eu

eu
eu

venres, 12 de febreiro de 2016

ANTÓN VILLAR PONTE E O SANTUARIO DE SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO



Cadro de Pedro Luzón Sánchez
En 1921, o escritor viveirense Antón Villar Ponte (1881-1936) comentaba no xornal cubano La Correspondencia, de Cienfuegos, a aparición do volume San Andrés de Teixido, do erudito ortegano Federico Maciñeira Pardo (1870-1943). Entre outras cousas, o de Viveiro apuntaba entón o seguinte: 

“En este momento de resurgimiento de los valores de la región gallega, el libro de referencia presta un extraordinario servicio. Porque en él se ofrece de modo cristalino una visión de paganía trasuntada en espiritualidad religiosa al correr de los tiempos, que permite determinar perfectamente las características ancestrales de una raza como la de Galicia, capaz de producir heresiarcas del fuste de Prisciliano. Que en todos los cultos religiosos de la tierra del Noroeste peninsular late un fermento panteísta que dá a aquéllos apariencias heterodoxas. El alma gallega, en lo que tiene de pagana y lírica, surge relevante en el notable libro de Maciñeira”.

Federico Maciñeira
Un lustro despois de escritas as liñas precedentes, o xornalista tivo ocasión de visitar en persoa, acompañado pola súa familia, o célebre santuario que recibe os romeiros cada 8 de Setembro e ao que, segundo a tradición, “vai de morto quen non foi de vivo”. Para realizar esa excursión, feita a lombos dun cabalo, Antón partiu desde a aldea de Susavila (Ortigueira), onde tiñan casa os seus sogros Juan Chao e Carme Maciñeira, pais de Micaela.

Unha vez chegados ao santuario os excursionistas, os sentimentos foron contraditorios, como testemuña a crónica que publicou no diario vigués El Pueblo Gallego (nº 780, 4.8.1926), logo reproducida en revistas da emigración galega en América como a Céltiga bonaerense (outubro de 1926) e a Galicia de Montevideo (maio de 1930), co título de “Una visita a San Andrés de Teixido. El santuario más popular de Galicia”.  

Efectivamente, por unha banda non puido disimular a negativa impresión que recibiu na contemplación do templo (“una de tantas vulgares iglesias”), ergueito no s. XVI, e mais na consideración dos principais elementos deste: “detestables altares churriguerescos con profusión de imágenes del peor gusto”, “un techo de uralita”, etc., coas únicas excepcións dos exvotos e das pinturas murais que ornaban as paredes do edificio e da propia imaxe relicario de San Andrés, “que es lo único de verdadero mérito”. 

Lanchas de Cariño, debuxadas por Vicente Risco
Mais, por outra banda, facendo referencias ao Padre Sarmiento, a Murguía, a Maciñeira, a Alfredo Vicenti e a Benito Vicetto, Antón Villar Ponte tampouco foi quen de deixar de ter presente a importancia histórica ancestral do santuario e a beleza e delicadeza dalgún dos ritos e crenzas a el asociados: beber da Fonte do Santo, tirar nela un cachiño de pan para saber se a peregrinación sería finalmente propicia, apañar herba de namorar, contemplar as “loitas” entre mozos labregos, non matar animal ningún porque transporta a alma de quen non foi a San Andrés de vivo...  

O xornalista, tomando pé no traballo que sobre Teixido tiña publicado Maciñeira, arriba amentado, estabelecía na súa crónica un interesante contraste entre os dous cultos haxiográficos máis populares na Galiza de entón, o do Apóstolo Santiago e o de Santo André, así como entre os seus respectivos santuarios: urbano, terreño, señorial e de importancia histórica, un; popular, marítimo e de importancia etnográfica, outro. 

Ademais, citando concretamente Murguía, Villar Ponte recreaba a popular e antiquísima lenda que explica a orixe do santuario, lenda que amosaría, no seu dicir, a inconfundíbel pegada das supersticións celtas (metempsicose, culto á auga, panteísmo...) na cultura galega popular e tradicional. Como é sabido, segundo ese relato o santo tería chegado por mar a Teixido e, unha vez desembarcado, a súa nave teríase petrificado, converténdose  no penedo coñecido co nome de “Barca de San Andrés”.  

A crónica villarpontina non está exenta de alusións críticas á responsabilidade da Mitra mindoniense no feísmo arquitectónico do templo e mais de irónicas mencións aos suculentos ingresos que a devoción popular deixaba nel... 

Aproximadamente tres anos despois de escrita esta crónica, aínda aludiría novamente o noso autor ao santuario, concretamente comentando no diario El Pueblo Gallego de Vigo (27 de outubro de 1929) e mais na revista galaico-arxentina Céltiga (15 de decembro de 1929), o volume Pelerinaxes I, que saíu do prelo da editora Nós de Ánxel Casal, aínda na Coruña, o 25 de setembro de 1929.

Este, como é ben sabido, describía a romaxe a pé efectuada durante dez días por Ramón Otero Pedraio, Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) desde Ourense a Santo André de Teixido, facendo escalas en Viana, Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Vilalba, As Pontes e Ortigueira. Cómpre dicir que os citados romeiros ourensáns fixeron o derradeiro tramo do seu camiño acompañados por tres ilustres veciños de Cariño: Antón Piñeiro Lago, Francisco M. Pita e o médico Alexandre Carreño. No santuario foron recibidos polo crego Andrés Miragaia, como testemuña a fotografía que ilustra esta entrada, que tomamos da revista Céltiga de Bos Aires (nº 66, 25 de setembro de 1927), onde aparece ilustrando unha colaboración de Ben-Cho-Shey, precisamente.

En opinión de Villar Ponte, cabía cualificar Pelerinaxes I como “libro modelo de enxebreza”, “verdadeiro poema cosmogónico en prosa” e modelo para futuras producións literarias que quixesen recoller fielmente o “ambiente regional”. Pola súa vez, no limiar, Risco definía a obra como "o roteiro d'unha viage a pé, que uns galegos, nin turistas nin deportistas, fixemos cruzando do Sul pr'o Norte caxque toda a terra de Galiza" e sinalaba, ademais, que "endejamais nos encheu a ningún de nós mais pura, mais san nin mais fonda ledicia que n-ises ceibes días de alegre camiñar".

 

mércores, 30 de decembro de 2015

ANTÓN VILLAR PONTE NA PRESIDENCIA DA “ASOCIACIÓN DE PRENSA” CORUÑESA (1915)



Antón Villar Ponte, en caricatura de Álvaro Cebreiro
A comezos de 1915, o prestixio e a proxección pública do xornalista Antón Villar Ponte (1881-1936), daquela xa asentado na Coruña como flamante membro da redacción de La Voz de Galicia, representante do Diario de la Marina habaneiro, colaborador habitual de El Ciudadano e mesmo directivo da agrupación herculina de "Amigos de los Árboles" (presidida polo militar Manuel Insua Santos, natural de Xove), aumentarán de maneira significativa ao ser designado Presidente da "Asociación de Prensa". 

A entidade, de orientación basicamente benéfica e mutualista, ofertaba servizo médico e farmacéutico para os asociados (incluídos os seus familiares), que tiñan que ser xornalistas en activo ou persoas que o tivesen sido "de un modo notorio e indiscutible", segundo rezaba o artigo 2º dos seus Estatutos, impresos na tipografía de El Noroeste en 1908. En caso de incapacidade transitoria ou doenza grave do socio, podía a Xunta Directiva, en virtude do artigo 9º deses Estatutos, asignarlle unha pensión durante un período máximo de dous meses. A Asociación tamén financiaba a publicación de esquelas en caso de falecemento dun socio e outorgaba unha axuda de 250 pesetas para os deudos do defunto. 

Esta Asociación, que se sostiña economicamente a través das cuotas dos seus asociados (2 ptas. por mes, agás redactores, que pagaban só 1), organizaba de cando en cando, con fins recadatorios, festivais benéficos, bailes e mesmo touradas, como a que consagrou na Coruña ao matador de Láncara Celita. Indicaba a revista Vida Gallega (nº 40, 1913), a este respecto, que "sus fiestas llenan siempre sus cajas cuando la previsión directiva las sorprende, por deméritos del dolce far niente recaudador, con los fondos al descubierto". 

Con todo, segundo explica en decembro de 1914 La Voz de Galicia, "la Asociación de la prensa no se ha creado para el fin único de la asistencia facultativa, sino también para otros muy importantes, cuales son los de honrar por todos los medios á los cultivadores de la profesión". De feito, algúns dos primeiros acordos que tomará a súa directiva serán o de solicitar o indulto para o ex director de El Combate, Abelardo Vila, condenado por ter reproducido no xornal da súa dirección un artigo antimonárquico de Blasco Ibáñez e o de pedir que ficase en suspenso a xubilación forzosa de Manuel Murguía (maio de 1905), por canto non tiña garantida o insigne historiador a percepción de ningún tipo de pensión. 

Eladio Rodríguez Gnzález
Fora fundada a Asociación de Prensa coruñesa nunha xuntanza celebrada nos locais da Reunión de Artesáns o día 5 de decembro de 1904. A primeira Xunta directiva estivo presidida por Urbano González, con Eladio Rodríguez como vice-presidente e Alejandro Barreiro e Bernardo Faginas como secretarios. En 1911 ocupaban os postos clave Francisco Ponte Blanco (presidente), Francisco Tettamancy (vicepresidente), Ramón Zincke (tesoureiro) e Fernando Martínez Morás (secretario). Durante os anos 1913 e 1914, Wenceslao Fernández Flórez ocupou o posto de secretario nunha directiva que continuou a presidir Ponte Blanco. 

O xoves día 7 de xaneiro de 1915, poucos días despois de se producir a desaparición do cabezallo coruñés republicano Tierra Gallega (co que Antón Villar Ponte tiña colaborado nos seus tempos de boticario en Foz), a Asociación de Prensa celebrou unha concorrida asemblea no local da Liga de Amigos, co obxecto de renovar a súa directiva. Logo de lida a memoria anual e de aprobadas as contas, o veterano presidente saínte, Ponte Blanco, pronunciou un discurso de despedida, para dar paso a unha votación que deu como resultado a seguinte nova directiva: Presidente, Antonio Villar Ponte; Vicepresidente, José Panisse Serrano; Secretario 1º, José Blanco Meizoso; Secretario 2º, Manuel Barbeito Herrera; Tesoureiro, Alfredo Lafuente Suces; Contador, Juan Tejada Velasco; Vocais, Francisco Rodríguez Pereira, Manuel Ponte Maquez e Jesús Merelas Bello. 

Segundo informa o xornal coruñés El Eco de Galicia (nº 2.669, 8.1.1915), a candidatura "fué elegida sin oposición, aunque algunos señores no han obtenido más que dos o tres votos". Non obstante, dadas certas incompatibilidades en que, á luz do regulamento interno da Asociación, incorrían algúns dos electos, algúns socios solicitaron que se tivese este feito en conta e se procedese a unha nova elección de cargos. O antecitado xornal católico acrecentaba, ademais: "sabemos que algunos señores de los ayer elegidos no aceptarán los cargos para que fueron designados, y dícese que, en vista de ello, dimitirá por decoro el resto de la nueva directiva". O rotativo dirixido por Zenitram valorizaba que esa era a única vía posíbel, "tanto por lo que atañe a la fiel observancia de los preceptos reglamentarios, cuanto para que la armonía hasta ahora existente entre los asociados, periodistas en activo, no sufra la menor alteración".

A pesar das elucubracións proféticas de El Eco de Galicia (contrario, en realidade, á renovación que se acababa de producir na Asociación), o certo é que os novos directivos tomaron pose dos seus cargos dous días despois de realizada a votación, coa excepción do tesoureiro Lafuente Suces, que fixo renuncia ao cargo alegando que as súas moitas ocupacións impedíanlle aceptalo. Para cubrir a vacante foi designado, o xoves 14 de xaneiro de 1915, Eladio Rodríguez González. 

A revista viguesa Vida Gallega (nº 67, 15.4.1915) saudará o novo presidente da Asociación cun gabancioso retrato, redixido nos seguintes términos:
 
"El nuevo presidente de la Asociación de la Prensa de la Coruña es, por su cultura y por su vigor intelectual, una de las figuras más sobresalientes del periodismo gallego.
En la actualidad es redactor de nuestro querido colega La Voz de Galicia y redactor-corresponsal en nuestra región de El Diario de la Marina de la Habana.
No obstante su juventud, tiene una historia larga y brillante. Colaboró, en prosa y verso, en muchos periódicos de Madrid y de provincias. En Cuba, donde vivió algunos años, fué redactor-jefe y después director del Diario Español. También dirigió allí las revistas habaneras Follas novas y Alma gallega y el diario camagüeyano El Comercio.
En el solemne acto de apertura del curso académico de 1911 en el Centro Gallego de la Habana pronunció un extenso y notabilísimo discurso pedagógico que mereció el singular honor de ser imprentado en la memoria anual de aquella sociedad.
Vuelto á España, organizó en Vivero el centenario de Pastor Díaz, que se efectuó con extraordinario lucimiento.
A raíz de la revolución portuguesa dió en la sociedad Juventud de Galicia, de Lisboa, varias conferencias que fueron muy celebradas. Pronunció discursos de propaganda republicana en Coruña, Lugo y otras poblaciones.
Desde las columnas del Diario de la Marina de la Habana, dió vida al pujante movimiento autonomista gallego que hoy se concreta orgánicamente en Cuba.
En varios periódicos de Galicia rinde culto, casi diario, á una obsesión, ya antigua en él: el ferrocarril de la Costa. Esto y sus constantes estudios sobre Federico Nietzsche constituyen los principales trazos de su personalidad intelectual. Sus rasgos más característicos son el ser un entusiasta nacionalista gallego y el odiar la política partidista".

Desta comprida e exacta semblanza redixida pola revista de Jaime Solá, cómpre non deixar de chamar a atención sobre a alusión final ao ideario do noso autor. Estamos aínda nos comezos de 1915, a máis dun ano da fundación efectiva das Irmandades, e o vocábulo "nacionalista", como se ve, xa serve para identificar publicamente o pensamento político do xornalista viveirense.

Unha das primeiras aparicións públicas de Villar Ponte ostentando o seu novo cargo acontece nunha velada de homenaxe ao poeta Curros Enríquez, no sétimo cabodano da súa morte, velada á que tamén asisten Murguía, Tettamancy, Cabeza de León e Alejandro Barreiro. Villar Ponte, que ostenta ademais a representación do xornal habaneiro Diario de la Marina, pronuncia unhas breves palabras neste acto en que, "aproveitando" a presenza de dous representantes do Centro Galego de La Habana, os señores Justo Martínez e García Freire, segundo recolle La Voz de Galicia (8.3.1915) "(...) hubo de dolerse de que el monumento siete años ha proyectado a la memoria de Curros - y para lo cual se abrió una suscripción que encabezó aquella entidad [Reunión de Artesáns]- , todavía no se haya erigido". 
 
Andrés Martínez Salazar
Xuntamente co cronista oficial herculino Andrés Martínez Salazar e o presidente da Academia Galega, Manuel Murguía, Villar Ponte participará en cualidade de presidente da Asociación de Prensa na Comisión organizadora dos actos do Centenario de Miguel de Cervantes na Coruña (1916). Outras actuacións no desempeño desta presidencia tiveron a ver con dúas iniciativas relevantes nesa época: unha nova campaña a prol da construción do "Ferrocarril da Costa" e unha iniciativa de homenaxe a Uxío Carré Aldao que, entre outras cousas, serviralle ao de Viveiro para se reconciliar provisoriamente co núcleo rexionalista da “Cova Céltica” e sentar así unha báse sólida para a fundación, en maio de 1916, da primeira das Irmandades de Amigos da Fala.

domingo, 13 de decembro de 2015

VOLVENDO SOBRE A FIGURA DE ROBERTO BLANCO TORRES (1891-1936)




Roberto Blanco Torres foi un dos xornalistas máis sobranceiros da Galiza do primeiro cuarto de século. A calidade e interese dos seus artigos, a honestidade con que emitiu as súas opinións, a dignidade con que afrontou a persecución da censura e dalgún propietario de xornal (caso de Portela Valladares e El Pueblo Gallego) e o prolífico da súa pluma, presente nos principais cabezallos da prensa galega desa época (A Nosa Terra, El Noroeste, El Correo Gallego, La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego, El País, etc.) converten a súa figura nunha referencia inexcusábel á hora de falarmos desa xeración de grandes xornalistas que deu a nosa Terra antes do estoupido bélico do 36, xeración á que pertence tamén por dereito propio e en destacado lugar o noso compatriano Antón Villar Ponte.


Blanco Torres foi, asi mesmo, un poeta de extremada orixinalidade aínda que nada prolífico (un só libro editou, co título de Orballo da media noite, en 1929, magnificamente analizado por Miro Villar na edición que fixo Xerais co gallo das Letras Galegas de 1999) e asemade un militante honesto da idea republicana, progresista e galeguista, feito este que serviu de excusa para que uns desalmados asasinos co uniforme da Falange o inmolasen nunha cuneta da estrada de Bande a Portugal, no concello ourensán de Entrimo, nunha madrugada do mes de outubro de 1936.

Nacera en Cuntis (Pontevedra), en 1891. Era o menor de nove irmáns. Un deles, Germán, crego en Lores (Meaño-Pontevedra), mantivo decote unha estreitísima relación con el e tentou inutilmente interceder pola súa vida nos tráxicos días da sublevación fascista.

Morto seu pai en 1905, Roberto Blanco Torres decidiu reunirse con dous dos seus irmáns, Segismundo e Nuño, na illa de Cuba. Aló chega a finais de 1906, con quince anos recén cumpridos, e, ben axiña, comeza a despuntar con múltiples colaboracións, en prosa e verso, en galego e castelán, nos numerosos xornais e revistas que editaba en La Habana a colectividade emigrante galega.

En Cuba, Roberto traba amizade co noso Antón Villar Ponte, co debuxante catalán Bagaría, co músico Xosé Castro "Chané", con Xosé Fontenla Leal (promotor do noso himno e da Academia Galega), co poeta Ramón Cabanillas, co xornalista Abdón Rodríguez Santos, co abade agrarista Basilio Álvarez e con outras figuras destacadas da intelectualidade galega na Illa caribeña, que adoitaban reunirse para faceren tertulia no café “Puerta del Sol”.

O bautizo literario de Roberto prodúcese na revista habaneira Follas Novas, que fora fundada en 1897 e que desaparecería en setembro de 1908, logo de ser dirixida nun breve período por A. Villar Ponte, precisamente. Noutra revista habaneira, Suevia, deu a coñecer o de Cuntis a súa primeira produción en galego, o poema titulado Anacos (17 de novembro de 1910).

Funda e dirixe nesta etapa cubana as revistas La Alborada (decembro de 1911), na que populariza o seu pseudónimo "Fray Roblanto", e La Tierra Gallega (abril de 1915), de ton crítico cos dirixentes do Centro Galego de La Habana e da que só saen cinco números.

Blanco Torres, con todo, non consegue en Cuba garantirse unha mantenza en condicións e fártase, ao que semella, de "comer mal y vestir peor". O seu amigo Abdón Rodríguez Santos transmítenos unha explicación sobre este relativo fracaso: “no tuvo suerte en Cuba (...) Dije que Roberto no tuvo suerte; mejor dijera que no tuvo padrinos, y si los tuvo le cogieron hincha por la hurañía de su carácter, o por ser poco apersonado y zalamero”. 

O seu regreso a Galiza prodúcese, probabelmente, a finais de 1916. Nada máis chegar proclama a súa adhesión ás Irmandades da Fala, que veñen de fundar os irmáns Villar Ponte na Coruña, faise colaborador asiduo do xornal-voceiro das mesmas, A Nosa Terra, concretamente desde o seu número 15 (10.4.1917), e participa activamente na Asemblea de Lugo (1918), na que as Irmandades declaran fundado o nacionalismo galego.

Moitos outros xornais galegos, cataláns e madrileños receben as súas colaboracións dende entón: Galicia Nueva de Vilagarcía de Arousa, a revista Vida gallega de Vigo, El Sol de Madrid, El Liberal de Madrid, El Ideal Gallego da Coruña, Faro de Vigo, etc. En 1918 acompaña a Villar Ponte na redacción do xornal coruñés El Noroeste, adquirido daquela polos rexionalistas cataláns liderados por Cambó. Desde o 22 de outubro de 1920 até o 9 de agosto de 1921 dirixe Blanco Torres o xornal, daquela ferrolán e hoxe santiagués, El Correo Gallego. Pouco despois pasa a dirixir El Progreso, de Pontevedra.



Blanco Torres amósase como un xornalista de opinión, moi combativo, militante das causas progresistas, firme partidario das reivindicacións galeguistas e moi atento, especialmente, ás loitas do agrarismo. A súa pluma, abondo prolífica no mester xornalístico, vaise nutrindo sobre todo da actualidade política e social deses anos, mais sen por iso renunciar ao tratamento de temas culturais e literarios e, mesmo, á reflexión e divulgación filosóficas.

Froito desa combatividade nobre que imprime a moitos dos seus traballos serán as polémicas con diversos persoeiros e colegas de profesión. Destacan, nesta liña, as súas críticas ao director da pouco galeguista Vida Gallega, Jaime Solá, pola súa "flojedad polémica cuando se trata de los problemas ideológicos o espirituales de Galicia, poco familiares a los que, sin estudio, no sienten la personalidad ni los destinos de un pueblo" e mais os ataques a Alejandro Pérez Lugín, que chegou a se querelar contra el a raíz dunha polémica sobre a paternidade literaria da novela La casa de la Troya. Blanco Torres alude entón ao "trágico pauperismo intelectual" de Lugín, a quen considera "engreído por un éxito populachero de librería". 

Tamén asomou a pluma do cuntiense ás páxinas dunha das revistas máis importantes do período cultural anterior á guerra. Referímonos á revista Nós, que dirixía en Ourense Vicente Risco. Unhas notas de viaxe sobre Vigo (1921), unha recensión dun libro do galaico-arxentino Francisco L. Bernárdez (1925) e dous poemas orixinais (1929) son o contributo de Blanco Torres ao labor extraordinario deste boletín de cultura galega con enfoque universalista.

Na década dos 20, Blanco Torres acadará o cénit da súa carreira como xornalista, pois a súa figura relaciónase neses anos, en calidade de director, redactor-xefe ou correspondente, coas mellores cabeceiras de prensa galega e española e aínda con outras da colonia galega na emigración como a Céltiga bonaerense, o cubano Eco de Galicia, etc. Así, en 1922 é nomeado redactor-xefe de La Zarpa, xornal agrarista ourensán fundado un ano antes por Basilio Álvarez, con Antonio Buján como director. En agosto de 1923, Roberto accede á dirección do xornal, no que permanece até comezos de 1924, ano en que se traslada a Vigo para facerse cargo da xefatura de redacción do xornal Galicia, en substitución de Manuel Lustres Rivas, que emigra á Arxentina.

A estadía do noso autor na cidade olívica abrangue de 1924 a 1927. En abril de 1926 ten lugar a súa voda con Julia Sánchez. Blanco Torres signifícase nestes anos, desde a súa sección "Entre paréntesis" do Galicia dirixido por Paz-Andrade, como un xornalista indómito e de agudo enxeño fronte á censura e as trabas impostas pola ditadura primorriverista. Desta época data tamén o seu enfrontamento con Ramón Fernández Mato, á sazón director de El Pueblo Gallego, pola actitude insolidaria deste xornalista fronte á detención e encadeamento do director do Galicia, o citado Paz-Andrade.

Blanco Torres expresa reiteradamente nesta época a súa admiración por Unamuno, figura entón emblemática da oposición intelectual española á ditadura de Primo de Rivera. Para burlar a censura chega a escreber todo un artigo da súa sección "Entre paréntesis" en latín... A súa derradeira colaboración no Galicia é do 27 de xuño de 1925 (aínda que o xornal continuou saíndo até mediados de setembro de 1926).

En 1927 ficha Blanco Torres por El Pueblo Gallego, xornal do que pasara a ser propietario o potentado e político liberal Manuel Portela Valladares. Ao pouco tempo, concretamente o 18 de novembro, o noso xornalista presenta a súa indignada demisión ante un Portela que lle tiña suxerido, ao que parece, poñer o xornal ao servizo do gobernador primorriverista "para secundar la obra del gobierno". Blanco Torres, ferido no seu orgullo profesional e na súas profundas conviccións democráticas e anti-ditatoriais, protesta: "No sé que concepto tendrá V. de mí para proponerme semejante indignidad (...) con mi dimisión vá mi más encendida repulsa a esa ofensa que V. ha pretendido inferirme". 

A raíz da demisión, Blanco Torres publica senllos artigos críticos no Faro de Vigo (o 24 de novembro e o 1 de decembro, respectivamente), que provocan a presentación dunha querela por parte de Portela Valladares, por supostas inxurias contra el. O 6 de marzo de 1929, a Audiencia provincial pontevedresa ditou sentenza absolutoria, mais, recorrida por Portela, o Tribunal Supremo mudouna en condenatoria o 23 de outubro de 1929. A pena imposta a Blanco Torres foi de desterro a 150 Km. de Vigo e multa de 1.500 ptas, desa época...

Retirado durante 1928 e parte de 1929 á viliña ourensá de A Peroxa, Blanco Torres aproveita para poñer en orde ideas e proxectos e para escribir e preparar a edición do seu único libro de poemas, Orballo da media noite, que aparece en outubro de 1929 facendo o volume XXIX da Editorial "Nós", que rexentaba, como é sabido, Ánxel Casal, outro insigne galeguista inmolado nos aciagos días do verao de 1936.

Paseniñamente, a voz de Blanco Torres regresa ás páxinas dos xornais durante as xornadas da “Ditablanda" do xeneral Berenguer. Cando se coñeza a sentenza condenatoria do Supremo antes amentada, La Zarpa, xornal no que volve colaborar asiduamente, organiza en Ourense unha homenaxe multitudinaria a Blanco Torres, á que adhere a práctica totalidade dos intelectuais, xornalistas e escritores galegos de entón.

Blanco Torres publica en 1930, tamén na editorial "Nós", unha escolma dos seus traballos xornalísticos titulada De esto y de lo otro, inaugurando unha colección titulada "Biblioteca Murguía". Ese mesmo ano resulta elixido membro da directiva da Asociación de Escritores Galegos, presidida por Otero Pedrayo e vicepresidida por Noriega Varela, Castelao e Antón Villar Ponte. Esta entidade foi o xérmolo da futura Asociación de Escritores de Galicia, fundada en marzo de 1936 con Gonzalo López Abente como presidente e con Blanco Torres, de novo, entre os seus directivos.

O noso autor participa activamente na recomposición do republicanismo galego nas horas previas á definitiva descomposición da ditadura e á caída pacífica da monarquía. Axuda a fundar a Federación Republicana Galega, dirixe o xornal ourensán La República (que desaparece non obstante moi axiña, en 1931) e preséntase como candidato ás eleccións a Cortes Constituintes da 2ª República por Ourense, aínda que obtén uns magros resultados.

En decembro de 1931, Blanco Torres é nomeado gobernador civil de Palencia. Asiste á asemblea luguesa da O.R.G.A., que se transforma en Partido Republicano Gallego para iniciar unha deriva, da que Villar Ponte se desmarcará claramente, cara á definitiva integración na Izquierda Republicana de Azaña, nun proceso guiado por Casares Quiroga e no que Blanco Torres tamén participará.

En 1933 dirixe por un breve período o xornal coruñés El Noroeste, convertido agora en órgao de prensa do Partido Republicano Radical-Socialista na cidade herculina. Pasa a dirixir tamén El País, en Pontevedra, imprimíndolle unha clara liña ideolóxica galeguista e republicana de esquerdas. Por un artigo aparecido en El Liberal de Madrid, durante o "bienio negro", Blanco Torres ten que ir á cadea. Colaborará en 1935, igualmente, co semanario galego de esquerdas Ser, dirixido por Ramón Suárez Picallo.

Xefe do gabinete de prensa do Ministerio da Gobernación, en mans de Casares Quiroga nos derradeiros compases republicanos, Blanco Torres participa activamente na campaña pro-Estatuto de Autonomía para Galiza. Nos días de xullo do 36, permanece coa súa muller en A Peroxa. Detido e trasladado a Ourense en setembro, as xestións que seu irmán sacerdote Xermán realiza resultan inúteis: na madrugada do día 1 de outubro é conducido ao mosteiro de Celanova (convertido en cadea) e desde alí, en camioneta, a unha reviravolta da estrada de Bande a Portugal, no km. 67, á altura de Entrimo, onde é asasinado a tiros e deixado en panos menores, probabelmente para dificultar a pronta identificación do cadavre. O certificado de defunción, mostra palpábel do cinismo e a vesanía desa lúgubre época, sinala que Blanco Torres morrera "a consecuencia de traumática hemorragia interna"...


A camaradaxe de dous xornalistas excepcionais 

Como anotamos, Blanco Torres foi grande amigo, colega de profesión e correlixionario en diversos intres doutro xornalista de excepción na Galiza do seu tempo, o viveirense Antón Villar Ponte.

Coñecéronse en La Habana, en 1907. Antón, dez anos máis vello ca Roberto, que tiña só quince ao arribar a Cuba desde o seu Cuntis natal, simpatizou axiña con aquel aprendiz de xornalista. Ademais do gosto común por emborranchar papeis con ideas e latexos de actualidade, con inquietudes galeguizantes e con versos de maior ou menor inspiración, Roberto e Antón profesaban entón ardentemente o credo republicano. Ao cuntiense víñalle de familia, pois seu pai, ex-seminarista en Lugo, fora amigo do ínclito orador e líder republicano Castelar. Ao de Viveiro, en cambio, o republicanismo chegoulle, en contraste co clima familiar (Don Ponciano, seu pai, era un dos prebostes do partido conservador na vila do Landrove) polo influxo de Ramón Díaz Freixo, primeiro, e polo de Leiras Pulpeiro, o médico e poeta mindoniense, despois.

Claro que mentres Roberto era case bisoño no tocante ás tarefas de axitación e propaganda de tal credo, Antón, ao chegar a Cuba, traía xa no seu haber importantes iniciativas realizadas nese senso: a edición en Viveiro dos xornais Nueva Brisa e Germinal, as colaboracións co voceiro do republicanismo coruñés Tierra Gallega, a participación en varios mitins na Mariña, a confección de pezas teatrais como A patria do labrego e El peso de una ley, o secretariado do comité republicano de Mondoñedo (mentres exercía de boticario en Foz e editaba o xornal satírico ¡Guau...Guau!), etc. Isto non era óbice, en todo caso, para que o Roberto expresase coa debida vehemencia as súas conviccións, en parágrafos como este que reproducimos, tomándoo da revista galaico-habaneira "Galicia" (8 de abril de 1911: "Pienso en las injusticias del destino, y en la desfachatez y la depravación de los que empuñan indignamente las riendas de un gobierno autocrático y despótico... Y maldigo la inquisitorial monarquía, foco de atropellos sin cuento, de bochornosas concupiscencias y de vergonzosos é irritantes privilegios!" 

Na capital cubana ambos persoeiros tertuliaban no café "Puerta del Sol", xunto a Medardo Lafuente (un dos nomes destacados do xornalismo cubano deses anos), o debuxante catalán Bagaría (colaborador, posteriormente, de importantes xornais españois como El Sol), o músico Xosé Castro "Chané", o actor galego Bernardo Jambrina, o escritor ortegano Armada Teixeiro, etc. Artigos de Antón e Roberto compartían as páxinas de publicacións impulsadas pola colectividade galega na Illa como o xornal Galicia ou a revista Follas Novas, da que Antón chegou a ser director nos seus derradeiros números. Destaquemos, a título de curiosidade para a nosa historia local, que a pluma de Blanco Torres honrou ademais algún dos números da revista Vivero en Cuba, promovida e editada pola sociedade "Vivero y su Comarca", á fronte da que figurou o filántropo "indiano" Justo Taladrid Catá.

O regreso de Villar Ponte a Galiza, en 1910 (non en 1912, como se afirma habitualmente) provoca a interrupción momentánea do trato con Blanco Torres, que fica na Illa para editar a revista La Alborada e secundar entusiasta, como o poeta cambadés Ramón Cabanillas, as campañas agraristas que realiza por aqueles pagos o abade de Beiro e líder de Acción Gallega, Basilio Álvarez. A este fervor pertencen versos de Roberto como estes, tomados do poema "El sino", que se publicou no xornal galaico-habaneiro Galicia o 19 de marzo de 1911:

"¡Dios de la Justicia
Arregla, si puedes, ese pueblo perdido,
Y al tirano que abusa del labriego,
Aplica severo castigo.
¡Mira que es muy triste,
De esos hombres el sino funesto,
Que afrontan tremendos suplicios
Huyendo al cacique perverso!".

Aínda en Cuba, no 1915 Blanco Torres combate a política da directiva do Centro Galego habaneiro a través das páxinas do xornal La Tierra Gallega, homónimo do que no seu día impulsara o poeta Curros Enríquez, con idéntico espírito crítico.

A traxectoria de Villar Ponte e Blanco Torres entrecrúzase novamente a comezos de 1917. O xornalista de Cuntis, apenas poñer pé na Galiza, non dubida en adherirse ás Irmandades da Fala. Entra, seguidamente, a formar parte, por desexo do propio Villar Ponte, no grupo de colaboradores asiduos do xornal-voceiro das Irmandades, o monolingüe A Nosa Terra e participa na Asemblea de Lugo (1918). Tamén o levou Villar Ponte á redacción de El Noroeste no breve tempo (febreiro a agosto de 1918) en que este xornal estuvo baixo o influxo “irmandiño”.

Do sentimento de amizade que os une dá boa mostra a adicatoria do exemplar de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional que conserva a familia do escritor cuntiense, asinado en Coruña o 13 de abril de 1917 polo autor do folleto e que coñecemos por Juan L. Blanco Valdés (Cf. Hipertensión cívica. Aproximación á vida e á obra de Roberto Blanco Torres, Ediciós do Castro, Sada, 1998, Colección Documentos, nº 140, p. 27): "A Roberto Blanco Torres, bohemio cultísimo, cronista brilante, xornalista que ten conquerido moitos éisitos e que, na imprensa de Cuba, na de Madri, na de Barcelona e na galega, estudiou con grande acerto probremas intresantes; home dino de sere mestre de moitos e discípulo de poucos”.


Cando Antón publica na colección "Céltiga" de Ferrol, en 1922, unha das súas obras teatrais máis destacadas, Almas mortas, vibrante alegato contra as negativas consecuencias do fenómeno migratorio para o país, a crítica máis agradecida que recebe é, xustamente, a de Roberto Blanco Torres, nas planas do Galicia Nueva arousán (11.6.1922): "Acabo de leer un libro sobre cuyas páginas debiera caer la mirada inquieta de todos los gallegos (...) Es, ante todo, ese libro, el libro de la verdad, inflamado por una noble pasión apostólica (...) creo quem nunca se ha publicado en Galicia un libro de la importancia de éste, por su tono, por su sinceridad, por la audacia triunfante con que su autor ha enfocado el tema". En amábel correspondencia, a aparición do poemario Orballo da media noite (1929) de Blanco Torres é tamén cariñosamente recensionada por Villar Ponte nas páxinas da revista bonaerense Céltiga (curiosa coincidencia nominal de colección e revista neste intercambio de recensións entre os nosos protagonistas).

Novas coincidencias balizan o transcurso vital dos nosos dous autores. Ambos colaboran no ourensán La Zarpa nos primeiros compases da ditadura primorriverista. Ambos, tamén, teñen destacado papel como redactores na edición dun dos fitos do xornalismo galego de pré-guerra, o diario vigués Galicia. Foi precisamente Roberto quen chamou a atención nun traballo nese xornal sobre o cumprimento das vodas de prata de Villar Ponte no xornalismo, recordatorio ao que respostou o viveirense cunha "Interviu conmigo mismo".

Figuran ambos, igualmente, na nómina de colaboradores galegos de importantes periódicos madrileños do momento, como El Sol, no caso de Antón, ou El Liberal, no caso de Roberto. Ambos pasarán a engrosar as fileiras da redacción do rotativo vigués El Pueblo Gallego, concretamente a comezos de 1927, logo da desaparición do Galicia, mais as fortes desavinzas de Blanco Torres co propietario do xornal, Portela Valladares, como xa explicamos,supuxeron o seu rápido afastamento desta cabeceira, a diferenza do que aconteceu con Antón, colaborador asiduo até os derradeiros dias da súa vida deste magnífico diario.

Participaron ao unísono os dous xornalistas no intento de constitución dunha Asociación de Escritores Galegos, en 1930, que só coallará definitivamente en 1936, e por ben pouco tempo, infelizmente, por mor da guerra. Vítimas unha e outra vez do lápis vermello da censura, tanto Antón como Roberto dan cos seus ósos na cadea en breves tempadas por mor do contido dalgúns artigos que escreben poñendo en solfa os supostos logros do réxime ditatorial primorriverista: críticas ao daquela ministro de Facenda Calvo Sotelo, no caso de Antón, e críticas ao sucesor de Primo de Rivera, o xeneral Berenguer, no caso de Roberto. Os dous xornalistas pagaban así unha independencia de criterio e unha valentía que, se ben lles reportaba sensabores como os citados, ao mesmo tempo servían para acrecentar a súa estimación, influenza, maxisterio e prestixio a ollos da crecente opinión republicana galega e española. Non é de estrañar que ambos formen parte da O.R.G.A. e que ambos se candidaten nas eleccións a Cortes Constituintes da 2ª República. Antón, que se presenta pola circunscrición electoral coruñesa, sae eleito, mais Roberto, candidato por Ourense, obtén un pobre escrutinio.

A partir deste punto as súas traxectorias afástanse un tanto. Blanco Torres desempeña cargos de confianza do goberno Azaña, segue o rumo político tracexado por Santiago Casares Quiroga e ingresa finalmente no partido de Izquierda Republicana. Antón, por contra, non chega a desempeñar ningún posto gobernativo da nacente República, afástase da liña de Casares Quiroga e acaba por ingresar, finalmente, no Partido Galeguista. A pesar destas diverxencias, non foron estas tan graves nen fondas como para impedir que o cuntiense e o viveirense mantivesen o seu mutuo afecto amical e fosen constantes e unívocos paladíns desde as súas tribunas xornalísticas da causa da autonomía galega. 

A respecto da causa autonómica galega, escribía Blanco Torres en El Noroeste (19.2.1933): "Las autonomías - la de Galicia y la de todas partes - no implican una antítesis de la universalidad, como por pereza mental o por sectarismo cerril creen algunos (...) Sería un absurdo que hubiese incompatibilidad entre la libertad de un pueblo y la hermandad de todos los pueblos en la libertad. La justicia ha de entrar primero en la propia casa. Por el contrario, la autonomía tiene un sentido universalista, porque impulsa las energías autóctonas, favorece el alumbramiento y desarrollo de los valores espirituales vernáculos y esta es la contribución más efectiva y transcendental que un pueblo puede hacer al tesoro mundial de la cultura". 

O destino deparoulles diversa sorte na hora postreira. Antón morreu dunha enfermidade gástrica en marzo do 36, días despois de resultar reelexido como deputado, cando xa se ventaba a tormenta política e bélica que descargou a súa forza vesánica sobre a inocencia e talvez o candor excesivo de Roberto nunha cuneta da estrada de Bande a Portugal, en outubro do 36.