eu

eu
eu

domingo, 24 de febreiro de 2019

No primeiro centenario do pasamento do fotógrafo viveirense José Ínsua López, "Pepe da Mota" (I)




A meu queridísimo pai,  Emilio Antonio Ínsua García (1938-2016) ,
cuxa definitiva ausencia fíxose  máis palpábel e dura aínda, se couber,
ao confeccionar este traballo.


O 5 de outubro de 1918 o terríbel andazo coñecido como “grippe española”, que tivo en Viveiro unha afectación tan intensa que colmou o antigo camposanto franciscano e forzou a apertura do actual cemiterio en Altamira, cobrábase unha vítima máis na persoa de José Ínsua López, popularmente coñecido como Pepe da Mota.
Desaparecía así un viveirense pioneiro da arte fotográfica, un importante colaborador da prensa local e emigrada, un entusiasta amateur do teatro, un incansábel animador cultural e lúdico e un destacado activista católico na vila que o veu nacer. En palabras do sacerdote José Pérez Barreiro, este bisavó noso fora “alma de niño, optimista infracasable, propulsor imprescindible y factotum de toda organización artístico-religiosa, actor, cantor…”[1].
Ao se cumprir o primeiro centenario do seu pasamento, queremos dedicarlle no Heraldo estas liñas de recordación e homenaxe, debullando ese seu perfil tan polifacético e traendo a colación, ademais, outras figuras relevantes do seu entorno familiar.

1.      Os proxenitores de Pepe da Mota e o célebre Caixón dos figos

José Manuel Ínsua López, (a) Pepe da Mota, naceu no domicilio familiar do viveirense Barrio de Santiago, número 19, ás doce da noite do día 5 de agosto de 1877, o mesmo ano no que Teodoro Botino e Severiano López Tojo introducían a imprenta en Viveiro. Foi inscrito no Rexistro Civil o día 9 de agosto, cos alguacís Miguel Vicente Rodríguez e Antonio María Rodríguez como testemuñas[2].

Súa mai chamábase Antonia López Ponte, filla de Antonio María López, natural de Celeiro e xa defunto nesa altura e mais de Rita Ponte, que aínda vivía entón nunha casa da viveirense rúa Espartero. Antonia era irmá do presbítero Luís López Ponte, quen exerceu durante algún tempo como capelán do cárcere municipal e faleceu en febreiro de 1903. O semanario El Eco de Vivero transmitiría daquela expresamente o seu pésame a “sus sobrinos el Párroco de Cabanas D. Luís Martínez López y el Fotógrafo D. José Insua López”[3]. Esta intensa presenza sacerdotal no entorno familiar máis directo sería unha das claves, como veremos, da actividade e do pensamento deste noso bisavó.

Seu pai era Juan Antonio Ínsua Dorado (?-1917), popularmente coñecido como Tío Novenas, fillo de Benito Ínsua, daquela xa defunto, e de María Dorado, que aínda vivía no propio domicilio do fillo. Carpinteiro de oficio, foi a partir de certa altura arrendatario nos anos finais do século XIX e iniciais do XX do Teatro da vila, o célebre Caixón dos figos, sito no mesmo solar que logo ocuparía o “Chipe”, na rúa García Dóriga, ao lado da Porta da Vila. Explicaba Jesús Noya a propósito dese local:

TEATRO.- En un extremo de la villa se halla situado el único teatro que en la misma existe, y que hasta hace poco era un destartalado edificio, más propio para alojar un escuadrón de caballería que para ser dedicado al arte de Talía. Fué, á lo que parece, construido para hospital en tiempo del Corregidor Losada, á principios del presente siglo [XIX], habiendo sido destinado más tarde á escuelas públicas. Desde que estas se trasladaron al ex convento de San Francisco, no tuvo más objeto que el teatro.
Hoy se han hecho en el interior grandes reparos por el maestro Don Juan Antonio Insua, que merced á un contrato celebrado con el Ayuntamiento, quien administra aquel local como propio del ramo de beneficencia municipal, pudo hacer del feo y horrible caserón un elegante teatrito, quizá el mejor de la provincia de Lugo[4].

Pola súa vez, Ramón Canosa, ao falar das periódicas visitas da compañía teatral de José Montijano ao Viveiro de entre séculos, evocaba así algunha das particularidades do recinto que nos ocupa:

La primera y más pintoresca de todas ellas era que la charanga municipal había llegado a un pacto cordial con los cómicos, consistente en que contra la cesión de la Compañía a los músicos de asientos gratuitos en las funciones, la charanga ejecutaría un pasodoble a la hora de la función, que buscaba sugerir asistencia a lo lardo del recorrido de la calle principal, desde la esquina de la plaza hasta la cuesta de Santo Domingo, y este compromiso se sostuvo sin interrupción en todos los espectáculos. A esto hay que añadir que el antepecho del piso primero estaba ornado por unos medallones pintados al óleo, representando primeras figuras de actores teatrales, debidos al pincel de Laureano Insúa [sic] (de la familia de Novenas), artista muerto en agraz, y en la tribuna alta se había reservado una porción de palco, privado de la visión al exterior, con barrotillos separados, a fin de emboscar así a los espectadores con luto reciente o a las damitas pasadas de esplendor juvenil. Se tarifaba esta misteriosa localidad a precio más alto que el resto, y aunque se pretendía denominarla “palco reservado”, lo cierto es que la zumba popular le llamaba “a xaula dos loros”[5].

O Caixón dos figos era un local recreativo que, no seu tempo, tiña algunha que outra competencia na propia vila: desde setembro de 1895 existía un café-billar na rúa Cayuela promovido por Francisco Parapar, viñan funcionando asemade o liberal-republicano “Círculo de Recreo de Vivero” (desde 1882) e a conservadora “Tertulia de Confianza” (desde 1889) e axiña se abriría no chamado “patio de Manolín” o Teatro Moderno.

Neste sentido, cómpre aclarar que a “Casa-Teatro” rexentada por Ínsua Dorado servía para múltiplas funcións. Así, en ocasións facía as veces de sala para banquetes. O 8 de decembro de 1890, por exemplo, celebrouse nel un ágape da coalición liberal que alentaba a candidatura a deputado polo distrito de Vicente Martínez Bande fronte á do conservador Ramón Rebellón Zubiri, cunha concorrencia que se achegaba ao medio cento de comensais. Sobre o particular comentaría o semanario El Vivariense:

El banquete se celebró en la casa-teatro, estando el menú a cargo del inteligente empresario D. Juán A. Insua, con lo, escusamos decir nada, concerniente al esmero con que fué servido y la elegancia y buen gusto que se observaba en los más pequeños detalles[6].

Da mesma maneira, o amentado semanario informaba sobre o Entroido de 1895:

Teatro
En los días del Carnaval, el empresario del Teatro de esta ciudad servirá abundantes y variadas cenas, con lujoso servicio, á precios módicos.
Igualmente cuenta con gran surtido de esquisitos [sic] vinos y licores, á precios baratísimos.
El precio de palco de seis asientos, sin entrada, en las noches de baile, es de 4 pesetas. De cinco, 3. Entrada general, 50 céntimos. Guardaropa [sic], 10, cada prenda.
Cada palco tiene su llave[7].

Noutras datas (durante as festas de Nadal, no Antroido, nas Festas de Agosto…), o local facía de salón de baile. En El Vivariense podemos ler: “El empresario del teatro de esta villa D. Juan Antonio Insua Dorado inaugurará el Año Nuevo, dando un baile de máscaras en dicho teatro el día primeiro de Enero próximo”[8]. Sobre os bailes celebrados no Entroido de 1894 nesa Casa-Teatro escribía o mesmo semanario:

Dos se han dado, uno el domingo y otro el martes. No hubo disgustos en ellos. La multitud llenó todos los locales. Se rindió tributo á Terpsícore y Baco enseñó su racimos, que fué lo peor. Por lo demás, reinó la alegría en todas partes y, a pesar del aire grueso que allí se respiraba la gente de buen humor no abandonó el local hasta las seis ó siete de la mañana[9].

E pensando o arrendatario na mellor ambientación musical deses eventos, lemos en El Vivariense, no verao de 1890

llegó en el vapor Marianela, el 19 de los corrientes, un magnífico piano, sistema Mors, que tenía encargado el inteligente y laborioso empresario del teatro de esta villa, don Juan Antonio Insua Dorado.
Deseamos se resarza pronto de este nuevo desembolso, pues bien lo merece, porque no perdona medio para poner nuestro coliseo á la altura de los de las ciudades de primer orden[10].

O músico Juan Latorre sería quen amenizase moitas das veladas e bailes celebrados na Casa-Teatro, tocando o piano ou participando coa orquestra de corda creada por el propio en novembro de 1890.

O Caixón dos figos acollía periodicamente, ademais, a celebración de veladas músico-literarias, como a que tivo lugar en outubro de 1891 a beneficio das vítimas de Almería e Consuegra[11] e era tamén lugar de celebración de reunións cívicas de moi diversa índole, desde mitins políticos ata xuntanzas das comisións organizadoras das festas de verao.
 
2.     O coliseo teatral viveirense por excelencia no período de entre séculos

Mais se algunha función merece especial destaque nese local recreativo do Viveiro de entre séculos é a de coliseo lírico-teatral. Con efecto, periodicamente subían ao seu escenario compañías líricas e cómico-dramáticas de xira “por provincias”, como a de Alejandro Larripa (en 1890), a de Miguel Recio (en 1894 e 1897), a de Saturnino Casas (en 1894), a de Francisco Soriano (en 1895), a de Juan R. de Sepúlveda (en 1896), a de Sánchez Palma (1901), a de Pedro Echeverría (1904), a de Montijano (en 1907 e 1916), a compañía “La Peña Artística” de Arturo Cosí (1912), a de Angoloti (1914), o dueto Les Val-Ter (1915), a de Bell-Suárez (1916), a de Luís R. Oliva (1916), a de Pedro Gómez de la Cruz (1917), a de Llopis (1917), a de Gómez de la Cruz (1917), a de Cecilio Rodríguez de la Vega (1917) e probabelmente algunha máis que fique no tinteiro.

A contratación destas compañías non sempre era iniciativa do arrendatario Ínsua Dorado, senón que elas propias solicitaban moitas veces poderen empregar o seu local para aproveitaren mellor o calendario dentro das súas xiras, como testemuña o seguinte solto xornalístico: “El empresario del Teatro de Vivero don Juán Antonio Insua recibió un telegrama dirigido desde Ferrol, pidiéndole aquel para la compañía [de] zarzuela que actúa al presente en el teatro Romea de la ciudad departamental”[12].

O repertorio destas compañías, que non escaparon en ocasións á crítica aceirada dos xornais viveirenses[13], estaba composto, basicamente, de xoguetes cómicos, pezas zarzuelísticas e algunha que outra comedia ou drama de autores entón moi en boga, como Feliú i Codina, Vital Aza, Ramos Carrión, Pina Domínguez, Ortiz de Pinedo, Zamora Caballero, Miguel Echegaray e José Echegaray. Moito máis inhabitual era a posta en escena de pezas máis “ambiciosas” esteticamente, como El Trovador, de García Gutiérrez ou o inevitábel Don Juan Tenorio, de Zorrilla, e mesmo resultaron sempre “problemáticos” os intentos desas compañías visitadoras de representaren obras de contido ideolóxico crítico co statu quo político, social ou relixioso da época. 

Coñecemos, neste sentido, os furibundos ataques de El Eco de Vivero á compañía de Juan R. de Sepúlveda por representar o 14 de novembro de 1896 no teatro viveirense a peza Juan José de Dicenta e á autoridade local por non ter prohibido “terminantemente la representación de una obra que, aparte su espíritu anticatólico, es verdaderamente antisocial”[14], así como os improperios contra a compañía dramática de Sánchez Palma, que en 1901 ousou anunciar a posta en escena en Viveiro do drama galdosiano Electra:

Debemos hablar de Electra, ya que, con motivo de hallarse en Vivero una Compañía dramática que la tiene en su repertorio, no falta quien suspire por su representación y quisiera que la aludida Compañía cometiese la indiscreción gravísima de ofender los sentimientos religiosos de la inmensa mayoría de este pueblo para complacer á cuatro sujetos que tuviesen el mal gusto de solazarse con lo que ya está pasado de sazón[15].

Algunha desas compañías “improvisaban” xoguetes cómicos ou apropósitos con referencias a temas, anécdotas e personaxes viveirenses. En 1894 a compañía de Miguel Recio representou un apropósito co título de El Entierro de la Sardina o las Máscaras de Vivero… e no 1897 a revista cómica, en prosa e en verso, Vivero por dentro. Pola súa vez, o cadro teatral de Sánchez Palma ofreceu en 1901 a revista cómico-lírica nun acto De Vivero al cielo, ó la Romería de San Pantaleón, mentres que a compañía de Juan R. de Sepúlveda puxo en escena en decembro de 1896 o xoguete cómico orixinal do escritor viveirense Alfredo García Dóriga De balcón á balcón, tamén denominado La Velada de San Roque ó Una fiesta en Vivero.

Non é de admirar que, como explicaremos en vindeiras entregas, algúns mozos e mozas da Vila, tal o caso do propio Pepe da Mota, sentisen a chamada vocacional das táboas (“o veleno da farándula”, adoitaban chamarlle entón) despois de asistiren a esas representacións e mesmo se atrevesen a poñer en marcha algúns cadros de declamación amateurs que deixarían grato recordo en varias xeracións de viveirenses e que serían evocados con enorme cariño por Ramón Canosa en traballos como “El Teatro Viejo” e “Los viejos cuadros de declamación”[16] e por César Michelena Rebellón no artigo "Vivero y su vieja afición al Teatro"[17].



[1] Cf. XyZ: “La Semana Santa de Vivero”, Pregón, Viveiro, Semana Santa de 1947.
[2] Certificación do Rexistro Civil de Viveiro, que reproduce o asento do Libro 9, Folio 415, Número 404 da Sección 1ª. 
[3] Cf. El Eco de Vivero, nº 755, 8.2.1903, p. 3.
[4] Cf. El Eco de Vivero, núm. 86, 16.3.1890, p. 1.
[5] Cf. CANOSA, Ramón (1969): “El Teatro Viejo”, en Vivero, otra vez…, p 42.
[6] Cf. El Vivariense, núm. 28, 14.12.1890, p.1.
[7] Cf. El Vivariense, núm. 245, 24.2.1895, p. 3.
[8] Cf. El Vivariense, núm. 30, 28.12.1890, p. 3.
[9] Cf. El Vivariense, núm. 193, 11.2.1894, p. 2.
[10] Cf. El Vivariense, núm. 3, 22.6.1890, p. 3.
[11]  Cf. El Vivariense, núm. 72, 18.10.1891.
[12] Cf. El Regional, Lugo, núm. 2.807, 17.2.1892, p. 2.
[13] Alejandro Larripa, director dun deses elencos teatrais, sentiu a necesidade de replicar as críticas acerbas que contra o seu traballo se fixeron no semanario El Eco de Vivero enviando un “remitido” ao liberal El Vivariense (cf. núm. 18, 5.10.1890, p. 2).
[14] Cf. El Eco de Vivero, núm. 433, 22.11.1896.
[15] Cf. El Eco de Vivero, núm. 671, 30.6.1901. Días despois, insistía o semanario que dirixía Jesús Noya: “Mentira parece que en Vivero se realice lo que en otros pueblos de mayor importancia han logrado impedir los elementos sanos y de orden” (Cf. El Eco de Vivero, núm. 674, 21.7.1901) e, xa pasada a función, congratularíase de que a representación de Electra fose única e de que a ela non acudise entre o público nin unha soa muller (Cf. El Eco de Vivero, núm. 675, 28.7.1901).
[16] Recollidos como capítulos 10 e 11 no volume Vivero, otra vez…, Madrid, 1969, pp. 41-47.
[17] Cf. Heraldo de Vivero, 15.3.1969.


Nota bene.- PUBLICAMOS PREVIAMENTE UNHA VERSIÓN DESTE ARTIGO, SEN NOTAS A RODAPÉ, NO SEMANARIO "HERALDO DE VIVERO", ONDE ESTÁN A APARECER DESDE OUTUBRO DE 2018 ATA HOXE NOVAS ENTREGAS SUCESIVAS, QUE IREMOS SUBINDO AOS POUCOS A ESTA "ÍNSUA DO ÍNSUA".

luns, 26 de novembro de 2018

GAIOLA ABERTA. ESCOLMA DE POESÍA INFANTIL (1997-2017), de Xoán Neira



Da man de Baía Edicións, con fermosa portada de Ana Pedreira e preparada con pulcritude por Armando Requeixo, como era lóxico agardar dun dos máis importantes críticos literarios galegos dos nosos días, acaba de aparecer a escolma de poesía infantil de Xoán Neira Gaiola aberta, que reúne medio cento dos textos presentes nos seis poemarios que o autor de Meilán editou desde 1997 ata a actualidade: Recreos (1997), en colaboración co músico Manuel Rodríguez; Xiz de cor (2004); Farrapos de nube (2007); No cubil da lúa (2009); Un niño no xardín (2012); e, finalmente, Chafarís (2017).
Mestre xa xubilado do colexio “Lois Tobío”, veciño de Viveiro desde 1982, columnista ocasional da edición mariñá do diario El Progreso e do Heraldo de Vivero e socio fundador do Seminario de Estudos da vila do Landrove, Xoán Neira López (Meilán, Lugo, 1953) é un escritor en lingua galega de obra relativamente prolífica, na que destacan títulos como Memoria e soño (1996), Nas varandas do abrente (2000), Ás catro augas (2004, editado pola Fundación Manuel María) e Linguaxes (2005), libro artístico feito en colaboración co debuxante e ceramista Otero Regal. Cabe anotar, igualmente, a súa presenza en volumes colectivos como Alma de beiramar (2003) e Negra sombra. Intervención contra a marea negra (2003), editados co gallo da catástrofe do “Prestige”; a Homenaxe poética ao trobador Xohán de Requeixo (2003) e A Coruña á luz das letras (2008), da editorial Trifolium. Tamén ven sendo constante a súa presenza na revista poética luguesa Xistral.

Na súa poesía infantil, agora oportunamente escolmada por Requeixo, Xoán Neira visita o ciclo estacional do ano e canta os elementos da natureza, explora os astros, enreda cos xogos e comprácese en mirar con ollos anovados as cousas, os animais e os espazos que habitualmente nos rodean, en procurar a súa beleza e o seu misterio agochados, en tornalos fonte inesperada para a fantasía e a ilusión. O poeta é quen de combinar sempre unha perspectiva plástica, visual e descritiva con outra reflexiva e profunda, de maneira que o que ofrece veñen sendo algo así como “retratos meditados” sobre elementos do medio que nos rodea. A brevidade, o atinado manexo das rimas asonantes e dos versos heterométricos, os xogos de aliteración na procura da musicalidade e unha coidada selección léxica son algúns dos trazos que caracterizan esta poesía, perfecta para empregar nas aulas como material para variadísimas actividades e, xaora, como lectura iniciática.
[Publicado orixinariamente na revista Aulas Libres, nº 11, editada polo STEG]

martes, 30 de outubro de 2018

Adeus ao Gustavo Pernas

Sentei hoxe nun recreo no instituto a mirar a prensa dixital, enredei un momento nos comentarios sobre a lea que houbo no encontro de En Marea (ao que xa nin gañas tiven de ir vista a falta de altura de miras que amosan tirios e troianos) e parei un pouco na nova da oportuna homenaxe que se lle vai tributar en Lugo o vindeiro 3 de novembro ao tan benquerido como chorado Isidro Novo, tan vinculado a Viveiro. Case pechando a sesión, de súpeto, atopo unha foto túa e un pé demoledor que anuncia o teu pasamento na noite do 29 de outubro…
Tardo en reaccionar. Gustavo, morto? Veume á cabeza o precioso verso que un día Uxío Novoneira dedicou ao pintor Carlos Maside: “Eu non sei pensarte morto”. Eu tampouco a ti. Non hai tanto estabamos tendo unha preciosa conversa na libraría Biblos de Betanzos, onde se mesturaban as lembranzas do Viveiro das nosas infancias, a complicada situación do teatro galego, as consecuencias desa estafa capitalista monumental á que deron en chamar “crise”, o meu libro sobre as Irmandades… Escribinvos ese día unha dedicatoria chea de afecto e cordialidade, que ti e Ánxela agradecestes co corazón nos beizos, nunha especie de brinde a un encontro tan casual como intenso.
Cada vez que tivemos ocasión de coincidir e falar, sentín unha profunda empatía contigo. Nos actos de homenaxe a Tobío. Nas celebracións sobre Pastor Díaz na Academia Galega, con Fausto Galdo aínda entre nós. Nunha rúa de Compostela, ou da Coruña, ou de Viveiro, onde quer que cadrase… Sempre. Un fluír de ideas que nos aproximaban, de visións coincidentes sobre as cousas da vida e do mundo. Unha cordialidade doada e intensa fronte a unha persoa que se amosou comigo decote sen dobrez, sen miseria, sen trampa. Auga de fonte limpa, en contraste co pezoñento rancor velenoso que certo amigo noutrora común de nós os dous, como ben me advertiches, anda a deitar sempre que pode, obsesionado, contra min.
Fun espectador e lector atento de case todos os espectáculos e pezas coas que soubeches enriquecer de maneira decisiva o teatro galego de finais do século XX: O galego, a mulata e o negro (1990, editada en 1999), Sucesos (Premio Dieste en 2004), Medidas preventivas (2006), Tres logomonos (2012), o ensaio Os ollos de Victorine e a construcción da cuarta parede (2006)… Aplaudín con total convencemento ese monllo de obras túas, que Ánxela axudou a corporeizar nos escenarios, onde deitaches unha ollada tan crítica como profunda sobre as relacións humanas e os comportamentos sociais contemporáneos: a soidade e a incomunicación, o falseamento da democracia, o consumismo, a xenofobia, o machismo, a violencia, a corrupción, a deshumanización… Un teatro crítico e comprometido, pero non burdo nin panfletario; un teatro intelixente, audaz, mordaz e verdadeiro, fronte á farsa continua dos poderosos agochados na sombra e o peso das ideoloxías que nos fan máis escravos en vez de máis libres, aínda que se vistan de seda.
Ese, en definitiva, será o teu legado imperecedeiro, amigo Gustavo. Iso e a perfumada sensación de autenticidade que fica en todo o que da túa man estivo. Que a terra che sexa leve e que canten eternamente os merlos no teu oído.