eu

eu
eu

martes, 14 de xullo de 2015

RETRATO ÉPICO DUNHA MALPICA MARIÑEIRA INSUBMISA AO FASCISMO

O bibliotecario e investigador pontevedrés Francisco Xavier Redondo Abal, que xa nos tiña ilustrado con ensaios sobre a peripecia das bibliotecas públicas e privadas de Galiza durante o trebón do 36, tanto de xeito xeral (O fulgor e as tebras, 2009) como fixándose en casos concretos emblemáticos (a biblioteca pontevedresa de Castelao, a coruñesa de Casares Quiroga...), concorreu á palestra pública en 2012 da man das Edicións Laiovento para ofrecernos o traballo O mar e a memoria. O expediente Armesto, que se presentou cun conciso pero ao mesmo tempo substancioso e revelador prólogo de Dionisio Pereira. 

Tomando como base os informes redixidos para o Goberno Civil da Coruña entre 1937 e 1938 polo tenente da Garda Civil José Armesto Anta, destinado ex professo á vila de Malpica para investigar as razóns da actitude de rexeitamento masivo que a súa poboación amosaba cara ás autoridades do novo réxime implantado tralo 18 de xullo de 1936, Redondo Abal procede a facer unha pormenorizada reconstrución histórica das condicións de vida, relacións e conflitos políticos e sociais que se desenvolveron no citado porto bergantiñán durante o primeiro terzo do século XX.

O proceso de autoorganización da clase mariñeira e a consolidación do sindicato anarquista “El Despertar Marítimo”; a loita contra as redes do cacicato local encarnado polo industrial Mariano Grela e polo deputado conservador José del Moral; o entusiasmo esperanzado de amplos sectores populares durante a xeira republicana; o papel destacado do deputado da ORGA Emilio González López na consecución do ansiado porto refuxio; o trebón represivo que se abate sobre Malpica a partir do verán de 1936 e a, non por soterrada, menos potente resistencia ao novo réxime, que coroan tres impresionantes fugas masivas por mar, son os eixos que vertebran as demoradas e rigorosas exposicións que compoñen os capítulos deste libro, verdadeiramente recomendábel.

Precisamente ás tres citadas fugas está dedicada toda a terceira parte do ensaio, intitulada “Cara á liberdade”, e unha boa parte dos materiais que figuran no Apéndice. Redondo Abal relata as evasións protagonizadas polas motoras Ciudad de Montevideo (27 ao 28 de xuño de 1937, con 11 tripulantes, que arriban ao porto bretón de Douarnenez), San Adrián (27 de xuño de 1938, con vinteseis evadidos, que chegan tras 52 horas de travesía a Audierne) e Rocío (31 de agosto de 1938, con vintenove evadidos e o porto de Brest como destino), mais tamén concede importancia ao proceso de represión subseguinte que as autoridades franquistas levaron a cabo na vila por mor desas fugas.

Da man do investigadoir pontevedrés, nomes como os de Bernardino Garrido Carrillo O Xudío, Eulogia Villar Pérez, Cándido Carrillo Cousillas, Dolores Pombo Villar, Cándido Rodríguez Villar, José Carril, Manuel Castro Bilacha e un longo etcétera saen por fin do inxusto silencio a que estiveron sometidos e pasan a facer parte, por dereito propio, dese monumento intanxíbel que cómpre continuar erixindo día tras día á memoria da resistencia antifascista no noso país.

2 comentarios:

  1. Hai un erro nun dos nomes dos malpicáns citados no artigo: onde aparece "Cándido Carmelo Cousillas", o nome e apelidos correctos son "Cándido Carrillo Cousillas". No libro de Redondo Abal cítase correctamente o nome.

    ResponderEliminar
  2. Pois moitas grazas pola túa corrección, Adriana. Debín de ter un lapso ao copiar o nome.

    ResponderEliminar