Pódese
dicir que foron catro os cabezallos de imprensa que acolleron o máis
e o mellor da copiosa produción xornalística de Antón Villar
Ponte: o voceiro das Irmandades, A
Nosa Terra, o diario
vigués Galicia,
de Paz Andrade; o rotativo El
Pueblo Gallego, de
Portela Valladares; e, finalmente, La
Voz de Galicia.
A
relación do xornalista co rotativo herculino atravesou diferentes
etapas ao longo dun cuarto de século, traduciuse no desempeño de
variados status
e experimentou sucesivas sintonías e discrepancias, nun movemento
pendular. En 1930, o de Viveiro valorizaría unha parte desta
relación do seguinte xeito: “No
olvido, no, las noches de seis años que pasé en La
Voz, en
fraternal camaradería con buenos compañeros, a cuyo frente estaba y
está el insustituible Alejandro Barreiro. Las noches de seis años
sujeto al ritmo de una redacción grata dejan en el alma para siempre
una huella que nada puede borrar. Los triunfos de este periódico los
considero, pues, como triunfos en los que me parece tener algo mío”.
Estabelecido
como boticario en Foz (1901), o mozo Antón entregou os seus
primeiros textos ao diario fundado por Fernández Latorre. Entre eles
citaremos un relato breve en castelán, intitulado “Cuento de
Reyes”; un artigo necrolóxico sobre o dramaturgo noruegués Henrik
Ibsen; un traballo en que cuestionaba a filosofía estética da “arte
pola arte” e, por último, unha crónica dunha excursión dos
tertulianos da súa botica focega (Noriega Varela, Camilo Cela...) á
mítica Frouseira, lugar emblemático da peripecia de Pardo de Cela
que había de lle inspirar máis tarde a confección da peza O
Mariscal, en
colaboración co poeta Ramón Cabanillas.
Un
segundo instante de colaboración verifícase cando Villar Ponte
regresa de Cuba, en xullo de 1910, traendo entre mans as
correspondencias de dous xornais cubanos: o Diario
de la Marina, de La
Habana, e La
Correspondencia, de
Cienfuegos. Para ambos rotativos e para La
Voz de Galicia viaxa
en decembro de 1910 ao Portugal da revolución republicana, deitando
unha ollada moi céptica e distante sobre o que alí acontecía nas
súas “Crónicas de Lisboa”.
De
regreso á súa vila natal, Antón actúa como correspondente de La
Voz de Galicia nos
actos de celebración do Centenario de Nicomedes Pastor Díaz e
informa aos lectores dos graves incidentes electorais que se
verifican en 1911 na cidade do Landrove, con vítimas mortais
incluídas. Anoxado co ambiente, decide marchar á Coruña. Nesa
cidade, da man de Federico Maciñeira (tío da súa noiva Micaela
Chao, con quen casará en abril de 1913), entra no círculo de
relacións de Fernández Latorre, quen pouco antes de morrer ordena
que o de Viveiro pase a facer parte da redacción do seu xornal.
Corre o mes de marzo de 1912.
Villar
Ponte comeza como “redactor de noite” (encarregado de atender a
“última hora”, pois). Despois pasa a cubrir unha sección, de
periodicidade case diaria e publicada en primeira plana, denominada
“Con letra del siete” (23 de agosto de 1912-10 de xaneiro de
1918), nutrida con artigos de comentario de actualidade, feitos
moitas veces nun ton lixeiro e humorístico. Tratábase, segundo as
súas propias palabras, de “llenar
una ó dos cuartillas con glosas de temas minúsculos, pero
interesantes”.
Aborda así cuestións sociais (educación, sanidade, dereitos da
infancia e da muller, anti-flamenquismo, pena de morte,
emigración...), temas económicos (aranceis, atraso
infraestrutural...), temas artístico-literarios (comentarios de exposicións, recensións de libros, críticas teatrais, campaña
pró-admisión da Pardo Bazán na Academia Española...) ou
relacionados co propio xornalismo (deficiencias do servizo
telegráfico, escasa contía das remuneracións aos forzados
da pluma, críticas
ao labor dos correspondentes na Grande Guerra, rexeitamento da
maniquea división entre buena
e mala
prensa...).
Sobre
todo a partir de 1914, a sección “Con letra del siete” testemuña
a decantación nacionalista de Villar Ponte. O desenvolvemento
tráxico da guerra europea reforza a súa simpatía cara ao
pacifismo, cara ao anti-imperialismo e cara aos pobos sen estado ou
especialmente martirizados no conflito (Irlanda, Bélxica,
Polonia...). O panorama político español cáusalle malestar,
decepción ou fastío, agás cando considera as actitudes e campañas
do catalanismo de Cambó, que defende e aplaude. O agrarismo basilista tamén
resulta criticado con dureza na sección, sob acusación de
retoricismo vacuo. O tema idiomático cobra relevancia en traballos
como “Por nuestro renacimiento literario”, “El gallego no debe
morir”, “Lo real inverosímil” e “Por Cataluña y por
Galicia”, que conforman a substancia do seu folleto Nacionalismo
gallego. Nuestra afirmación regional” (1916),
base da fundación das Irmandades da Fala. A impresión do folleto
corre a conta de La
Voz de Galicia
precisamente, como agasallo, e varios dos redactores do xornal
(Faginas, Barreiro, Fernández Merino...) son “irmáns da fala” na
primeira hora.
En
paralelo ao desempeño da dirección do voceiro das nacentes
Irmandades, A Nosa
Terra, Villar Ponte
continúa cubrindo na redacción de La
Voz de Galicia a
sección “Con letra del siete”, mais nun clima de cada vez maior
incomodidade, dadas as crecentes discrepancias coa orientación
editorial do diario, afín ao líder liberal García Prieto e nada
condescendente co agromar nacionalista galego. O tratamento dado polo
xornal á “Semana Galega” que as Irmandades celebran en Cataluña
en decembro de 1917, logo de pactaren coa “Lliga” de Cambó, e
diversos artigos de Manuel Casás contra elas publicados nas súas
páxinas convértense no detonante para a marcha do noso autor, que
desde o 1 de febreiro de 1918 asume a dirección factual (a nominal
recae en Rodrigo Sanz) do xornal coruñés El
Noroeste, adquirido
polos catalanistas nesa altura para reforzar as súas propagandas
descentralizadoras na Galiza.
![]() |
Alejandro Barreiro |
Disoltas
as Cortes Constituíntes da 2ª República, en 1933, Antón fica sen
escano no novo Parlamento e pouco despois abandona a ORGA de Casares Quiroga. Nesta
conxuntura La Voz de
Galicia decide
contratar os seus servizos como columnista. Os seus artigos
aparecerán baixo diversos marbetes. Comezarán saíndo asinados
mediante o pseudónimo SIL
e co título de
"Rutas gallegas". Logo, e até a propia morte do xornalista
en marzo de 1936, cobrarán presenza baixo un amplo rótulo xenérico,
"Temas", que se irá adaptando pertinentemente á esencia
de cada un dos textos redixidos. Outros títulos que acobillarán as
súas colaboracións son os de "Charlas", "Breviario"
e "Letras regionales".
O
galeguismo, duramente represaliado a partir de novembro de 1933 polas
autoridades radical-cedistas (suspensión de A
Nosa Terra, desterro
de Castelao e Bóveda, etc.) e con notorias dificuldades para que a
imprensa do país se fixese eco dos seus posicionamentos, disporá da
pluma de Antón Villar Ponte
para os seus afáns
proselitistas e propagandísticos. Non por acaso, unha manchea de
artigos escritos e publicados polo xornalista en La
Voz de Galicia
durante o período 1934-1935 baterán arreo en dous temas
fundamentais nese momento histórico: a autonomía galega e o combate
anti-caciquil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario