eu

eu
eu

venres, 19 de xullo de 2024

 

PRESENTACIÓN DA EDICIÓN FACSÍMILE DE VERDADES COMO PUÑOS, DE TALADRID CATÁ.

Consello da Cultura Galega, Compostela, 17/7/2024

 

En primeiro lugar, quero expresar o meu sincero agradecemento ao Consello (Núñez Seixas, Rosario Álvarez...) pola encarga no seu día do Limiar que compuxen, pola confianza que tal encarga demostra e pola oportunidade que así tiven de mergullarme nun tema e nunha figura que remiten, en derradeiro extremo, para a vila en que nacín, sempre foco do meu interese investigador. A obra que hoxe presentamos alude e relaciónase cun anaco polémico e controvertido da historia local viveirense, mais contén ingredientes que a fan asemade reveladora e sintomática a ollos de calquera persoa curiosa da propia historia colectiva galega e española.

En segundo lugar, quero destacar a oportunidade da reedición facsimilar dun texto moi difícil de encontrar xa en librarías de vello ou de lance e de presenza tamén moi escasa nas bibliotecas públicas. É de agardar que ao facilitar agora o acceso a esta fonte, moitos traballos e reflexións sobre o mundo educativo, o fenómeno das sociedades de instrución en América e sobre a dinámica política do período histórico de referencia se beneficien dela. Tornar accesíbel esta obra permitirá, estou certo, que se corrobore un dos obxectivos que, en palabras de Charo Álvarez, tivo desde o primeiro día esta colección de “Clásicos da Emigración”, isto é, “coñecer polo miúdo, fóra de estereotipos e simplificacións” o fenómeno migratorio galego, con todas as súas influencias e derivadas na sociedade.

En terceiro lugar, gustaría de subliñar que o autor de Verdades como puños, Justo Taladrid Catá (Magazos, 1864-A Coruña, 1938) encarnou no seu tempo coma poucos o prototipo de indiano e de líder étnico dentro das comunidade galega, particularmente viveirense, emigrada en Cuba, con todas as súas luces e sombras.

Emigrante na Pérola das Antillas desde case a nenez e empresario de éxito canda varios irmáns no sector do tabaco e da sedaría na Habana, Taladrid, á calor das propagandas rexeneracionistas feitas en América polo catedrático Rafael Altamira e polo seu asistente Francisco Alvarado Albo (viveirense), puxo en marcha en 1910 en Cuba, axudado por Vicente Otero Cao, Tomás Ramos Riguera e outros, a sociedade de instrución “Vivero y su Comarca”, que chegou a contar coas súas propias publicacións: Vivero en Cuba (1911-1957, con interrupcións), Pro-Galicia (1911-1912, só catro números) e Labor Gallega (1913-1917). Todas elas editáronse na capital cubana.

Co seu esforzo e liderado, Taladrid foi quen de mobilizar un colectivo humano de moitos centos de persoas, de crear delegacións en moitas capitais e de promover a construción e dotación de máis de medio cento longo de centros escolares en todos os concellos da Terra de Viveiro: a propia vila do Landrove con todas as súas parroquias en mais en Muras, Ourol, Xove, Cervo e Riobarba (actual O Vicedo).

Mais aconteceu que, entrecruzado con ese labor filantrópico, despregou tamén Taladrid, desde o primeiro día, un destacado rol de axente político, recadador de votos, diñeiros e influencias, para o deputado Soto Reguera, que monopolizou a representación electoral do distrito viveirense nas Cortes entre 1910 e 1923 e prolongou o seu dominio na zona durante toda a Ditadura primorriverista. Semellante enfeudamento a un dos bandos da política “turnista” e caciquil foi criticado xa desde un comezo por non poucos sectores da sociedade viveirense, entre os que cabe lembrar os irmáns Villar Ponte.

Esa conexión política con Soto Reguera levou a Taladrid a escribir e publicar en 1931, cando o furacán republicano varreu as vellas hexemonías políticas, un folleto titulado Progreso del Distrito de Vivero en los años 1910 a 1923, que en moitos sentidos cabe considerar precedente do Verdades como puños posterior, na medida en que en ambos transloce o afán reivindicativo, cabe dicir auto-xustificativo, da propia traxectoria pública seguida polo autor.

Neste sentido, non pode catalogarse Verdades como puños senón como un libelo polémico, co que Taladrid tentou rebater as múltiplas voces que na sociedade viveirense da época o sinalaban, e non sen razóns, como principal causante da continua demora no proceso de consecución dun ansiado Grupo Escolar, demanda que fora formulada por vez primeira nas planas do semanario Heraldo de Vivero en 1923 e que non atinxiría plena realización ata os primeiros anos da posguerra franquista, tras sucesivos intentos de ser levada adiante.

Os diferentes alcaldes de Viveiro nesa etapa (José Santiago Seijo, Eugenio Pérez Abadín, Ramón Villar Ponte, de novo Santiago Seijo, Balbino Cerdeiras Rei...), interesados loxicamente en que o Grupo Escolar fose adiante, atoparon en Taladrid un poderoso freo, na medida en que mobilizou as súas moitas influencias nos despachos oficiais, os seus diñeiros e durante un tempo tamén a propia sociedade de instrución que representaba, “Vivero y su Comarca”, para, por dicilo graficamente, poñer todo tipo de paus na roda do proxecto. Nada resulta máis revelador e elocuente en todo o proceso, neste sentido, que o feito de que acabase producíndose unha ruptura total entre os directivos da entidade en Cuba, encabezados polo tamén indiano rico Antonio Rodríguez Vázquez, e a figura do seu presidente-fundador.

Semellante actitude obstrucionista por parte de Taladrid Catá espertou asemade a suspicacia, primeiro, e a ira, despois, de variadas organizacións sindicais e políticas, desexosas de que o ensino fose para os nenos e nenas de Viveiro un dereito universal e realmente accesíbel, que tal era o que estaba en xogo nesa polémica, en derradeira instancia, mais tamén do inspector educativo Luís Soto Menor e da Asociación de Mestres Nacionais do Partido de Viveiro, animada por docentes como José Mª Pereda e Ángel Fraga Orosa, os cales redactarían e publicarían a comezos de 1936 unha resposta impresa ao libelo de Taladrid, baixo o título de Pulverizando insidias o verdades como montañas.

Finalmente, gustaría de sintetizar o miolo de Verdades como puños salientando que nel se entrecruzan e se ventilan, desde a particular visión que Taladrid Catá tiña deles, tres grandes asuntos ou cuestións de debate público naquela época:

-         Cal debía ser o rol dos emigrados e das súas sociedades de instrución no alargamento do sistema educativo e en que medida debían aqueles coordinarse e supeditarse ou non á acción estatal, ministerial e pública. O “intrusismo” de Taladrid e o seu afán de influír e determinar as decisións públicas sobre a xestión do ensino público na zona están na base de toda a polémica creada.

-         Que visión do ensino debía predominar nos enfoques didáctico-pedagóxicos a aplicar nas escolas: coeducación ou segregación por xénero?; preparación de enfoque meramente utilitarista ou formación integral do alumnado?; marxinación da lingua galega nas aulas e nos materiais educativos ou inclusión dela como principio elemental, ao xeito do feito por Ánxel Casal desde 1924 nas súas Escolas do Ensiño Galego na Coruña?, etc, etc. Non haberá que dicir que as posicións de Taladrid Catá neses e noutros debates de índole semellante abeiraron sempre aos enfoques máis refractarios a toda innovación e ás filosofías máis conservadoras, mesmo reaccionarias.

-       Que sectores da sociedade local viveirense ou que grupos de poder debían exercer a hexemonía institucional e pública naquel Viveiro de finais dos anos 20-comezos dos 30, con mudanza de réxime polo medio. A deriva ideolóxica de Taladrid acompasouse decote á do seu admirado Soto Reguera, o cal quere dicir que facía parte, como tamén o prologuista da obra, Salvador Pérez-Labarta Pillado, das hostes do Bloque Nacional calvosotelista nas vésperas de que se producise o golpe de estado falido contra a República e se iniciase a guerra do 36. Nesa tesitura, o apoio público e financeiro de Taladrid Catá ao bando dos sublevados foi tan notorio como abundante, o que axuda a entender, en ollada retrospectiva, todo o conflito que se viviu arredor do Grupo Escolar e a circunstancia de que un dos contraditores principais de Taladrid, o mestre da escola de Vieiro Ángel Fraga Orosa (parente, por certo, de Manuel Fraga Iribarne), fose un dos primeiros fusilados na represión feroz que se abateu entón sobre o país.

Remato xa subliñando o detalle, seguramente intranscendente para a Historia con maiúscula pero decisivo para a miña particular, de que eu que prologo agora esta edición de Verdades como puños gocei na miña infancia da condición de alumno dese Grupo Escolar viveirense. Se non hai certeza posíbel sobre a predestinación e o destino, se cadra detalles como este axudan a pensar que talvez existan... Dixen.