eu

eu
eu

domingo, 29 de xaneiro de 2017

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (VII)

Orquestras, conxuntos e festivais emblemáticos

No período de posguerra foron frecuentes as visitas que realizou a Viveiro o cantante cubano Antonio Machín (1903-1977), famoso pola interpretación de boleros como “Angelitos negros”, “Madrecita” ou “Dos gardenias”.

Mais o fenómeno musical máis relevante desa época é, sen lugar a dúbidas, o esplendor das orquestras. Atrás quedan os acordeonistas solitarios ou os grupos de “tres e a caixa” ou “catro e a caixa” que amenizaran durante lustros os bailes e festas da contorna, en salóns ou ao ar libre. O impacto das formacións americanas, ao xeito de Glenn Miller ou Beni Goodman, ou a influencia que exercen grupos de música caribeña sobre orquestras galegas que viaxan por aqueles pagos, como “Os Satélites” da Coruña, que actúan por certo nas propias festas patronais de Viveiro en 1962, provocan ao unísono unha transformación musical sen precedentes, que transforma de vez os bailes e verbenas populares. Sobre os escenarios aparecen agora orquestras ao xeito de “big-bands”, con nutrida sección de metal, batería, órgano e baixo eléctricos, guitarras e un repertorio tinxido de cumbias, merengues, swings, fox-trots, etc. que se unen aos vellos tangos, boleros, pasodobres e habaneiras e que incluirá, xa contra os 60, as primeiras cancións estilo pop ou yé-yé.

No elenco de orquestras e conxuntos músico-vocais de Viveiro figuran nomes de forza evocadora como

  • a orquestra “Variedades”, fundada en decembro de 1930 polo trompetista Francisco López Díaz, o Curto, na compaña doutros músicos como o baixista Castro López Touriño, o saxofonista José Fernández Salgueiro Filomeno, o clarinetista Manuel Cora Lole de Manaí, o violinista Benigno Gómez Fernández Nito, o batería Víctor Varela da Peinada, etc. e infelizmente desaparecida en 2008, logo de décadas de magnífico quefacer musical (con músicos de valía como Marucho Gómez, Óscar, Cardís, Tito, José Luís Rivera, etc.). Non poucos dos integrantes da derradeira “Variedades” pasaron a integrar o grupo músico-vocálico “Escolma de Meus”, mentres que algúns dos seus elementos máis novos, como o vocalista Mario Gómez, fundarán o “Trío Vivarium”.

     
  • a orquestra “Amor”, integrada polos Tolinos, saga de excelentes músicos á que xa nos temos referido nunha entrega anterior deste mesmo traballo;

  • as orquestras “Capitol” e “Texas”; 
     
  • os conxuntos “Eteis” e “Os Estukas”;

  • a orquestra “Venus”, que protagonizou boa parte das verbenas das festas patronais de 1958 e da que era “representante, organizador y componente”, como rezaba a súa publicidade no Libro Programa de Festas de 1954, Perfecto Guerreiro Santín; 
     
  • a “Oriente” e a “Costa Nova”;

  • a “Sport”, creada nos anos 50 por Leandro e Ramón Pernas, músicos da banda dos Tolinos, con Jaime Pistolas e Carlos Carolino como vocalistas sucesivos; 
     
  • o conxunto de “Los Dominantes”, con Pacucho na batería, Chente da Urraca no baixo, O Rebello na trompeta e José Méndez, primeiro, e Atadell, despois, na voz;

  • os “Píndaros”, aqueles nenos gaiteiros de “Brisas do Landro” pasados agora á música de verbena que, na visión ofrecida por Chente Míguez na súa novela A lúa deitada en Porto Norte, 2011, p. 25, foron “precursores do rock bravú”, na medida en que “tocaban con frescura descarada para o público máis marchoso”;

  • os “Píccolos”, da familia dos Pérez Lage, con músicos talentosos desde a máis tenra infancia, como Pepe, Tino, Eloísa e Marta; 
     
  • a orquestra “Paradise”, na que nós mesmos, na compaña do cantante Xanferro e dos músicos Pablo Mateos (órgano), Gonzalo Couceiro (trompeta), Justo Ínsua (trompeta), Toni o Tigre (trombón), Matilde Balseiro (saxo alto) e algúns dos ex compoñentes dos desaparecidos “Dominantes” perpetramos algo de música co saxo tenor durante un par de anos, antes de marcharmos á Universidade;

  • os grupos “Nueva Generación” e “Dimensión 2000”...

No seo destas orquestras e conxuntos interviñeron vocalistas de mérito como Canana, Mancito, o Xanferro, Pistolas, o Carolino (Carlos Díaz), José Méndez, Mario Gómez... Algúns dos seus músicos saltaron do areópago local ao estrelato. Tal é o caso do píndaro Rasputín, músico de “Os Tamara” na época dourada deste grupo, coa voz de Pucho Boedo como referencia imprescindíbel. O saxofonista Pillo, que formou dúo coa pianista Natalia Lamas, foi un referente artístico de proxección internacional no seu instrumento. Tamén “Os Satélites” dispuxeron dun saxofonista nacido na vila do Landrove, Ramón, e Matilde Balseiro Blanco, que comezou na Banda municipal, pasou á “Paradise” e tocou logo con “Los Dos Españoles”, fai parte nos nosos días da formación que acompaña o grupo “Leilía”, un dos máis relevantes da música galega de raíz folclórica.

Nun lugar con tanta manifestación musical orquestral lixeira, non é de admirar que xurdisen iniciativas “festivaleiras”. A de maior relevancia foi, quizais, o “Festival do Landro”, fundado en 1965 a imitación doutros festivais da canción, como o de Benidorm, desaparecido en 1968, retomado entre 1983 e novamente desaparecido.

Pola mesma razón seguramente, a Vila de Viveiro comezou a acoller, a partir do derradeiro cuarto do século XX en adiante, grupos e artistas musicais de primeira liña e grande renome nos seus respectivos xéneros. Recordemos algúns. No 1979 viñeron cantar a Viveiro “Los Tres Sudamericanos”. No 85 actuaron “Los Tamara”. Ao ano seguinte, “Taranis”, “Saraibas” e o polémico grupo vigués “Semen Up”. No 1999, “Milladoiro”. Antonio Vega, Bebe, Xoel López, Uxía e Kepa Junquera no 2005. En 2006 “Los Brincos”, “Los Ronaldos”, Sergio Dalma, Kiko Veneno e a “Trova Camagüeyana”. En 2007, “Leilía”...

Desde 2006 Celeiro acolle o “Resurrection Fest”, un evento de difusión internacional e dimensións masivas, cita obrigada para os amantes da música heavy. Nesta súa última, que non derradeira, edición, acolleu a actuación nada máis e nada menos que do grupo “Iron Maiden”, congregando unha multitude que parece poder rebentar as costuras xeográficas da zona.

xoves, 19 de xaneiro de 2017

100 ANOS DE IRMANDADES DA FALA



O 18 de maio de 1916 nacía a primeira das Irmandades da Fala, a coruñesa, no transcurso dunha xuntanza que se celebrou nos locais da Academia Galega, mais coa notoria ausencia do seu presidente, Manuel Murguía.

Para o éxito da feliz idea tres contributos resultaran decisivos: a boa disposición do histórico núcleo do rexionalismo na Coruña (Francisco Tettamancy, Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, Florencio Vaamonde...); o labor divulgativo e de polémica coa supremacista Real Academia Española levado a cabo pola revista de Estudios Gallegos promovida en Madrid polo avogado e escrito ferrolán Aurelio Ribalta; e, finalmente, as propagandas constantes e incisivas a prol do idioma galego do xornalista viveirense Antón Villar Ponte na súa sección “Con letra del siete” no diario La Voz de Galicia e noutros medios como La Voz de la Liga, El Ciudadano, El Pirulí, etc.

A antecitada xuntanza foi o pistoletazo de saída para a articulación doutros agrupamentos semellantes, aínda que de traxectoria e relevancia moi dispar, en moitas outras cidades e vilas do país: Compostela (da man do catedrático Lois Porteiro Garea), Ferrol (da man do médico obreirista Xaime Quintanilla), Betanzos (Lois Cortiñas, Salvador Mosteiro...), A Estrada (Losada Diéguez), Vilalba (da man do avogado Lois Peña Novo), Pontevedra (Gastañaduy, Castelao...), Ourense (Lameiro, Hixinio V. Ameixeiras..., logo Arturo Noguerol, Risco, Cuevillas, Otero Pedraio)...

As Irmandades laboraron arreo no campo cultural, científico, artístico e literario e deixaron a súa pegada máis ou menos directa en infinidade de iniciativas. Xornais e revistas como A Nosa Terra, o ourensán O Tío Marcos da Portela (3ª época), o betanceiro Rexurdimento, o Galicia. Diario de Vigo, a infantil As Roladas e o emblemático boletín Nós. Editoras como “Céltiga” de Ferrol, “Alborada” de Pontevedra e “Lar” e “Nós”, da Coruña. Masas corais como “Toxos e Froles”, “Cántigas e Agarimos”, “Cántigas da Terra”, “Saudade” ou “De Ruada”. Institucións de cultura e investigación científica como o Seminario de Estudos Galegos. Plataformas teatrais como o Conservatorio Nazonal do Arte Gallego e a Escola Dramática Galega da Irmandade coruñesa. Exposicións de pintura, escultura e caricaturas de artistas como Castelao, Francisco Asorei, Camilo Díaz Baliño, Imeldo Corral, Álvaro Cebreiro, Bello Piñeiro, etc. Concertos do violinista Manuel Quiroga ou da Polifónica de Pontevedra. Primeiros plans pedagóxicos para a galeguización da escola, pioneiras aulas e conferencias en galego na Universidade (Porteiro Garea, Lois Tobío) e posta en marcha das Escolas do Insiño Galego na Coruña, da man de Ánxel Casal.

Cáseque todas as manifestacións da cultura galega coñecen por obra das Irmandades un pulo notorio. A literatura amplía notoriamente xéneros, públicos e temáticas. Xorden ou consolídanse minimamente o xornalismo e o ensaio científico na nosa lingua (especialmente no campo das Humanidades e das Ciencias Sociais, menos no Médico-Científico-Técnico). O teatro desenvólvese como nunca ata entón, mesmo sen acadar apenas profesionalización. Nacen escolas escultóricas e pictóricas con Galiza como referente temático e, sobre todo, ideolóxico. A música popular cobra importancia por medio de recolleitas e interpretacións dignificantes e a música culta retoma o esforzo primixenio do Rexionalismo (Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Baldomir...) e sae ao encontro da galeguidade en forma de rapsodias, arias, óperas, zarzuelas e baladas de temática galega ou vehiculizadas na lingua de Rosalía: velaí, por exemplo, O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte, en partitura de Eduardo Rodríguez Losada Rebellón, ou A probiña está xorda, con libreto do propio Villar Ponte e música de Mauricio Farto.

Non foi menor o esforzo no plano ideolóxico e político. Das Irmandades foi o decisivo combate que se verificou nas primeiras décadas do século XX contra os principais prexuízos lingüísticos en que se amparaban as abundantes e variadas marxinacións do idioma galego nesa altura (desde carecer de estatuto de oficialidade ata estar totalmente ausente dos xulgados, das oficinas públicas, das igrexas e das escolas). Seu tamén o inxente e moitas veces incomprendido esforzo por avanzar nunha praxe sistemática no uso do idioma en todos os ámbitos sociais. Seus asemade, como non, os primeiros intentos normativizadores, non exentos de polémica: as directrices de reintegración expostas por Xoán Vicente Viqueira en A Nosa Terra en 1919, por unha banda, e o Compendio de Leandro Carré Alvarellos e a Gramática do idioma galego de Lugrís Freire, orientados ambos, por contra, cara ao isolacionismo.


Ás Irmandades debemos, así mesmo, as primeiras teorizacións definitivas sobre o carácter nacional de Galiza e sobre o seu conseguinte dereito á libre vida no concerto dos pobos da Península ibérica, de Europa e do mundo (Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, de Antón Villar Ponte; Doctrina nazonalista de Ramón Villar Ponte; Teoría do nacionalismo galego, de Vicente Risco).

A demanda de creación dunha Mancomunidade a partir das catro deputacións provinciais existentes, primeiro, e a reclamación dun Estatuto de Autonomía con Parlamento e Executivo propios, máis tarde, foron as dúas esixencias políticas consecutivas que as Irmandades defenderon, sempre partindo da base do dereito á propia soberanía e sempre abertas ao pacto federal ou confederal para a reformulación descentralizada do Estado español.

A constante preocupación polo campesiñado como clase depositaria das esencias máis auténticas do país, a proclamación da igualdade absoluta de dereitos para homes e mulleres e o pendor anti-imperialista foron algunhas notas que caracterizaron o movemento irmandiño, adrede accidentalista canto ás formas de goberno e exquisitamente neutral canto ás crenzas relixiosas, por máis que existise no seu sector confesional (Risco, Otero, Losada Diéguez, Filgueira Valverde...) unha permanente tentación de converter a fe católica en elemento consubstancial do “volkgeist” galego e en requisito ideolóxico para o galeguismo. Semellante pretensión sería contestada por Antón Villar Ponte no seu discurso de ingreso na Academia Galega (1934), significativamente intitulado por iso mesmo O sentimento liberal na Galiza.

Nesta perspectiva, cómpre recoñecer que foron constantes as tensións ideolóxicas e os debates tácticos no seo do movemento irmandiño, proba evidente do seu dinamismo e da súa heteroxeneidade constituínte. Discutiron sobre alianzas, sobre modelos organizativos máis ou menos horizontais, sobre normas estatutarias, sobre a participación ou non na política institucional e nas eleccións, sobre o carácter que debía ter o propio movemento (de “minorías escolleitas” ou “de masas”), sobre...

As Irmandades romperon co Rexionalismo galaico na Asemblea de Lugo (1918) chamándose para sempre “nacionalistas”, pactaron co Catalanismo conservador de Cambó para as lexislativas de febreiro de 1918, aplaudiron o norteamericano Wilson e o ruso Lénine polas súas doutrinas autodeterministas cando se asinou o Tratado de Versalles, procuraron alianzas con determinados sectores do Republicanismo, quixeron liderar o potente pero moi heteroxéneo Agrarismo galego, tiveron pulsións “Sinnfeininanas” mentres Irlanda sangraba na Pascua e plebiscitaba a Home Rule, ollaron para o Portugal da Renascença e do Saudosismo para propugnar un “Pangaleguismo” que non ficase en retórica...

Voltas e reviravoltas, acordos e trasacordos, clarificacións e confusións na procura dos camiños certos para que a Galiza do seu tempo deixase de ser mansa e trincase a escota desa liberación definitiva que aínda está pendente.

[Publicado orixinariamente na revista do STEG Aulas Libres, nº 7]

luns, 2 de xaneiro de 2017

Galiza, Prensa, Transición: unha memoria que escoce


Na colección Memoria das Edicións Xerais de Galicia editouse no ano que acaba de pasar esta monografía de Marcos Pérez Pena, chamada a ser un referente imprescindíbel na súa temática.

A obra entrelaza con rigor metodolóxico e amenidade expositiva a historia do xornalismo e a historia política do noso país dun período que, afortunadamente, está hoxe en proceso de revisión crítica. O libro, xaora, contribúe decisivamente para esa necesaria relectura histórica desmitificadora, refrescando a memoria sobre axentes e dinámicas que marcaron o devir do país nos anos que van da morte do ditador Franco ao plebiscito autonómico galego e ao intento de golpe de Estado do 23-F.

Polas páxinas desta monografía e através do seu reflexo nas principais cabeceiras de prensa do país (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego e Faro de Vigo, fundamentalmente, aínda que non faltan referencias a outras como El Correo Gallego, La Región, El Progreso, A Nosa Terra, Teima, Man común...), desfilan as fortes e variadas tensións que presidiron aquela época, sintetizadas no dilema Reforma ou Ruptura. Ese dilema, no caso galego, abrangueu tamén o debate entre Centralismo, Estatuto de Autonomía ou Bases constitucionais. Como pano de fondo, unha Galiza que se urbanizaba, industrializaba e desgaleguizaba idiomaticamente a pasos axigantados, entre numerosos conflitos. As reviravoltas do proceso pré-autonómico son expostas con detalle, retratando sen panos quentes as posicións de cada quen.

Canda esa visión panorámica xeral, ofrécesenos, ademais, un detallado e interesante ensaio sobre as estratexias de adaptación, as tensións, os discursos e as apostas editoriais dos principais medios de prensa galegos nesa época. Corenta entrevistas a outros tantos protagonistas dan sustento ás explicacións e conclusións deste estudo.

A renovación técnica e xornalística por parte da maioría dos cabezallos e as mudanzas empresariais modernizadoras caracterizan o período, no que a información da actualidade política ocupa un espazo privilexiado. En opinión do autor, os medios foron por diante do conxunto da sociedade en moitos dos procesos de cambio, mais marcharon asemade moi por detrás dos sectores máis politizados e comprometidos, situados nas coordenadas do nacionalismo e/ou da esquerda. A partir de 1980, a viraxe ideolóxica en sentido conservadorista da práctica totalidade das cabeceiras da prensa diaria galega resulta unha evidencia.

De moito interese resultan as páxinas dedicadas ao fracaso do proxectado diario Galicia, á difícil traxectoria das revistas galegófonas Teima e Man común e ao semanario nacionalista A Nosa Terra.

Debe apuntarse, finalmente, que o autor non desimula a súa intención de homenaxear unha serie de xornalistas (digamos nomes como Francisco Pillado, Luís Álvarez Pousa, Xosé Ramón Pousa, Gustavo Luca de Tena, Rafael González, Xosé Antón Gaciño, Tucho Calvo, Juan Ramón Díaz, Xosé Luís Vilela, Vítor F. Freixanes, Ernesto Sánchez Pombo, Margarita Ledo, Primitivo Carbajo, X. R. García Palmeiro, Tareixa Navaza, Perfecto Conde, Maribel Outeiriño, Caetano Díaz, Manuel Rivas...) que naquel entón asumiron riscos profesionais evidentes para posibilitar unha sociedade galega máis libre, xusta e autoafirmada que, no entanto, dá a sensación que non acabou de coallar definitivamente. Daqueles barros, os lodos do presente...

[Publicado orixinariamente en Aulas Libres 7, revista de pensamento, información e debate do STEG]