O Secretariado Nacional do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza), ao que pertenzo, acaba de facer público un texto de despedida ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, que serve de perfecto balanzo e detallado repaso á súa nefasta xestión. Convídovos á súa lectura:
Good bye, adiós, adeus, Jesús
O
anuncio feito público estes días polo Partido Popular da cidade de
Ourense de que designou por unanimidade candidato á alcaldía nas
vindeiras eleccións municipais de Maio ao ata hoxe Conselleiro de
Cultura, Educación e O.U. Jesús Vázquez fai máis que previsíbel
que se produza en breve (se cadra xa no Consello do goberno autónomo
previsto para o vindeiro xoves 5 de febreiro), o seu cesamento á
fronte do citado departamento da Xunta.
Deixamos
para os politólogos a disquisición sobre se tal movemento significa
un ascenso ou unha degradación na carreira política do interfecto,
pois o que nos interesa, como sindicato defensor do ensino público,
é deixar constancia nesta particular hora do terríbel balanzo que
deixa tras de si o ata hoxe conselleiro, que ten a dubidosa honra de
ser, en opinión do STEG, un dos xestores do ensino galego máis
nocivos e negativos que lle tocou aturar desde o final do franquismo.
A escola pública galega, efectivamente, padeceu a nefasta xestión
deste conselleiro en todas as vertentes e de múltiplas maneiras.
O
seu paso por San Caetano significou, en primeiro lugar, un deterioro
sen precedentes nas condicións laborais, profesionais e salariais do
profesorado no seu conxunto. Non é só que aumentase a carga
lectiva, envolvendo a medida nun discurso de cuestionamento falaz do
noso quefacer profesional. Nin que obrigase ao desempeño de tarefas
que corresponderían a outro tipo de persoal non docente (garda de
transporte) ou que non cubrise baixas laborais por menos de quince
días. Tampouco que se enfrontase ás demandas atinadas do
profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas; que conxelase durante
cinco anos consecutivos os nosos salarios; que nos privase do cobro
íntegro das correspondentes pagas extras desde 2012; que suspendese
durante varios cursos o pagamento das vacacións de verán a unha
parte do persoal interino e aos substitutos ou que penalizase
salarialmente as baixas médicas, por moi xustificadas que estivesen.
É
que tamén reduciu ata extremos rídículos a oferta de prazas nas
oposicións, amortizou selvaxemente vacantes por xubilación (taxa de
reposición de só o 10%), incrementou exponencialmente as
itinerancias e as interinidades (en dous cursos,
aumentaron nun 121% no corpo de mestres e nun 74% no de secundaria)
e reduciu drasticamente curso tras curso os planteis de profesorado
estábel, mesmo infrinxindo cupos e catálogos de postos previamente
acordados e asinados cos sindicatos. Este nefasto conselleiro obrigou
aos centros a asumir ratios na aula e imparticións de afíns
que constitúen, en calquera país europeo, atentados manifestos
contra o mínimo concepto da calidade no ensino. Só por sentenza
xudiciaria acatou o dereito do profesorado á revisión médica,
mais, en compensación, fixo que a tivese que pasar nunha mutua
privada, pois seica a sanidade pública non debía asumir semellante
carga...
Tamén,
coa LOMCE e coa “austeridade” neoliberal como bandeiras, este
conselleiro ultraconservador, que fixo seguidismo acrítico cando non
directamente entusiástico das directrices emanadas do Ministerio do
inefábel Wert, quixo poñer a escola ao servizo de intereses
espúreos, privatizadores, partidistas e confesionais.
Modificou
o sistema de elección das direccións dos centros escolares, para
que a Administración poida aplicar cando queira a arbitrariedade e o
“dedazo”. Deixou os Consellos Escolares sen capacidade decisoria,
como meros órganos consultivos. Sempre que puido, este conselleiro
reforzou e aumentou as subvencións e os concertos coa privada,
incluída a segregacionista por razón de sexo, detraendo os
necesarios recursos ás escolas públicas, que viron reducidos os
seus orzamentos en porcentaxes moitas veces próximas ao 20% dun ano
para outro. Cando un centro público e outro concertado solicitaron
ao mesmo tempo a implantación de ciclos de formación profesional
atractivos e novidosos, non houbo nunca dúbida con este conselleiro
sobre a que centro finalmente se lle concedería. Algúns IES foron
transformados por decreto en CIFPs sen o consenso nin o acordo previo
negociado coa comunidade educativa implicada, mentres que o exitoso
programa Preescolar na Casa, despois dunha traxectoria impecábel de
sete lustros, foi finiquitado con alevosía por este conselleiro.
Minguaron os fondos de programas para a atención á diversidade (o
PROA, por exemplo), así como os diñeiros para axudas e bolsas de
estudo, axudando a abrir na propia escola esa fenda social que se
exacerba con inxustiza. Este conselleiro reduciu sensibelmente os
programas de mellora de instalacións e dotación de bibliotecas e
privou a todas as familias do acceso gratuíto aos libros de texto.
Tamén eliminou outros materiais de uso escolar das axudas, obrigou a
boa parte dos fogares ao repago dos servizos de comedor e transporte
e foi desmantelando e precarizando pouco a pouco, en cada comezo de
novo curso, a imprescindíbel rede de orientación que debería
atender o alumnado con dificultades de aprendizaxe e necesidades
especiais.
O
conselleiro saínte trouxo tamén consigo unha actitude despótica,
autoritarista, prepotente e pechada ao diálogo, como poden
testemuñar elocuentemente, poñamos exemplos, o expedientado
director do IES Illa de Arousa ou o alumnado e profesorado das
Escolas Artísticas Superiores, que se mobilizou con razón pola
problemática sangrante da homologación europea dos seus estudos.
Jesús Vázquez converteu en pouco menos que decorativa a Mesa
Sectorial de Educación e desouviu unha e outra vez as fundadas
resolucións do Consello Escolar de Galicia en temas fulcrais, como a
LOMCE, o Decreto de Plurilingüismo (probabelmente o baldón máis
grande que deixará este conselleiro para a Historia) ou a nova FP.
Empregou partidistamente, ademais, a páxina web institucional,
contestando con medias verdades e insidias, ás veces mesmo en sede
parlamentaria, as máis que xustificadas críticas á súa xestión
feitas desde todos e cada un dos sectores da comunidade educativa. A
chapuza que montou co baremo do Concurso Xeral de Traslados naceu
asemade desa total incapacidade súa para a negociación e o diálogo
co profesorado e dese afán de unilateralismo de “ordeno y mando”
que deu en despregar acotío.
Cando
as sentenzas dos Tribunais lle quitaron a razón en varios dos seus
“decretos-estrela” ou cuestionaron a legalidade da súa política
de contratación laboral (caso do profesorado dos cursos CELGA),
actuou e manobrou para seguir conculcando dereitos e burlando a lei
en vez de cumprila, como se esperaría de calquera gobernante
verdadeiramente democrático. E cando os temporais de inverno bateron
nos centros educativos e puxeron en risco a integridade dos
escolares, o conselleiro inventou unha maneira curiosa de escamotear
a súa propia responsabilidade apelando a unha “autonomía dos
centros” que despois, para calquera outra demanda xustificada que
veña deles (máis dotación de profesorado, un reforzo extra de PT
ou AL, máis recursos materiais, adaptacións de horarios, mellora
das liñas de transporte escolar, etc.), deixa en auga de castañas
ou mesmo reprime con autoritaria saña. A precipitación e a
improvisación demostradas pola Consellería de Jesús Vázquez ao
comezo deste curso 2014-15, por mor da implantación dos novos
currículos da Primaria e da nova rede da FPBásica (que significou,
a respecto dos antigos PCPIs, un drástico baixón no número de
alumnado acollido á modalidade), bateron todos os récords, mais,
para compensalas, unha parte do corpo de Inspectores, seguindo
consignas súas, dedicouse a facer insoportábel a presión sobre os
docentes para que elaborasen as novas programacións ou a improvisar
respostas distintas para a probelmática das coordinacións de ciclo,
nun exercicio de desvío de responsabilidades e de malabarismo legal
realmente tan audaz como patético.
Queremos
pensar que a marcha deste conselleiro abrirá unha nova fase menos
negativa e danina para o ensino público galego e que a persoa que
veña ocupar esa mesma responsabilidade terá a suficiente
honestidade, sensibilidade e, chegado o caso, valentía política
como para modificar, en beneficio de todos, moitos aspectos esenciais
da anterior xestión, a comezar por unha necesaria actitude de maior
respecto e escoita atenta ás demandas e reivindicacións que lle
cheguen dos diversos sectores da comunidade educativa. De non ser
así, teranos novamente en fronte, pois nada concibimos máis
contrario ao desenvolvemento integral da escola galega que manter as
directrices implantadas polo conselleiro agora saínte.
En
último caso, confiamos en que a lucidez e a madurez cívicas da
sociedade ourensá no seu conxunto poñerán fin cunha merecida
derrota democrática nas urnas á carreira política de Jesús
Vázquez, quen tanto dano imperdoábel leva feito nos últimos anos
ao noso sistema educativo público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario