eu

eu
eu

luns, 13 de outubro de 2014

UN XORNALISTA LIBERAL DE TREMOEDO: TOMÁS CANAVAL E MARIÑO

O rei absolutista Fernando VII
 A loita contra a tiranía absolutista marcou os primeiros decenios do século XIX en toda Europa e deu lugar a numerosos actos de sacrificio e heroísmo por parte dos defensores das ideas liberais. Entre nós, o enfrontamento cobrou moitas veces tintes tráxicos, pola férrea represión ordenada polo monarca Fernando VII, mais xerou tamén iniciativas de amplo calado como as "Sociedades Patrióticas", a milicia dos "Voluntarios Nacionales" e as primeiras andainas da prensa periódica. Movéndose neste preciso contexto e fomentando ese tipo de entidades, sempre desde posicionamentos antiabsolutistas e progresistas, aparece unha figura natural de Tremoedo (Vilanova de Arousa): Tomás Canaval e Mariño.

Segundo informa Couceiro Freijomil no seu Diccionario (Tomo 1, páx. 215), Canaval (ou Canabal) Mariño naceu na citada actual parroquia vilanovesa en 1779 e morreu en Vilagarcía (outras fontes din Vilanova) o 6 de xuño de 1829. Foi alumno de Teoloxía na Universidade compostelá, mais non rematou eses estudos. Vista a súa traxectoria posterior, máis ben semella que lle serviron para abominar da institución eclesiástica, daquela absolutamente maridada co poder rexio, cos privilexios aristocráticos e coa ideoloxía máis reaccionaria, salvadas ben poucas excepcións.

Canaval procedía dunha familia fidalga. Un irmán seu, Joaquín, casou cunha devanceira de Valle Inclán, Dª Francisca del Valle Inclán e Malvido (que morreu en 1882 aos 92 anos de idade), coa que tivo un único fillo, Jesús Eugenio Canaval del Valle, que naceu en setembro de 1816, estudou Dereito en Compostela e exerceu como secretario no Concello de Vilanova de Arousa.

Destinado en Compostela e logo na Pobra do Deán como funcionario de Facenda, o tremoedense Tomás Canaval e Mariño significouse moi axiña como eficaz e entusiasta propagandista das ideas liberais, fose desde a tribuna pública, fose, sobre todo, desde os cada vez máis influentes papeis periódicos. En palabras do citado Couceiro, Canaval foi dos que "más sobresalieron en los primeros tiempos de la prensa gallega".

Os informes redixidos polos absolutistas (en xerga da época, "bartolos", "blancos", "facciosos" ou "serviles") do Concello de Santiago sobre el, en outubro de 1823, logo de abortada "manu militari" a experiencia do chamado "Trienio Liberal", son concluíntes sobre a súa activa implicación na loita por implantar as novas ideas: "Fué nacional voluntario, secretario de un club que nocturnamente se reunía en el edificio que había servido de Tribunal de la Inquisición; exaltadísimo y osado en extremo: el primeiro que pidió y consiguió se pusiera la lápida de Porlier en el referido edificio. En el año de 20 y mes de marzo era oficial de esta Administración con sueldo de 5.000 reales, y por sus méritos llegó a ser, por la Constitución, director y subdelegado de Rentas en esta misma ciudad".

Ese activismo e ese compromiso do "negro" ou "colorado" Tomás Canaval, dito en termos da época, provoca que os informantes represivos apostilen: "Parece no puede darse un hombre más malo". Ben é verdade que para os reaccionarios composteláns, a listaxe de inimigos non era pequena nin irrelevante. Encadrábanse nas publicacións e sociedades liberais desa época en Compostela figuras como Sinforiano López, o impresor Manuel Antonio Rey e o seu cuñado Antonio de la Rúa, o libreiro Antonio Sáenz de Tejada, o reloxeiro Francisco Fernández Lago, o físico e catedrático universitario Juan Bautista Camiña, o presbítero Regueiro Vázquez, os arquitectos Melchor de Prado e seu fillo Casiano, o futuro alcalde de Madrid e deputado a Cortes Antonio Ferro Montaos, o comandante Juan de Dios Alguer, etc.

Noutro informe posterior, dado en maio de 1825 e reproducido, como o anterior, por Couceiro no seu Diccionario..., os reaccionarios composteláns engaden novos parágrafos condenatorios contra Tomás Canaval: "mereció y merece el concepto de ser de los hombres más malvados en el tiempo de la revolución; periodista el más inmoral, gritador acérrimo de la 'Sociedad Patriótica', de esta ciudad (constituyérase el 12 de mayo de 1820, y de ella fueron secretarios Canaval y Antonio Benito Fandiño); no sólo debiera estar separado de la dependencia, sino arrestado y aun algo más. Véanse los diarios de que ha sido editor, con D. Antonio Ferro; y, en fin, fué uno de los primeros agentes de la revolución".

Un pioneiro do xornalismo galego

As loitas políticas e ideolóxicas de comezos do século XIX trouxeron consigo un enorme desenvolvemento da prensa escrita, en forma de folletos e "papeis periódicos". O especialista Alberto Gil Novales ten localizado máis de 700 xornais en todo o Estado español só para os anos 1820-1823, correspondentes ao chamado "Trienio Liberal". A Coruña, bastión liberal, ve proliferar nesa mesma época cabezallos de prensa política como Diario Constitucional, El Conservador Constitucional, El Gorrión, El Despertador Gallego, Diario Político-Mercantil...

Dous son os xornais ("papeis", segundo se lles chamaba na época) que aparecen directamente vencellados ao noso protagonista, ambos de Santiago de Compostela. En primeiro lugar, El Amigo de la Nación, cabezallo liberal e constitucionalista que saíu en tamaño folio desde o 18 de abril ata o 23 de maio de 1820 dúas veces por semana, os martes e os venres, dos talleres de Juan Bautista Moldes, baixo a dirección de Antonio Ferro Montaos. Segundo indica Soto Freire, "publicaba editoriales, comunicados y otras variedades" e, a teor das informacións que ofrece Fandiño no seu Heráclito Español y Demócrito Gallego (nº 16, de 13 de xuño de 1820), cesou bruscamente, "con sorpresa del público". Segundo o autor de A casamenteira, enfrontado nesa altura aos ex-redactores do Amigo... Canaval e Antonio Caaveiro, a desaparición do citado xornal debeuse ás "muchas necedades en que incurrieron: la fisga y la mofa que hubo por las aldeas viendo tal folleto de venta por las ferias; y finalmente la ignorancia y la estupidez en su punto".

O outro xornal santiagués do que Tomás Canaval foi redactor é o liberal e de noticias El Observador Constitucional, impreso diariamente en cuarto desde de marzo de 1820 (para uns, desde o día 8; para outros, desde o día 17) na santiaguesa casa de Manuel Antonio Rey. Levaba por subtítulo ou lema "Viva el Rey por la Constitución" e foi denunciado á censura por un comandante militar no mes de xuño do propio 1820.

A figura de Tomás Canaval Mariño como activista político antiabsolutista está asociada á súa destacada participación, durante o chamado "Trienio Liberal", na "Sociedad Patriótica" compostelá. No seo desta entidade actuou como secretario, participou en debates e polémicas con outros correlixionarios e impulsou unha iniciativa de homenaxe a Porlier que constituíu a actuación pública e simbólica máis relevante do liberalismo santiagués no período de apenas tres anos (marzo de 1820-outubro de 1823) en que o rei Fernando VII finxiu marchar o primeiro de todos pola senda constitucional...

As "Sociedades Patrióticas"

Logo da insurrección de Riego na localidade sevillana de Cabezas de San Juan (1 de xaneiro de 1820) e do acatamento da Constitución de Cádiz polo monarca Fernando VII (9 de marzo), proliferaron por España adiante as auto-denominadas "Sociedades Patrióticas".

Tratábase de entidades de orientación decididamente liberal, abertas á discusión política e creadas a imitación dos clubes revolucionarios franceses. O seu obxectivo básico era contribuíar a crear unha opinión pública favorábel ao novo réxime liberal e para iso celebraron actos de conmemoración e homenaxe aos mártires da causa, apoiaron a formación e sostemento da "Milicia Nacional Voluntaria", elevaron peticións e informes ás Cortes e ao Goberno, exerceron control sobre toda clase de funcionarios para descubrir e denunciar pro-absolutistas, etc. Nos Estatutos da "Sociedad" coruñesa, pioneira no Estado, sinálanse como fins fundamentais "tratar todo lo que conduzca al bien de la Patria", "extender las ideas liberales en todas las clases del pueblo", "afirmar el imperio de la libertad y la verdad" e "alejar de entre nosotros el despotismo".

Para servir aos seus fins proselitistas, as "Sociedades" fundan periódicos, subscríbense aos doutras entidades liberais e serven de espazo para a lectura pública ou privada da prensa... No transcurso das súas sesións lese, estúdase e coméntase a Constitución de Cádiz, pronúncianse dicursos de tema social e político, debátense os propios Estatutos da entidade, elíxense ou remóvense directivas... De pasaxe, contribúen para a difusión de himnos e cancións de xorne liberal, sexa "A Marsellesa", sexa o "Himno de Riego" (que habería de se oficializar século e pico despois, durante a 2ª República), sexa a "Trágala", canción que constaba do seguinte estribillo "Al que le pese, que roa el hueso, / que el liberal le dirá eso: / trágala, trágala, trágala, / trágala, trágala, perro" e de estrofas ben significativas da ideoloxía que a sustentaba, como estas: "Antes que esclavos / volver a vernos / perecer todos / jurar debemos" ou "Ya no hay vasallos, / ya no hay esclavos / sino Españoles / libres y bravos".

Aglutinadoras, en moitos casos, dos elementos máis exaltados do bando liberal, as "Sociedades" axiña se revelaron unha ameaza para os intereses e orientacións dos liberais "moderados", que manobraron nas Cortes para regulamentar pro domo sua este tipo de entidades. En realidade, pola súa propia dinámica de funcionamento e pola súa orientación xeral xa se tiña producido un certo "reparto" entre as "Sociedades patrióticas", poboadas de exaltados partidarios da loita pola conquista de dereitos, e as "Sociedades Económicas de Amigos del País", punto de encontro dos elementos moderados ou "doceañistas", máis propensos a debates só técnico-reformistas.

O Regulamento aprobado polas Cortes o 21 de outubro de 1820, desde presupostos moderantistas, obrigou á disolución das "Sociedades" ou, no seu defecto, á súa conversión en "Tertulias Patrióticas", desprovistas de toda prerrogativa oficial e legal... Aínda así, cando se produza o retorno ao absolutismo da man dos exércitos da Santa Alianza ("Cen Mil Fillos de San Luís"), o 1 de outubro de 1823, os membros das "Tertulias" sufrirán, por regra, unha feroz persecución, o que dá a medida da súa enorme importancia no entramado civil e político partidario do liberalismo.

A "Sociedad Patriótica" de Compostela

Galiza xogou un papel moi destacado no fenómeno das "Sociedades Patrióticas". A primeira en constituírse en todo o Estado Español foi a da Coruña (febreiro de 1820) e logo apareceron outras en cidades como Ferrol, Lugo, Vigo, Mondoñedo e, como non, Santiago. A compostelá constituíuse en maio de 1820 e celebrou as súas reunións, non por casualidade, precisamente no edificio que ocupara a Inquisición, no solar en que hoxe asenta, nun recanto da compostelá Praza de Galiza, un coñecido hotel con bodegón...

Da "Sociedad Patriótica" santiaguesa fixeron parte, ademais do noso Tomás Canaval, figuras como o capitán Cosme Viamur, o catedrático madrileño de Historia Natural Gumersindo Moratín, o comandante Juan de Dios de Alguer, o catedrático Sebastián Antonio Pérez, o estudante Antonio Caaveiro, o impresor Manuel Antonio Rey, o burgués Manuel Flores, o escritor e xornalista Antonio Benito Fandiño... Como veremos, non deixou de vivir serios debates e desencontros entre algúns destes integrantes, Tomás Canaval incluído.

Cando a "Sociedad" se vexa impelida a disolverse en virtude do regulamento aprobado polas Cortes o 21 de outubro de 1820, enviará representación, asinada polo presidente Juan de Dios e polo secretario interino Sebastián Antonio Pérez, opoñéndose a esta medida, pois ao seu entender tal tipo de entidades non necesitaban de ningunha lei que as autorizase, dado que na propia Constitución de 1812 se consagraba o dereito á súa existencia en virtude de principios como o de liberdade de reunión e opinión, e dado que podían cumprir, ademais, unha misión útil como fiscalizadoras do cumprimento das leis, da lealtade dos funcionarios, etc.

Porlier
De todos os actos públicos que a entidade celebrou en Compostela, tal vez o máis relevante sexa un que, polo informe de depuración que os absolutistas redixen contra Tomás Canaval en outubro de 1823, sabemos que foi precisamente o xornalista tremoedense "el primeiro que pidió y consiguió" que se levase a cabo: a colocación no antigo edificio inquisitorial, o 24 de xuño de 1820, dunha lápida en homenaxe ao mártir liberal Porlier, que morrera axustizado na Coruña en 1815, con tan só 26 anos de idade.

O acto consistiu en inaugurar unha lápida cuadrangular que levaba no centro en letras douradas o texto "Calle de Porlier: Año de 1820" e nos contornos, en letras negras e relevos verdes, "Dedica la Sociedad Patriótica Compostelana". Presidida polo entón presidente da entidade Juan de Dios Alguer, a efeméride incluíu fogos de artificio, balcóns engalanados, reparto de composicións poéticas relativas ao asunto, desfile militar do batallón de Castela con bandeiras despregadas, presenza de delegacións dos concellos limítrofes e participación de diversos representantes eclesiásticos, civís e militares, entre os que ocupou un posto destacado o xornalista de Tremoedo.

A común pertenza ás fileiras antiabsolutistas, a súa afiliación común á "Sociedad Patriótica" santiaguesa e a coincidencia no traballo de redacción dalgún periódico non evitou que dous dos máis destacados elementos liberais da Compostela dos anos 20 do século XIX, Tomás Canaval Mariño e Antonio Benito Fandiño, acabasen enfrontándose pública e agremente. Discrepancias ideolóxicas e diferenzas de criterio sobre o funcionamento da citada "Sociedad" están na base dese conflito, non exento de certo personalismo por ambas partes.

O polemista Fandiño

O compostelán Antonio Benito Fandiño (1779-¿?), outro dos grandes xornalistas liberais do XIX galego e autor da peza teatral A casamenteira (escrita en 1812 e publicada postumamente en Ourense en 1849), acabaría os seus días nun presidio, tal vez en Valladolid, como dixo Murguía, tal vez na Coruña, como documentou recentemente o profesor Barreiro Fernández.

Durante os períodos en que llo permitiu a censura, escribiu moitas composicións satíricas, compuxo vilancicos e publicou numerosos opúsculos polémicos: Prospecto, Preliminar, Prólogo, Proemio...., de 1812, contra o seu denunciador Manuel Acuña e Malvar, arcedián do Salnés; Memoria o ensayo sobre la historia de la Real Cárcel de la Coruña (1812); Inaudita aventura y descomunal campaña.... (Santiago, 1813), en que relata a súa estadía en prisión e denuncia a inxustiza do seu encadeamento; A Dios rogando y con el mazo dando... (Santiago, 1814), sobre a situación política da época; Oración fúnebre... (1821), dedicada ao heroe e mártir do liberalismo Sinforiano López...

Ademais, durante o "trienio liberal" editou en Compostela o xornal El Heráclito Español y Demócrito Gallego, que saíu dúas veces por semana desde o 21 de abril ata outubro de 1820, completando un total de 53 números. Unha denuncia á censura por un artigo resultou letal para esta publicación en que Fandiño daba renda solta á súas opinións políticas liberais e reflectía os seus enfrontamentos no seo da "Sociedad Patriótica" compostelá.
Capa da peza teatral "A Casamenteira"

No número 13 do seu xornal, de 2 de xuño de 1820, Fandiño alude á sesión desa "Sociedad" celebrada durante os días 25, 26 e 27 de maio e aínda que nesa xuntanza non se trataron, na súa opinión, temas de verdadeiro interese, sinala que "no dejaron de estenderse actas, porque en este punto es exacto y diligente mi ex-compañero el Sr. Canabal". En realidade, tal xuntanza resultou polémica porque o propio Fandiño propuxo modificar os Estatutos da entidade en dous artigos e topou coa férrea oposición doutros socios como Gumersindo Moratín e Sebastián Antonio Pérez... Logo do debate, a votación deu como resultado 15 votos en contra e 8 a favor da substitución proposta. Alegouse non obstante nulidade da votación e retomouse o tema na seguinte sesión.

Só dous votos a favor da súa proposta recibiu entón Fandiño: o do impresor Manuel Antonio Rey e o do capitán Cosme Viamur. Prodúcese daquela certo pique co catedrático Sebastián A. Pérez, que acusou a Fandiño de inxuriar á "Sociedade" ao non aceptar de boa gaña o contundente resultado da votación. Como consecuencia, Fandiño abandonará desairado a entidade: "Y mediante ya no puedo ser útil á la sociedad por el espíritu de partido con que se obstina en oponerse á cuanto diga, y en que sin querer me honra pues denota la emulación; por el tenor de la presente me separo y aparto de ella, y suplico se sirva borrarme de la lista" (Heráclito..., nº 13, 2.6.1820).

Fandiño contra Mariño

Trala súa separación da entidade, Fandiño será atacado, entre outros, por Tomás Canaval Mariño. No Heráclito... de 9 de xuño de 1820 lemos: "Sociedad Patriótica de Santiago.- Con motivo de lo dicho en el número 13 de este periódico, se armó un gran caramillo en esta distinguida corporación, con dolor de los prudentes que la honran, y manifiesta necedad y crasísima ignorancia de los Peleles que más gritaron. El publicano Canabal, estúpido secretario de la sociedad, disparató de lo bueno de la orden, y el títere Moratín, badajó hasta cansarse. Todo el empeño de este par de gozques, era comprometer la sociedad a que se diese por injuriada [...], pero con todo nada puideron lograr, porque los sugetos de forma y más instrucción que ellos, olieron el poste y se opusieron de modo que en la sesión de sábado nada se ha concluido, y quedó pendiente el caso para la de lunes, estendiendo Canabal un apodada acta (según se me dijo) que le ha de dar por la cara al bueno del mochuelo, y servir de desengaño á la sociedad para que inmediatamente le remueva de lo que es incapaz de ejercer por sus pasiones é ignorancia".

Na sesión seguinte aludida no artigo precedente, Fandiño volveu ser atacado polo catedrático Gumersindo Moratín, mais "apesar de los gritos de este quechuvache, y los aspavientos del farándulo Canabal, la sociedad miró la cosa como debía mirarse, y no hubo lugar á nada". Fandiño acusa entón ao "leguísimo Canabal" de ter "depravada intención" e de ser "inepto para el destino, pues el Secretario debe ser un hombre de luces, y tú desconoces lo mismo que debes saber como cristiano", advertindo da súa intención de solicitar ao Presidente da entidade o expurgo da acta redixida polo de Tremoedo.

Nunha nova sesión da "Sociedad" non se reuniu quórum suficiente, mais o estudante Antonio Caaveiro, ex-redactor do Amigo de la Nación, tomou a palabra e, segundo relata o propio Fandiño no Heráclito... (nº 16, 13.6.1820) "habló más alto que concertado en orden á mí; pero en la mañana del sábado me dió completa satisfacción en el despacho del diario, negando varias cosas que había dicho, y por lo mismo y atenta su minoridad perdonado. ¿Que es esto Tomás [Canaval] y Gumersindo [Moratín]? Quedais solos por lo que veo".

O enfrontamento continuou e no Heráclito... de 20 de xuño (nº 18) lemos: "Como tanto se mintió de mi en este pueblo, y el célebre Canabal y campuzano Gumersindo, jactasen de valientes siendo unos pobres trompetas; justo es que el público sepa que tanto el señor catedrático Moratín, como el gozque publicano Tomás, faltaron á la verdad ó por mejor decir rotundamente mintieron. ¡Ha botarates, que par de privaderos se pierden en vosotros, respecto vuestros talentos no os hacen acreedores á más! ¡Qué sueldos tan perdidos los que gozais por la nación!".

Un intento falido de reconciliación

Mariño intenta unha sorte de armisticio con Canaval a través dunha nota de aviso que insire no número 20 do seu xornal: "En el núm. 16 de este periódico prometí la censura crítica del periódico titulado El amigo de la nación, de que fué principal redactor don Tomás Canabal y Mariño; y como un amigo que puede mandarme y á quien estoy sumamente obligado se interesase en que deje estas cosas, obedeciendo como debo sus insinuaciones, queda solvente el Sr. Canabal, que puede agradecer la bondad de quien le ha favorecido, y espero que desengañado no dé motivos á nueva campaña".

Mais a esperanza de Fandiño, sincera ou non, resultou defraudada. No número 28 do seu xornal, de 25 de xullo de 1820, vese obrigado a publicar unha carta co título de "Respuesta a T. C. M. B. articulista en el "Observador Constitucional" de esta ciudad del viernes 26 del corriente". O seu destinatario non é outro que Tomás Canaval, que publicou o día 21 no Observador... un texto en que acusaba a Fandiño de mentiroso. O promotor do Heráclito..., empregando o idioma galego (cousa extraordinaria nesa época, tratándose dun texto escrito), diríxese a Mariño, simulando non saber de quen se trata, nestes termos: "¡Ou ti quen queira que seas Vargas de xudas que tan estreyto es de moelles e que tantisimo urgas! ¡Intención de concodrilo, ollos de bacilisco, lengua de vívora, e pruma de serpe! ¿Porque á tomas conmigo, malino, é te atreves á chamarme embusteiro, solo por oir campanas?".

A desaparición do Heráclito... impídenos coñecer en que rematou a exaltada disputa entre estes dous xornalista liberais galegos sobre os que non tardaría en se desatar, con toda crueza e sen distinción, a represión absolutista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario