Primeira plana dun exemplar do Heraldo |
Se ben non foi das localidades galegas máis precoces en dispoñer de imprentas e xornais, nin moito menos, non cabe dúbida de que Viveiro mantivo a partir e ao longo do convulso século XIX unha relación moi viva e constante co novo medio de expresión e iso deu pé, moi axiña, á aparición dunha pléiade de figuras nativas que, con diversidade de credos e ideoloxías, destacaron no seu tempo como cultivadoras da escrita nos papeis periódicos. Cando a citada centuria inauguraba os seus últimos quinquenios, a imprenta e os cabezallos periodísticos instaláronse na vila cunha vocación de permanencia que, felizmente, chega aos nosos días.
Talvez
non sexa ousado concedermos o título de “primeiro xornalista
viveirés” da historia, avant
la lettre,
ou cando menos o de primeiro “correspondente” interesado en
transmitir aos seus connaturais os feitos e fenómenos que acontecían
polo ancho mundo adiante, ao xesuíta XOÁN
GARCÍA DE XUNCEDA,
quen, segundo conta Donapetry recollendo o dito polo Eco
de Vivero
(5.2.1899 e
12.2.1899), enviou a finais do século XVI canda numerosas reliquias
cristiás extraídas das catacumbas romanas un libro manuscrito do
seu puño e letra, intitulado Las
maravillas de Roma,
que se depositou no Arquivo municipal e que logo, infelizmente,
acabou perdéndose.
O
ilustrado e afrancesado ferrolán XOSÉ
LUCAS LABRADA
(1762-1842),
humilde porteiro e logo secretario do Real Consulado coruñés, que
foi fillo dun modesto profesor de Gramática da Universidade
compostelá con procedencia das terras luguesas de Abadín, no
bispado mindoniense, ofreceunos un retrato da realidade económica e
dos principais sectores produtivos da Terra de Viveiro daquel tempo
na súa obra Descripción
económica del Reyno de Galicia
(Ferrol, 1804).
A súa fonte principal foi un informe que
lle enviou ao
Consulado o entón Correxedor de Viveiro, D. BENITO
LOSADA Y QUIRÓS.
Grazas á colaboracións destes dous persoeiros sabemos hoxe que os
sectores que caracterizaron o tecido económico daquel tempo, ademais
da agricultura e a pesca, eran o téxtil (lenzos), o comercio
(maragatos que traían lá e bebidas e levaban lenzos
Viveiro para
Castela; cataláns
que facilitaban fío e outros artigos de navegación …), os
curtidos (fábrica en Xunqueira) e os artigos de luxo con destino a
Ultramar (rocas de fiar, cestiños para a calceta, mobles de palla
pintada de adorno …).
Tamén
encerra informacións sobre o Viveiro de finais do XVIII que ben
poderían facer parte do que hoxe denominaríamos unha reportaxe
xornalística o manuscrito de 1799 do cura JUAN
MASEDA ZARAGOZA (1746-1837),
dado a coñecer por Chao Espina en diversos traballos.
Claustro do convento de San Francisco, en Viveiro |
Presenzas
pioneiras
Aínda que Viveiro tivo que agardar, como dixemos, ao derradeiro cuartel do século XIX para ver nacer as súas primeiras cabeceiras impresas, estivo non obstante moi presente desde os inicios da centuria nos papeis periódicos, tanto nos editados nas principais cidades de Galiza como nos da Corte madrileña. O nome da nosa vila, como ten posto de manifesto recentemente Julio Fernández Sanguino no volume Viveiro en la prensa histórica (1741-1850), apareceu efectivamente citado con relativa frecuencia. Tres son, dito resumidamente, as razóns ou contidos predominantes nesas abondosas citacións:
- Novas relacionadas cos acontecementos e avatares políticos que se van producindo na vila, coa loita entre absolutistas e liberais e o nacemento do moderno estado constitucional e centralista español como pano de fondo: a chegada en 1823 da partida liberal de Lastache a Viveiro; as continuas queixas das monxas de Valdeflores como consecuencia do impacto das medidas que conduciron á exclaustración de moitas comunidades relixiosas; o triunfo dos isabelinos sobre os carlistas; etc.
- Novas que, dun xeito ou doutro, se relacionan co desenvolvemento económico da vila, sexa aludindo ao seu florecente comercio marítimo (nun rosario de referencias concretas a temporais, arribadas de barcos, naufraxios, denuncias de contrabando…), sexa informando das subhastas de fincas e bens eclesiásticos que se producen tras a Desamortización de Mendizábal, sexa deixando constancia do nacemento de determinadas factorías e industrias.
- Novas relacionadas con sucesos que rompían puntualmente o pousado acontecer cotián, como roubos, homicidios, etc. ou informacións que daban conta da regular provisión para o distrito de funcionarios de todos os ramos (vacantes de mestres, nomeamentos da maxistratura, concursos para a provisión do servizo de correos, etc.). Nesta mesma orde de cousas, foron frecuentes as informacións relativas aos proxectos de construción de novas infraestruturas viarias e portuarias (estradas, faros …).
A
partir da década de 40 do século XIX, comeza a ser frecuente a
aparición en xornais da Corte de novas enviadas por
correspondentes oficiais
ou oficiosos desde Viveiro [téñase presente que a veciña Mondoñedo
dispón ao longo de 1841 de correspondente permanente para o
madrileño Eco
del Comercio].
Citemos algún exemplo:
El
Espectador, Madrid,
15.2.1843: “Escriben de Vivero, en Galicia: Por aquí reina una
especie de peste: principia con dolor fuerte de cabeza, concluye por
vómitos; y como no acomete sino á los fumadores, todos á una lo
atribuyen al pésimo tabaco filipino, que place al señor intendente
regalarnos abundantemente, sin permitirnos el gusto de fumar de otro
hace ya días, con notable perjuicio de los intereses nacionales,
según se echa de ver por tal indolencia”.
El
Heraldo,
Madrid, nº 266, venres, 26 de maio de 1843: “De Vivero (Galicia)
nos
dicen haberse
verificado en aquellas playas un escandaloso alijo de tabaco y sal.
Sobre semejante suceso se estaba formando causa”.
Os
“remitidos” que eses case sempre anónimos correspondentes ou
simples subscritores dos xornais envían á publicidade visan ás
veces tamén temas festivos e agradábeis:
El
Guardia Nacional,
Madrid, 3.9.1841: “Vivero,
18 de agosto.
Anteayer se celebró en una colina inmediata á este pueblo la
concurridísima romería de San Roque tan perfectamente descrita por
el señor Pastor Díaz en su novelita ó cuento titulado La
cita.
En este año la concurrencia del pueblo, de las inmediaciones y de
otros puntos hermoseaba más aquel bello panorama que parecía á lo
lejos como un bello paisage variado y perfecto ó cómo una
decoración de teatro bien acabada. Ese día fué perdido
para la pena y las angustias y ganado todo para el placer”.
No
mes de abril de 1842 rexistramos un cruce de informacións e opinións
encontradas sobre o primeiro caso de xudiciarización en Viveiro
derivada do exercicio da liberdade de expresión xornalística.
Efectivamente, o daquela xuíz Vicente Portal abriu causa contra o
escribán de Galdo, Diego José Barrera, “á pretesto de
desafección por haber denunciado varias arbitrariedades suyas,
valiéndose de la imprenta” (La
Posdata, Madrid, 3.4.1842). Os resortes
do “cuarto poder”, como pode verse, comezaban a ser empregados no
seo da sociedade viveirense, aínda que non sen dificultades…
En
paralelo a esta crecente influencia da prensa escrita no vivir
colectivo que deixan translucir novas como a que acabamos de citar,
cómpre referirse tamén ao paulatino incremento do número de
subscritores
de publicacións
que se verifica na vila do Landrove nas décadas centrais do século
XIX. Téñase en conta que desde 1850 está máis ou menos asegurado
o correo diario desde Mondoñedo, vía Lugo [8
horas de camiño!!],;
que avanzan as obras de construción da estrada ata Roupar, vía de
comunicación que contribuirá decisivamente a romper o secular
illamento viveirense por vía terrestre; e que desde o 1 de agosto de
1862 a nosa vila dispón de estación telegráfica (liña
Santander-Ferrol), con servizo de día completo.
Persoeiros
como Fidel Salgueiro y Noguerol aparecen citados desde 1852 como
axentes de subscrición en Viveiro de importantes periódicos da
Corte, como o conservador La
Esperanza e
o liberal La
Iberia.
O xornal barcelonés El
Lloyd Español ten
como punto de venda e subscrición en setembro de 1861 a libraría de
Francisco R. López.
Pero o realmente decisivo é que nos anos 30/40 do século XIX sairán á palestra da prensa escrita, tanto galega como madrileña, as primeiras plumas de fillos da vila do Landrove que acadan certo renome (nalgúns casos, extraordinario). Son, se val a expresión, a primeira “quinta” de xornalistas viveirenses, que encadra os nomes de Nicomedes Pastor Díaz, Vicente Manuel Cociña, Luís Trelles Noguerol, Gregorio Morales Pantoja, Nicolás Taboada Leal e Cipriano García Méndez Salgueiro, aos que cabería engadir en capítulo á parte, por non ser estritamente naturais da vila, aínda que si persoas estreitamente vinculadas a ela, ao vilalbés José Mª Castro Bolaño e ao ribadense Justo Pico de Coaña.
Pero o realmente decisivo é que nos anos 30/40 do século XIX sairán á palestra da prensa escrita, tanto galega como madrileña, as primeiras plumas de fillos da vila do Landrove que acadan certo renome (nalgúns casos, extraordinario). Son, se val a expresión, a primeira “quinta” de xornalistas viveirenses, que encadra os nomes de Nicomedes Pastor Díaz, Vicente Manuel Cociña, Luís Trelles Noguerol, Gregorio Morales Pantoja, Nicolás Taboada Leal e Cipriano García Méndez Salgueiro, aos que cabería engadir en capítulo á parte, por non ser estritamente naturais da vila, aínda que si persoas estreitamente vinculadas a ela, ao vilalbés José Mª Castro Bolaño e ao ribadense Justo Pico de Coaña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario