eu

eu
eu

luns, 27 de febreiro de 2017

Da tradición musical de Viveiro (e VIII)


Coral Polifónica do Casino de Viveiro, en 1990
Corais polifónicas e iniciativas do Conservatorio

A alusión á melodía “¡”Viveiro!” de Plácido Holguín deunos pé nunha entrega anterior para referirnos á constante presenza en Viveiro de agrupacións orfeonísticas e coralísticas, ben de visita, ben propias. Falaremos agora algo sobre elas e daremos conta, ademais, dalgunhas das iniciativas que xorden do Conservatorio de Música que acolleu a exposición “Musiqueando. Unha ollada retrospectiva ao acervo musical viveirés”, orixe última deste traballo que aquí remata.

O movemento da música vocal colleu forza en Galiza a finais do século XIX, coa fundación de diversos “orfeóns” (o Brigantino, o Lucense, o Mindoniense...), algúns deles ben próximos xeograficamente á nosa Vila. Nos comezos do século XX, a tendencia derivou cara aos “coros populares” (“Cántigas da Terra”, “Toxos e Froles”, “Cántigas e Agarimos”, etc.), que ofrecían espectáculos en que se combinaban a música vocal e instrumental, o baile, a exaltación dos traxes tradicionais e mesmo o teatro. Posteriormente, o franquismo “aproveitouse” en parte deses coros por medio da Sección Feminina, baleirándolles boa parte do seu sentido dignificador da propia cultura e “folclorizándoos” na acepción máis pexorativa da palabra. Por último, a partir dos anos da Transición, aínda que con raíces en momentos anteriores, rexistrouse un relativo espertar dun determinado tipo de agrupamentos músico-vocálicos denominados “corais polifónicas”.

Viveiro participou dun xeito ou doutro en todas esas manifestacións, fose por activa, creando agrupamentos específicos, fose por pasiva, acollendo as xiras e actuacións dos agrupamentos creados noutras localidades.

En abril de 1914 chegou a Viveiro a rondalla, orfeón e cadro teatral da “Juventud Antoniana” de Lugo, que serviu de estímulo para que na entidade homóloga de Viveiro, que presidía Fernando Pérez Barreiro, nacese un orfeón, unha rondalla dirixida por Juan Latorre e un cadro declamatorio liderado polo noso bisavó o fotógrafo José Ínsua (Pepe da Mota). Ese orfeón da “Juventud Católica” viveirense interpretaría a peza “Libera me Dómine” do propio Latorre durante varios anos nos oficios de Defuntos das parroquias de San Francisco e Santa María do Campo e actuou nalgunhas veladas da propia entidade, ofrecendo ao público pezas como a “Alborada” de Veiga. En 1930 rexistramos un intento da “Juventud Católica”, auspiciado por Ángel Chao Ledo, de crear unha coral polifónica, mais sen moito éxito á prostre.

En 1916 visitan Viveiro dous coros mindonienses: en setembro o “Orfeón Veiga” e en outubro “Brisas del Masma”, que regresaría para actuar ao ano seguinte. En agosto de 1921 rexistramos a presenza do coro ferrolán “Toxos e Froles” e en setembro de 1922 a da rondalla ferrolá “Airiños”. En febreiro de 1925 actúa o coro “Cantigas e Aturuxos” de Lugo e en xuño dese mesmo ano un orfeón de Ortigueira. O coro “Ecos da Terra” de Ferrol visita Viveiro e actúa no Teatro Nemesio en decembro de 1926.

Os coros parroquiais de San Francisco e Santa María, e aínda o efémero da JUFRA que cantou en 1973 algunhas ceremonias relixiosas como a misa do Naseiro, cubriron durante boa parte da segunda metade do século XX as funcións coralísticas máis relevantes. Mais desde a década dos 80 desa centuria, produciuse o nacemento e consolidación en Viveiro de entidades corais do ámbito laico.

Durante as décadas de 80 e 90 do pasado século un dos números que compuxeron o agosto festivo viveirense foi o Festival Coral de Música Popular, que se celebraba na Praza, e ao que asistiron emblemáticas agrupacións como “Cántigas da Terra”, da Coruña, “Toxos e Froles” de Ferrol, a Polifónica Ferrolana, etc.. Estas agrupacións compartiron escenario coa Polifónica do Casino de Viveiro, que debutou en 1984 con Alfonso Mariño, tivo a seguir varios directores (Juan Carballal González, Antonio Álvarez Neira...) e pasou a se independizar da entidade recreativa matriz en febreiro de 2004, agora co nome de “Coral Polifónica Alborada”. Desde 1999 diríxea Luís Vicente Fernández Prieto, que xa pertencía con anterioridade á formación como vocalista, e presídea Teresa Penabad. En 1996, unha das integrantes desa coral, Dolores Fernández (do Cubilote), puxo en marcha un Coro Infantil no Casino.

Coral Polifónica Alborada, de Viveiro
Máis efémero e humilde foi o Coro do Instituto Nacional Mixto de Bacharelato de Viveiro (actual IES Vilar Ponte), na primeira metade dos anos 80 do pasado século, que dirixiu o sacerdote, traxicamente falecido en datas recentes, Manuel Crespo Prieto, o Tonis. Vicente Casas e nós mesmos figuramos entre as súas voces. Facía os ensaios de 3 a 4 da tarde, antes de entrar ás clases e as súas actuacións “estelares” limitábanse a algúns festivais do instituto e a visitar en épocas sinaladas o Asilo de Anciáns, para darlle algo de entremento e diversión ás persoas alí recollidas.

Se na longa e rica relación de Viveiro coa música, que intentamos reflectir nas entregas deste traballo, hai un momento de especial importancia, que marca un antes e un despois, ese non é outro que a creación do Conservatorio de Música de Viveiro, a mediados dos anos 80. O novo centro formativo veu culminar dalgún xeito toda esta fervenza musical atesourada na tradición viveiresa, para proxectala desde o rigor formativo e a profesionalidade cara ao futuro.

Son centos xa os músicos e músicas formadas nas aulas deste Conservatorio e é cada vez máis frecuente encontrar no currículo dos nomes que protagonizan a música culta galega dos nosos días referencias á súa estadía formativa na nosa vila. A título de exemplo, o noso propio fillo Santiago estuda percusión nun Conservatorio Elemental, o de Cambados, que está dirixido neste intre por unha rapaza de Burela, Nelly Iglesias, que se formou integralmente no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Ao nome desta profesora de piano aínda habería que engador tantos outros, como os de David Bellas, David Catá, Tamara Lorenzo Gabeiras, Javier Fajardo Pérez-Sendín, Felipe Sánchez, Miguel Pita, Efraím Díaz, etc., etc., etc.

Á calor do traballo deste centro educativo musical formáronse puntualmente algúns agrupamentos novidosos na historia musical da vila, como é o caso do Grupo de Clarinetes “Sol en Cuarta”; do Coro do Conservatorio, creado en maio de 1997 e dirixido sucesivamente por Antonio Alvarez Neira (Dosi), Luz Bermúdez, Vicente Casas e, de novo, Antonio Álvarez Neira; do “Grupo de Improvisación”, dirixido polo profesor de piano e acordeón Lino Rico e composto ademais por Felipe Sánchez (guitarra), David Bellas (saxofón), Juan Carlos García (clarinete) e Fino (batería); a “Big Band”, que naceu no ano 2000 baixo a batuta de Víctor Illán e renaceu en 2005 da man de Delio Presas Carrera; o “Grupo de Canto do Conservatorio”, que interviu, por exemplo, nos actos de conmemoración do sesenta cabodano de Antón Noriega Varela, en marzo de 2007; o Coro de Cámara en setembro de 2013, agora rebautizado “Tempus fugit”, que promove e dirixe Javier Fajardo Pérez-Sindín; ou, apenas hai un mes e da man de Carlos Timiraos, a Banda Infantil do Conservatorio.

Deste xeito, cabe confiar en novas promocións de músicos e músicas competentes saíndo cada ano deste Conservatorio de Viveiro, apesar de que a insensibilidade dalgúns gobernantes faga que non esteña aínda integrado e financiado como debera na rede de centros dependentes da Consellaría de Educación.

Cabe soñar, asemade, cunha sociedade cada vez máis culta, sensíbel e formada musicalmente, que eleve o listón cultural e humanista de Viveiro aínda máis alto e que programe ou alente, directa ou indirectamente, unha nova fornada de iniciativas, grupos e expresións musicais que poidan dar pé a que dentro de algúns anos, algún outro individuo tan entusiasta e traballador como Antonio Navarrete faga unha nova recompilación retrospectiva de fotografías, partituras e gravacións como a que tivemos o privilexio de contemplar na exposición “Musiqueando. Unha ollada retrospectiva ao acervo musical viveirés”. Para aquela, voces máis competentes e autorizadas que a nosa farán deste traballo que aqui finalizamos un humilde chanzo no camiño ascendente para o coñecemento do noso rico e valioso pasado musical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario