Ampliando
o coñecemento dese inmenso continente artístico, a medio explorar
aínda, chamado Maruja Mallo.
A
veterana editorial galega Galaxia, de Vigo, puxo en marcha en datas
recentes un novo selo denominado “Mar Maior”, coa loable
intención de dar a coñecer entre o público de fala hispana
algunhas das manifestacións, producións, figuras e obras literarias
máis senlleiras da cultura galega de todos os tempos.
Unha
das primeiras publicacións editadas baixo ese novo selo corresponde
ao ensaio Maruja
Mallo. Una memoria en construcción. Series y obras desconocidas de
la etapa americana,
debido ao coñecido historiador, catedrático emérito e ex
presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández,
e mais á súa esposa, doutora e especialista en historia social
Beatriz López Morán.
O
volume, de 117 páxinas, presenta unha edición moi coidada e pulcra
e nace cun obxectivo fundamental, que acada brillantemente: dar a
coñecer series e obras da etapa americana de Maruja Mallo ata o
presente non catalogadas, na procura dunha necesaria listaxe razoada
e totalizadora da súa produción.
A
descuberta de todo este novo material artístico, detrás de cuxa
pista andou no seu día o chorado amigo Fausto Galdo, permítelle aos
autores do ensaio matizar algunhas avaliacións críticas deitadas
anteriormente sobre a traxectoria da pintora e completar o elenco dos
seus motivos temáticos. Atinada de vez é a súa reivindicación do
carácter de incansábel traballadora da nosa artista, fronte a
certas visións que alentan sobre ela unha deformadora imaxe de
frivolidade.
A
pesar da súa brevidade, é ben substancioso o epígrafe en que os
autores do ensaio repasan o proceso de recuperación experimentado
pola obra da artista de Viveiro desde a súa instalación definitiva
en Madrid en 1965, ao regreso do exilio, ata a propia actualidade.
Non
menos interesantes resultan as súas reflexións arredor das
condicións en que Maruja Mallo tivo que desenvolver a súa
existencia no exilio bonaerense, non sempre cómodas nin favorábeis.
Entre elas cabe salientar, como xa explicou en parte Mª Antonia
Pérez na revista Madrygal
ao
se ocupar da correspondencia entre Maruja e o escritor mexicano
Alfonso Reyes, a súa relación comercial privilexiada coas elites
sociais da Arxentina durante o peronismo, o seu traballo como
decoradora para a Casa Comte, as súas rupturas con determinados
núcleos intelectuais, como o dos galegos na Arxentina (Seoane,
Arturo Cuadrado, Rafael Dieste, Lorenzo Varela…) ou o de Victoria
Ocampo e a revista Sur,
e, por último, o poderoso apoio recibido, cando menos ata 1946, de
empresarios culturais como Natalio Botana e Constancio Vigil.
Barreiro
Fernández e López Morán advirten sobre a posibilidade de que en
Chile, en Perú e na zona andina da República Arxentina se encontre
dispersa e sen catalogar aínda, en coleccións particulares sobre
todo, moita outra obra de Maruja, a maiores da que eles propios
rescatan no volume en cuestión, que organizan en dous grandes
apartados: “Series desconocidas” e “Obras desconocidas de las
series ya establecidas”. Con razón afirman que “del período
americano solo tenemos un conocimiento muy epidérmico y vago”.
Saen
aquí á luz por vez primeira, efectivamente, nada menos que dúas
series inéditas: “Gatos”, con sete obras feitas en Bos Aires
entre 1943 e 1944, como témperas sobre cartolina negra de 63’5x48
cm., e “Gallos”, 5 témperas elaboradas entre 1943 e 1944, co
mesmo tamaño e técnica que a serie antes citada.
Achéganse
logo, ademais, novas pezas pictóricas doutras series coñecidas:
varios óleos de temas mariñeiros (redes, estrelamares, peixes,
rostros de muller…) concomitantes coa coñecida serie “La
religión del trabajo”, 8 cadros de “Naturalezas vivas” (que se
suman así aos 16 xa coñecidos), algunha nova “Cabeza de muller
negra”, tres novas entregas máis da serie “Máscaras” e un par
de novas composicións encadrábeis na serie “Atletas y
bailarinas”.
Tamén
recollen Barreiro Fernández e López Morán dous figurinos deseñados
por Maruja Mallo en tinta e lapis de cor para algunha obra teatral,
varios deseños decorativos con elementos vexetais e animais feitos á
témpera sobre cartolina e mesmo algunha peza cerámica, como a
titulada “Mujer con rulos”.
En
definitiva, fica aínda moito por explorar dese continente artístico
inmenso chamado Maruja Mallo e resulta imposíbel discrepar de
Barreiro Fernández e López Morán cando afirman, ao poñeren ramo
ao seu magnífico e impagábel traballo: “nuestra gran pintora aún
nos reserva hallazgos imprevistos”.
E onde se encontran esas dúas series e demais obra inédita?
ResponderEliminar