eu

eu
eu

venres, 22 de abril de 2016

Manuel María: unha cronobiobibliografía

 
Achégase o Día das Letras Galegas, este ano adicado á figura do noso querido e admirado Manuel María, e queremos contribuír desde este noso blog á difusión do seu legado humano, político e literario, especialmente relevante para a cultura galega da segunda metade do século XX, con esta cronobiobibliografía que acabamos de publicar no sexto número da revista Aulas Libres, do STEG.


1929
Nace o 6 de outubro, en Outeiro de Rei (Lugo) Manuel María Fernández Teixeiro, primeiro fillo dos catro que terá o casal formado desde 1928 polos labregos de cómoda posición económica Antonio Fernández Núñez e Pastora Teixeiro Casanova.

1938
O neno Manuel María asiste en Rábade á escola de Bautista Núñez Varela, que, aínda que abusaba do caxato e falaba sempre en castelán, lía e comentaba textos en galego nas súas clases e espertou así a sensibilidade e a vocación literaria do raparigo.

1941
O preadolescente Manuel María escribe os seus primeiros versos.

1942
Inicia os estudos de Bacharelato no Instituto de Lugo

1943
A morte de seu pai por mor dunha peritonite, o 2 de maio, fai que se encargue do seu coidado e educación seu tío paterno José Fernández Núñez, sacerdote en Lugo.

1943-1946
Prepara os sucesivos cursos de bacharelato como alumno da Academia Galicia, rexentada polos maristas en Lugo. Pasa os veráns, parte en Outeiro de Rei coa nai e os irmáns, parte en Cespón (Boiro), cunha curmá do seu defunto pai.

1947-1948
En sexto curso, xa no Instituto de Lugo, recibe aulas de literatura do profesor salmantino Lázaro Montero, que le descobre a poesía da xeración do 27 española.
Comeza a asistir á tertulia intelectual do Café Méndez Núñez, á que acoden Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Xohán, Aquilino Iglesia Alvariño e Ánxel Fole, entre outros.
Pronuncia a súa primeira conferencia no Círculo das Artes en Lugo.

1949
Funda en Lugo con Manuel Antonio Sopena a revista Xistral, que acolle nas súas páxinas os seus primeiros poemas éditos, como “A cantiga derradeira” e “Su sencillez”.
Escribe un pequeno poemario (11 textos) en español titulado Marinero en la noche.
Comeza a enviar colaboracións ao diario lugués El Progreso e ao compostelán La Noche.
Remata os estudos de bacharelato e aproba a “reválida”.

1950
Matrículase como alumno libre na Facultade de Filosofía e Letras en Compostela, mais reside habitualmente en Lugo e abandona os estudos no remate do curso, tras colleitar varios suspensos.
Publica o seu primeiro libro de poemas, Muiñeiro de brétemas, na colección “Benito Soto” de Pontevedra.

1951
Abandona os seus fanados estudos universitarios.
Escribe Morrendo a cada intre.
Aparecen catro contos seus no terceiro número dos Cadernos Grial.
A morte por atropelo automobilístico o 25 de marzo de seu irmán Jesús Mª, de tan só 13 anos, inspíralle unha fonda crise persoal e relixiosa, reflectida no Libro de pregos.
Asiste á primeira “Misa de Rosalía” en Compostela, o 25 de xullo.

1952
Realiza desde xaneiro a “mili”, primeiro no campamento de Parga, na propia Terra Cha, onde coincide con Uxío Novoneira, e logo en Compostela, onde dá clase aos seus compañeiros de cuartel analfabetos e frecuenta o trato de Carlos Maside, Otero Pedrayo, Fermín Bouza Brey, Borobó, Manuel Beiras García, Xosé M. Beiras, Ramón Piñeiro, Pilar Vázquez Cuesta, etc.
Pon en marcha co escritor e artista lugués Ánxel Johán, republicano represaliado, a colección de poesía “Xistral”, que edita libros de Cabanillas, Carballo Calero, Pura Vázquez, Luz Pozo, Casado Nieto e Manuel Carlos Vidal.
Conquista o primeiro premio dun certame poético do Centro Galego de Bos Aires co libro Advento.
Publica en Lugo Morrendo a cada intre e os Contos do cuarto crecente.

1953
Estuda para procurador dos Tribunais e dá algunhas conferencias sobre poesía galega.

1954
Publica en Arxentina, da man das Edicións Galicia do Centro Galego bonaerense, o poemario Advento e nas Edicións Celta de Lugo a primeira edición do seu emblemático Terra Cha, con limiar de Ánxel Fole.
Asiste ao III Congreso Internacional de Poesía, en Compostela, e traba amizade co poeta catalán Carles Riba.
Gaña os Xogos Florais de Ourense.
Envía colaboracións a Opinión Gallega de Bos Aires.
Pasa unha tempada con Novoneira no Courel.
Dá unha conferencia en setembro, en Lugo, sobre a poesía de Noriega Varela.
Inicia as prácticas para procurador dos Tribunais no despacho de Luís Fernández Villar, en Lugo.

1955
Novo premio poético en Bos Aires, polo Libro de pregos.
Recitais en Coruña, Betanzos, Lugo...
Envía colaboracións á revista Galicia de Bos Aires.
Envía colaboracións á revista Vida Gallega.
O “Galicia Programme” da BBC ocúpase do seu libro Advento.
É denunciado e xulgado por uns cantares de cego presuntamente calumniosos que circulan por Outeiro de Rei, mais resulta finalmente absolto.

1956
Escribe o poemario Documentos personaes.
Coñece á súa futura compañeira e esposa, Saleta Goi García, de familia republicana represaliada.

1957
Aproba o exame para exercer oficialmente como procurador dos Tribunais.
Edita na revista Quatro Ventos, de Braga, o seu Auto do taberneiro.
Comeza a colaborar asiduamente co xornal coruñés El Ideal Gallego.

1958
Publica na Celta de Lugo o poemario Documentos personaes.
Colabora co xornal Lugo de Bos Aires e coa revista Papeles de Son Armadans, de Mallorca.
Instálase en Monforte.
Perde aos seus amados mestres Pimentel e Maside.
Publica no Boletín da Academia Galega un estudo sobre a poesía de Fermín Bouza Brey.

1959
Recita e dá conferencias na Universidade de Uvieu.
Casa o 9 de maio con Saleta.
Dá aulas de Literatura na Academia Balmes de Monforte e colabora coa emisora de radio local.

1960
Gaña os Xogos Florais da Coruña e os de Betanzos.
Gaña o premio de teatro Villar Ponte en Bos Aires, co seu Edipo.
Publica na revista Céltiga, de Porto, o seu Auto do labrego.

1961
Publica na revista Vida Gallega o seu Auto do mariñeiro.
Edítase o seu único poemario en español, Sermón para decir en cualquier tiempo, escrito no verán de 1954.

1962
Edítase en Lugo, da man da imprenta Celta, o Libro de pregos.
Aparece a segunda edición, corrixida e aumentada, de Contos en cuarto crecente.

1963
Publica o poemario Mar maior na colección de poesía Salnés, promovida por Galaxia e dirixida por Celso Emilio Ferreiro.
Morre o 2 de febreiro o seu tío José Fernández Núñez.

1964
Viaxa a Portugal.
O 6 de agosto intégrase con Saleta e da man de Méndez Ferrín e Mª Xosé Queizán na UPG, acabada de crear na clandestinidade.
Edita na revista Grial un estudo sobre a poesía de Celso Emilio Ferreiro.

1965
Publica na revista Grial a novela curta “As augas van caudales”.
A Asociación Cultural “O Galo” premia a súa peza, aínda inédita, A luz non volve atrás.

1966
Publica na revista Grial a novela curta “Os alugados”.
Gaña os Xogos Florais de Foz.
Participa no banquete de despedida a Celso Emilio Ferreiro, que marcha para Venezuela.

1967
Reedita en Lugo o libro Terra Cha, ampliándoo ata os 91 poemas.
Presenta o cantautor valenciá Raimon nun recital en Compostela e dedícalle un artigo en Grial.
Funda a editora Xistral e, dentro dela, a colección de poesía “Val de Lemos”, coa colaboración de Basilio Losada e Lois Diéguez.

1968
Publica en Lugo o poemario infantil Os soños na gaiola.
Prologa a novela de Lois Diéguez A Torre de Babel.
Publica na colección Val do Lemos da súa editora Xistral o poemario Proba documental.
Grava en Barcelona o disco Manuel María: poemas ditos coa súa voz.
Presenta na Sala Capitol de Compostela o concerto da Nova Canción Galega.
Edita a peza teatral Barriga Verde, que se estrea ao ano seguinte.
Escribe para a revista Biblos de Coímbra o breve ensaio Noticia da vida e poesía de Xosé Crecente Vega.

1969
Edita en Montevideo Versos pra cantar en feiras e romaxes.
Edita en Bos Aires Versos pra un país de minifundios.
As autoridades franquistas múltano por participar xunto a Miro Casabella nun acto na Universidade Central en Madrid, no que se fixo exhibición de “una bandera separatista” e se corearon “gritos subversivos”.
Basilio Losada prepara para a colección Adonais, das Ediciones Rialp, unha Antología Poética/ Escolma Poética de Manuel María, en edición bilingüe.

1970
Edita en Bos Aires Remol.
Publica tamén, na colección “Val do Lemos” da súa editora Xistral, as Canciós do lusco ó fusco.
É nomeado en abril membro correspondente da Real Academia Galega.
Edita en Arxentina o volume narrativo O xornaleiro e sete testemuñas máis.
Edita por segunda vez, en Xistral, o seu Auto do mariñeiro.
Abre en Monforte con Saleta a Libraría Xistral, na que se vende tamén cerámica de Sargadelos.
Aparece a segunda edición de Documentos personaes.
Traduce ao español para a revista Primer acto a peza de Castelao Os vellos non deben de namorarse e achega asemade o artigo “Noticia del Teatro Gallego”.

1971
Gaña certames poéticos en Vilagarcía de Arousa, Betanzos, Monforte e Guimarães.
Prohíbenlle unha conferencia na Coruña sobre “O Renacemento galego do século XIX e a súa proxección política na Galicia de hoxe”.

1972
Publica en Porto, da man da editora Razão Actual, as Odes num tempo de paz e de alegria, con limiar de Margarita Ledo Andión.
Publícase tamén en Portugal, da man da mesma editora portuense, o volume antolóxico 99 poemas de Manuel Maria (1950-1970), preparado polo propio autor.
Tira do prelo na Celta de Lugo a 3ª edición, novamente ampliada (100 poemas), de Terra Cha.
Aparece a versión en francés do libro Canciós do lusco ó fusco.
Viaxa á Bretaña, á Suíza e a Euskalherría. Recita no Centro Galego de Barakaldo.
Reedita Os soños na gaiola.
Camilo Gómez Torres defende o 23 de xuño na Universidade de Barcelona unha tese de licenciatura sobre Manuel María.

1973
Aparecen os seus poemarios Aldraxe contra a xistra (Ediciós Roi Xordo, Xenebra, Suíza), Informe pra axudar a alcender unha cerilla (Edicións Patronato da Cultura Galega, Montevideo) e Laio e cramor pola Bretaña (Lisboa).
Obtén ex aequo co Zardigot de Euloxio R. Ruibal, grazas á peza O meu reino non é deste mundo, o premio Abrente de Teatro en Ribadavia.
Publica na colección “O Moucho” das Edicións Castrelos de Vigo o volume Kricoi, Fanoi e Don Lobonís.
Edita en Bos Aires a peza teatral Auto da costureira.
Preside a Asociación Cultural Castelao, de Monforte.

1974
Viaxa, dá recitais e dita conferencias por Cataluña, Euskalherría e Portugal.
Aparece a segunda edición de Laio e cramor pola Bretaña, nas Ediciós Roi Xordo de Xenebra.
Tradúcense ao bretón as Canciós do lusco ó fusco.
Fai parte do xurado do II Concurso de Obras Teatrais Abrente, de Ribadavia.

1975
Presenta a súa renuncia como correspondente da Real Academia Galega.
Participa na creación da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), en abril.
Dita numerosas conferencias sobre a figura de Castelao, no XXV cabodano da súa morte no exilio.

1976
Edita na colección Alexandre Bóveda, de Xistral, os Cantos rodados pra alleados e colonizados.
Viaxa a Barcelona para participar en varios actos culturais.
Resulta multado por participar en Quiroga o 18 de abril nunha mobilización contra o proxecto de instalación dunha celulosa.
Volve ser xurado no premio Abrente de Ribadavia.
Gaña un certame de guións cinematográficos con Abril de lume e ferro e ofrece numerosas charlas e recitais por todo o país.

1977
Detidos el e Saleta o 29 de xaneiro pola policía, nunha vaga represiva poucos días despois de que se perpetrase a matanza de avogados laboralistas de Atocha. Son postos en liberdade aos dous días.
Publica en Madrid, da man da Asociación Cultural Galega Lóstrego, os Poemas ó Outono.
As edicións Ceibe da Frente Cultural da AN-PG publican Poemas pra construír unha patria.
Cabeza de lista ao Senado polo BN-PG na provincia de Lugo nas eleccións do 15 de xuño.
Comeza a enviar a A Nosa Terra entregas da súa sección “Andando a Terra”, asinadas baixo o pseudónimo de Manuel Hortas Vilanova.
Dita conferencias sobre as Irmandades da Fala en diversas localidades.
“Fuxan os ventos” edita en discos seus versións de poemas como “O carro”, “Labregos” e “Cantiga das Encrobas”.

1978
Publica da man de Follas Novas, en Compostela, o Libro das baladas.
A AS-PG patrocina a edición en Xistral do seu poemario infantil As rúas do vento ceibe.
O cantautor Suso Vaamonde edita cancións inspiradas no libro Os soños na gaiola.
A cantante María Manuela e o seu compañeiro Miguel versionan musicalmente poemas como “Idioma meu”, “Manual de señorito” e “O alleado”.

1979
Publica na Editorial Alvarellos, de Lugo, Catavento de neutrós domesticados.
Estrea en Lugo o seu Auto do maio esmaiolado, editado máis tarde pola Escola Dramática Galega coruñesa nos seus Cadernos en 1982.
Estréase tamén a súa Farsa de Bululú (O meu reino non é deste mundo).
Edita a peza teatral infantil Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.
Concelleiro polo BN-PG na corporación municipal de Monforte (“unha das experiencias máis desagradables da miña vida”).
Campaña de desprestixio contra el e contra Saleta en Monforte, acusándoos inxustamente de seren instigadores dos incidentes que remataron traxicamente na noite do 13 de agosto cun rapaz morto, cando a policía reprimiu unha “festa alternativa” que protestaba contra a festa de pago organizada polo Concello nas Pistas do Xardín Municipal.

1980
Publícase a antoloxía Versos de 30 outonos, preparada por Camilo Gómez Torres.
4ª edición do seu Terra Cha, agora con 105 poemas.
3ª edición, e definitiva, de Documentos personaes.
Estrea en Lugo o seu Auto da Autonomía.
Espállanse as súas Coplas contra o decreto de Bilingüismo, asinadas como O Gaiteiro de Ventosela.

1981
Viaxa a Venezuela e a Suíza.
Participa no 1º Congreso de Escritores Galegos, en Poio.
Publica na colección Ramón Cabanillas da editora Xistral os Poemas da labarada estremecida.
Escribe o seu “Soneto a Xosefa Baamonde García, mestra de Dices-Rois-Padrón”.

1982
Viaxa por Euskalherría, dando recitais e conferencias en Donosti, Trintxerpe, Santurzi, Barakaldo...
Participa na homenaxe a Fermín Bouza Brey.
Edita da man de Xerais, na colección Montes e Fontes, a súa “broma literaria” Escolma de poetas de Outeiro de Rei.
Galiza Editora publica en Ourense os seus Versos do lume e do vagalume.
Participa na Asemblea constituínte do BNG en Riazor.

1983
Cesa como concelleiro nacionalista en Monforte, ao non saír reelixido nas municipais de maio.
Viaxa por Italia.
Participa en Figueira da Foz no I Encontro Luso-Espanhol de Poesía.
Participa en Vigo nun recital con Novoneira, Luz Pozo Garza e Bernardino Graña.

1984
Edita no Carballiño, da man da Asociación Cultural Avantar, o Cantigueiro do Orcellón.
A AGAL publica o seu A luz ressuscitada, con carta-prefacio de António Gil Hernández.
Nova viaxe a Italia e tamén a Grecia, na compaña de Felipe Senén.
Participa nun congreso de escritores galegos, vascos e cataláns en Poblet.

1985
Abandona a militancia na UPG e no BNG.
Colabora coa revista Dorna.
Tradúcense ao euskera, da man de Koldo Izagirre, varias pezas do seu teatro.
Publica na Coruña O camiño é unha nostalxia.

1986
Participa nunha homenaxe a Castelao en Rianxo, en xaneiro.
Edita en Ourense Oráculos para cavalinhos-do-demo.
Edita da man da revista Follas Secas de Ourense, na colección Castromao de Poesía, Ritual pra unha tribo capital de concello, con limiar de Xosé Estévez.
Poemas seus fan parte, musicados, do primeiro disco do grupo “A Quenlla”, Os tempos aínda non, non son chegados: “Canto de esperanza”, “A historia de Galicia”...
Viaxa a Córsega, Sardeña, Sicilia e Calabria.
Confecciona e publica en Follas Secas a peza teatral Entremés da OTAN.
Morre en decembro súa nai, Pastora.

1987
Reedita, grazas á Federación de Asociacións Culturais Galegas, o que fora o seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas.
Apróbase o expediente para o seu nomeamento como fillo adoptivo de Monforte.
Monográfico da revista ourensán Follas Secas sobre a súa figura.
Viaxa á Bretaña e a Normadía.
Participa nun encerro de escritores da AELG no local da Academia Galega esixindo a demisión do seu entón presidente e, asemade, delegado do Goberno, García-Sabell.

1988
Publica As lúcidas lúas do outono, na editora coruñesa Vía Láctea.
Edita os seus Sonetos ó val de Quiroga.
Viaxa, de novo, a Italia para visitar a Toscana.
Tradúcense ao holandés as súas Canciós do lusco ó fusco.
“A Quenlla” inclúe no seu disco Európolis 88 temas inspirados en textos do poeta, como “Bando”.

1989
5ª edición do seu Terra Cha, agora con 110 poemas.
3ª edición de As rúas do vento ceibe.
Edítase en Barakaldo, en edición bilingüe galego-esukera, o poema “Saturno”.
Comeza a súa colaboración xornalística en El Correo Gallego compostelán.
Publica como peza teatral Abril de lume e ferro.

1990
Publícase o volume antolóxico Andando a Terra, preparado por Pilar García Negro e Miguel Mato Fondo, que recolle parte da súa articulística no semanario A Nosa Terra entre 1977 e 1987.
Publícase, da man de Xerais, o libro Conversas con Manuel María, de Xosé Manuel del Caño.
A editora herculina Nova Galicia tira do prelo o volume recompilatorio Os ontes do silencio, que inclúe os Contos en cuarto crecente, O xornaleiro e Kricoi, Fanoi e Don Lobonís.
Edita o Cancioneiro de Monforte de Lemos.
Pronuncia en Llodio, o 27 de maio, o pregón do Día de Galiza en Euzkadi, en presenza do lehendakari José Antonio Ardanza. Participa na descuberta dunha placa en Barakaldo en honra a Ramón Cabanillas.
Concédenlle o premio “Celanova Casa dos Poetas”.

1991
O xornal compostelán El Correo Gallego edita o seu Compendio de orballos e incertezas.
Edítanse conxuntamente as pezas teatrais Farsa de Bululú e Unha vez foi o trebón na denominada “Biblioteca 114” de El Correo Gallego.
Noméano presidente da Irmandade dos Viños Galegos, en marzo.
Publica en SM, na colección “O Barco de Vapor”, o volume prosístico A tribo ten catro ríos.

1992
Publica na colección “Os contos do Castromil” o texto Auto do Castromil ou a revolución dos baúles.
Publica en SM, na colección “O Barco de Vapor”, Cando o mar foi polo río.
Edita a súa peza A lúa vai encoberta, escrita nos anos 70, na Biblioteca de Autores Galegos do Diario 16 de Galicia.

1993
Miguel Anxo Fernán-Vello e Miguel A. Mato Fondo editan en Espiral Maior unha Antoloxía poética do noso autor.
Publica, tamén en Espiral Maior, A primavera de Venus, con limiar de Claudio Rodríguez Fer e ilustracións de Felipe Criado.
A mesma editora de Fernán-Vello tira do prelo nun só volume a colección “Val de Lemos”.
Viaxa a Exipto e a Israel.
El Correo Gallego edita o seu libro Poemas a Compostela, escrito corenta anos antes.
A Asociación Monte Branco de Ponteceso réndelle homenaxe.

1994
Concédeselle o Pedrón de Ouro.
Edita Cantigas e cantos de Pantón.
Edita en Espiral Maior Poemas para dicirlle a dúas lagoas, con limiar de Fernán-Vello.
Publica en SM, na colección “O Barco de Vapor”, o volume prosístico Viaxes e vagancias de M.P.
A Deputación de Lugo publica o estudo de Xosé Lois García Lectura e itinerario posíbel polo Terra Cha de Manuel María.
Participa con Bernardino Graña, Neira Vilas, Novoneira e Ferrín no recital de clausura da XI Semana de Filosofía, en Pontevedra.
O 6 de outubro xubílase como procurador dos Tribunais.

1995
Tribútaselle unha grande homenaxe no Teatro Rosalía de Castro na Coruña, organizada pola AS-PG.
Citania de Publicacións edita un volume colectivo coordinado por Xulio Xiz co título de Manuel María da Terra Cha.
Participa en Gasteiz nun novo Congreso Galeuzca de escritores.

1996
Edita O Miño canle de luz e néboa, en Espiral Maior.
Aparece a cuarta edición de Barriga verde.
Escribe o limiar de Memoria e soño, do poeta lugués aficando en Viveiro Xoán Neira.
A Quenlla” ofrece a súa versión de “Verbas a un irmao” no disco A casa que nunca tivemos...

1997
A AELG distíngueo como socio de honra coa letra E.
Recibe o premio Otero Pedrayo.
Elabora con Anxo Gómez Sánchez para a Historia da Literatura Galega auspiciada pola AS-PG e editada por A Nosa Terra o fascículo 28 e a súa correspondente escolma, co título Poetas entre a tradición e a modernidade. Antoloxía. Tamén colabora no fascículo (35) e escolma dedicados a Fole.
Edita en Espiral Maior, na colección “Illa Verde”, os Sonetos á casa de Hortas.
Publica na Editorial Everest, dentro da colección “Punto de Encontro” o volume As ribeiras son escuras, en que recolle as prosas “As augas van caudais”, “Os alugados” e “O xornaleiro”.
Participa no Congreso da Poesía Galega que se celebra en Vilagarcía polo 50 aniversario da publicación de Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño.
Participa en decembro nun acto poético reivindicativo contra o traslado da estatua de Pastor Díaz en Viveiro.
Camilo Gómez Torres prepara unha Antoloxía poética do noso autor para acompañar o fascículo 39 da Historia da Literatura Galega preparada pola AS-PG e editada por A Nosa Terra.

1998
Traspasa en abril a Libraría Xistral en Monforte e instálase con Saleta na Coruña.
Prologa os Poemas para unha loia, de Lois Pereiro.
A Casa de Cultura de Foz é bautizada co seu nome.

2000
A Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz, baixo a coordinación de Alfonso Blanco Torrado publica co título de Manuel María un volume-colectáneo de artigos, estudos e poemas sobre a súa figura.
Dedícaselle a primeira edición do Día das Letras Chairegas, o 21 de marzo.
Camilo Gómez Torres defende na Universidade coruñesa a primeira tese de doutoramento sobre a figura do poeta, co título Manuel María: traballo lingüístico e traballo cultural.
Publica da man da editora Hipocampo, de Sabino Torres, o poemario Brétemas do muiñeiro.
Edita en Monforte Os carreiros do soño.

2001
6ª e definitiva edición de Terra Cha: 114 poemas.
A editora Espiral Maior reúne e publica en dous tomos a Obra Poética Completa do noso autor.
Camilo Gómez Torres publica en Laiovento o estudo Manuel María: os traballos e os días.
Edítase Camiños de luz e sombra, libro escrito en 1959.

2002

Edítase Entre a arxila e a luz, poemario que fora escrito en 1957.

2003
Ingresa o 15 de febreiro como numerario na Real Academia Galega co discurso A Terra Chá: poesía e paisaxe, que foi respostado por Méndez Ferrín. A cerimonia celébrase en Vilalba.
Participa nas mobilizacións de “Nunca Máis”.
Edítase o seu Cancioneiriño de Valdeorras.
Edítase na biblioteca teatral Francisco Pillado da Universidade coruñesa a súa peza teatral Edipo.
Publica en Laiovento as prosas de Historias do empardecer, con iustracións de Ana Pillado Vega.

2004
Morre o 8 de setembro, na Coruña.
Velorio público no Panteón de Santo Domingos de Bonaval, en Compostela.
Traslado dos restos e soterramento en Outeiro de Rei.
O Instituto de Estudios Chairegos de Vilalba edita postumamente, con prólogo de Antón Xosé Meilán García, as súas Elexías á miña vida pequena, escritas en 1950.

2005
Celébrase en novembro, na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, o Congreso “Manuel María. Literatura e Nación”.
O Festival de Pardiñas (Guitiriz) réndelle homenaxe.
Camilo Gómez Torres publica na colección Campus da editorial A Nosa Terra a monografía O tempo vital de Manuel María.
O selo Ouvirmos, de Sarria, edita o traballo colectivo Manuel María. Fotobiografía sonora.

2006
Xosé Ramón Freixeiro Mato obtén o XX Premio Literario Ánxel Fole, convocado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso de Lugo, polo traballo Lingua e estilo na obra de Manuel María.

2009
Edítanse as Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación.

2010
A Fundación Manuel María publica o poemario inédito Cecais hai unha luz, escrito en 1979, e mais un ensaio titulado Galiza, probabelmente confeccionado a mediados dos anos 80 do pasado século.

2011
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña edita a monografía de Miguel A. Mato Fondo Señardade da luz (a obra poética de Manuel María).

2012
Publícase o poemario Os lonxes do solpor, escrito en 1989. A edición consta dun limiar de Fernán-Vello, o disco Andando a Terra de Uxía e o vídeo De amor e cantería, con guión de Anxa G. Refoxo.

2013
Inaugúrase o 7 de setembro en Outeiro de Rei a Casa Museo Manuel María.

2014
Edítase a súa correspondencia entre 1951 e 1974 con Otero Pedrayo, da man de Xosé M. Sánchez Rei e Estefanía Mosquera Castro.

2015
A Fundación Manuel María edita unha escolma da súa articulística, co título Memoria da Terra. Prosa xornalística escollida.

2016
A editorial Galaxia publica unha Antoloxía poética preparada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela, abrindo así unha necesaria fervenza de publicacións sobre o noso autor. A súa figura protagonizará o Día Das Letras Galegas con innúmeros actos e iniciativas por todo o país.

martes, 5 de abril de 2016

MICAELA CHAO MACIÑEIRA, IRMÁ DA FALA


 No primeiro centenario das Irmandades da Fala, moitas figuras vinculadas a esa entidade merecen atención e recoñecemento, mais talvez ningunha máis necesitada de ambas cousas como a esposa de Antón Villar Ponte, Micaela Chao Maciñeira, única muller que participou no acto fundacional da nova organización, única que fixo parte da delegación irmandiña que viaxou a Cataluña en 1917, colaboradora do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego e principal animadora da constitución dunha Sección Feminina no seo da Irmandade coruñesa.


 Coñécense en Cuba

Micaela coñeceu o seu futuro esposo no segundo semestre de 1908 en Cuba, onde vivía cos seus pais, Juan Chao Fernández (propietario da fábrica de tabacos "La Capitana") e Carmen Maciñeira Bouzamayor e cos seus irmáns Juan, Antón, Tereixa (futura esposa de Ramón Villar Ponte) e Carme. A concorrencia a múltiplas festas, bailes e banquetes da colonia galega na Illa, a asistencia a representacións teatrais no Payret e no Nacional e a participación de ambos na "Sociedad Gallega de Declamación Rosalía Castro" foron algúns dos ámbitos de relacionamento onde xurdiu o seu namoramento.

A “Rosalía Castro” fora fundada en xaneiro de 1908 por Julio Monasterio, Abdón Vide e Antonio Froján, entre outros, e tiña a súa sede no Parque da India, concretamente no número 15 da Rúa Monte de La Habana. Alén do cadro de declamación, que presidía honorificamente a xornalista Mercedes Vieito Bouza, contaba cunha sección de "Recreo y Adorno", presidida por Julio Monasterio, e cunha sección de "Solfeo, Filarmonía, Canto e Instrucción", que dirixía o músico Felipe Pereira. Na etapa en que Antón e Micaela fan parte do cadro, este representou algunhas pezas de Lugrís Freire, como Minia. Ademais, Mercedes Vieito escribiu un apropósito en xaneiro de 1909 que interpretaron as irmás Micaela e Tereixa Chao Maciñeira, Marina Cabrera, América Campos, Severiano Jesús, Abdón Vide, Eduardo G. Burets e Leonardo Monzo.

A marcha de Antón a Camagüey en outubro de 1909, para dirixir o xornal El Comercio, puxo un punto de forzosa distancia na relación, mais non a apagou, como demostra o feito de que o de Viveiro decidise regresar a Galiza no verán de 1910, xusto no instante en que o facía a familia enteira de Micaela...

Cando volveu de Cuba, o clan Chao Maciñeira asentou na aldea de Susavila, en Ortigueira, de onde eran naturais os seus devanceiros e onde residía o máis importante dos seus parentes vivos, o erudito e arqueólogo Federico Maciñeira, que terá unha influencia decisiva na admisión en 1911 de Antón Villar Ponte como redactor no plantel de La Voz de Galicia, xornal propiedade do deputado polo distrito ortegano Fernández Latorre.

Contraen matrimonio

Micaela e Antón contraerán matrimonio na Coruña o 26 de abril de 1913, como testemuña o Folio 92 do Tomo 39 da Sección de Matrimonios Canónicos do Rexistro Civil do Distrito da Audiencia da Coruña, ano 1913, inscrición número 83. El ten 32 anos e ela 21. A cerimonia canónica, oficiada polo presbítero Leandro del Río, tivo lugar na Igrexa parroquial de Santa Lucía e actuaron como testemuñas o militar Xesús Galdo Parapar, Federico Maciñeira Parga e Alejandro Barreiro Noya, futuro director de La Voz de Galicia.

Deste matrimonio nacerán dous fillos, Antonio e Carme. O primeiro, que faleceu en EE.UU. no ano 2000 despois de vivir moitos anos en Venezuela, chegou a ser célebre como futbolista do Deportivo, co sobrenome de Tonecho. Carme Villar Chao, pola súa banda, é a Meliña a quen Ramón Cabanillas dedicou un poema na revista As roladas (xullo de 1922). Morrería con vinte e poucos anos, vítima da tise.

Tras casaren, Antón e Micaela emprenderon unha existencia en común marcada polas relativas estreiteces económicas (provocadas polos limitados ingresos do xornalista, as moitas causas cívicas e culturais en que ambos participan e as lóxicas cargas familiares xeradas pola atención dos seus dous fillos) e, sobre todo, pola militancia común nas Irmandades da Fala.

Micaela, ao igual que as súas irmás Tereixa e Carme e que seus irmáns Antón e Juan, abrazou con plena consciencia o ideario galeguista exposto polo seu marido en moitos artigos da súa sección "Con letras del siete" en La Voz de Galicia ao longo de 1914, 1915 e 1916 e mais no folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, converténdose nunha das primeiras mulleres, se non a primeira, en profesalo e en axudar a espallalo.

Constitúese a primeira das Irmandades

Como é sabido, o acto fundacional da primeira das Irmandades da Fala, a da Coruña, celebrouse o 18 de maio de 1916, no local que a Academia Galega tiña entón na cidade. Nesa xuntanza, logo dunhas palabras de saúdo de Antón Villar Ponte e dun discurso de Lugrís Freire, discutíronse e aprobáronse "con gran entusiasmo", a dicir do cronista de La Voz de Galicia, os primeiros Estatutos da nova entidade, que recibía inicialmente a denominación de "Os Amigos da Fala Gallega" [sic] e que declaraba como obxectivo fundamental espertar, mediante o seu uso oral e escrito, a "afición e amor dos fillos de Galicia" cara a ela. Presidiría a nova entidade un Consello Directivo, do que faría parte Antón Villar Ponte en calidade de Conselleiro Primeiro.


A esta xuntanza fundacional das Irmandades asistiu a plana maior do rexionalismo coruñés que, desde finais de século, tiña dado pulos á Cova Céltica, á Revista Gallega, á "Liga Gallega", á "Escola Rexional de Declamación" e ao movemento da "Solidaridad Gallega". Alí estiveron, con efecto, o dramaturgo e poeta Manuel Lugrís Freire, os irmáns Florencio e César Vaamonde Lores, o historiador Francisco Tettamancy, Eugenio Carré Aldao e o seu fillo Leandro e o músico Baldomir. Non acudiu, porén, Manuel Murguía, molesto con certos reproches que Antón Villar Ponte tiña expresado na prensa por mor da falta de apoio explícito do “Patriarca”, en tanto que presidente da Academia Galega, á mobilización catalanista en favor da lingua celebrada en Barcelona en xaneiro de 1916.

Outro sector da concorrencia á reunión fundacional das Irmandades relaciónase co xornal en que Villar Ponte enunciara as súas principais propagandas galeguistas, La Voz de Galicia. Están presentes, efectivamente, redactores do rotativo herculino como Robustiano Faginas, o debuxante Fernando Cortés Bugía, Fernández Mouriño, Fernando Martínez Morás (fillo de Andrés Martínez Salazar) e os irmáns Augusto e Alejandro Barreiro (este último, director do xornal).

Un terceiro grupo de asistentes estivo composto por persoas vinculadas a outros cabezallos de prensa herculina, como Ricardo Carballal Lafourcade (futuro administrador e redactor de A Nosa Terra) ou Juan Fernández Merino (redactor noutrora en Cuba do xornal La Tierra Gallega, fundado por Curros).

E completan o elenco de asistentes varios membros da propia familia Villar Ponte: Ramón, Antón, a súa esposa Micaela Chao Maciñeira e o irmán máis novo desta, Antonio Chao. Micaela foi, xa que logo, a única muller presente na xuntanza que deu orixe ás Irmandades da Fala e a primeira que fixo efectiva a súa afiliación á nacente entidade. Seu irmán Antón Chao, nado en 1899, redactor de El Ideal Gallego e colaborador de A Nosa Terra sería, porén, a primeira baixa que chorasen os irmandiños, pois morreu en agraz con tan só 18 anos de idade en maio de 1917.

Na “Semana Galega” en Cataluña


Ao pouco de iniciada a súa xeira, as Irmandades da Fala mostraron un claro interese por contactar e abrir canles de colaboración co daquela puxante nacionalismo catalán conservador organizado na "Lliga Regionalista", presidida por Francesc Cambó. Concertaron para iso un intercambio de delegacións entre a Lliga e as Irmandades. Son as denominadas "Semana Galega en Cataluña" e "Semana Catalana en Galiza", respectivamente, que tiveron lugar nos meses de novembro e decembro de 1917.

A delegación galega que viaxou a Cataluña ficou composta por Antón Villar Ponte, seu irmán Ramón, Rodrigo Sanz, Banet Fontenla, Antón Valcárcel, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez e o advogado e concelleiro santiagués, director do xornal Gaceta de Galicia, Francisco Vázquez Enríquez. A estes nomes hai que sumar o de Aurelio Ribalta, que se desloca á capital catalana directamente desde Madrid, o do estudante de orixe ortegana Leandro Pita Romero e mais o da única muller integrante da expedición, Micaela Chao Maciñeira.

A delegación galeguista chega a Barcelona o 26 de novembro de 1917, sendo recibida na propia estación ferroviaria por unha representación da "Lliga" encabezada polo senador Abadal i Calderó. Tras instalarse no hotel, os delegados das Irmandades visitarán o local da "Lliga" e alí pronunciará Antón Villar Ponte, precisamente, a primeira das charlas de divulgación do nacionalismo galego na cidade condal, sobre "A evolución do noso rexionalismo".

As diferentes conferencias dos membros da delegación sucederanse nos días seguintes en diversos locais da cidade condal, así como as visitas a monumentos, locais sociais, etc. No emblemático "Palau de la Música Catalana", o "Orfeó Catalá" ofreceu á delegación galega na noite do día 1 de decembro, baixo a batuta de Lluís Millet, un concerto de gala. A crónica de La Veu de Catalunya (2.12.1917) asinala que finalizada a interpretación da primeira parte do programa

"(...) arribà el president de les Irmandades da Fala, senyor Villar Ponte, acompanyat d'altres senyors, i la seva presència fou rebuda amb sorollosos aplaudiments i visques a Galícia, als quals ell correspongué amb visques a Catalunya".

O citado xornal barcelonés valorizaba no día da partida dos representantes das Irmandades da Fala: "Els nostres companys en Nacionalisme s'en van de Barcelona plens de satisfacció per les moltes i afectuoses atencións de que han estat objecte arreu on han anat". Referíndose aos actos de despedida da delegación galega, indicaba ademais que "a la senyora de Villar Ponte li han estat entregats un artístic feixet d'eura lligat amb una cinta de bandera catalana i um pom de violes boscanes".

A Sección Feminina da Irmandade da Fala coruñesa

Do 20 de abril de 1917 ata mediados de 1918, rexistrouse en A Nosa Terra unha colecta entre mulleres, co fin de reunir os diñeiros que permitisen financiar a dotación dunha bandeira galega bordada para a Irmandade herculina.

María Miramontes
No listado de contributos, significativamente encabezado por Micaela Chao Maciñeira, figuran entre outras súas irmás Tereixa e Carme, Clementina Ponte (tía materna de Antón e Ramón Villar Ponte), Eudosia Álvarez e María Luísa Cabanillas (esposa e filla, respectivamente, do poeta cambadés Ramón Cabanillas), María Rodríguez Yordi (filla do poeta e académico Eladio Rodríguez González), Amalia e Ramona Tettamancy (fillas do historiador Francisco Tettamancy), Pura González (esposa do dramaturgo Manuel Lugrís Freire), Pilar e Pura Lugrís (fillas de ambos), Carme Díaz Varela (esposa do notario monfortino Manuel Banet Fontenla), Pilar e María Banet (fillas de ambos), María Miramontes (futura esposa do editor Ánxel Casal Gosenxe), Sofía Domínguez (esposa de Antón Valcárcel), Luísa Souto (esposa do catedrático de Veterinaria Xesús Culebras), etc.

As cigarreiras da Fábrica de Tabacos coruñesa que compuñan o montepío “La Laboriosa” achegaron por man da súa presidenta, María Villares, unha nada desdeñábel cantidade de diñeiro para a bandeira da Irmandade, o mesmo que un grupo de mozas de Sada encabezado por Laura Prado.

Esta iniciativa da bandeira foi preludio da constitución, en agosto de 1918, dunha “Sección Feminina” da Irmandade da Fala coruñesa. Con máis de 200 asociadas, segundo indica o xornal A Nosa Terra, a súa Conselleira Primeira foi inicialmente Micaela Chao Maciñeira. Na directiva que se elixiu no Nadal de 1918, Xosefa Vázquez substituíu a Micaela, que pasou a ser Vocal, mentres Tereixa Chao ocupou o posto de Vicesecretaria. A futura esposa de Peña Novo, Ermitas López Verdes, tamén facía parte deste cadro dirixente como tesoureira, canda Elvira Bao (secretaria), María Balboa (contadora) e as vocais Rosa Martínez, Avelina Fernández, Teresa Fernández, María Miramontes, Xenoveva Casal e Avelina Sardina.

Editar folletos de propaganda propios, recoller información sobre a situación laboral da muller galega (para logo de estudala e analisala propor alternativas), participar en determinados actos públicos e interesar aos Centros Galegos de América pola protección á muller emigrada, foron algúns dos obxectivos concretos desta “Sección”. No boletín A Nosa Terra colaboraron por esta época, igualmente, escritoras como Francisca Herrera Garrido, Mercedes Vieito Bouzas e Coroa González. Durante o período da Ditadura reforzaron a presenza feminina na Irmandade coruñesa mulleres como Pilar Castro (esposa de Federico Zamora), Hermitas Pavón (que casaría con Fernando Blanco), Elisa Sueiras (casada con Xulio Pita), Josefa Gómez e Eulalia Labora.

Hai que recoñecer que o rol público e organizativo das mulleres asociadas á “Sección feminina” da Irmandade coruñesa foi, en todo caso, moi limitado se o compararmos co desempeñado polos varóns da asociación, que acapararon a articulística, a propagandística, a proxección pública, a participación nas Asembleas e os postos de dirixencia da entidade. A praxe ficou, pois moi atrás do discurso, aínda que este se situou desde logo en posicións progresistas desde un principio.

Con efecto, desde a Asemblea de Lugo (1918) as Irmandades recollen explicitamente no seu programa a loita pola igualdade de dereitos para a muller, reivindicación que reiteran ademais (“igualdade absoluta, política e civil, da muller co home”) na 2ª Asemblea Nacionalista (1919), cando a concesión do dereito ao voto demorou, como é sabido, ata a Constitución republicana de 1931.

Elvira Bao
Ben revelador é que pola mesma época en que surxen as “Seccións femininas” das Irmandades, nas planas de A Nosa Terra (nº 85-86) José Sarmiento Tabares felicítase porque a muller “estase preparando, capacitándose pra tomar parte activa en todol-os problemas sociaes e políticos”, entanto o betanceiro José Vía Golpe (nº 111) cualifica esa loita das mulleres polos seus dereitos, nomeadamente o do sufraxio, como “unha esperanza”. E o mesmísimo Antón Villar Ponte, nunha das últimas entregas da súa sección “Con letra del siete” en La Voz de Galicia (10.1.1918) aplaudía a intención do goberno británico de conceder o dereito ao voto ás mulleres e argumentaba:

¿Cuándo nuestras mujeres estarán en condiciones de poder disfrutar del sagrado derecho al voto? (...). Por lo que respecta a Galicia es indudable que la mujer - sobre todo la del campo - está tan capacitada como el hombre para acudir a las urnas electorales. Efecto de la emigración y de la especial manera de ser de nuestra economía, son la mayor parte de las mujeres gallegas quienes llevan el peso de la casa - aún nos atreveríamos a decir el del trabajo también - apareciendo, si no de derecho, de hecho, como los verdaderos cabezas de familia. Por eso no va descaminado el regionalismo gallego actual, cuando en sus prédicas por ciudades, villas y aldeas le ofrece a la mujer llena de deberes trabajar para que consiga el disfrute de los derechos políticos que le corresponden en justicia”.

Algunhas das militantes da Sección Feminina da Irmandade coruñesa, entre elas Micaela e Carme Chao Maciñeira, participaron ademais nos traballos do “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego”.

Actividade no “Conservatorio” da Irmandade coruñesa

O amentado “Conservatorio” foi creado pola "Sección de Cultura e Fala" da Irmandade herculina en 1918. Lois Peña Novo, no seu discurso da velada inaugural presentou a nova entidade con estas palabras:

"O 'Conservatorio Nazonal de Arte Galego' quere ser base, preparación para o advenimento de bos autores e competentes actores que lle abran ó noso teatro amplio campo para un éisito trunfal; comenzo d'unha escola de múseca da que os alumnos saquen conocimento e proteición; d'unha escola de paisaxistas que poidera ter prestixioso asento na Cruña; pretende ser solar do arte galego, que recolla tamén da irmá Lusitania aquelas manifestacións artísticas que se axeiten ás nosas".

O “Conservatorio” fixo o seu début no “Pabillón Lino” coruñés o 22 de abril de 1919, representando A man de Santiña de Ramón Cabanillas e Umha anécdota, do portugués Marcelino de Mezquita.

Estivo dirixido inicialmente por Fernado Osorio Docampo, mais impulsouno, sobre todo, Antón Villar Ponte, quen ademais de fornecer textos orixinais (A patria do labrego, Entre dous abismos) e traducións (Shakespeare, August Strindberg, Moliére, Aristófanes...), chegou a interpretar algúns papeis en varias representacións.

Este “Conservatorio” contou coa participación de actores afeccionados como Vítor Casas (futuro responsábel de A Nosa Terra), Manuel Lemus, Baltasar Edreira, Elvira Bao, Luís Lafuente, Carme Meléndrez, Luísa Castelo, etc. As irmás Micaela e Carme Chao Maciñeira tamén subiron ao escenario. Carme, por exemplo, foi actriz de reparto na estrea de A man de santiña e na representación da peza do seu cuñado Entre dous abismos. Non o debía facer nada mal, pois segundo nos ten contado algunha vez Teresiña Villar Chao, q.e.p.d., chegou a ser bautizada como a “Sara Berhnart” da escena galega... Jenaro Marinhas del Valle relatou tamén nalgunha ocasión que cando os entreactos das representacións eran longos, Micaela Chao Maciñeira tentaba amenizalos tocando o piano, acompañada ás veces pola voz de Bernardino Varela, o marido da tamén irmandiña Elvira Bao Maceiras.

Os prometedores comezos do "Conservatorio" torcéronse moi axiña. O enfrentamento interno dos 'renovadores' Fernando Osorio e Antón Villar Ponte con Leandro Carré Alvarellos (e probabelmente coa maioría do alumnado do CNAG) por mor dos criterios de selección de obras para a configuración do repertorio deu ao traste, en primeiro lugar, co intento de representación da peza Donosiña, de Xaime Quintanilla e, na continuación, acabou por significar a desaparición da propia entidad
e, en 1920.

Falecemento de Micaela

O 27 de novembro de 1928, Antón Villar Ponte padece unha dolorosa e obrigada paréntese na súa traxectoria cívica por mor do óbito da súa compañeira Micaela Chao Maciñeira, a consecuencia dunha nefrite contra a que nada puideron os coidados dos médicos Urbano Losada e Búa. O boletín A Nosa Terra expresaba o seu pésame por medio destas palabras ("Liñas de loito", nº 255, 1.12.1928, p. 11):

"Antón Villar Ponte, o querido compañeiro e irmán, pasa arestora pol-a grande desgracia de ver morrer â sua distinta dona Micaela Chao Maciñeira. Unha señora que compartía por enteiro os sentimentos galeguistas de Villar Ponte e da sua familia, caso exemprar de sinceiro e acendrado patriotismo. Foi conselleira primeira da Irmandade femenina cruñesa e estaba compretamente identificada cos nosos ideás galegos manifestándoo a cotío con forte intensidade e constancia".

Pola súa banda, a revista Céltiga de Buenos Aires, codirixida por Blanco Amor e Suárez Picallo, lamentaba así a infausta nova ("Necrológicas. Doña Micaela Chao de Villar Ponte", Céltiga, Buenos Aires, nº 95, 10.12.1928):

"Días pasados, el telégrafo nos dió la triste noticia del fallecimiento, en la capital de Galicia, de la esposa de nuestro dilecto colaborador, maestro y amigo, Antón Villar Ponte.
Hállase, pues, enlutado y entristecido el hogar galleguísimo del gran publicista gallego, cuyo dolor por la pérdida irreparable de la buena y comprensiva compañera, compartimos fervorosa y cordialmente.
La señora de Villar Ponte, joven, bella y culta, era en aquella casa del Riego de Agua [sic], el espíritu animador de nuestro primer gran periodista. En las horas tristes del gran luchador; cuando por defender sus nobles ideales se iba a la cárcel, la buena señora lo despedía con un naturalísimo hasta luego, infundiéndole, con su heroísmo silencioso, insospechables bríos. Su mano de hada buena, acariciaba la cabeza inquieta del maestro para ahuyentar los malos pensamientos e infundirle más fe en la causa que defendía.
Como todos los gallegos que vuelven a la tierra, quien escribe estas líneas, llamó en nombre de CÉLTIGA a las puertas de aquella casa petrucial. Y fué la dama, noble y gentil, la que le abrió sus puertas, obsequiándolo con un cubierto en aquella mesa. Por eso los traza con el corazón en las ... de la pluma, extendiendo, en nombre de la hermandad de los céltigos, las manos fraternas al maestro y derramando sobre la tumba de su compañera muerta las flores del recuerdo cariñoso saturadas con esta palabras: Paz en la tumba de la muerta y resignación al compañero para afrontar el rudo golpe".

Antón Villar Ponte, en 1929, xa viúvo
Micaela resulta unha personaxe absolutamente decisiva na traxectoria do seu marido. Desde que se coñeceron en Cuba, compartindo os labores do cadro de declamación "Rosalía Castro", ambos partillaron un proxecto de vida en común que houbo de afrontar numerosas renuncias, penalidades e contratempos.

Procedendo dunha familia das terras do Ortegal con certo acomodo económico, Micaela non só renunciou a certo tipo de vantaxes e comodidades que a profesión de xornalista e o compromiso civilista do seu marido non lle podían garantir baixo ningún concepto, senón que mesmo acompañou o evoluír ideolóxico do seu esposo e chegou a asumir activamente a ideoloxía nacionalista que aquel formulou a partir de 1916.

Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey), nun traballo intitulado "O fogar de Vilar Ponte", que foi publicado no boletín A Nosa Terra (nº 405, 13.3.1936), chamaría a atención sobre a exemplaridade do casal Villar-Chao no tocante á conduta idiomática, pois educaron os fillos, Tonecho e Meliña, falándolles en galego: "Si todol-os fogares dos galeguistas foren atal e como foi de por vida o de Antón Vilar Ponte, haberíase dado un gran paso na galeguización da nosa terra".

O propio Villar Ponte, ao redixir un artigo necrolóxico sobre o poeta Manuel Antonio e evocar as visitas que o poeta rianxeiro cursaba de cando en cando ao seu fogar na Coruña, non poderá menos que recoñecer o papel de anfitriona perfecta que a súa esposa xogou nesas ocasións ("Exemplos. O noso poeta do mar", El Pueblo Gallego, Vigo, nº 1.827, 5.2.1930):

"¡O meu fogar, hoxe de loito, de loito para sempre, pol-a perda da boa muller, dina compañeira d'un home de combate, que o alegraba, onde c'os brazos abertos tiveron acollida garimosa cantos pelingrinos do Ideal, alcesos no amor â terra a él chegaron!".

Finalmente, nunha carta a Álvaro Cebreiro datada en Viveiro, a 26 de Decembro de 1928 e que está recollida por Mariano Tudela no volume Álvaro Cebreiro. Vida y afanes de un creador (Eds. do Castro, Col. "O Movemento renovador da arte galega", nº 2, Sada, 1983, pp. 129-131), Antón Villar Ponte reflexionaba deste xeito conmovido e conmovedor sobre o papel desempeñado na súa vida pola esposa morta e sobre a difícil situación en que ficaba como viúvo ao cargo de dúas criaturas:

"Truncóuseme a vida. Fiquéi na máis fonda das melanconías. Desposeime co'a door para sempre (...) Era feliz d'abondo. Tiña un tesouro dos que poucos homes logran seren donos. Unha muller forte, doce, de craro senso, de rexo carácter que adoraba en min, que o daría todo por min, dina compañeira d'un loitador ou d'un sementador d'ideás. Non me cega a paixón, pero coido que si cada galego e cada español con temperamento de home de loita tivese unha muller com'a miña, o país sería outra cousa. Porque son cáseque sempre as mulleres na intimidade do fogar quenes tallan as aas dos loitadores. A maoría das claudicacións veñen dos consellos teimados e doces das mulleres no seo da familia. Pro a miña, tí ben o sabes, nunca foi plomo de cordura burguesa, sempre foi áa para min. Veume ameazado de morte e lonxe de me apoucar (inda sintindo andarlle a procesión por dentro) dábame azos. Véume no carce, e esperimentaba fondo orgulo por elo. Véume á morte e non saiu da beira do meu leito até que non puido mais (...) E no cimeterio está. I-eu na vida, sô, con dous pequeniños. Eu que non sei nada do trafego do fogar; eu inútil para todo o material! Eu que descansaba n'ela! Decátate da miña situación! Somentes dous consolos: un, que nin a Raíña podería morrer millor asistida do que ela. Outro, que da Coruña e de toda Galicia recibín probas d'amistade... (...) Agora serei com'o seu noivo eterno (...) Moito perdín, moito. Pro teño o deber de vivir pra os cativiños”.