eu

eu
eu

domingo, 15 de setembro de 2019

LIBROS NO TAMBUCHE (VI)



  Revista Galega de Educación, núm. 72. Monográfico sobre servizos complementarios (Nova Escola Galega)

Prosegue a andaina da xa veterana Revista Galega de Educación, editada por Nova Escola Galega e dirixida por Xesús Rodríguez, coa edición dun número 72 que presenta como tema monográfico o dos Servizos Complementarios (comedor e transporte escolar).
Ofrécense nel dous traballos sobre a evolución e a situación xeral destes servizos en Galiza e noutras dúas comunidades autónomas, outros traballos sobre dúas experiencias de xestión de comedor escolar marcadamente distintas (Samos e Ames), un artigo sobre os criterios que deberían rexer a oferta de produtos alimentarios e o enfoque nutricional dos comedores escolares e outro máis sobre a preocupante deriva normativa que ameaza o sistema de xestión das cafetarías dos centros escolares.
A abordaxe das diversas problemáticas actuais do transporte escolar acompáñase noutro dos artigos cunha batería de propostas de racionalización. Desde “Anpas galegas” reivindícase a gratuidade deses servizos complementarios e a necesidade de que contribúan á conciliación da vida laboral, escolar e familiar.
O número achega, ademais, interesantes materiais nas súas outras seccións habituais: Editorial;  Entrevista (sobre a avaliación que docentes, familias e alumnado fai dos materiais didácticos dixitais); A Lingua (cun traballo de Silvia Raña sobre adquisición e uso de léxico galego no alumnado castelanfalante); Experiencias (“Iconografía de xénero nos váteres” do IES Pedra da Auga e “A vida no acuario”, do CEIP Plurilingüe Serra de Outes); Pensar o Ensino (“A verdade sobre o nivel da educación e dos estudantes”, de Vázquez Freire); As Outras Escolas (sobre a Aula Geológica de Robles de Laciana, León); Investigación (sobre o Proxecto ELISA - Estudo Lonxitudinal para unha Infancia Saudable -); Educación social e Escola (cun artigo de Ana M. Amigo); Xoguetainas e Brinquetainas (cun traballo de Barreiro Ínsua que percorre a historia dos encontros escolares de xogos tradicionais); Recursos do Contorno (cun artigo de Xosé M. Malheiro sobre Museos e Centros de Interpretación nas beiras do río Miño); Panoraula (co seu compendio elaborado por Antón Costa e Xosé Ramos de novas de actualidade educativa, iniciativas, encontros, xornadas, publicacións, recursos e un pequeno e por desgraza inevitábel obituario en lembranza de figuras como Benedito Villar, Elixio Villaverde, Xabier P. Docampo, Xosé M. Rodríguez Abella ou Juan Llauder); Panoraula Dixital (con novas sobre experiencias, ferramentas e páxinas da Rede de interese para a acción pedagóxica que ofrecen Denébola Álvarez-Seoane e Ana Rodríguez-Groba); Recensións (sobre aspectos da narrativa “robinsoniana” de Defoe e Tournier) e Outras lecturas (cun duplo comentario de Pilar Sampedro sobre dúas novidades editoriais vinculadas á figura da pedagoga galega Antía Cal: O arte e a súa historia e mais O libro dos nenos, esta última xa comentada pola nosa compañeira Branca Guerreiro no Aulas Libres 11).

·     Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, de Montse Pena Presas (Ed. Laiovento)

Estabelecer un corpus teórico que permita pór de manifesto a vinculación entre o feminismo e os estudos de literatura infantil e xuvenil (LIX) no contexto galego, visibilizar o papel que os grupos feministas e de mestras tiveron na procura dunha educación igualitaria e analizar como os textos literarios infanto-xuvenís do ámbito galego se viron influenciados en maior ou menor medida polo movemento feminista son os tres grandes obxectivos deste ensaio de Montse Pena Presas, que bebe directamente da súa tese de doutoramento, dirixida por Dolores Vilavedra e Bieito Silva.

Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na USC, a autora divide o seu ensaio en dous grandes apartados. No primeiro, baixo o título de “Movemento feminista, coeducación e crítica da literatura infantil e xuvenil”, comeza debullando algúns aspectos metodolóxicos (achegando, por exemplo, unha breve caracterización de publicacións galegas como A Saia, Festa da Palabra Silenciada, Fadamorgana e Revista Galega de Educación). Sinala, a seguir, algúns dos trazos que particularizan os feminismos en Galiza (un capítulo breve e simplificador de máis, ao noso humilde entender), achégase ao labor pioneiro de colectivos feministas e grupos de mestras a prol da coeducación (con mención expresa da Asemblea de Mulleres de SGTE, primeiro, e de STEG, despois), repasa diversas experiencias coeducadoras pioneiras entre nós e, finalmente, analiza a relación entre feminismo e determinadas instancias e individualidades que exerceron a crítica literaria de textos infanto-xuvenís: Carmen Blanco, Sabela Álvarez, Concha Báez, Rosa Santórum...

No segundo apartado do seu ensaio, Montse Pena céntrase en estudar panoramicamente o impacto concreto dos feminismos na LIX galega, distinguindo catro grandes etapas: unha inicial (1927-1980), na que predominou claramente a concepción androcéntrica nesa literatura, moi escasa por outra banda; unha etapa militante (1981-1989), na que a propia LIX en galego comezou a desenvolverse e afianzarse con claros influxos xa do feminismo en bastantes das obras publicadas, como O segredo da pedra figueira, de Mª Xosé Queizán, Anagnórise, de Mª Victoria Moreno e O rei da nada e outros contos, de Sabela Álvarez; unha terceira etapa de xeneralización de protagonistas nenas e mulleres na LIX (1990-2005), seguindo o ronsel aberto por Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey; e, por último, unha etapa actual (2005 a hoxe), na que os feminismos conflúen en moitos dos textos para o público infantil e xuvenil con outras subxectividades nas marxes: multiculturalismo, diversidade funcional, personaxes LGTB, masculinidades alternativas, etc. Dentro desta última etapa contextualízanse obras que poden servir moi ben como lecturas recomendadas ao noso alumnado e como material de traballo, comentario e reflexión na aula: Titiritesa, de Xerardo Quintiá e A. Quarello; O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas; Nano, de Concha Blanco; 22 segundos, de Eva Mejuto; Cartas de amor, de Fran Alonso; Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros; O agasallo de Anya, de Sabela Núñez Singala; Usha, de María Reimóndez; Makinaria e Penúltimas tendencias, de Carlos Negro; A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre; etc. 

Un traballo oportuno, clarificador e que suscita moitas reflexións sobre o rol que podemos desempeñar como educadoras e a importancia de contarmos cunha LIX feita por nós e desde nós.


Escola de Barbiana. Carta a unha mestra (Ed. Kalandraka, Biblioteca de Pedagoxía).

A sétima e oitava entregas da Biblioteca de Pedagoxía da Editorial Kalandraka, que dirixe Antón Costa, ofrecen a tradución para galego de dous clásicos da pedagoxía máis comprometida cos socialmente marxinados e desposuídos: A pedagoxía do oprimido, do brasileiro Paulo Freire, e a Carta a unha profesora, do italiano Lorenzo Milani.

Centrándomos a atención na segunda desas obras, prendémonos doadamente do seu estilo directo, sarcástico por momentos e lucidamente revelador. Trátase dun verdadeiro “panfleto”, no sentido máis positivo desta palabra, ou sexa, un texto que axita conciencias, unha ollada que desvela verdades propositadamente ocultadas. 

A súa publicación e difusión, que resultou póstuma para o propio Milani, removeu as augas pedagóxicas italianas (e non só) en vésperas do Maio do 68, cunha demoledora denuncia do clasismo e conservadorismo inherentes ao sistema educativo e unha reivindicación de métodos e actitudes que cuestionaban de cheo o burocratismo e o memorialismo na docencia. O texto denunciaba con doses de evidente indignación a desigualdade de oportunidades que a escola teimaba en consagrar, daquela coma hoxe, en moitos sentidos e o espírito castrador dunha educación que pretendía reducir a marabilla de aprender a un mero xogo de exames e notas: “Linguas, historia, ciencias, todo se converte en cualificacións e máis nada”.

