración co
debuxante e ceramista afincado en Xunqueira Otero Regal.
Versos da autoría de Xoán Neira están
presentes tamén en numerosos volumes colectivos, como a Coroa literaria para
Roberto Blanco Torres contra a súa morte, promovida nas Ediciós do Castro polo profesor Xesús Alonso Montero; Alma
de beiramar (2003), editado con motivo da catástrofe do petroleiro
“Prestige” pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), á que o
propio Xoán pertence; o volume Negra sombra. Intervención contra a marea
negra (2003), saído do prelo da Espiral Maior do hoxe deputado no Congreso
Miguel Anxo Fernán-Vello; a Homenaxe poética ao trobador Xohán de Requeixo,
editado en 2003 a iniciativa do poeta Xosé Lois García para honrar a figura do
poeta medieval chantadino; os respectivos volumes de homenaxe que a xa amentada
AELG preparou sobre as figuras de Uxío Novoneira e Ánxel Casal; e, por último, A
Coruña á luz das letras (2008), da editorial Trifolium. Tamén ven sendo
constante a súa presenza na revista poética luguesa Xistral.
Os traballos poéticos de Xoán Neira
resultaron recoñecidos e premiados en varios certames de poesía, como o Meigas
e Trasgos de Vilalba e o Rosalía de
Castro de Barcelona, mentres que os seus artigos xornalísticos recibiron
igualmente mencións de honra en concursos como o Manuel Reimóndez Portela,
de A Estrada, e o Begonte e o Nadal,
da citada localidade chairega.
A súa traxectoria como escritor de
versos dirixidos ao público infantil comezou co poemario musicado Recreos (1997), da man de Baía Edicións, que
tamén lle editou posteriormente os libros Xiz de cor (2004), Farrapos
de nube (2007) e No cubil da lúa (2009). Tras Un niño no xardín
(2012), editado por Xerais, chega agora desde Ferrol Chafarís (2017).
Semellante percorrido, relevante de seu
mesmo que sexa considerado só do punto de vista cuantitativo (aínda que sobre
niveis de calidade os versos de Xoán saen, desde logo, máis que airosos de
calquera proba), infelizmente non mereceu a atención de volumes de recente
publicación como a Historia da Literatura
Infantil e Xuvenil Galega (Eds. Xerais, 2016), preparado baixo a
coordinación de Ana Blanco Reig-Rechou por un nutrido grupo de investigadoras
que, coidamos, deberían revisar o seu tratamento cara á obra do autor de Meilán
na perspectiva dunha eventual “segunda edición corrixida e aumentada” do seu
traballo, tan meritorio noutros moitos aspectos.
O volume que agora acaba de publicar
Xoán Neira, Chafarís, conta con
ilustracións da artista valdeorresa Ánxeles Rodríguez Ferrer (pode verse parte
do seu traballo no blog persoal http://vagalumesentreaherba.blogspot.com), que xa colaborara
con Xoán Neira en 2012 na publicación de Un
niño no xardín.
Chafarís
está formado por un molliño de doce poemas, baixo os títulos de “O paraugas”,
“O reloxo”, “A lámpada”, “O pan”, “Os fantasmas”, “O chafarís”, “A estrela
amiga”, “O espertador”, “O morcego”, “Aves migratorias”, “O peto” e “O rato de
biblioteca”.
Como
en anteriores libros, Xoán comprácese en
mirar con ollos anovados as cousas, os animais e os espazos que habitualmente
nos rodean, en pesquisar a súa beleza e o seu misterio agochados, en tornalos
fonte inesperada para a fantasía e a ilusión.
Nesta perspectiva, Chafarís é un libro continuísta a respecto dos anteriores do seu
autor, mais o concepto está lonxe aquí da connotación negativa con que
frecuentemente se asocia; ben pola contra, subliña a coherencia estética e
ética de toda a traxectoria do noso poeta. Xoán Neira é quen de combinar na súa
poesía infantil unha perspectiva plástica, visual e descritiva con outra
reflexiva e profunda, de maneira que o que ofrece en Chafarís, como en libros anteriores, veñen sendo algo así como
“retratos meditados” sobre elementos do medio que nos rodea.
Como xa temos escrito algunha vez, é
esa sabia combinación entre o verso descritivo “para nenos” e os sentimentos
profundamente humanos e vivenciais que atopamos nos poemas a fórmula feliz,
quintaesenciada e intransferíbel que produce en último termo este intenso pracer
estético que provoca a lectura dos versos do Xoán.
A brevidade, o atinado manexo das rimas
asonantes e dos versos heterométricos, os xogos de aliteración e de rima
interna (moi evidentes en poemas como “O peto” e “Aves migratorias”) e unha coidada
selección léxica son algúns dos trazos que caracterizan esta poesía infantil
deste amigo que, máis unha vez, sae ao encontro das persoas lectoras para convidalas
a renovar a poesía como o grande milagre do mundo, que dixo Luís Pimentel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario