Aínda que as
súas dúas primeiras obras, Vento ferido
(1967) e Cambio en tres (1969),
poderían encadrarse no horizonte do movemento da Nova Narrativa Galega (canda o
Méndez Ferrín de Arrabaldo do norte,
a Mª Xosé Queizán de A orella no buraco
ou o Mourullo de Memoria de Tains,
entre outros), Carlos Casares (1941-2002) alcanzou a plena madurez como narrador a mediados dos anos setenta. Unha das
súas novelas, Xoguetes pra un tempo
prohibido (1975) sinala o momento inaugural da narrativa posfranquista.
Pódense distinguir, pois, dous momentos ben diferenciados na súa traxectoria.
Unha
primeira etapa, definida como de renovación formal, presenta obras que terían
como denominadores comúns os seguintes trazos: estar ambientadas na Galiza do
franquismo, incluír abundantes elementos autobiográficos e empregar temas e
recursos narrativos de grande modernidade (monólogo interior, rupturas
temporais...). Os títulos representativos desta primeira etapa serían Vento ferido (1967), Cambio en tres (1969) e, xa en menor medida, Xoguetes
pra un tempo prohibido (1975).
Unha segunda
etapa resulta caracterizarse polo abandono dos presupostos da Nova Narrativa e
polo retorno a técnicas e enfoques narrativos máis tradicionais. Trátase de
obras ambientadas no pasado histórico, sen a penas presenza de elementos
autobiográficos e que utilizan recursos máis próximos ao realismo tradicional.
Os títulos que representan esta nova etapa son Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987), Deus sentado nun sillón azul
(1996) e a súa última novela, O sol
do verán (2002).
Vento ferido (1967) é un
conxunto de doce relatos de protagonistas adolescentes, formalmente
caracterizados polo uso do monólogo interior e pola mestura de planos
temporais. A nivel temático, os relatos están presididos pola violencia, o
fatalismo, as relacións humanas frustradas e outros motivos igualmente
pesimistas.
Cambio en tres (1969) é o texto
máis experimental de toda a narrativa de Casares. Nesta novela, o narrador,
Lisardo, fai un repaso á vida do seu amigo morto, Cachorro, obreiro emigrante
en Francia. A novela carece de acción propiamente dita, inclúe disposicións
gráficas vangardistas e revela un evidente afán de experimentación técnica.
Xoguetes pra un tempo prohibido (1975) narra en forma de longa analepse (salto ao pasado) a peripecia
vital e as experiencias do protagonista, Elías, desde a súa infancia e
adolescencia ata a súa mocidade e madurez cando está punto de morrer vítima dun
estúpido accidente. Trátase dun texto cheo de elementos autobiográficos e que
recrea o ambiente da posguerra franquista: a claustrofobia represiva dos
internados relixiosos,a atmosfera tabú sobre temas como a guerra e a
sexualidade, as relacións entre unha mocidade universitaria que comeza a
rebelarse, etc.
Os escuros soños de Clío (1979) é o título dun conxunto de doce relatos breves, baseados en textos
apócrifos, que teñen como pano de fundo diversos momentos da historia galega.
Polos relatos transitan historias de normandos, de alquimistas, de curandeiros,
de xudeus, de xenerais liberais, etc. Trátase de relatos moi lúdicos,
cunqueirianos, de acusada intertextualidade e escritos na súa maioría en clave
irónica, desmitificadora e humorística.
Ilustrísima (1980) xira
arredor da actitude dos sectores máis intransixentes da curia católica perante
a chegada á cidade de Ourense dun proxector cinematográfico, na época da
Restauración borbónica (finais do s. XIX - comezos do s. XX). O bispo Fanego
sae en defensa do novo invento mediante artigos asinados na prensa liberal con
pseudónimo (Aleceios=Verdadeiro), ao
que contestan as forzas máis reaccionarias con campañas que chegan á violencia
física (incendio do local de cinema, asalto á casa dun xornalista de “El
Liberal”...). A partir da anécdota do cinematógrafo e abordando tanxencialmente
problemáticas como a pugna entre fe e ciencia, as relacións entre Igrexa e Estado
ou o papel dos medios de comunicación, o relato revela a pugna entre o
fundamentalismo integrista católico e o talante progresista e racional do
bispo, quen resultará obrigado, finalmente, a ceder ás presións.
Os mortos daquel verán (1987) conta as
circunstancias que rodean a morte dun boticario, Modesto Vilariño, a comezos da
guerra civil. Asistimos ao contraste entre a versión oficial (morte accidental)
e a versión das testemuñas (foi “paseado”). Os dez capítulos do libro
constitúen unha especie de informe dun funcionario xudicial.
Deus sentado nun sillón azul (1996) é vista por unha parte da crítica como unha especie de retrato
novelado, non exento de trazos críticos, da traxectoria do intelectual Vicente
Risco. A novela reproduce o ambiente do Ourense da inmediata posguerra e a
través da evocación o ambiente social e intelectual que desembocou na guerra
civil, constituíndo un alegato contra o fanatismo e a intolerancia en liña co
humanismo escéptico e relativista que o autor asumiu como sinal ético de
identidade.
O sol do verán, por
último, analiza as estrañas relacións entre Carlos e Helena, dous personaxes
que crecen xuntos desde nenos, que parecen feitos o un para o outro, pero que
por circunstancias que se nos ocultan, non van máis alá da amizade. A
narradora, Helena, reconstrúe os distintos episodios dese amor imposíbel,
afectada polo repentino suicidio de Carlos, intentando descubrir as razóns da
súa absurda morte.
A narrativa
de Carlos Casares raia sempre a unha altura que a coloca, sen lugar a dúbidas,
entre o mellor da literatura galega do século XX, convertendo o seu autor, a
quen celebramos neste Día das Letras Galegas de 2017, nun auténtico clásico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario