eu

eu
eu

luns, 25 de agosto de 2014

Un libro de poesía de Jaime Oroza


Resultoume intensa e moi interesante a lectura do poemario do escritor viveirense e amigo Jaime Oroza, Dende mañá, editado recentemente con ilustracións de Otero Regal.

Desde a primeira páxina, o libro transmite unha poderosa sensación de produto quintaesenciado, feito a desmán das presas e a contrafío de todo postureo intelectual. O eu reflexivo e contemplativo que fala nos poemas, inmerso nun labirinto de voces e vivencias marcadas pola autenticidade, prescinde adrede de artificios e de ouropeis, atrapa coa súa dicción confesional e intimista, converte en significativos os propios brancos de páxina (silencios) e obriga a penetrar nunha dimensión existencial, ontolóxica, onde cada palabra e cada imaxe se revelan resultado dun arduo esforzo meditativo ou constitúen o eco empapado en beleza de intensas luzadas sensitivas, coa natureza como leitmotiv.

Tempo, Paisaxe, Vida e Morte son presenzas que vertebran o contido do libro, sen que falten alusións a entes máxicos que interfiren na existencia (a fada do vento que organiza a natureza desatada; o trasgo que entretén; o falcón de ouro que trae promesas de liberdade pero non pousa xamais...) ou xogos fabulísticos en que os diversos tipos de animais (caracois, vagalumes, bolboretas, melros, paporrubos, gaivotas...) representan o variado catálogo de deformes ou conformes maneiras de vivir que presentamos os “civilizados” humanos (“A túa herdade”).

Duro de dixerir, por estremecedor e auténtico, é o desdobramento especular do eu poético nese impresionante poema “O segundo camiñante”, que cabe relacionar con outros do libro como “A tola”, “O poema de auga” e “Falando de nada”, onde se fai coincidir o desarraigo ou a inadaptación do individuo con certo tipo de lucidez anticonvencional (“perdido fóra do tempo / navegando de bolina / na inconsciencia”). A palabra poética revélase, máis unha vez, como medio eficaz para plasmar as descubertas máis esenciais das viaxes ao fondo do propio eu e para afirmar as bandeiras irrenunciábeis tecidas no corazón de cada quen.

Impactantes son as metáforas con que se retrata a derrota, o desánimo e a desesperanza nalgúns outros versos: “O barco vello, / conserva aínda, / unha amarra podre / que o cingue á terra”; “os cipreses feridos de morte fronte ao mar / ven pasa-la vida”; “Cabos torados. / Mastros podres”; “nas mans baleiras traio / un fondo recendo acre / a humidade”...

O conxunto está formado por un total de sesenta e oito poemas, dos cales trinta e oito, os “Poemas ensolapados”, son concibidos e presentados nun formato que evoca de inmediato os haikus orientais, eses poemas breves e delicados que encerran un pensamento onde a natureza ocupa un lugar central.

Coidamos percibir nas creacións de Jaime ecos do telurismo de Novoneira (“Fías de néboa no monte”), pegadas da soidade ontolóxica de Manuel Antonio (“...para os afogados”; “Frío húmido”) e algúns recursos neotrobadoristas (“Auga da fonte fora”), o que, por moi subxectivo que resulte pola nosa parte, non deixa de ser indicativo dos variados “aromas” da nosa tradición literaria que decantan con equilibrio e bo gusto nestes poemas. Magnífica a construción paranomástica (xogando coas palabras noite, norte e morte) de “O mar axoenllado nos ollos” e magnífica, tamén, a explosión de vitalismo e sensualidade expresada en “Cereixas feras”.

Dende mañá é, ao noso humilde entender, unha obra de madurez, un poemario ben feito que contén un saber dicir indiscutíbel e un saber pensar que lle han de conferir para o futuro, diso estamos certos, marchamo de perennidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario