eu

eu
eu

luns, 2 de xaneiro de 2017

Galiza, Prensa, Transición: unha memoria que escoce


Na colección Memoria das Edicións Xerais de Galicia editouse no ano que acaba de pasar esta monografía de Marcos Pérez Pena, chamada a ser un referente imprescindíbel na súa temática.

A obra entrelaza con rigor metodolóxico e amenidade expositiva a historia do xornalismo e a historia política do noso país dun período que, afortunadamente, está hoxe en proceso de revisión crítica. O libro, xaora, contribúe decisivamente para esa necesaria relectura histórica desmitificadora, refrescando a memoria sobre axentes e dinámicas que marcaron o devir do país nos anos que van da morte do ditador Franco ao plebiscito autonómico galego e ao intento de golpe de Estado do 23-F.

Polas páxinas desta monografía e através do seu reflexo nas principais cabeceiras de prensa do país (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego e Faro de Vigo, fundamentalmente, aínda que non faltan referencias a outras como El Correo Gallego, La Región, El Progreso, A Nosa Terra, Teima, Man común...), desfilan as fortes e variadas tensións que presidiron aquela época, sintetizadas no dilema Reforma ou Ruptura. Ese dilema, no caso galego, abrangueu tamén o debate entre Centralismo, Estatuto de Autonomía ou Bases constitucionais. Como pano de fondo, unha Galiza que se urbanizaba, industrializaba e desgaleguizaba idiomaticamente a pasos axigantados, entre numerosos conflitos. As reviravoltas do proceso pré-autonómico son expostas con detalle, retratando sen panos quentes as posicións de cada quen.

Canda esa visión panorámica xeral, ofrécesenos, ademais, un detallado e interesante ensaio sobre as estratexias de adaptación, as tensións, os discursos e as apostas editoriais dos principais medios de prensa galegos nesa época. Corenta entrevistas a outros tantos protagonistas dan sustento ás explicacións e conclusións deste estudo.

A renovación técnica e xornalística por parte da maioría dos cabezallos e as mudanzas empresariais modernizadoras caracterizan o período, no que a información da actualidade política ocupa un espazo privilexiado. En opinión do autor, os medios foron por diante do conxunto da sociedade en moitos dos procesos de cambio, mais marcharon asemade moi por detrás dos sectores máis politizados e comprometidos, situados nas coordenadas do nacionalismo e/ou da esquerda. A partir de 1980, a viraxe ideolóxica en sentido conservadorista da práctica totalidade das cabeceiras da prensa diaria galega resulta unha evidencia.

De moito interese resultan as páxinas dedicadas ao fracaso do proxectado diario Galicia, á difícil traxectoria das revistas galegófonas Teima e Man común e ao semanario nacionalista A Nosa Terra.

Debe apuntarse, finalmente, que o autor non desimula a súa intención de homenaxear unha serie de xornalistas (digamos nomes como Francisco Pillado, Luís Álvarez Pousa, Xosé Ramón Pousa, Gustavo Luca de Tena, Rafael González, Xosé Antón Gaciño, Tucho Calvo, Juan Ramón Díaz, Xosé Luís Vilela, Vítor F. Freixanes, Ernesto Sánchez Pombo, Margarita Ledo, Primitivo Carbajo, X. R. García Palmeiro, Tareixa Navaza, Perfecto Conde, Maribel Outeiriño, Caetano Díaz, Manuel Rivas...) que naquel entón asumiron riscos profesionais evidentes para posibilitar unha sociedade galega máis libre, xusta e autoafirmada que, no entanto, dá a sensación que non acabou de coallar definitivamente. Daqueles barros, os lodos do presente...

[Publicado orixinariamente en Aulas Libres 7, revista de pensamento, información e debate do STEG]

Ningún comentario:

Publicar un comentario