A nova da morte de Antón Villar Ponte, ademais de conmocionar
profundamente a opinión pública e ocupar significativos espazos na
práctica totalidade dos xornais do país, espertou inmediatamente unha serie de
iniciativas de homenaxe. Delas cómpre dar conta sequera brevemente,
mesmo tendo presente que algunhas delas ficaron irrealizadas ou
interrompidas por mor dos acontecementos bélicos e políticos
desatados no tráxico xullo de 1936.
As homenaxes das Mocidades Galeguistas
A
Federación de Mocidades Galeguistas foi unha das entidades máis
activas e madrugadoras á hora de levar a cabo iniciativas de
homenaxe post-mortem
a Villar Ponte. O grupo de Celanova, por exemplo, liderado polo mozo
Celso Emilio Ferreiro, imprentou unhas cartolinas de esquela. No seu
anverso dicían: "Irmán Antón Vilar Ponte. Fundador das
Irmandades da Fala. Escritor e Diputado nacionalista galego. Finou na
Cruña o 4 de Marzal do MCMXXXVI", entanto no reverso líase:
"Lembrámoste pol-a Patria. Confía en nós irmán, tua obra non
morrerá endexamais. Cando o camiño era negro tua verba foi fírgoa
acesa de fé i-espranza. Confía en nós irmán. No teu sartego
todal-as primadeiras sentirás ledo recendo de froles nacionalistas".
Outro
grupo da F.M.G., o santiagués, acordaba en reunión celebrada o 5 de
marzo de 1936 baixo a presidencia de Enrique González García Paz,
por iniciativa do seu secretario de propaganda Xaime Vidal Rei,
organizar unha velada necrolóxica en memoria de Antón Villar Ponte
e editar "uns cantos artigos seus de caráiter nacionalista".
A idea inicial era reeditar o folleto Nacionalismo
gallego. Nuestra afirmación regional,
mais finalmente non foi así, quer por problemas financeiros para
custear a edición, quer polas urxencias impostas pola dinámica
política do momento (campaña do plebiscito estatutista).
Así saíu do prelo da Editora Nós a
Escolma d-artigos nazonalistas,
volume de apenas 22 páxinas que, precedido por unhas palabras do
alcalde de Cork (heroe e mártir nacionalista irlandés) e por unha
introdución intitulada "In
Memoriam", recollía un total de
sete traballos villarpontinos.
Esa escolma amosa un carácter marcadamente doutrinario, pois seis dos sete
traballos inciden sobre cuestións de relevancia ideolóxica para o
nacionalismo: reivindicación do idioma como epítome da
nacionalidade e como bandeira de loita política; defensa da
conveniencia do achegamento do galego ao portugués; reivindicación
de referentes históricos e simbólicos propios perante o discurso
centralista e unitario hexemónico; defensa do carácter progresista
e aconfesional do movemento galeguista; etc. Chama a atención,
igualmente, o feito de que os textos escolmados procedan sen
excepción da colección do boletín A
Nosa Terra (el sería facilitada ao efecto polo
impresor Ánxel Casal?) e, ademais, correspondan todos eles ao período
anterior á escisión do nacionalismo consagrada na Asemblea de
Monforte (1922). Parece haber unha clara intención dos responsábeis
da Escolma,
nese sentido, de recuperar textos representativos do ideario
primixenio ou fundacional do movemento e de colocar a figura do noso
autor, en tanto que ideólogo, nun lugar preeminente na historia do
mesmo.
Proxecto dun monumento na Coruña
O
escritor ourensán Álvaro das Casas, poucos días despois de
producirse o óbito do xornalista viveirense, propuxo nun artigo
intitulado "Primeros toques de llamada" e publicado en El
Pueblo Gallego (18.3.1936) tres
iniciativas de homenaxe urxente a Villar Ponte: a inmediata e
efectiva constitución da Asociación de Escritores Galegos "por
la cual Villar Ponte luchaba día tras día, incansable"; a
inclusión nos repertorios de grupos teatrais afeccionados como
"Keltya" (dirixido na Coruña polo actor Serafín Ferro) ou
aqueles impulsados polas Mocidades Galeguistas, de fragmentos ou
pezas da dramaturxia do escritor de Viveiro; e, en terceiro lugar, a
erección dun monumento na súa honra nos xardíns coruñeses, previa
subscrición popular encabezada polos dous diarios que acolleran as
súas colaboracións nos derradeiros tempos, La
Voz de Galicia e El
Pueblo Gallego.
Após
o chamamento de Álvaro, os citados xornais abren unha subscrición
popular para lle erixir un monumento a Antón Villar Ponte na cidade
da Coruña, concretamente nos xardíns de Méndez Núñez. O poeta e
xornalista Julio Sigüenza, en representación do amentado diario
vigués, e máis o daquela redactor-xefe de La
Voz de Galicia, Fernando Martínez
Morás, presiden a comisión organizadora da homenaxe. Na xuntanza
que esta celebra en Compostela o día 30 de marzo acórdase que ambos
xornais asuman actuar, desde primeiros de abril de 1936, como
oficinas recadadoras das provincias de Lugo e A Coruña, o herculino,
e Ourense e Pontevedra, o olívico, respectivamente. Desde entón e
día tras día, van publicando os dous cabezallos un recadro no que
consignan as novas achegas pecuniarias, entanto outros xornais, como
El País
de Pontevedra, van informando puntualmente dos acréscimos recibidos
polos seus dous colegas.
Aínda
que a subscrición aberta para erguer ese monumento alcanzou á
partida, segundo valorizaba A Nosa
Terra, "un éisito grande, pol-as
moitas aportacións que se están a recibir", a medida que foron
pasando os días o ritmo e contía de contribucións foron minguando de xeito evidente.
Paulatina e infelizmente, foise abesullando así que o recadado ía
ser insuficiente para afrontar os gastos que conlevaría a
realización do proxecto nas condicións en que inicialmente fora
planificado. Evidentemente, esta non era senón unha consecuencia
máis do retraemento provocado polas graves cuestións que flotaban
no ambiente social, económico e político da coxuntura, así como o
resultado da política de priorización absoluta concedida (tamén do
punto de vista financeiro, loxicamente) á batalla pro-estatutaria
por parte do P.G. e, en menor medida, das outras forzas da Fronte
Popular. O pagamento das débedas xeradas pola propaganda nos
comicios de febreiro contribuía tamén a que os partidos non se
volcasen coa amentada colecta. Por outra banda, o estado de
provisoriedade en que funcionaban a maioría das Corporacións
locais contribuía, así mesmo, a estiñar fontes que noutras
circunstancias máis favorábeis terían dado numerario con destino
ao monumento á memoria do autor viveirense.
Sexa
como for, o certo é que por estas circunstancias apuntadas foron
frecuentes tanto en La Voz de Galicia
como en El Pueblo Gallego
os recordatorios e chamamentos á responsabilización dirixidos a
aqueles sectores que máis afinidade tiñan coa figura, o pensamento
e a obra do finado, así como a aquelas institucións públicas
(Concellos, Deputacións, Universidade...) e privadas (Coros, Centros
Galegos, Academia Galega, "Seminario de Estudos Galegos",
"Reunión de Artesáns", etc.) das que se agardaba algunha
contribución. O 9 de maio de 1936, por exemplo, La
Voz de Galicia indicaba: "Sabemos
que en varios pueblos están abiertas listas de suscripción y que
está en el espíritu de muchas Corporaciones, sociedades y entidades
de distinto orden contribuir con sus aportaciones a que la idea de
erigir en los Jardines de Méndez Núñez de La Coruña el sencillo
monumento que perpetúe la memoria del inolvidable escritor, se lleve
a la práctica en la forma rápida deseada (...)
Conviene, pues, que las listas de
suscripción se ultimen cuanto antes. Las diputaciones provinciales,
los ayuntamientos, las entidades de cualquier orden que han anunciado
el deseo de aportar contribuciones más o menos importantes (no se
necesitan grandes sumas), deben hacerlo en plazo breve, ya que la
modesta obra que se proyecta y la notoria personalidad de Villar
Ponte (tan bien recordada por todos) son motivo bastante para que
esta suscripción pueda darse por definitivamente cerrada en un
término perentorio".
O
21 de xuño, o mesmo diario advertía: "La
suscripción abierta con destino a costear el sencillo monumento a la
memoria del ilustre escritor gallego y notable periodista Antonio
Villar Ponte, no ha alcanzado aún la cifra que se estima necesaria
para llevar a cabo el proyecto. Apenas
si en Vigo han reunido mil cuatrocientas pesetas y en nuestra
Administración se han recibido poco más de 2.500.
No han remitido aún cuota alguna ni las
Diputaciones provinciales, ni la mayoría de los Ayuntamientos de las
ciudades gallegas. Tampoco muchas de aquellas Corporaciones,
entidades y sociedades que con la cultura y los intereses regionales
tienen una relación más directa (...)".
A
Comisión organizadora da recadación tiña acordado nun principio
que esta se pechase o 25 de xuño de 1936. A día 19 dese mes ían
recadadas 1.387'50 ptas. na redacción de El
Pueblo Gallego, entanto a día 27 de
xuño a redacción de La Voz de Galicia
atesouraba polo mesmo concepto 2.588'25 ptas. Como a suma de ambas
cantidades seguía a ser insuficiente a efectos de financiamento do
proxecto, a Comisión decidiu prorrogar o período de recepción de
óbolos e así chegaríase ao mesmísimo día en que se desataba o
trebón da guerra civil co xornal La Voz
de Galicia anunciando (18.7.1936) que
"(...) en los primeros días del mes
de septiembre próximo será inaugurado en los jardines de Méndez
Núñez el sencillo y artístico monumento a la memoria del ilustra
periodista y gran enaltecedor de la región gallega, Antonio Villar
Ponte (...) El
ilustre artista [Asorei] ha puesto de su parte cuanto pueda
exigírsele. Los gastos materiales de la obra, por otra parte, no
pueden excusarse. No se ha cerrado aún la suscripción abierta en
nuestras columnas, en espera de que las Corporaciones y entidades que
todavía no contribuyeron, lo hagan, y lo mismo aquellas personas que
hasta ahora no han remitido sus cuotas, aun habiéndolo anunciado
algunas de ellas. Para todas las aludidas entidades, locales o de
otras partes de Galicia, y personas, es este memorándum, ya que la
suscripción tendrá que ser clausurada en fecha próxima y
resultaría lastimoso que al margen de ella quedasen quienes no
tienen motivo alguno para dejar de asociarse a un homenaje, modesto
sí, pero obligado a un buen gallego, a un escritor ilustre, ejemplo
de patriotas, que vivió honorablemente y murió pobre".
Os que contribuíron
Unha ollada sobre o listado de contribuíntes da colecta
pro-monumento a Villar Ponte na Coruña da que falamos permite tirar, con todas as precaucións que
sexan do caso, algunhas conclusións.
A
primeira: que se trata, do punto de vista xeográfico e sociolóxico,
dunha recadádiva moi heteroxénea e plural, con contributos tanto
individuais como colectivos, institucionais como privados, masculinos
como femininos, algúns moi cuantiosos e outros moi humildes (desde
as 500 pesetas que achega Manuel Portela Valladares, as 250 do
daquela subsecretario do Ministerio de Trabajo, o pontevedrés
Bibiano Fernández Osorio Tafall ou as 100 do reitor da Universidade
compostelá, ata os 0'25 céntimos de peseta que entregaron moitos
parroquianos da Ponte de Mera-Ortigueira), en parte
perfectamente identificados, en parte tamén anónimos (moitos
aparecen asinados con fórmulas como "Un
irmán", "Un galleguista", "Uno de izquierda",
"Tres nuevos secretarios de juzgado", "Un cubano
amante de su obra", "Un simpatizante", "Un
galeguista de Souto (Sada)", "Un donante", "Patrón
y cuatro tripulantes", etc.), e que
proceden, ademais, de moitas vilas diferentes do país, e aínda
dalgunha do exterior.
Con
todo, a segunda conclusión é que o pendor ideolóxico dos
contribuíntes revélasenos moito menos variado, máis compacto en
clave republicana, esquerdista e galeguista. Salvo en casos puntuais
de contributos entregados na propia urbe herculina por parte de
persoas que tiveran trato amical co noso autor (o
músico Fernández Amor, o actor Fernando Osorio, a cantante Honoria
Goicoa, o compositor e arquitecto Eduardo Rodríguez Losada Rebellón,
os xornalistas Rey Alvite, Carballo Tenorio e Alejandro Villamayor, o
militar Félix Estrada Catoira, o político Joaquín Martín
Martínez, a pianista Pilar Castillo, o académico Ángel del
Castillo, o doutor Hervada...), ou de
institucións e entidades ás que pertencera ou coas que colaborara,
está practicamente ausente da colecta emprendida o que poderíamos
chamar "dereita sociolóxica": nin partidos políticos desa
significación (CEDA, radicais, agrarios monárquicos,
calvosotelistas…), nin asociacións profesionais e empresariais,
nin círculos de recreo, nin elementos eclesiásticos, nin altos
mandos militares… Resulta chamativa a presenza no listado de
individuos (todos eles coruñeses) que no pasado, remoto ou recente,
mantiveran choques dialécticos e diverxencias máis ou menos fortes
en materia política, cultural ou idiomática co noso xornalista. Tal
é o caso de César Alvajar, destacado detractor do
Estatuto; Alejandro Barreiro, director de La
Voz de Galicia; Eladio Rodríguez,
ex-presidente da Academia Galega nesa altura; Manuel Casás
Fernández, destacado detractor das Irmandades; Félix Estrada
Catoira, presidente da “Reunión de Artensáns"; etc.
Parece
evidente, nese sentido, que o esforzo recadatorio básico
movimentouno o galeguismo, e iso a xulgar tanto pola presenza de
varios grupos locais do PG en calidade de contribuíntes de seu
(Vilarmaior, Franza, Ferrol, Sada...), como pola militancia explícita
nesa organización dunha alta porcentaxe das persoas que achegaron
diñeiro desde moitas outras vilas (Viveiro, A Coruña, Santiago,
Ourense, A Estrada, A Guarda...), como polos considerábeis
contributos dos seus dirixentes (Otero Pedraio, 50 ptas.; Ánxel
Casal, 50 ptas.; Castelao, 15 ptas., etc.) como, finalmente, polo
significado e mérito de esforzos como o realizado polo agrupamento
de Ponte Mera (Ortigueira), que conseguiu ducias e ducias de
pequenísimas axudas ao proxecto... Menos
destacado, aínda que imprescindíbel, é o papel que xoga na
subscrición o republicanismo burgués de obediencia estatal
(Izquierda Republicana, Unión Republicana,...): tanto na persoa dos
seus deputados e ex-deputados polas circunscricións galegas (Alfredo
Somoza, Martínez Risco, Cornide Quiroga, García Becerra...), como
desde as alcaldías que ostentaban elementos máis ou menos afíns a
el (a propia Coruña, Culleredo, Ortigueira, Noia, Ribeira, A
Cañiza...), como desde o seu tecido social (Agrupación Republicana
Femenina, Casino Republicano...).
O
obreirismo, tanto socialista como anarquista, parece estar ausente da
iniciativa, agás que tivesen esa
significación as achegas realizadas por un grupo de funcionarios do
Centro de Telégrafos da Coruña e/ou unha parte deses moitos óbolos
de menor contía dos que apenas si sabemos máis que o nome e apelido
do contribuínte. No entanto, a colecta
benefíciase da largueza crematística de persoeiros como Portela
Valladares (500 ptas.), Bibiano Fernández Osorio Tafall (250 ptas.),
Fábrega Coello (50 ptas.), varios membros da familia ortegana dos
Maciñeira (45 ptas.), etc., e máis de institucións como a
Universidade (100 ptas.), a Asociación de Prensa da Coruña (100
ptas.), a Academia Galega (25 ptas.) ou a Sociedade Filharmónica
herculina (25 ptas.). Tamén non faltaron exemplos de negocios que
quixeron arrimar algo de diñeiro á iniciativa. Así
o Hotel Mato, de Noia, e o Café Derby, de Santiago.
Bótanse
en falta no listado, porén, entidades das que podía agardarse con
certo fundamento unha sensibilidade maior cara á persoa do falecido
e cara á idea de homenaxealo. Entre as que nos atrevemos a
explicitar figurarían o Seminario de Estudos Galegos (ben é certo
que estaba embarcado daquela na onerosa edición do Corpus
Petrogliphorum...), a totalidade de
Sociedades e Centros Galegos da diáspora, as catro Deputacións
Provinciais e unha inmensa maioría das Corporacións Municipais do
país. Hai que destacar, por último, a positiva resposta dada á
colecta polos moradores da propia vila natal do autor, o noso
Viveiro. Alén dalgúns contributos individualizados que aparecen na
lista (o do ex-alcalde Santiago Seijo, o do industrial José Ladra, o
de Xosé Plá Zubiri, o de Ángel Seco, etc.), a cidade do Landrove, por
man do seu alcalde o galeguista Balbino Cerdeiras, ingresou ao fundo
común pro-monumento ao autor de Nacionalismo
gallego a nada desprezábel cantidade
de 191'50 ptas.
Un encargo para o escultor Asorei
O escultor Francisco Asorei foi quen recibiu o encargo de deseñar o
monumento a Villar Ponte.
Xornais
como La Voz de Galicia
e El Pueblo Gallego
publicarían a finais de abril de 1936 a fotografía do bosquexo da
obra proxectada polo de Cambados, estando prevista a súa
inauguración para a primeira quincena do mes de setembro dese mesmo
ano. A peza artística concibida por Asorei mediría seis metros de
alto e presentaría forma de dolmen, con tres corpos ou partes ben
diferenciadas: a de abaixo, servindo de base, imitaría unha rocha; a
do medio, con forma rectangular e cruzada por unha franxa diagonal a
imitación da presente na bandeira galega, levaría na cara anterior
o nome de Antón Villar Ponte insculpido e un retrato seu de perfil
feito en bronce; a parte superior, finalmente, iría adornada a ambos
lados da cara anterior con motivos vexetais de loureiro tamén
insculpidos...
Paralelamente ao desenvolvemento da colecta popular e ao labor do
artista cambadés, a maquinaria burocrática oficial coruñesa deu
algúns pasos na tramitación do proxecto. Con data de 31 de marzo de
1936, o presidente da Asociación da Prensa coruñesa Fernando
Martínez Morás e o seu secretario Antonio Carballo Tenorio
rexistraban no Concello herculino, efectivamente, un escrito dirixido
ao Alcalde pregando que se sinalase o emprazamento máis axeitado
para o monumento en cuestión.
Ao
día seguinte, o Alcalde daba orde de pasar o tema a estudo na
denominada Comisión de Paseos y Jardines. Esta, formada entre outros
por Julio Pardela Caamaño, Francisco Portela de Fano, Joaquín
González e Ramón Lago Portela, emitía o 29 de abril de 1936 o seu
informe nos seguintes termos: "La
Comisión de Paseos se honra e proponer a V.E. que para emplazar el
monumento que ostentará un busto del ilustre escritor Señor Villar
Ponte sea elegida una pradera que existe frente al nuevo palacete que
sustituye a la vieja casilla de jardineros, si así fuere el parecer
técnico. Es un lugar de gran perspectiva en el que el monumento
destacará, teniendo por fondo el verdor de la pradera y los matices
de las flores de los macizos circundantes, y por frente la carretera
del puerto con la lejanía del mar, el mar que atravesó un día, en
su mocedad, el señor Villar Ponte para ir a la Habana en la que su
talento y su pluma alcanzarón [sic] prestigio y lauros.
La inauguración de ese monumento puede y
debe coincidir con el descubrimiento de la placa que dará el nombre
de Villar Ponte a una calle de la Ciudad Jardín.
Este doble homenaje debe constituir una
solemnidad gallega en la que la [sic, minúscula] Coruña que la
organiza, ha de plasmar el fervor de la tierra al excelso escritor
que la exaltó en sus producciones, tan bellas en pensamiento como
brillantes en estilo" (Véxase
o documento "Ayuntamiento de la Coruña. Sección Fomento y
Trabajo. Negociado de Paseos y Jardines. Año 1936, nº 548 bis.
Expediente sobre emplazamiento del monumento que ostentará un busto
del notable escritor D. Antonio Villar Ponte").
Con
data de 4 de maio, o alcalde enviou a documentación á sección
facultativa de Obras Municipais para o oportuno informe dos técnicos
(conservador e asesor artístico) mais aí ficou interrompido o
trámite. A guerra civil sepultou a iniciativa, e ao funcionario de
turno non lle ficou máis remedio que consignar con data de 5 de
abril de 1937 no Expediente intitulado "Ayuntamiento
de la Coruña. Sección Fomento y Trabajo. Negociado de Paseos y
Jardines. Año 1936, nº 548 bis. Expediente sobre emplazamiento del
monumento que ostentará un busto del notable escritor D. Antonio
Villar Ponte", que o asesor artístico
do Concello devolveu a documentación "sin
informar"...
Unha homenaxe do grupo alpinista ferrolán Abrente
Os membros do grupo alpinista Abrente, fundado por Alfonso Piñón e
presidido pola señorita Paquita Blanco, organizaron o 3 de maio de
1936 unha excursión por diversos lugares da Terra de Trasancos,
partindo do peirao das Curuxeiras no vapor "El Globo" con
destino ao monte Laurel, preto do cabo Prioriño e do castelo de San
Filipe, na ría de Ferrol.
Alí,
o artista departamental Luís Picos insculpiu nun penedo que facía
as veces de miradoiro, en sinal de homenaxe que se quería
explicitamente "desprovisto de todo matiz político", o
nome de Antón Villar Ponte, acompañado do epíteto "Galego
escrarecido", e unha breve frase debida á propia pluma do
viveirés: O mar é o único espello do
infinito, e forma có ceo o paréntesis grandioso onde a cativez do
home se aprecia craramente".
Tratábase dunha tradución para o galego dun fragmento do artigo de
Villar Ponte intitulado "Mi máscara y yo", publicado en La
Voz de Galicia o 8 de febreiro de 1914
e reproducido posteriormente no diario vigués Galicia
o 18 de maio de 1924…
Ademais,
os numerosos asistentes realizaron, baixo a presidencia de Manuel
Insua Santos (natural de Xove, militar retirado, colaborador do
Heraldo de Vivero
e presidente na altura da sociedade herculina Amigos del Campo), unha
ofrenda floral diante dun retrato de Villar Ponte pintado para a
ocasión expresamente por Vicente Díaz González. No transcurso
deste acto, os responsábeis do grupo Abrente explicaron así o
significado da súa orixinal ofrenda á memoria do xornalista
viveirense: "Iste
home escrarecido, que nacéu en Viveiro, xunto ao río Landro, e
morréu na Cruña, foi un namorado do mar e da libertade. E por iso
ficará o seu nome n-ista outura, diante do mar infindo".
"Abrente"
tíñase dirixido previamente aos membros da directiva da
recentemente creada Asociación de Escritores Galegos, presidida polo
escritor muxián Gonzalo López Abente, para que lle fixesen chegar
unhas cuartillas escritas ex professo
para este acto, que estaba previsto inicialmente tivese lugar o 5 de
abril, foi logo posposto para o 19 dese mesmo mes e acabou
celebrándose finalmente, como dixemos, o 3 de maio. Os traballos
recibidos cedeullos logo "Abrente" ao voceiro galeguista A
Nosa Terra, que procedeu á súa
publicación. Apareceron así nas súas páxinas, concretamente no
número 415 (22.5.1936), os textos intitulados "Gratitude",
de Ramón Villar Ponte, no que expresa dor pola perda do irmán,
agradecemento polas homenaxes que se lle tributan e consolo polas
condolencias que está a recibir; e "Lembranza de Antón Vilar
Ponte", de Otero Pedraio, no que o escritor de Trasalba alude á
dimensión xa inmortal da figura do xornalista viveirés fundador das
Irmandades.
No seguinte exemplar de A
Nosa Terra, con data do 29.5.1936,
viron lume "No homaxe a Antón Vilar Ponte", de Arturo
Noguerol; o poema "A Antón Villar Ponte" de Cipriano
Alonso e Francisco Yáñez; "Recordo ao Mestre", texto en
prosa deste último; e, finalmente, "Vilar Ponte", do
alcalde socialista ferrolán Xaime Quintanilla Martínez, quen logo
de lembrar a profunda amizade que o uniu ao finado e de destacar o
seu amor panteísta por Galiza, declárao poeta por riba de todo:
"Poeta cando facía periodismo,
pois no seu labor periodístico puña decote unha migalla de
sentimento lírico. Poeta cando facía dramas, pois como dramaturgo a
súa lira era unha estrela tremelucente d-emoción. Poeta cando facía
política, pois n-él a política era unha arela de redención da
terra. Poeta decote, mais sobre todo poeta no amor á Galicia".
Aínda aparecerían no semanario A
Nosa Terra, após a publicación deste
traballo de Quintanilla que citamos, outros textos de homenaxe e
lembranza a Villar Ponte, como os intitulados "Antón Villar
Ponte, bandeira e símbolo", de Xesús Noya Iglesias;
"Lembranzas. No homenaxe a Villar Ponte", asinadas en
Castela por un tal Manuel; ou, por último, o poema "Un xenio e
un símbolo", de C. Porta Meizoso.
Na cimeira do monte Laurel, no acto a que nos
referimos, dous mozos chamados Jesús Noya Iglesias e José Hermida
López, ambos socios de Abrente, foron dando lectura aos textos que
logo publicaría A Nosa Terra,
a outros de Felipe Bello Piñeiro, Alfonso Rocha e José Pérez
Pallaré e, finalmente, a algúns telegramas de adhesión. Tamén
pronunciaron discursos Ricardo Torres Quiroga e, improvisadamente,
Matías Usero Torrente, por ausencia dos oradores previstos, Álvaro
de las Casas e Ricardo Carballo Calero. Puxo fin ao acto o canto do
himno galego.
Unha sesión nas Cortes
Tamén se lle rendeu ao noso xornalista morto unha
pequena homenaxe no hemiciclo das Cortes españolas, coincidindo coa
sesión de apertura da nova lexislatura, o 15 de abril de 1936.
Castelao foi o encargado de comunicar oficialmente ao Presidente da
Cámara, Jiménez Asúa, con data de 18 de marzo de 1936, a nova do
falecemento do deputado electo pola circunscrición coruñesa Antón
Villar Ponte, lembrándolle ademais a súa condición de
parlamentario na primeira lexislatura constituínte republicana.
Segundo informa El País,
de Pontevedra, "todos los sectores del
Parlamento elogiaron la personalidad del ilustre periodista que tanto
laboró por Galicia y por la República. El presidente de la Cámara
señor Jiménez Asúa hizo notar que Villar Ponte había muerto pobre
y esto era un motivo más de admiración hacia el líder
galleguista".
A Nosa Terra
reproducirá integralmente nas súas páxinas (nº 411, 24.4.1936)
algúns dos discursos pronunciados nesa ocasión polos voceiros das
diferentes minorías parlamentares. Pascual Leone, polo grupo
parlamentario de esquerdas, destacará a rectitude de carácter do
falecido. Tomás i Piera, en nome da Esquerra Republicana de
Catalunya, lamentará a perda "de un hermano nuestro en virtudes
democráticas y de un hermano nuestro en esencias nacionalistas".
Edmundo Lorenzo, pola minoría socialista, lembrará a actitude de
franca irmandade que mantivera Villar Ponte para con el e para con
outros deputados do PSOE nas Cortes Constituíntes, "por encima
de las fronteras políticas que parecían separarnos". Ramón
Fernández Mato, pola minoría centrista, evocará a colaboración de
Antón no xornal vigués que el propio tiña dirixido en 1924, El
Pueblo Gallego, cualificando ao autor
de Almas mortas
como "un apóstol" e sinalando, ademais, que "ha
vivido en perenne vocación de amor a su tierra" e que "como
las antorchas se consumió alumbrando". O dereitista galego
Rodríguez de Viguri, en nome da minoría agraria, alén de ofrecer
axuda pecuniaria para os orfos de Villar Ponte, expresou a súa
admiración polo aceso amor a Galiza do finado, calidade que quixo
colocar "por encima de las luchas políticas en que nos separan
discrepancias de ideología". En liña semellante pronunciouse o
representante do Bloque Nacional calvosotelista, sr. Comín. Pola súa
vez, o sr. Pinyol, da minoría rexionalista catalá, sumouse ás
manifestacións de condolencia, o mesmo que Irujo, pola minoría
vasca, e Romero Cachinero, pola comunista, quen engadiu ademais que
"recorriendo Galicia he podido observar como los campesinos,
cómo el pueblo laborioso en general apreciaba a este hombre que
había sabido mantener firmemente los principios de liberación de
ese pueblo que vive hoy bastante esclavizado". Expresaron tamén
a súa dor, en nome da minoría popular progresista o deputado
Figueroa Rojas, e en nome do propio Goberno do Estado o entón
ministro de Agricultura e deputado de Izquierda Republicana, Mariano
Ruíz Funes.
Falaron tamén nesa mesma sesión das Cortes
españolas dous deputados máis, ambos de orixe galega. Antón Alonso
Ríos (1887-1980), pola Federación Agraria de Pontevedra, definindo
a Villar Ponte como "un espíritu avanzado entre la Galicia
ultrajada y proscrita y la Galicia que ha de reconocerse, amarse y
comprenderse" e Afonso Daniel R. Castelao, pola propia minoría
galeguista á que tería pertencido Villar Ponte caso de ter tomado
pose efectiva do escano alcanzado nas urnas. Castelao glosa na súa
intervención parlamentar numerosos parágrafos do seu artigo "¡Deica
logo!", publicado en A Nosa Terra,
para engadir: "Antonio
Villar Ponte era un gran periodista, un gran republicano, un gran
gallego, un gran hombre. La República ha perdido en Galicia a uno de
sus propagandistas más eficaces, y en la Prensa gallega desaparece
con su muerte el artículo, siempre magistral, que mejor interpretaba
las ansias de justicia y de libertad que siente nuestro pueblo".
Un proxecto de homenaxe en Arxentina
Para o día 22 de xullo de 1936, a Organización Nazonalista
Repubricana Galega de Buenos Aires, afecta ao Partido Galeguista,
tiña previsto render homenaxe a Villar Ponte desenvolvendo o
seguinte programa de actos: Discurso de apertura polo secretario da
ONRG, Rodolfo Prada; Lectura das intervencións na homenaxe rendida a
Villar Ponte na Cámara de Deputados española; Lectura de adhesión
á homenaxe do Goberno presidido por Manuel Azaña; Lectura de
adhesións que se recibisen desde Galicia, Cuba, Uruguai, etc.;
Palabras de adhesión do embaixador de España en Buenos Aires, sr.
Díez Canedo; Conferencia de Lino Pérez sobre a personalidade e a
obra de Antón Villar Ponte; Representación teatral de dúas escenas
escritas por Villar Ponte; Execución de varias composicións
musicais galegas.
O estourido da guerra civil, no entanto, desbarataría tamén esta
iniciativa, orientando os esforzos da colectividade galega
pro-republicana en Arxentina, loxicamente, cara a outras prioridades.
Outras iniciativas para honrar a súa memoria
O pasamento de Antón Villar Ponte suscitou, ademais das xa citadas
nas anteriores entregas deste artigo, outras iniciativas e homenaxes
de carácter máis puntual e simbólico que non quixéramos deixar de
referir.
Na totalidade dos locais do PG e das forzas de
esquerda burguesa e obreira ondearon o día do seu enterramento as
bandeiras a media haste. Corporacións municipais como as da Coruña
e Carnota expresaron o seu unánime pésame. A Academia Galega, o PG,
o boletín A Nosa Terra
e a propia familia do finado recibiron centos de telegramas e cartas
de condolencia. Entre elas a da potente Federación de Sociedades
Galegas" bonaerense, editora do xornal Galicia
e mais a dun grupo de soldados galegos destinados en Ceuta, entre os
que figuraba o daquela mozo galeguista Avelino Pouso Antelo, presidente que foi logo da Fundación Castelao e chorado defensor sempre da nosa lingua.
Numerosas entidades comezaron neses días as súas
xuntanzas, actos e reunións gardando un ou máis minutos de silencio
en memoria de Villar Ponte ou pronunciando, no seu caso, breves
alocucións de memento. Así, os grupos
locais do PG de Sada, Melide e Bergondo; a Mocidade Galeguista de
Monforte; etc. Ao rematar unha conferencia do mozo galeguista Cesáreo
Muñiz, os asistentes gardaron tres minutos de silencio. O
Seminario de Estudos Galegos puxo a bandeira galega a media haste no
edificio de Fonseca, acudiu representado polo seu presidente ao
soterramento do escritor viveirés e fixo pública unha nota
salientando a súa íntima dor pola morte deste "miembro activo
del Centro, que tanto cariño había puesto siempre en él y a quien
el Seminario debe las mejores iniciativas y las más cálidas
palabras de aliento". Tamén barallou o Seminario, entidade
cofundada no seu día polo viveirés Lois Tobío, outras iniciativas
de homenaxe póstuma a Villar Ponte, finalmente non concretizadas,
"entre ellas la de hacer una edición amplísima de Almas
Mortas, para distribuirla gratuitamente
a las bibliotecas y centros culturales de Galicia".
Por outra banda, na reunión que o Consello
Nacional do Partido Galeguista celebrou en Santiago o 11 de marzo, o
seu presidente, o arquitecto Gómez Román, segundo información do
xornal pontevedrés El País,
"inició la reunión con un emocionado recuerdo del ilustre
escritor y destacado miembro del Partido Galleguista Antón Villar
Ponte, fallecido recientemente. El Consejo en pie escucha con la
mayor unción sus palabras y guarda después prolongado silencio. Se
acuerda agradecer profundamente las constantes y sinceras
manifestaciones de pésame que el Partido está recibiendo de
significadas personalidades de Galicia, Cataluña, Vasconia y Madrid
por la muerte del fundador de las Irmandades da Fala (...). A
propuesta del consejero de Lugo, ciudad en la que tuvo lugar la
primera Asamblea nacional gallega, se acuerda asimismo invitar a
todos los afiliados al Partido llevar durante un mes, a partir del 15
del corriente, corbata negra en señal de duelo por la pérdida de
tan significado Maestro y luchador de la causa de Galicia. Se adoptan
también diferentes acuerdos encaminados a procurar la mayor difusión
de la abundante y valiosa obra patriótica del llorado escritor y en
relación con sus hijos".
Xosé Ramón Fernández
Oxea (Ben-Cho-Shey)
é quen propón nesa xuntanza que os afiliados leven durante quince
días, a partir do 15 de marzo, gravata negra en sinal de loito por
Villar Ponte. Esta medida, finalmente adoptada, foi causa de mofa e
descualificación para algúns militantes galeguistas en determinados
ambientes, segundo relata o boletín nacionalista A
Nosa Terra: "Hai quen por vérnol-a
corbata negra fai mofa de nós. Chegan a ponto de chamarnos loucos".
Por outra banda, o poeta Aquilino Iglesia
Alvariño, instalado en Vilagarcía de Arousa como profesor do
Colexio León XIII, que dirixía o tamén galeguista Xosé Núñez
Búa, publica na imprenta Buceta da citada localidade, baixo o rótulo
de "Impresos Sentimentais, nº 1" e co patrocinio expreso
do Grupo Galeguista da vila arousá, un tríptico de "nenias"
elexíacas dedicado a Manuel Antonio, Luís Amado Carballo e Antón
Villar Ponte, respectivamente. O soneto de Aquilino a Villar Ponte
será reproducido en varios xornais por esas datas e di así:
Ribeira de outos bidos enramada
en arela de ríos e de pontes,
floríu auga de sono en ermas fontes
para os ledos muíños da alborada.
Aceña de saudades! Outra escada
levantaras de alaudas sobre os montes
para salvar a dôr dos horizontes
i-enchelos de vieiros de rosada.
Agora xa es herbiña e flor de liño
De verdade ribeira de espadanas.
Nós, illa enredomada que ela encerra.
Tecéi, tecéi agora paseniño
a súa tea de sonos, tecelanas,
que é o branco veo de noiva da súa Terra.
Outro
membro do Consello Nacional do PG, o editorialista de El
Pueblo Gallego Xerardo Álvarez
Gallego, proporía así mesmo, na liña de procurar a máxima
difusión da obra do viveirense, a publicación por parte do PG de
dous libros: "un en que se recolla o
máis granado da súa vasta obra patriótica e cultural en toda a
variedade de aspectos que abrangue, folletos, artigos, conferencias,
etc.; outro, especialmente adicado aos seus traballos en col das
autonomías do que se faga unha tirada grande pra espallar
profusamente n-istes intres en que o trunfo do Frente Popular pon de
novo en marcha o Estatuto de Galicia".
Ningún
deses dous volumes proxectados na xuntanza do máximo órgano entre
congresos dos galeguistas chegaría a ver lume, se ben non custa
traballo ver que dalgunha maneira o primeiro deles acadou concreción
grazas á escolma que xa na posguerra editou na Arxentina Fernández
del Riego baixo o título de Pensamento
e Sementeira. Leiciós de patriotismo galego.
Homenaxes en Viveiro
A
conmoción que produciu a morte de Antón Villar Ponte non deixou de
ter lóxica presenza na súa vila natal. O propio Concello de Viveiro
adoptou na primeira ocasión que tivo, nada máis coñecerse a
infausta nova, o acordo unánime de expresión de pésame. Como
relatou Santos Alfonso a este respecto
desde as páxinas do Heraldo
(20.12.1991), "en La Coruña
fallece Villar Ponte, ilustre periodista, escritor, miembro de la
Academia Gallega, colaborador de diversos periódicos y Diputado a
Cortes electo por el Partido Galleguista. La Corporación, ante la
pérdida de tan ilustre vivariense acuerda hacer constar en acta el
sentimiento de la Corporación por tal fallecimiento y que una
comisión lo testimonie personalmente a su hermano Ramón”. Non
estará de máis lembrar que o PG tiña tres concelleiros na
Corporación viveiresa nese instante: o propio alcalde, Balbino
Cerdeiras Rey, e os edís Modesto Vilar Ínsua e César Parapar
Sueiras.
Algo
despois, sempre seguindo o relato de Santos Alfonso, o edil Modesto
Vilar Ínsua daba as grazas á Corporación en nome do PG pola boa
disposición amosada á hora de render homenaxe a Villar Ponte e
propuña a seguir "que se designe una comisión presidida por el
alcalde [Balbino Cerdeiras, do PG] para que organice los actos que
deben celebrarse en memoria del mismo y que se le de el nombre de
Antonio Villar Ponte a uno de los Grupos Escolares que van a
construirse en este municipio. La Corporación acoge con entusiasmo
la propuesta del señor Vilar". O Grupo Escolar que había de
ser bautizado co nome do noso xornalista era o de Landrove, parroquia
onde nacera o pai dos Villar Ponte, Ponciano, mais o estoupido da
guerra civil impediu que así fose. Na
actualidade, reparando dalgún xeito esta frustrada iniciativa da
etapa republicana, leva o nome “Vilar Ponte" un dos centros de
secundaria existentes na nosa vila.
Cando
no propio Viveiro natal do noso autor teña lugar unha magna
manifestación das forzas progresistas para conmemorar un novo
aniversario da proclamación da 2ª República, o 14 de abril, os
asistentes, segundo indica a crónica do xornal El
Progreso (17.4.1936), deteranse
"delante de la casa de don Ramón Villar Ponte, donde se hizo el
minuto de silencio en homenaje al fallecido, Antonio Villar Ponte,
entonando luego los afiliados al Partido Galleguista, el Himno
Regional. La manifestación siguió al Ayuntamiento, desde donde
dirigieron la palabra al pueblo Javier Soto Valenzuela y Agapito
García Atadell. Después los componentes del Grupo Galleguista
llevaron la bandera enlutada a casa de los señores Villar Ponte, en
donde quedó depositada en señal de homenaje siendo recibida por
Ramón Villar Ponte".
Loxicamente,
houbo bastantes viveirenses que, a título individual, enviaron o seu
pequeno contributo pecuniario para a idea do monumento a Villar Ponte
deseñado por Asorei, ao que xa aludimos. Entre eles cabe citar ao
pintor e fotógrafo Fermín González Prieto (Lander),
a Ángel Seco e ao ex-alcalde Santiago Seijo. Ademais, segundo lemos
en La Voz de Galicia
do 5 de xullo de 1936, o entón alcalde de Viveiro Balbino Cerdeiras
enviou, “como resultado de una colecta efectuada en dicha ciudad,
donde nació Villar Ponte, 191'50 pesetas”.
Preocupación polos fillos orfos
A
outras persoas, porén, preocupáronlle nesa hora de elexías e
propostas de homenaxe outros problemas máis concretos e até
delicados que se derivaban da definitiva ausencia de Antón Villar
Ponte. García Nodar, por exemplo, nun artigo publicado no xornal
estradense El Emigrado
(31 de marzo), consideraría de moita maior importancia unha idea
colocada o día 12 de marzo por Fernández Asís nas páxinas do
rotativo de Portela Valladares, dirixida ao amparo dos dous fillos
orfos do xornalista falecido e que denunciaba, ao mesmo tempo, a
actitude un tanto hipócrita daquelas entidades que coidaban cumprido
todo o deber para coa figura de Villar Ponte co simples envío dunha
coroa fúnebre ou dun telegrama de pésame. Escribía
García Nodar, concretamente: "Villar Ponte ha muerto pobre. No
ha dejado fortuna, pensión ni rentas de ninguna clase. Murió así
por haberse olvidado un poco de los suyos en beneficio de Galicia.
Deja un hijo en trance de iniciar carrera y una hija enferma, a la
que es urgente llevar a un sanatorio. Galicia no pude escamotear ese
dolor entre las palabras pomposas de las notas necrológicas. Galicia
debe acudir inmediatamente en auxilio de los hijos de Villar Ponte,
porque por ella, por el servicio de Galicia, quedan ellos
desamparados. ¿Nadie responderá a esa llamada? ¿Las entidades
oficiales, las corporaciones públicas, se atrincherarán
egoistamente en el silencio, creyéndose suficientemente cumplidas
con la corona fúnebre o el telegrama de pésame?".
O
xornal pontevedrés El País,
de filiación republicana e esquerdista, sinalaría a este respecto,
no editorial intitulado "Deuda de gratitud": "En
la Prensa regional se han escrito artículos recordando lo que
Galicia debe a Antonio Villar Ponte, el ilustre compañero fallecido,
y proponiendo la celebración de un homenaje que esté a la altura de
la obra que el gran periodista, con una perseverancia y una tenacidad
insuperables, ha realizado en aras del amor a su país en veinticinco
años de brega ininterrumpida. En
el Pueblo Gallego,
Olimpia Valencia (...) ha escrito una carta en que (...) se insiste
justamente sobre este tema. A su lado nos tiene y huelga decir en qué
medida secundaremos cuanto se haga, por justicia y por gratitud de
Galicia, en memoria de Villar Ponte. Y aun añadiremos algo más, por
si ello sirve para encauzar cualquier iniciativa. El insigne
periodista ha muerto pobre, como todos los periodistas de vocación
que infunden a su pluma un aliento apostólico, y ha dejado dos hijos
pequeños en la más desolada de las orfandades, uno de ellos -una
niña en la flor de la pubertad- enfermo de cuidado".
Reaxindo
diante deste estado de cousas, o alcalde galeguista de Bueu, Johán
Carballeira, proporíalle á
Corporación por el presidida abrir con 100 ptas. unha subscrición
popular en favor dos dous fillos orfos de Villar Ponte e dedicar ao
xornalista unha rúa da localidade, iniciativas que serían aceptadas
unanimemente polos munícipes, mais que a Guerra Civil, máis unha
vez, levou por diante.
Segundo
informa El Pueblo Gallego,
en maio de 1936 varios deputados da Fronte Popular presentarían
igualmente no Congreso unha proposición de lei "solicitando que
se conceda una pensión de 250 pesetas mensuales a cada uno de los
hijos que dejó huérfanos el diputado por La Coruña, Sr. Villar
Ponte, que no llegó a posesionarse del cargo". A iniciativa,
que saibamos, non chegou a votarse nin aprobarse antes do fatídico
18 de xullo…
Nos prolegómenos da traxedia
Na Asemblea do 17 de maio do 36 celebrada en Compostela a instancias
do Comité Executivo da Autonomía para determinar a data do
plebiscito estatutario, Ramón Suárez Picallo, despois de expor o
posicionamento do PG a respecto da citada cuestión, solicitou que a
Asemblea "puesta en pie, guarde un minuto de silencio en
homenaje a la memoria de Villar Ponte, padre espiritual del Estatuto
que se va a plebiscitar. La Asamblea, en pie, dedica al luchador
caído el homenaje de su silencio y de su recuerdo".
O
propio día do plebiscito autonómico, o 28 de xuño, El
Pueblo Gallego publicaría nun recadro
as fotografías de Lois Porteiro, Losada Diéguez, Xoán Vicente
Viqueira e Antón Villar Ponte baixo o rótulo significativo de "Os
catro apóstoles mortos". E cando se difundan uns resultados
claramente favorábeis ao SI, García Barros e Álvarez Gallego terán
no semanario A Nosa Terra
sentidas lembranzas para un Antón Villar Ponte que non podía estar
presente no gozo e celebración desa esperanzadora xornada...
Mais o certo é que a dinámica de tensión política e enfrontamento
violento que se foi apoderando da sociedade española e galega nos
meses seguintes á morte de Villar Ponte, así como o fragor da
campaña pró-Estatuto que desembocou nese histórico plebiscito do
28 de xuño de 1936, foron colocando nun lugar cada vez máis
secundario e relativizado, como era lóxico en certa maneira, o
interese pola lembranza e a rendición de homenaxes á figura do
intelectual viveirense. Desatada a confrontación bélica, o seu nome esluíuse como
referencia dun tempo convertido en preludio dunha traxedia maiúscula.
Despois, o bando vencedor da guerra botou sobre o xornalista de
Viveiro, sobre a súa obra e sobre as súas ideas nacionalistas,
progresistas, republicanas e democráticas un mesto manto de
silencio, ocultación e esquecemento que, por acaso, aínda pesa demasiado
sobre unha auténtica proxección da figura de Antón Villar Ponte á
altura de todos os seus méritos e merecementos.