Escritor e pedagogo, o sacerdote florentino Lorenzo Milani (1923-1967) animou entre 1954 e 1967 na remota aldea toscana de Barbiana, a 45 km. de Florencia, unha “scuola populare” que conmoveu os alicerces da sociedade italiana. Con formulacións ideolóxicas propias do chamado “catolicismo social”, no ambiente de achegamento ás capas sociais máis desfavorecidas desatado no seo da propia Igrexa católica por volta do Concilio Vaticano II, Milani co-escribiu co seu alumnado de orixes rurais e humildes (uns “Balbinos” como os que retratou maxistralmente o noso Neira Vilas) un manifesto de denuncia que conserva aínda hoxe, no esencial, toda a forza no seu apelo á conciencia honesta do profesorado para que non se converta nunha peza máis da engranaxe da discriminación por razóns económico-sociais.

Esta edición de Kalandraka, en tradución de Carlos Acevedo, enriquécese cun clarificador epílogo da autoría de Carmen Beti, catedrática de Historia da Educación na Universidade de Florencia e unha das grandes especialistas na pedagoxía milaniana.


·     Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza, de Pepe Barro (Eds. Xerais)

A concepción da cultura galega dominante entre moitas de nós é fundamentalmente, queirámolo ou non, “literata”. A importancia histórica do feito literario na afirmación da lingua, a circunstancia de que moitas escritoras e escritores teñan constituído “símbolos” do país en diversas épocas e o relativo “retraso” e “precariedade” con que outras manifestacións culturais (poñamos por caso o cinema ou o cómic) asentaron feitas na propia lingua poden ser razóns que expliquen en parte ese predominio do libro na “visualización”, mesmo obxectual, da nosa cultura. Mais, loxicamente, hai, como indica o título da obra que comentamos, ben “máis que ver”: logos, denominacións, formas e etiquetas dos produtos empresariais (Mondariz, Sargadelos, Zeltia, Zara…), maquetas, cabezallos e tipos de letra de revistas, xornais, fundas de discos ou coleccións editoriais, bandeiras, escudos, iconas e alegorías da propia Galiza, símbolos xacobeos, deseños cerámicos, marcas mariñeiras, edificios arquitectónicos e un longo e apaixonante etcétera.

De todo iso, de motivos, historias e figuras relacionadas coa comunicación visual e o deseño (Federico Ribas, Luís Huici, Camilo Díaz Baliño, Enrique Mayer, Ventura Cores, Castelao, Luís Seoane, Carlos Maside, Uxío Souto, Reimundo Patiño, Xohán Ledo, Isaac Díaz Pardo…), ocúpase no libro que comentamos Pepe Barro (Pontedeume, 1955), el que profesionalmente falando é autor, ademais, de traballos que todas (re)coñecemos, como a camiseta da hibernada selección galega, o sitio web da Academia Galega, a etiquetaxe dos viños albariños de Terra de Asorei ou as anovadas musealizacións das Casas de Rosalía en Padrón e Manuel Antonio en Rianxo.

O volume Máis que ver reúne cen artigos, a maior parte deles publicados previamente na sección “Botar un ollo” do semanario Sermos Galiza, partindo da base de que as imaxes “constrúen un discurso tan potente ou máis que os edificados con palabras”. Unha obra escrita con rigor, paixón e amenidade para coñecermos unha parte pouco reflexionada aínda da nosa historia, para anchear a nosa visión sobre a produción cultural e simbólica do país e para “aprendermos a ver” máis e mellor. Recomendabilísima.
   
Principio de incerteza, de Pilar Ortega (Eds. Xerais)

Gañadora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo en 2017, esta novela de Pilar Ortega Pereira (Vigo, 1975) está protagonizada por unha docente de secundaria que está embarazada e que se ve profundamente interpelada, tanto a nivel humano como profesional, pola situación complicada e angustiosa en que vive unha das súas alumnas, inmigrante de orixes polacas. A situación espertará nela, ademais, recordos traumáticos da súa propia infancia no rural galego, coa figura dun pai abusador como sórdida sombra. 

Alén do interese argumental, destaca nesta obra un estilo narrativo propositadamente sobrio, directo, que axuda a multiplicar a forza das vivencias e das transformacións anímicas que a voz narradora vai revelándonos nun ton confidencial que a torna cálida e próxima.

      Lapis na noite, de Ramón Nicolás (Eds. Xerais)

A segunda novela do profesor, tradutor e crítico literario Ramón Nicolás (Vigo, 1966), tras O espello do mundo, revisita desde certa perspectiva galega o horror da ditadura militar arxentina (1976-1983) por medio do diario escrito por un individuo que fuxiu da guerra do 36 e que acabou perdendo logo no país de acollida a súa amada filla Iria a mans dos fascistas da Escola Mecánica da Armada.

Como é ben sabido, o secuestro, tortura e asasinato en setembro de 1976 dun grupo de estudantes que participaran activamente en diversas mobilizacións para reclamaren unha redución do prezo dos billetes de transporte é coñecido na historia arxentina como a “Noite dos Lapis” e xa deu orixe a libros como o de María Seoane e Héctor Ruíz Núñez, La noche de los lápices, e ao filme homónimo dirixido por Héctor Olivera en 1986, con guión de Daniel Kon. 

Na novela de Ramón Nicolás, alén dunha recreación conmovedora deses terríbeis feitos, hai abondo parágrafos sobre a presenza galega en Arxentina como para non sentírmonos alleas ao que aconteceu aló cando aquí a ditadura de Franco comezaba a ficar aquí pola popa… 

Unha lectura é esta, coidamos, das que poden axudar a vacinar contra algúns cantos de serea que debidamente magnificados e edulcorados por certos sectores, como antes fixeron noutras latitudes cos Trump, Salvini, Bolsonaro, etc., pretenden encher de votos nestes días no Estado español as alforxas da dereita extrema e/ou ultradereita, en calquera das súas tres actuais expresións partidarias.


[Recensións publicadas orixinariamente na revista do STEG Aulas Libres, número 12]

xoves, 5 de setembro de 2019

Libros no tambuche (V)




La Emigración a las Américas por el Puerto de Vilagarcía de Arousa, de Víctor Viana



Son xa unha referencia inescusábel para a historia local de Vilagarcía de Arousa, en particular, e da comarca do Salnés, en xeral, os traballos do investigador Víctor Viana Martínez. Citaremos entre eles, a título indicativo, Periódicos y periodistas de Villagarcía (1988); El Cementerio Inglés de Vilagarcía (1999); Cien años del alumbrado eléctrico en Vilagarcía de Arousa (1899-1999) (2001); Diccionario biográfico de la comarca de O Salnés (2001), escrito en colaboración con Xosé Lois Vila Fariña; Conflicto en O Salnés: la segregación de las cuatro parroquias de Vilanova de Arousa y su anexión a Vilagarcía (1935-1945) (2013); Bazán de Mendoza, un afrancesado gallego (2014) e Los Consulados de Vilagarcía (2015). A esta nutrida colección de traballos vén engadirse agora o volume La Emigración a las Américas por el Puerto de Vilagarcía de Arousa (Imprenta Fidalgo, Cambados, 2017), que se divide nun total de once capítulos.



No primeiro deles, “La época de los veleros”, o citado autor documenta con referencias hemerográficas e arquivísticas variadas, aínda que un pouco deslabazadas na exposición ao noso humilde entender, os inicios do fenómeno migratorio galego cara a América desde o porto de Carril, que adquirirá dimensións masivas a finais do século XIX. Durante os primeiros anos a travesía, realizada a bordo de quechemaríns, goletas e polacras como “Restaurador”, “Adolfo”, “Nicandro”, “Recreo” e “Hortelano”, implicaba necesariamente facer unha primeira escala en Cádiz, á procura de reembarco en buques de maior porte. Desde mediados da centuria decimonónica, serán cada vez máis os veleiros que zarparán xa directamente desde a ría arousá cara América, como é o caso do bergantín “Centinela”, do que era armador José Benito de Abalo e capitán Miguel Guisande, o dos bergantíns “Juan” e “Peregrina”, propiedade ambos do consignatario carrilexo Ramón Francisco Piñeiro, ou o da corveta “Fustera”, propiedade de José Mª Santiago Cuevas del Valle, ascendente do escritor Ramón Mª del Valle Inclán.



“El inicio de las grandes compañías” é o título do segundo capítulo. A partir de 1870, os barcos a vapor xa fan competencia aos veleiros nese tráfico transoceánico desde augas arousás. En Vilagarcía e Carril irán asentando entón paulatinamente compañías como a “Sociedad General de Transportes Marítimos a Vapor”, que fai transbordos en Xibraltar, conta con buques como “La France” e ten a Salvador Buhigas Prat como consignatario; a “Pacific Steam Navigation Company”, que transborda en Cádiz, dispón de buques como o “Aconcagua”, o “Cotopaxi”, o “Potosí”, o “Liguria”, o “Oropesa” e o “Orellana” e ten como axentes sucesivos a Santiago Sierra e a Laureano Salgado; a “Empresa de Navegación a Vapor la Bética”, que transborda tamén en Cádiz e move buques como “Montañés”, “Calderón” e “Rioja”; a compañía “Vapores Correos”, da que era consignatario en Carril José García Reboredo e para a que traballaban buques como o “Covadonga” e o “Luchana”; a famosa “Mala Real Inglesa”, que dispón de barcos como o “Guadiana”, o “Ebro” e o “Nile”; desde 1886, a navieira “Lloyd Norte Alemán”, que terá como consignatario ao xa citado García Reboredo e moverá buques como o “Roland”, o “Aachen”, o “Pfalz”, o “Gotha” ou o “Villeland”; desde 1898, a “Compañía Hamburguesa Sudamericana”, con Elisardo Domínguez e a sociedade Fillos de Buhigas Prat como consignatarios e buques como “Petrópolis”, “Argentina”, “Córdoba”, “Tucumán” e “Santos”; e, por último, desde 1900, a “Compañía Trasatlántica Española”, que inicialmente facía transbordo en Cádiz e movía buques como o “Larache”, o “San Francisco”, o “Ciudad de Cádiz”, o “Cataluña” e o “Santa Isabel”, traxicamente naufragado este último fronte á illa de Sálvora en 1921.



Os capítulos terceiro e cuarto do libro de Viana están dedicados a cuantificar estatisticamente as dúas grandes xeiras migratorias desde augas arousás cara América, a primeira entre 1895-1907 e a segunda entre 1908-1936. Os rexistros oficiais falan duns 42.000 emigrantes saídos do porto vilagarcián na primeira xeira e de entre 72.000 e 78.000 na segunda, aos que habería que sumar ata un 20% máis “clandestinos”. A idade, o xénero, o lugar de procedencia e o oficio dos elementos do continxente emigrante que zarpou desde Vilagarcía cara a América (coa República Arxentina como destino moi maioritario) son aspectos abordados por Viana Martínez noutros tantos capítulos do libro.



O capítulo noveno céntrase nas “Compañías de navegación y consignatarias”, distinguindo o autor dúas grandes etapas. Na primeira, as viaxes son organizadas por negociantes de Vilagarcía, Vigo ou Compostela e fanse en veleiro, case sempre con escala e transbordo en Cádiz. Na segunda, desde finais do s. XIX, o negocio cae en mans de compañías estranxeiras que dispoñen en Vilagarcía do correspondente representante ou consignatario (os García Reboredo, Salvador Buhigas, Ricardo Urioste, Laureano Salgado, Santiago Sierra, Estanislao Durán, Pío S. Carrasco, González Garra, etc.) e que empregan barcos de vapor que fan escala en augas arousás. Dúas desas grandes compañías, a “Lloyd Norte Alemán” (os “paquetes teutóns” aos que se referiu Castelao no Sempre en Galiza) e a “Mala Real Inglesa”, acabarán por copar boa parte do negocio da emigración galega nese período.



O capítulo X, “Los barcos de la emigración”, ofrece en primeiro termo unha listaxe ordenada alfabeticamente dos buques que fixeron escala en Vilagarcía ao longo do período estudado, para na continuación achegar algunhas estatísticas e as historias particularizadas dalgúns dos barcos que se dedicaron a ese transporte.



Fecha o volume, antes da pertinente bibliografía, un apartado dedicado á problemática da emigración clandestina. Entre as páxinas 129-144 podemos visualizar, ademais, unha valiosa galería fotográfica que ilustra os principais contidos deste libro, tan abondoso en información como por veces disperso e acumulativo de máis na exposición.


   A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto



Poucos narradores galegos actuais frecuentan con tan positivo afán e entusiasmo o tema mariñeiro como o coruñés Xurxo Souto (n. 1966). Desde o volume pioneiro Fumareu (1997), pasando pola novela O retorno dos Homes Mariños (1999), os Contos da Coruña (2001), os Contos do mar de Irlanda (2014) ata chegar a este A gran travesía de Chiruca Macallás (Eds. Xerais, 2018), o vocalista no seu día do grupo musical bravú “Os Diplomáticos de Monte Alto” foi construíndo un auténtico “macrotexto” en que homes e mulleres do mar galego, coas súas vidas de traballo envoltas en salitre, ocupan un lugar central e epopeico.



Cómpre salientar o peculiar estilo deste autor, que combina no seu discurso narrativo numerosas anécdotas reais de navegación, incursións eruditas pola historia e polas lendas relativas aos océanos e referencias musicais e culturais moi diversas. O conxunto ten así balances entre a pura ficción e o ensaio antropolóxico, a divulgación histórica e a reivindicación da epopea anónima protagonizada polos tripulantes de barcos que faenan en practicamente todos os mares do mundo, o retrato en chave realista dun traballo duro onde os haxa e a reivindicación mesmo idealizada da profunda humanidade e do saber intuitivo das persoas que guían os barcos en mar aberto á procura do peixe. Non faltan na obra de Xurxo Souto, xaora, denuncias sobre a preocupante contaminación por acumulación de plástico dos océanos e protestos contra as prácticas depredadoras da riqueza dos fondos mariños que implica o emprego de determinadas artes de arrastre.



Nesta ocasión, o fío argumental básico xira arredor dunha marea no verán de 2015 do arrastreiro Macallás en augas do Rockall, entre Escocia e Islandia, no Grand Sole, coa súa sucesión de acontecementos, entre os que destacan os reiterados lances, o blackout do motor por entraren gulipantes no circuíto de refrixeración e a recalada no porto irlandés de Killybegs. O barco vai patroneado por Chiruca, unha rapaza de Peruleiro que, tras anos de traballo nunha perruquería, primeiro, e no trasatlántico Highland Chieftains II, despois, decide sacar a titulación nunha FP marítimo-pesqueira e embarcar. No transcurso da marea, Chiruca terá que afrontar os receos e caladas envexas dalgúns dos membros dunha tripulación mixta galaico-senegalesa e facer valer toda a súa pericia para sacar adiante a marea, coa inestimábel axuda da maquinista Sofía Carnota. Recibirá tamén a cordial acollida de moitos outros barcos que faenan na zona e queren ouvir as súas cancións en directo pola radiofonía, pois non en balde protagonizara unha parte da historia da música “heavy” na Galiza cos grupos “Botas de Ante Negras” e “ForzA dozZE”. Como elementos máxicos aparecen na obra un peixe-sapo falador, Lipeilipeisa, e a serea negra da Guiné, Mamí Watá. De xeito propositado, Xurxo Souto fundiu nesta novela as paisaxes e topografías de A Coruña e Vigo nunha única entidade e prescindiu da tríade que tingue frecuentemente, ata facelos caer no tópico, os relatos sobre o mundo do mar (“naufraxio, accidente, morte”).



v 
Pequena Inglaterra, de Ioanna Karistiani



Esta obra, que veu lume na nosa lingua en 2018 da man da Editorial Hugin e Munin, en tradución de Afonso Blanco, publicouse orixinariamente en grego en 1997 co título de Μικρά Αγγλία e mereceu o Premio Nacional de Literatura de Grecia en 1998. Ademais, foi levada ao cinema polo propio marido da escritora, Pantelis Voulgaris, en 2013. Nas versións ao inglés e ao italiano o título foi vertido, no entanto, como The Jasmine Isle e L’isola dei gelsomini, respectivamente.



Ioanna Karistiani, nacida no porto de Chania (Creta) en 1952, cursou en Atenas a carreira de Leis e destacou no activismo xornalístico e político de esquerdas contra a “Ditadura dos Coroneis” (1967-1974). Fixo, ademais, varios guións cinematográficos para o xa citado Voulgaris e para Costa Gavras.



A acción de Pequena Inglaterra sitúase na illa de Andros, no arquipélago das Cícladas, en pleno Mar Exeo, mais da man de moitos dos personaxes, mariños mercantes de profesión, viáxase tamén a moitos outros mares e latitudes. Partindo do devir dunha familia en concreto, a formada polo mariño Savvas Saltaferos, a súa esposa Mina e as súas fillas Orsa e Moscha, a obra retrata de xeito coral e complexo, con fortes doses de lirismo en ocasións, a vida dunha comunidade insular grega ao longo da primeira metade do século XX, coa 1ª Guerra Mundial, o crack do 29, a invasión italo-xermana do país e a propia guerra civil grega que seguiu ao final da 2ª Guerra Mundial como panos de fondo histórico.



Polas súas páxinas, magnificamente escritas e divididas en tres grandes capítulos, titulados “O Ollo de Deus”, “O cativo piso do sobrado” e “O que afoga non vive para se laiar”, respectivamente, desfilan moitos personaxes que se entrecruzan e van vivindo sucesivas desgrazas, alegrías, amores, perdas, naufraxios e travesías, nunha traxectoria comunitaria que podería perfectamente imaxinarse ou trasladarse sen moitas alteracións para moitos dos nosos portos… O motor principal da novela é o triángulo amoroso formado polo navegante Spiros Maltampes e polas dúas irmás Saltaferos: aínda que foi mozo inicialmente da máis vella, Orsa, casou coa máis nova, Moscha, para acabar morrendo finalmente a bordo do buque Μικρά Αγγλία, torpedeado como o resto do convoi mercante do que facía parte por un submarino alemán fronte ás costas irlandesas, en marzo de 1943.



Mais arredor desa historia tráxica ou melodramática principal, como adiantamos, vanse arremuiñando moitas outras, con relevante protagonismo feminino: a da mestra xubilada e viúva dun mariñeiro naufragado fronte ás costas de Uruguai Nana Bourantas Karapiperis; a da criada Annezio, que ten un fillo comunista exiliado en EE.UU.; a da vella Mouraina, que reúne as “viúvas de vivos” da illa na súa casa para contaren contos “picantes” e combateren a soidade; a de Katerina Basantis, que non quere ver o mar desde que este lle arrebatou o seu marido, tamén mariño de profesión; a da ex prostituta Angelita, que fundará familia en Buenos Aires co propio mariño Savvas Saltaferos, ao igual que fará en Chile o cociñeiro Christakis; a de Niko Vatokouzis, pequeno armador que casa con Orsa Saltaferos mais que acaba marchando con dous dos seus fillos para Nova York; a de Marios, irmán de Mina, especialista en navegar con fretes perigosos (amoníaco, nitro, nafta, vernices, piche…) e náufrago en 1923 na Canle da Mancha; a do neto de Saltaferos, que ansía desde meniño poder navegar como o avó e devora na casa patrucial cartas mariñas e tratados de navegación; etc., etc. Todo contado cunha prosa vívida, suxestiva e tinxida de emocións.


Contos mariños de Carballo, de Xabier Maceiras



Cunha emotiva dedicatoria ao poeta e percebeiro Paco Souto ábrese este volume do antigo músico dos “Diplomáticos de Monte Alto” e hoxe dinámico activista cultural Xabier Maceiras Rodríguez, que xa tiña dado ao prelo con anterioridade outros traballos divulgativos como O mar de Arteixo e os seus naufraxios (2013), De Liverpool ás Sisargas, a derradeira travesía do “Priam” (2014), en colaboración con Fernando Patricio Cortizo, e Crónica de Arteixo (2017).

Editado polo Concello de Carballo, o volume que nos ocupa reúne en 35 capítulos detalladas e ben documentadas crónicas de crebas, embarrancamentos, naufraxios, afundimentos e aterraxes forzosas acontecidas na costa carballesa, entre Malpica e Caión, nos baixos de Baldaio ou fronte ás Sisargas. Polas súas páxinas desfilan, como tráxicos protagonistas, buques como o “Solway”, o “Tunstall”, o “Priam”, o vapor “Skolt”, o “Nantes”, o “Nor”, o palangreiro “Princesa de Asturias”, a tarrafa “Abella Pereira”, o sueco “Falco”, o vapor inglés “Somersby”, o baladro noiés “España”, os pesqueiros “Albatros e “Jesusa”, o motoveleiro “Cabaleiro” ou o pesqueiro “Os Tonechos”.

Non faltan no volume, ademais, historias do corso, lendas populares, evocacións dos tempos en que se cazaban baleas, referencias ás loitas sociais contra as areeiras, relatos sobre as mareas negras que castigaron a zona, explicacións sobre proxectos frustrados de asentar un aeroporto nas marismas de Baldaio e mesmo incursións nas reviravoltas das dúas guerras mundiais do século XX, na medida en que tiveron escenario tamén fronte a ese anaco da costa galega e nas minas de wolfram espalladas polo noso país, entre elas a do monte Neme.
Maceiras reivindica no seu libro a tradición marítima e mariñeira de Carballo, un tanto opacada pola dos portos veciños, e debrúzase con amenidade sobre a riola de eventos tráxicos que se derivaron do intenso tránsito marítimo existente na zona, desde a Antigüidade ata os nosos días. As fontes arquivísticas e hemerográficas que dan sustento a moitas páxinas do libro compleméntanse con retallos da memoria popular e todo o conxunto adórnase con ilustracións de moi diversa índole: cadros de Urbano Lugrís, fotografías antigas e modernas, retallos de xornal, litografías, gravados antigos, escrituras notariais, mapas e cartas náuticas, etc.

Talvez o único aspecto discutíbel do proxecto sexa a denominación elixida para o título de “contos mariños”, pois a palabra “conto” encerra suxestións de “fantasía” e “invención” que están totalmente ausente nas historias que o volume encerra, cargadas de realismo en forma de duro traballo, solidariedade na desgraza, traxedias e morte. A epopea tantas veces anónima das xentes do mar ten neste libro, de doada e interesante lectura, un retrato fiel, aínda que por momentos tamén estarrecedor.
 


[Recensións publicadas orixinariamente na revista Nova Ardentía 11, editada por Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial]

sábado, 3 de agosto de 2019

Na morte de Celso (Sito) Parada



Outra vez o mal prematuro e a morte cruel leva de onda nós un dos imprescindíbeis brechtianos.

Como non hai moito por Luís Rei, por Roca, por Narf, por Paco Souto, por Isidro Novo, por Gustavo Pernas, por..., énchesenos o corazón de loito pola perda, tan grande.

Mais o "lume que alampea xamais o veredes morto".

Está vivo no Teatro Principal de Pontevedra, corre o ano 1992, gozando da maxistral interpretación do "Misterio cómico" de Darío Fo (e unha compañeira "profe" do instituto abandonando indignada a sala, seica por tanta "irreverencia antirrelixiosa" - como lle proe a liberdade e o espírito crítico ao fanatismo!-).

Está vivo no humilde salón de actos do IES de Vilalonga - asistencia voluntaria para o alumnado - a mediados da década de 90, aonde me empeñei en levar a Sito estirando ata o limite os cartos do departamento de Lingua para vermos e gozarmos o seu Os patios da memoria.

Está vivo nunha das máis honestas e dignas versións de Os vellos non deben de namorarse que se teñan feito, prescindido adrede do epílogo para que o pranto de Pimpinela deixase en carne viva a mensaxe crítica co poder do diñeiro e a comenencia social que a peza encerra, cunha mensaxe tan actual e universal que fende radicalmente o tópico da literatura galega como literatura costumista e "rexional".

Está vivo no aplauso fervente do público que ve a Sito representar Morte accidental dun anarquista, esa lúcida advertencia de que sempre o Poder vence usando trampas e abusando.

Está vivo na retranqueira desenvoltura de Dobermán de Antón Reixa, peza representada canda outro feixe de luz no escenario coa lingua de noso como bandeira, Carlos Blanco.

Está vivo no colega e amigo músico que a todos nos gustaría ter de A lingua das bolboretas e, sobre todo, no tenro e entrañábel xigante boxeador republicano "Ghengis" de O lapis do carpinteiro, que non quería ser derrotado dúas veces e que soñou para todos nós un xantar delicioso baixo a hipnose do Doutor Da Barca.

Adeus para sempre, caro Sito!

Mentres cae o pano, o aplauso do público prolongarase sen final.